19/12/12

San Silvestre Solidaria de Ponteareas


Cartel da Proba


No día 31 de decembro deste ano 2012 ás 17:00 horas e ata as 18:30 horas organizaremos unha proba atlética non competitiva, con carácter popular e participación libre, polas rúas do concello de Ponteareas co nome de San Silvestre Solidaria de Ponteareas.  
 

Circuíto da proba
As rúas do percorrido serán: saída e chegada na Praza Maior fronte ao edificio da seguridade social, con dirección sur cara a rúa da Esperanza, xiro á dereita pola rúa Morales Hidalgo, xiro a esquerda por doctor Fernández Vega, seguir dereito pola rúa da C

astiñeira ata chegar á Avenida Castelao, xiro a esquerda por Amado Garra ata o cruce con Reveriano Soutullo pola que baixaremos para xirar á esquerda pola Avenida da Costitución, seguir pola rúa de Oriente e finalizar na terceira volta na Praza Maior. 

Esta proba non competitiva é de carácter solidario polo que solicitaremos a todos os participantes unha inscrición en forma de produtos alimenticios que doaremos a Cáritas Parroquial de Ponteareas

A Inscrición farase no día da proba ata as 17:00 ou no mail: taninosponteareas@gmail.com indicando Nome, Apelidos e NIF,( preferíbel esta última opción par axilizar o proceso).

O feito de facer a inscripción supón a aceptación do regulamento da proba.

A proba dispón de seguro de resposabilidade civil e de servizo de ambulancia.

Poderanse inscribir os maiores de 14 anos.

A proba iniciarase ás 17:30 e serán 3 voltas ao percorrido sinalado, completando un total de 5Km

Haberá duchas para quen o desexe ao rematar a proba no Pavillón do complexo deportivo " Álvaro Pino".

18/11/12

XXXVI San Martiño ( Ourense)

Que preguiza me dá escribir, e non é por que xa non teña cousa que contar , é que teño pouco tempo para dedicarlle a este blog. De feito dende a última vez que escribín  xa participei  na  Media Maratón de Pontevedra a cal fun con apenas tres semanas de adestramento e na que conseguín un tempo de 1 h 28' e 50'', un  máis que meritorio tempo para o que teño adestrado.

Hoxe participei na carreira máis multitudinaria de Galicia , na San Martiño de Ourense. Ata alá fun acompañado dos Taninos. Fun sen idea previa do que podía ou debía facer na carreira xa que descoñecía o meu estado de forma posto que se para Pontevedra apenas  adestrara tres semanas, para esta non puiden adestrar máis que dúas, pois entre unha gastroenterite que collín na semana posterior á Media e a mudanza de casa, non puiden saír un só día a correr.

Nas dúas semanas previas á carreira fixen rodaxes e só un día de series. Na xuntanza previa á carreira, xa en Ourense, decidín acompañar a José Antonio e David na súa tentativa de achegarse a 40':00. Saímos xuntos pero non chegaramos ao km 1 e xa cada un ía por onde podía. Eu levaba diante miña a David, a certa distancia e por detrás seguíame José Antonio. Non coseguín sobrepasar á David ata pasado o Km 5. 
O ritmo según o Garmin ía entorno aos 4'/km pero o desfase entre o GPS e o real fíxo que o reloxo marcara os 10 km sobre a Ponte Romana cando aínda faltaban case 200 metros para meta. O tempo final foi de 40':42'' .
Contento, pois non me crin capacitado para ir a ese ritmo e ao final puiden facelo. Non hai sitio para a decepción posto que se non se adestra os tempos non saen.

Agora voume marcar como obxectivo da media maratón de Viana do Castelo o 20 de xaneiro, espero poder ter continuidade nos adestramentos, se así o fago, os tempos saen.

Saúde e quilómetros!!




14/10/12

E voltei

 Tras quince días parado pola voda e a posterior viaxe, apenas levo adestrados sete días dende que voltei da viaxe de vodas. Dende a maratón de París só participara en Baiona no mes de agosto. Agora propúxenme volver a adestrar con método. Para empezar hoxe participei na Vigo +11. Sabía que non estaba en condicións de facer unha boa carreira, o meu obxectivo era volver as carreiras e recuperar sensacións pouco a pouco. Fixen un tempo moi lonxe dos que podo chegar a facer pero non me importa máis ben sérveme de estímulo para seguir adestrando. Do que queixo é do parvo que fun, xa que non atei ben os cordóns das zapatillas e tiven que parar no quilómetro 2 e no 8 para atar primeiro a dereita  e despois a esquerda, imperdoable!

Márcome como obxectivo a San Martiño a mediados do mes de novembro, para esa data penso estar en forma a para chegar a iso a vindeira semana teño outra dura proba : a media maratón de Pontevedra.

A esta carreira vou cun só obxectivo : rematar e sumar quilómetros.

Saúde e quilómetros!


20/09/12

Prometo voltar

A vida dá moitas voltas e nunha delas levoume a atopar a muller coa que decidín pasr o resto dos meus días e casar. Os preparativos da voda fixeron que non fose quen de compatibilizar preparativos,traballo e adestramentos, polo que pouco puiden adestrar sobre todo neste último mes.

Non penso deixar de correr, só me concedo unha breve pausa. Na volta da viaxe de noivos volverei. 

Na mente está participar na media de Pontevedra, na Vigo+11 ( se se celebra), a Pedestre de Santiago e a  clásica carreira ourensá de San Martiño.

Por iso prometo tamén volver a escribir máis a miudo.

Saúde e quilómetros

19/08/12

Andar e correr 2012. ( Baiona )

Hoxe competín na XXVIII edición desta carreira, había un par de anos que non corría esta proba, pero este  ano decidín facela por aquilo de competir un pouco xa que dende o mes de xuño non fixera. Tiña pensado correr en Praia América o día 3 de agosto pero compromisos familiares empedíronmo, mais esta vez si foi posible.

Carreira dura, moi dura xa que dende o quilómetro 3 ao 4 é unha durísima subida cunhas pendentes esaxeradas para meu gusto.

Sabendo o que me esperaba decidín facer unha carreira de menos a máis, ou algo parecido xa que ao non ter competido nin adestrado con certa orde non sabía como me ía atopar.

Saín na compaña dos Taninos e dos meus sobriños ( Andrés e Martín) . En seguida me quedei só con Andrés e José Antonio, Rama ía uns vinte metros por diante. Así fomos ata o km 3 onde empezaba a subida, fun regulando sen cebarme en ningún dos repeitos ( ata 17 contou Mónica ) . Na metade da subida observo que Rama recolle a Isma, que se tiña parado. Remátase a subida e as pernas non me doen tanto como esperaba, recupero ben na baixada, alcanzo a Rama e Isma, e sigo  bo ritmo pois agora toca baixar e iso axuda. Chegamos a Baredo, quedan dous quilómetros, pegadiños a costa o vento dá de costas e case preferiría que dese da cara para refrescarme pois se ben non pegaba o sol si facía moita calor. O derradeiro quilómetro foi eterno, ía cruzado. 
Na meta non esprinto, non hai forzas, e fago un tempo de 41':31''( posto 154 ) lonxe das miñas mellores marcas nesta proba, se ben hai que dicir que nesta edición houbo cambios no recorrido nos derradeiros quilómeros prolongando uns metros a distancia da carreira.

Boa experiencia, retomei o contacto coas carreiras e cos compañeiros e coñecidos deste mundiño e gustoume, hai que seguir adestrando e pensar en novas carreiras .

Resultados aquí

23/07/12

E pasaron os meses

Tres meses e medio despois retomo este blog, case o mesmo tempo que me levou a preparación da maratón de París e daquela daba cumprida información semana a semana da miña preparación. Dende que rematei a maratón non parei de correr, escepto o preceptivo descanso trala competición e un par  de semanas no mes de xuño por un catarro e unha pequena lesión.

Non estou preparando ningunha carreira, só corro polo pracer de correr e por seguir en forma, houbo semanas frouxas, con dúas sesións de adestramento, e outras máis intensas , con catro sesións. Participei nunha carreira o 3 de xuño por ser en Vigo e por que se celebraba o ascenso do Celta.

Agora teño en mente volver a competir un pouco en agosto na Nigrán Area e tal vez na andar e correr de Baiona . Polo demais, seguir gozando do verán e organizar unha voda, eses son os meus obxectivos a curto prazo, despois xa se verá!

Saúde e quilómetros

21/04/12

XXXVI Maratón de París. Competindo.

Case unha semana despois da maratón propóñome facer a crónica desta marabillosa experiencia vivida  na cidade da luz xunto aos compañeiros taninos e familiares.

Desprazámonos ata París o venres 13, vía aérea dende Porto, ben cediño para evitar posibles contratempos pero entre o retraso do avión e o lonxe que está o Charlles de Gaulle do centro de París non chegamos ata as 4 da tarde. Sen apenas descanso cruzamos a cidade para recoller os dorsais na Expo Running onde dimos un paseo ben rápido polos stands e adquirimos algún que outro recordo da carreira.

De regreso ao centro de París cea nun italiano, paseo pola praza da Concordia e para o hotel.

O sábado o grupo cos que compartía hotel saímos a trotar un chisco polas rúas de París, concretamente polo parque das Tullerías, dimos un paseo máis que agradábel polo parque e polo patio de acceso ao Museo do Louvre . Esta rodaxe verdadeiramente sentoume moi ben, a mañá estaba soleada e non demasiado fría e foi un luxo poder correr por ese monumental espazo.

Trala ducha e almorzo o resto do día dedicámolo a facer turismo : Tour Eiffel ( onde nos atopamos con Pedro Nimo e Lolo Penas que estaban trotando entre os turistas e con quen puidemos falar e nos contou os seus temores sobre a climatoloxía do día da proba), Les Invalides, La Madeleine, Opèra, Notre Dame, Montmatre, foron algúns dos sitios que poidemos visitar.

Trala cea,  no mesmo italiano da noite anterior, para cama pois había que erguerse cedo.

Día 15/04/2012.


Seis da mañá en pé, durmira relativamente ben, sen nervios, debe ser cousa da experiencia que xa ten un. Almorzo no cuarto do hotel, demasiado cedo para houber algo aberto onde tomar un café. Din os expertos que non debes cambiar o teu almorzo o día da carreira pero as condicións obrigaron a facelo : catro iougures e unha galletas. A seguir preparación : cremas, isotónica, vestimenta... As 7:20 saímos do hotel cara o Arco de Triunfo, onde quedaramos co resto da expedición tanina. A mañá era moi fría, frío que tratabamos de combater coas capas de plástico que nos proporcionara a organización na bolsa do corredor e con prendas de abrigo que tiñamos preparadas para logo podelas tirar.



Tras deixar unha bolsa no gardarroupa preparámonos xa para a carreira. O ambiente a pesar do frío era espectacular, moitísima xente dun lado para outro.
As 8:30 partimos cara os nosos respetivos caixóns, a min, xunto con Carliños e Edu ,correspondíame o dos preferentes. Unha vez dentro do caixón coloqueime cara atrás, pois a miña intención era agardar por Rama e Dani, que saían no caixón inmediatamente posterior, paar facer a carreira xuntos.

Ás 8:45 deuse a saída. Non  levabamos recorridos cincocentros metros cando Rama xa me dera alcance, sen rastro de Dani a quen non veriamos xa ata  meta. O meu compañeiro de carreira sería só Fernando Rama. O meu obxectivo era levar un ritmo entre 4':10'' e 4':15'' e así o fixemos. No km. 2 atopámonos co primeiro grupo de animadoras taninas, no km 7 estaba o segundo grupo. Quilometro tras quilómetro fomos cravando os tempos, sen deixarnos levar pola euforía, controlando e buscando referencias doutros corredores. No km.10 coincidimos con dous corredores do mesmo equipo e que levaban o noso ritmo e decidimos seguilos, así pasamos polo Bois de Vincennes. Cando saiamos xa do bosque un dos nosos "guías" sofre unha lesión e se retira, perdemos a referencia pero seguimos ao noso. Pasamos pola media maratón en 1:28:53, dentro do esperado pero cun tempo peor ca na miña participación na marató de Barcelona 2010, non me preocupa queda moita carreira. No km.22 atopámonos de novo co segundo grupo de animadoras taninas( Ana e Mónica ).



 Chegando ao km. 23 vexo por diante a Pancho "Beauvais" saúdámolo, falamos un ratiño, dámonos ánimos e seguimos concentrados na carreira .  A estas alturas xa estaba atento a atoparme con Graciela para collerlle o último xel que levaba para a carreira, pois os dous anteriores xa os tomara aos 45' e 90' de carreira ( o terceiro non me cabía no peto do pantalón).



Km 25. Empezamos a atravesar os túneles, o primeiro moi longo ( case un km.) o meu garmin e todos os demais perden o sinal, os dous seguintes son máis curtos e xa na saída do tunel d' Alma, Km. 29 atopámonos co resto de animadoras taninas onde se atopa a miña compañeira Graciela quen xa me ten preparado o xel. Foi moi emocionante velas animando cos carteis de ánimo que levaban nas mans e na cabeza.



Km. 30, deixamos de lado a tour Eiffel e empeza a maratón para min, levamos 2 h.06:20  e prepárome para tomar o derradeiro xel entre o km. 32 e 33. Fago un cálculo rápido e deduzo que se non fago un cambio non cumpro co obxectivo, o que me ronda pola cabeza é cando facer o cambio, agora ou esperar ao 35, teño medo de "pinchar". Sigo a ritmo, Fernando decide non seguirme e chegado o km.35 (2 h. 37: 24 ), xa no Bois de Bolulogne decido apretar. Vou moi ben, síntome forte a pesar de que o sóleo esquerdo empeza a cargarse, é o único temor que levo, polo demais síntome con forzas, vou adiantando corredores que sufren. Vexo a un das lebres das 3 h. que leva con el un grupiño, xusto por un paso estreito de carril-bici póñome tras el, o grupo non me deixa pasar, non vexo por onde e non quero baixar o ritmo, bótome á dereita fágome escoitar e nin por esas me deixan sitio, meto o corpo, estorbo un pouco ao  e adianto cun "pardon" e sigo ao meu.

Km 40. vou a tope, ritmo de 4:10,  é bonito rematar un maratón así, dáme igual que haxa pouco público animando, vou ao meu. Km. 41 imos saíndo do Bois de Boulogne e empeza a verse xente animando. Dáse unha volta nunha rotonda e xa ves a meta no inicio da Avda. Foch.



Traballo feito e cumprido, tempo neto 2 h.57':36'' a 9'' da miña mellor  marca en 42 quilómetros é irrelevante esa diferenza, estou satisfeito .
De seguido atópome con Edu , xa leva seis minutos esperado, por detras chega Fernando ( sub 3 h.) de seguido Dani, David, Victor e despois Berto e José Antonio ( menudo debút na distancia para os dous! ) e a seguir Anxo por debaixo das 3: 30 horas. Noraboa a todos!!

Especial mención á Tanina Mónica que rematou o seu primeiro maratón nun meritorio tempo de 4: 23:31 e chegando a meta cun sorriso espectacular. 











Tras recoller a bolsa do gardarroupa imos atopándo cos familiares e resto de compañeiros, estamos eufóricos.

Ao chegar ao hotel empezamos a recibir mensaxes de parabéns. Trala merecida ducha, comida e paseo turístico no "Batonbus" . A experiencia tocaba ao seu fin, había que madrugar moito para coller o avión de volta, pero contentos.

Levo unha semana de descanso, o mércores xa non tiña maniotas pero decidín facer a recuperación, pouco a pouco. Empezarei a trotar o domingo e na seguinte semana farei algo máis pero sen présas, os obxectivos da temporada están máis que cumpridos: baixei de 38' en 10Km. 1:23:10 na Vig-Bay e 2:57:36 en maratón.    

Agora celebrar os éxitos coa familia, amigos e compañeiros: ceas, churrascadas e... unha voda!!


Saúde e quilómetros!


08/04/12

Modo adestramento: Obxectivo París XIV

Penúltima semana de adestramento rematada. Case sesenta e cinco quilómetros feitos entre rodaxes e series a primeira 2x4000 e a segunda 2x3000. Par ser sinceiros xa estou canso das series, devezo por chegar a París e correr o maratón e todo o que estou a facer estes días resúltame pesado. Teño que concentrarme para poder levar a cabo as series. Por sorte xa só faltan por facer unhas series de 1000 o martes, unha rodaxe o mércores e preparar a maleta para viaxar o venres. Van ser días intensos con moitas emocións das que darei conta no seu momento.

Levo dende o 2 de xaneiro preparando esta proba con 74 adestramentos e case 1000 km. nas pernas, espero que o esforzo se vexa correspondido.

Aproveito para animar tamén a todos aqueles amigos, coñecidos e seguidores deste blog que van disputar outro maratón o mesmo día: o maratón da Coruña. Desexarlles toda sorte do mundo para coseguir os seus obxectivos e que gocen da carreira.


Faro de Vigo ( 6/04/2012)





O vindeiro fin de semana estarei por París na compaña doutros taninos e familiares como ben deu conta a prensa local, non sei cando poderei escribir a miña crónica da viaxe e da carreira pero tratarei de polo menos dar conta dos resultados.


Forza a todos, Saúde e quilómetros

03/04/12

Modo adestramento. Obxectivo París XIII

Cun pouco de retraso fago esta crónica da semana 13º de adestramento. Foi unha semana marcada pola dureza da Vig-Bay. O esforzo que fixen na carreira deixoume un tanto tocado.Os dous primeiros adestramentos foron de recuperación, rodaxes de 50 e 60 minutos para ir soltando pernas. O xoves  as series 5x2000 que fixen sen grandes alardes, cumprindo o que marcaba o plan en canto a ritmos, o mesmo fixen o sábado coas series de 500 m. doce series . O domigo a penúltima tirada longa de 90 min. nun cicuíto de costas. Boas sensacións.

Xa esta todo feito, estou desexando chegar a París, como me  pasa sempre por estas alturas de plan, estáseme facendo longo , tres meses de duro adestramento e aínda quedan dúas semanas. O que me entretén son os preparativos da loxística da viaxe. Imos máis de vinte persoas a París entre corredores e familiares e nesas estamos agora, en organizar a viaxe a Porto para alí subir ao avión que nos leve a París.

Saúde e quilómetros.


25/03/12

Modo Competición- XIII Vig-Bay.

Que gran carreira. Precioso recorrido, moitísima participación e hai quen a cuestiona por que é cara! Pois que non participen, eles o perden.


A miña carreira foi boa, a pesar de como cheguei a meta. Saín moi rápido,xa que estaba situado no caixón A como me correspondía. Como estreaba Garmin cometín un erro estúpido, equivoquei o botón de inicio e ata  o primeiro quilómetro non me din conta do ero e puiden inciar o trebello. De todos os xeitos era consciente de ía moi rápido ( 3:40 o primeiro km) pero ía cómodo, a mañán estaba perfecta para correr e decidín facer a carreira na compaña do tanino Rama. Por diante a pouca distancia levabamos a Edu a quen controlabamos ata o km7 a prtir de aí xa non o viriamos ata a meta.

A carreira empezouseme a complicar a partir da costa de Canido, non polo esforzo senón pola ganas de mexar tiña e os problemas estomacais, xa quw fun toda a carreira eruptando e sobre todo cada vez bebía nos avituallamentos, Co tema da vexiga foi máis grave, xa que me incomodou moitísimo e e parar significaba botar por terra a carreira, polo que optei por aguantar ata meta. Pasamos o km.10 en 39':16'' , a ritmo de mellor marca persoal. De forzas ben. Sobre o km 12 atopámonos con Dani Bargiela que se vira obrigado a parar xa que non puido aguantar o ritmo que lle impuxeron en cabeza. Dende aí acompañounos ata meta anímandonos e   marcándonos ritmos. Chegamos a Praia América, km 15( 58':43''), ía un pouco atrancado pero había que seguir xa só quedaban 6 km a meta. Pasamos pola Ramallosa ( Km 17,5) moito público animando, ao xirar á dereita e encarar a estrada de Baiona temía o vento de cara mais este ano non era case perceptíbel polo que me fixo recobrar forzas, tanto que me levou a cometer un erro : atacar no km.18 , fixen un cambio de ritmo pois preveía que estaba cerca de conseguir o soñado 1:23:00. Pero como xa dixen foi un erro por que o paguei. Ata o 20 fun ben pero o derradeiro quilómetro foi unha lousa para min. Vinme abaixo, semelleba que a meta non chegaba nunca. A falta de 200 metros fun superado por Rama e a pesar dos ánimos de Dani Bargiela xa non tiña máis gasolina, non puiden esprintar e entrei en meta totalmente desfondado. Tempo final neto 1 h. 23':10'', posto na xeral 225 , por categoría 45. Tiven que apoiarme na baranda e recuperar un pouco antes de poder andar. Busquei auga e fun disparado ao baño a baleirar a vexiga, buf que alivio!.

Foto de Xandra ( correr en Galicia).
Tardei tempo en recuperar. o esforzo foi moito e o meu rostro reflectía o estado de agotamento, de feito non estaba contento coa carreira feita , parecíame demasiado esforzo para o tempo conseguido. Co paso dos minutos e falando cos compañeiros de equipo, fun recuperando física e animicamente e asimilando o que fixera. Mellorei  en case 2 minutos a miña mellor marca na Vig-Bay e quedei a 38 segundos da miña mellor marca na distancia. Valoración en frío : estou máis que contento.


Agora recuperar e seguir co plan da maratón de París. Obxectivo sub. 3 horas.


Saúde e quilómetros.

19/03/12

Modo adestramento. Obxectivo París XI


Falta un mes, xa chega o día  e creo que o traballo está feito e máis que feito, agora só queda axustar. Creo que adestrei ben, penso que estou mellor ca nunca. Levo dous meses e medio preparando esta carreira case só e estou orgulloso de como o fixen, agora non quero estropealo. Esta semana cumprín o plan previsto, rodaxes suaves e series ( 3x2000 e 5x2x1' de costa), as series de 2000 cuns tempos que me sorprenden a min mesmo xa ue fixen as tres por debaixo de 7':30'' . Para rematar a semana unha rodaxe de 90' rematando a tope e con moi boas sensacións xa que os ritmos foron inferiores a 4'/km.

O domingo 25 acudirei a correr a Vig-bay cun obxectivo alto, penso que podo estar en 1 h. 23:00.  A Vig-bay  non é máis dura que a media de Viana do Castelo e creo que esta vez se, se dan as razóns obxectivas esta marca pode caer.


Esta semana deixo de lado París ( difícil por que a verdade é que o verme dos nervios xa empeza a comerme o estómago) e céntrome na Vig-Bay : A toda costa !


11/03/12

Modo adestramento. Obxectivo París X

Semana forte de adestramentos. Series de 4x3000 todas por debaixo de 12 min. e series de 8x1000 tamén todas por debaixo de 4 min/km, aderezadas de dúas rodaxes de 60 min. E para rematar a semana a tirada longa , máis longa da planificación: 110' a ritmo progresivo e rematando forte .

A mañán apareceu soleada, un pouco fresca pero a medida que pasaban os minutos e os quilómetros  a temperatura empezou a subir. Non as tiña todas comigo, pode que fose polo frío da mañá ou polo esforzo da semana, pero ao principio as pernas non ía. Pouco a pouco as sensacións foron mellorando, e cando enfilamos a estrada de Mondariz xa me atopaba mellor, os ritmos foron subindo e puiden rematar os derradeiros quilómetros a tope. Ao final fixen 24  km  máis un de regreso a trote.

Unha semana menos, esta vindeira é de recuperación  pensando xa na Vig-Bay, verdadeira pedra de toque da preparación. O meu obxectivo será baixar de 1:24:00, a ver se se cumpre ou polo menos estar perto desa marca.

De momento toca seguir adestrando.

Saúde e quilómetros.


06/03/12

Modo adestramento. Obxectivo París IX.

Outra semana menos para gran cita. Semana dura polas series que a planificación nos tiña reservadas. Ao final para min non foi tan dura, pois por motivos de traballo non puiden facer as series do sábado co que me perdín un adestramento de calidade, mais as veces un día de descanso non vén mal.

O peor , polo esforzo a facer, foron as series de 4000, tres series máis quecemento máis enfriamento, case dezaoito quilómetros na noite do mércores. Cando rematei en Castrelos xa só quedaban catro rezagados. Polo demais ben, rodaxes suaves para rematar, como ben sendo costume coa tiradao longa cos Taninos polas terras de Ponteareas. 
Esta vez fixemos un circuíto marcado polas costas pois así marcaba o plan, noventa minutos de subir e baixar, con algunha costiña máis dura ca outra.

E antes de París está a Vig-Bay, a cita máis impotante da Galicia atlética, polo menos para min, sen desmerecer outras, pero por esta carreira me metín neste mundiño e por esta carreira cambie a miña idea primeira de correr a maratón de Barcelona pola de París ( o cambio non foi tan dramático) xa que coincidía en datas coa Vig-Bay. Haberá tempo par definir obxectivo, pero para empezar a miña idea está baixar de 1:24, sería un bo sinal de que a preparación vai ben.


Saúde e quilómetros!!

27/02/12

Competindo. Obxectivo París VIII



Outra semana de adestramentos e competición para pórmos en forma de cara ao obxectivo principal do ano a maratón de París . Semana tranquila de rodaxes suaves e de pouscas series para rematar cunha carreira de dez quilómetros e por casualidades nesta data cuadraba a VI edición da Interrruning no Porriño.
Até alí fomos os Taninos e acompañantes nunha fresca e soleada mañá.
A tónica xeral foi de satisfación entre os Taninos, cada quen cumpriu o seu obxectivo. Pola miña banda estou máis que satisfeito.

Pretendía exprimirme e comprobar como vai a miña preparación xa que este ano estouna facendo practicamente só e non teño xeito de medirme nos adestramentos cos meus compañeiros de equipo. Pretendía exprimirme e o fixen, saín  a tope dende o pistoletazo de saída e fun marcando sempre  ritmos inferiores a 3:55'/km . Ao ser un circuíto de voltas ( 3 voltas) fíxóseme aburrido e un tanto agobiante. non me gustan os circuítos de  voltas e menos se son tres ou máis. Na segunda xa ía desexando rematar. Conseguín o obxectivo de baixar de 38' e ademais mellorar a miña marca persoal ( 37':36'' ) polo que non podo máis que estar satisfeito.

Agora temos unhas semanas de adestramento realmente duras con series esixentes e longas  e xa coas vista posta na XIII edición da Vig-Bay na que pretendo facer unha boísisma marca.

Nesta edición os Taninos Runners de Ponteareas competiremos cun equipo de dezaoito membros , a máis numerosa dende que empezamos a darlle zapatilla.

VI Interruning 2012




Saúde e quilómetros!

20/02/12

Competindo. Obxectivo París VII

Semana marcada pola miña e a dos tanitos participación na I media maratón do Riberiro, organizada por Viña Costeira ( Ribadavia) . A participación nesta proba non descoidou a preparación da maratón de París, verdadeiro obxectivo deste ano. Series de costas, as derradeiras, rodaxe semiloga de 75', series longas de 5' e unha rodaxe de 60' antes de viaxar ata o Ribeiro.

Fun de véspera, coa miña compañeira, de turismo rural. Pola mañán erguinme cediño e o día estaba neboeiro e frío polo que decidín abrigarme e correr con camiseta técnica e luvas. Ao pouco de empezar a carreira o sol fixo presencia e as luvas sobraron.

O perfil da proba era duriño, pois os derradeiros quilómetros tiraban para enriba, as contas eran saír a 4:10 e ir baixando , se for posible. Do plan ao que sucedeu , un abismo. Saímos por debaixo de 4'/km aproveitando o perfil para abaixo. Xunteime cun grupiño que se mantivo ata o km 11, a partir de aí, cada quen ao seu. 
Tratei dende o principio de alcanzar a Fernando Rama, a quen levaba a vista dende a saída, pero foime imposíbel e non só non o collín senón que me colleu aínda máis distancia.

Cando o terreo empezou  a inclinarse, pensei que ía pagar o esforzo mais ocorreu o contrario, atopeime ben, adiantei a Edu e fun forte nos derradeiros quilómetros.

Satisfeito polo tempo realizado 1 h:25:47. Os demais taninos tamén, boa mostra de que o plan de adestramento vai dando froitos.

A vindeira semana é de recuperación, rodaxes máis curtas, series menos esixentes para rematar coa desputa dun 10000 a tope. Este será na Intersport do Porriño, outro bo test. Informaremos.


Saúde e quilómetros

12/02/12

Modo adestramento. Obxectivo París VI

Empecei a semana con preocupacións polo meu estado físico xa que doía o nocello dereito de tal xeito que coxeaba un chisco. Solución visitar ao fisio e que me tratara. O diagnóstico: os peroneos cargados. Tratamento fisoterapéutico, antiinflamatorio e calor ( radio salil ) . O martes fun probarme facendo unha rodaxe de 75', vaia maneira de probarse, e saíu ben, sen dor, sen molestias. Polo  tanto seguín co mesmo plan previsto series de costas o mércores , 4 de 7' o sábado e rodaxes de 75' o xoves e de 100' o domingo.

Rematou a semana de boa maneira, a rodaxe do domingo foi mellor do pensadao, cheguei con moitos quilómetros nas pernas e non sabía que ritmos podía chegar a manter na tirada dominical. Os primeiros cinco quilómetros foron por riba dos 5'/km pero a partir de aí foron en progresión rematando os derradeiros por debaixo de 4'/km. Sorprendido de min mesmo. Estou satisfeito espero que as lesións nos repeten a todos  e que a carreira poña  a cada quen no seu sitio.
  
Por certo, estrenei zapatillas, estas son as  Brooks Trance 11, para superpronadores coma min. É unha zapatilla tope de gama e que polo tanto costou o seu, espero que saian boas .


Vindeira semana coa vista posta na media do Riberio, un bo tests para medir as forzas.

Saúde e quilómetros!

06/02/12

Modo adestramento. Obxectivo París V

Boa semana de adestramento. Cada vez voume sentindo mellor, os tempos nas series van saíndo e nas tiradas longas e semilongas vou conseguindo bos ritmos. Non me preocupa facer as series longas entre semana, xa lle collín o truco e ás rodaxes tamén, é dicir, estou contendo coa miña progresión, a miña nota sería : progresa axeitadamente.

Teño en mente probarme na media do Ribeiro e a seguir na Intersport do Porriño, de seguir así deberían saír ben.

O que me preocupa e unha dor aguda no xeonllo dereito ( unha vez superdas as molestias no esquerdo agora toca o dereito). Despois da tirada do domingo teño máis dor e xa me empeza a preocupar, de feito xa pedín cita co fisio para avaliar a situación pero creo que vou ter que parar uns días, espero que só sexan uns días.

Xa se verá.

29/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París IV.

Outra semana de adestramentos no peto. Tocaba semana de recuperación e a verdade é que o foi. Rodaxes un pouco máis curtas e series tamén menos esixentes das que ademais saín moi contento.
Para evitar a monotonía de correr por Castrelos tratei de buscar recorridos alternativos e atopei o paso de Bouzas, non está totalmente alumeado pero o suficiente se a noite non é moi pechada polo que creo que visitarei esa zona máis veces. As series do mércores  fíxenas en Castrelos acopañado de Xan que está a se preparar para  Vig-bay e que decidiu cambiar as súas series de dous mil por acompañarme nas miñas de 3x10'. O xoves rodaxe de novo por Castrelos. Como me aburría dar tantas voltas fixen os derradeiros dez minutos polas rúas de Vigo, mala decisión pois era noite de bastante tráfico. O sábado por motivos de traballo fixen o meu adestramentos máis tarde do habitual e tiven que aproveitar o tempo ao máximo, foron 10x2' que fixen na zona de Samil-Alcabre-Bouzas, pertiño da casa para non perder moito tempo.

Domíngo , é o día que aproveito para atoparme cos meus compañeiros de equipo e de aventura parisina. Tocaban oitenta minutos e saíronme oitenta e tres, mellor que hai dúas semanas xa que daquela. no mesmo circuíto, fixera pouco máis de hora e media, se ben por entón andaba arrastrando un catarro.

Empezo a atoparme ben e as sensación son cada vez mellores. Apunteime á media do Ribeiro  que será outra boa proba para comprobar o meu progreso.


Saúde e quilómetros!




22/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París III

Terceria semana de duro adestramento e os quilómetros e as pernas empezan a pesar moito. En acumular quilómetros e facer cambios de ritmo é no que estou agora. As series son por suposto o que máis me está a custar, sobre todo as longas xa que as estou facendo entre semana , mentres que as curtas as fago o sábado, ao contrario do que viña sendo habitual nos anteriores plans que seguín. Probarei un par de semanas máis, se vexo que non dou feito pode que cambie a orde, xa se verá.

Para rematar a semana acudín coa familia tanina á Media Maratona Manuela Machado de Viana do Castelo. Non sabía como me ía sair, nin idea de como podía estar de forma, levo moi poucos adestramentos e nin de lonxe estou para facer unha boa marca. Por isto saín tranquilo coa intención de facer un adestramento de "calidade", unha rodaxe en compañía de moita xente. E podo dicir que estou satisfeito, moi satisfeito de como me saíu a cousa. Fun sempre cómodo, máis preocupado da miña musculatura, moi cargada, que dos tempos. Así fun ata o km 16 onde decidín cambiar e apretar un pouco. Setinme cómodo e isto é o que me fai saír contento .Rermatei en 1:30:35, lonxe das miñas mellores marcas, pero dentro do que daba por bo neste día. 
Remato a semana con 75 km nas pernas. A vindeira é de recuperación e iso espero que sexa.

A seguinte proba será a Media maratón do Ribeiro o 19 de febreiro, para esa espero estar un pouco mellor.


Cando hai que estar en forma é o 15 de abril!


Saúde e quilómetros.

15/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París II

Segunda semana de adestramento duro e primeiro do plan específico para o maratón de París. O balance pode catalogarse de aceptable pois tras empezar ben a semana coas primeiras rodaxes e series na fin da semana non foi todo tan ben, e por que? por que a saúde non me acompañou. A metade de semana empecei con síntomas de catarro que fun aguantando ata o sábado. Este día tiña planificado as series curtas pero trsa pasar mala noite e comprobar que tiña unha décimas de febre decidín, sabiamente, renunciar a  ese adestramento, e recuperarme ben e tratar de mellorar para asistir á tirada longa do domingo.

Así foi, un sábado de descanso deportivo e un domingo de 18 km. Ás 9:30 da mañán estaba xa no lugar establecido como punto de xuntanza dos taninos xunto a outros trece compañeiros de fatigas. Tratábase de facer 80 minutos progresivos e a cousa ía ben ata que chegamos ao km. 12 onde empecei a descolgarme  coa intención de recuperarme e tentar apretar nos derradeiros km. Mantiven un bo ritmo ata o 16 pero a partir de aí foi unha calamidade, baixei moito o ritmo e malamente puiden rematar. Isto non fixo máis que comenzar, quedan trece semanas para París e xa haberá mellores días.


O vindeiro domigo unha boa representación dos Taninos acudiremos a Media Maratona " Manuela Machado" en Viana do Castelo ( Portugal ), unha carreira xa tradicional no noso calendario. Pola miña parte non vou coa intención de facer una boa marca, cólleme moi lonxe da miña mellor forma, tentarei facer un adestramento de calidade aproveitando as prestacións que esta carreira proporciona. 

Espero estar plenamente recuperado na vindeira semana e poder cumplir cos obxectivos do plan.

Saúde e quilómetros!!

08/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París I.

Primeira semana do novo ano e empezo forte. Nesta semana fixen 61 km. de adestramento e iso que aínda non empecei con plan específico de preparación para o maratón de París . Durante a semana quixen afacerme a adestrar os cinco días que teño previsto facer de aquí ao 15 de abril e comprobar como reacciona o meu corpo. Rodaxes vivas, rodaxes suaves, series, tirado longa e competición todo na mesma semana.

As sensacións son moi boas, despois de ter que descansar polas molestias do nocello esquerdo estas case desapareceron, teño a zona un pouco cargada despois de tres días seguidos de adestramentos  pero lonxe das molestias que tiña antes.

Para rematar a semana participei na primeira edición da correndo por Vigo ( no barrio de Teis , Vigo). Unha proba nova de case 8 Km. e bastanter dura para meu gusto por que tiñamos que dar dúas voltas por un circuíto que tiña unha subidiña ben xeitosa, cousa que non é do meu agrado, pásoo mal nas costas e nesta carreira xa lle chegaba coas que tiña. A pesar de ter adestrado moito na semana e do perfil da proba as sensacións coas que rematei foron moi positivas, competín ben e fixen 30:01 rematando no posto 101 . 

Aquí deixo a miña carreira.



Os resultados da carreira : I Correndo por Vigo  .