31/12/09

Feliz Ano 2010!!











Feliz Ano para todos, que se cumpran todos os nosos obxectivos, persoais e deportivos. Así que coma sempre desexovos :

Saúde, quilómetros e a desfrutar !!

28/12/09

Preparando a Marató

Preparando a Marató tanto no físico como na loxística. A pesar dos días festivos, das ceas, das compras e celebracións varias tiven tempo para seguir o plan de adestramento.

Luns ximnasio, martes rodaxe de 11 km., mércores ximnasio e 12 costas de 30'',venres outra rodaxe de 11 km. pero o máis duro foi na fin de semana xa que o sábado fixemos 8 series de 3' cun minuto de recuperación e a isto houbo que sumarlle 100 minutos de rodaxe o domingo, rodaxe que rematei coas articulacións moi tocadas o que nos fixo plantearnos a necesidade de facer estas rodaxes por superficie de terra, creo que para previr lesións é a mellor solución.

No que respecta á loxística da viaxe a Barcelona indicar que a día de hoxe case todos os expedicionarios temos os billetes e un piso reservado para esa fin de semana moi perto da Praza de España, lugar de saída e meta da carreira por que son dos que pensan que estas cousas hai que preparalas con tempo para conseguir os mellores prezos e mellores lugares.

A Equipaxe nova para os taninos tamén segue o seu curso, estiven facendo xestións en varias tendas e a través de internet agora só falta que os Taninos den a súa opinión. Ata o de agora a opción que máis me gusta a min e aos que opinaron é a seguinte (ambos con pantalón azul )


20/12/09

Xa non hai volta a atrás.

"Recorrido da "Marató"

Xa estamos inscritos na Marató de Barcelona. De casualidade me din conta de que o día 20 era o derradeiro día para inscribirse a 45,00 €, e como xa estabamos decididos a ir a Barcelona pois aproveitamos e inscribimonos xa, agora só falta chegar en forma á cita e para iso hai que adestrar.
Esta semana tocou adestrar baixo a chuvia e o frío. A rodaxe do martes e as series de costas do mércores baixo a chuvia. Foron unhas series duras, non pola chuvia senón por ter que facer oito subidas dun minuto nunha costa de máxima pendente ( a matahomes, con este nome xa o decimos todo). O domingo 20 quilómetros baixo o frío e coas estradas xeadas, polo menos o frío sácase correndo.

Tamén houbo tempo para as celebracións. O venres tocaba cea de Nadal e a ela acudimos doce compañeiros e entorno á mesa degustanmos ricas viandas e mellores viños ademais dunha agradabilísima charla.


Ricas viandas

Aproveitando que a familia Tanina crece, decidimos empezar as xestións para buscar unha nova equipaxe para o equipo. Sobre este tema irei informando en vindeiras datas.


Momentos da cea

Xa na sobremesa o compañeiro Roberto fixo entrega duns trofeos-recordo aos Taninos máis veteranos, aquí podedes ver o que me correspondeu a min, moitas grazas Rober!.

"A la constancia y dedicación"

Na vindeira semana haberá que compaxinar adestramento coas celebracións de Nadal. Todo se pode facer se se organiza ben.

Saúde, quilómetros e BO NADAL a todos!!!



12/12/09

Obxectivo Marató de Barcelona.

Xa estamos coa cabeza centrada no marató de Barcelona que se celebrará o día 7 de marzo. de 2010. Deixamos de prepararnos para correr rápido para prepararnos para correr moito, da rapidez ao fondo, á resistencia, á devorar quilómetros. Xa levo dúas semanas de adestramento específico e teño as pernas moi cargadas. Ás rodaxes dos martes e venres, sumámoslle series de costas para coller forza e que son a causa de que agora teña as pernas tan cargadas. Os sábados series e os domingos rodaxes longas por riba dos 95 minutos.

A partir de agora tocará competir menos e adestrar máis. Neste mes de Nadal non penso participar en ningunha carreira, só na San Silvestre solidaria e non competitiva de Castrelos en Vigo .

Este mes vai ser difícil por que ademais de adestrar tamén é un mes de ceas , comidas e celebracións que tentarei que alteren pouco aos adestramentos, por exemplo esta mesma fin de semana cambiei a rodaxe do domingo par realizala o sábado e ter libre así o domingo.

O vindeiro venres 18 temos a cea dos Taninos á que convidamos aos que algunha vez viñeron a adestrar ou a competir con nós ao longo do deste ano, será unha cea para celebrar éxitos e para fixar obxectivos e sobre toda para pasalo ben en compañái dos amigos.

Saúde e quilómetros.

02/12/09

Claves do éxito.


Quixera facer unha reflexión ou analise en voz alta sobre o meu resultado na Media Maratón de Pontevedra pero primeiro, como de bo nacido é ser agradecido, quérovos dar as grazas a todos os que estes días me tedes felicitado, non estou acostumado a isto e síntome un pouco sobrepasado.

A verdade é que a noite anterior á carreira, cando escribia a entrada a este blog e anunciaba que pretendía facer a carreira en 1h.24 min. non estaba moi seguro de podelo facer. Este resultado significaría pegarlle un bocado á miña marca, na Vig-Bay do 2008, de máis de catro minutos. Pero o que si tiña claro é de que o ía a intentar. E intenteuno e saíu, e de que xeito! e o mellor non foi o tempo realizado ( 1h. 22':29'' ) senón as sensacións coas que fixen a proba, desfrutando metro a metro da carreira, sen sufrir. Di o escritor Murakami: "A dor é inevitable, o sufrimento é opcional" e no meu caso o domingo non tiven a penas dor e menos sufrimento. En definitiva a carreira perfecta.

As razóns, causas ou motivos que me levaron a este éxito pódense resumir do seguinte xeito:

1º Gústame correr e isto é clave. Saír a correr aínda cando chove ou vai frío sérveme de válvula de escape.

2º A miña situación persoal permíteme ter o tempo libre que presciso para practicar este deporte.

3º Ter amigos e compañeiros coa mesma afección. Fundamental para sair a adestrar e compartir boas conversas e botar unhas risas. Sen os Taninos isto non sería posible.

4º Organizarse, coller un plan de adestramento e disciplinarse na súa realización. Para lograr isto está claro que son primordiais os puntos anteriores. Cando chove ou vai fría a noite, ou cando o sábado te deitaches un chisco tarde e o domingo toca adestrar, ou simplemente dóenche as pernas por que o día anterior fixeches series, se toca adestrar, adéstrase!. Esta é a parte fundamental para lograr o éxito deportivo.

5ºAs lesións respetáronme. Despois de estar case catro meses para curarme unha tendinite a principios de ano, nesta parte da temporada non me impediron seguir progresando e aquí é onde entra o traballo no ximnasio. Todos os plans de adestramento e os entendidos en atletismo recomendan facer exercicios de pesas para fortalecer a musculatura. Penseino moito o de inscribirme no ximnasio, pero agora podo decir que foi un acerto. Ao longo deste treito de temporada só me lesionei unha vez (no abductor esquerdo) e o traballo no ximnasio foi un complemento para unha mellor e máis rápida recuperación.

6º Bos alimentos e coidarse. Non sigo unha dieta especial só as recomendacións dun médico homeópata amigo, e estas son : Na etapa de adestramento forte tomar no almorzo unha culler sopeira de aceite de liño con medio iogurt desnatado ao que lle sumo tostadas con mel e leite de soia, tomar unha culleriña de café de creatina monohidratada, disolta nun litro de auga, en periodos de carga ao longo do día, non abusar de bebidas alcólicas, hidratarse con sales minerais Minavit e o toque máxico da miña colleita un anaquiño de chocolate negro despois da cea do demais podería prescicndir pero do chocolate non!.

Espero que con este discurso un pouco longo que me saiu as preguntas feirtas por Dani estén respondidas. Agora xa sabes o que como o que bebo con quen adestro e canto ( jajaja).


Por outra banda xa estou inmerso na preparación do Maratón de Barcelona . Costa un pouco cambiar o chip e centrarse nun novo reto, supoño que co paso das semanas irei adaptando a miña cabeza a pensar nesta proba esixente como é un maratón. Preparar un dez mil ou unha media maratón e case o mesmo pero un maratón esixe outro ritmo de adestramentos. As seguintes entradas deste blog iran dando conta desta preparación.

Saúde e quilómetros!!