20/01/14

XVI Meia maratona Manuela Machado. Viana do Castelo.

Semana marcada polos adestramentos pasados por auga, xusto cando empecei a preparar a Vig-Bay, cun plan específico que me serve para levar mellor os adestramentos en solitario,  a chuvia fixo presenza  e de que xeito!.

 O martes fixen unha rodaxe progresiva empezando a 5 e rematando a 4 min/km, costoume empezar, tiña as pernas doloridas e pesadas consecuencia da carreira do Calvario mais pouco a pouco fun collendo ritmo e acabando forte. O mércores chovía tanto que decidín saltarme o adestramento, cousa que non acostumo a facer. O xoves fixen as miñas primeiras series, máis ben foron cambios de ritmo (seis de dous minutos  a ritmo de serie con tres minutos de recuperación a ritmo suave) . A chuvia de novo marcou a xornada. Escollín o paseo de Bouzas, fuxindo da lama de Castrelos, e atopei un circuíto cheo de charcos e con chaparradas que dificultaron o adestramento. O sábado outra rodaxe progresiva de doce quilómetros e desta vez a chuvia case non fixo acto de presenza. O domingo alterei o plan de adestramento para acudir a Viana do Castelo para participar na Meia Maratona Manuela Machado na compaña dos Taninos.
Km 10. Con boas sensacións

Un clásico das carreiras. Sempre que podo acudo a esta proba do norte de Portugal ( ou sul da Galiza). Unha carreira que vai medrando ano tras ano en participación e como siga así vai ter que mellorar algunhas cousas. Entre elas o tema da saída, demasiado estreita para o número de inscritos e que fixo que tardase medio minuto en cruzar a liña de saída e que durante os dous primeiros quilómetros tivess que ir esquivando corredores ata poder ter camiño libre e facer a miña carreira. Esta foi un tanto irregular, saín coa idea de dar o que tiña, sen obsesionarse coa marca, de feito non a preparei e o día anterior fixen un adestramento de doce quilómetros. Fun, como decía, a dar o que tiña, nas subidas sufría, no plano e nas baixadas ía ben. Ata o 13 fun na compaña de Novoa ( Afiadores ). A partir de aí co piloto automático tratando de manter o ritmo. Aínda non estou para manter un ritmo constante alto e fun variando o ritmo según sensacións de carreira. En liñas xerais, máis que satisfeito coa miña carreira,  pois fixen un tempo neto de 1:26:55 e o posto 310, maís que satisfeito para a altura da temporada na que estou.

km.14 baixando cómodo

Km 20 xa non tan cómodo, botando os restos.

O futuro próximo pasa por seguir adestrando cara a Vig-Bay, non teño ningunha carreira en mente agás a media maratón de A Coruña pero isto aínda queda lonxe.


Saúde e quilómetros!!


12/01/14

III Correndo por Vigo ( O Calvario )

Primeira carreira do ano e baixo unhas condicións climáticas adversas, como se acostuma a decir cando a choiva e o vento fan presencia. Día de cans, vento forte ao que se uníu a chuvia cando empezou a carreira. Así e todo o resultado estivo dentro do esperado, pois polo Nadal pouco adestramento de calidade fixen se exceptuamos as series de mil que fixen o xoves entre 3:47 e 3:38, cinco para ser máis detallistas.

A modo  de quecemento fun  trotando dende casa ( vivo na Avda. Florida ) ata o Calvario na compaña de Carlos. A climatoloxía fíxonos ter que regardarnos no interior do Mercado ata minutos antes de iniciar a carreira.

Aínda estivemos esperando bastante tempo baixo a chuvia e o frío antes de darse a saída. A carreira cambiou o circuíto con respecto a edicións anteriores e desta vez saíase cara abaixo cara  a rúa Pizarro o que fixo que saíramos lanzados. Como sabía da dureza do tramo da rúa Aragón, que se collía despois de baixar a Travesía  de Vigo, quixen saír reservando forzas, de feito pasei  ben a rúa Aragón. Ao paso da primeira volta levaba un tempo de 19:19 pero a partir de aí a cousa cambiou, a pesar de sentirme ben e forte empezaba a perder posicións e as miñas referencias tomaban cada vez máis distancia. A partir do quilómetro sete as pernas empezaron a doer, coincidindo de novo coa rúa Aragón. xa no nove quixen coller o ritmo dun corredor que me superaba, seguino trescentros metros pero non fun quen de continuar con el e rebentei. Os derradeiros metros foron para sufrir tentando manter a posición. Tempo final 38:59 ( vinte e un segundos peor que a primeira volta) posto 90º. 


Unha carreira máis para o peto e xa pensando na vindeira, a media maratona Manuela Machado de Viana do Castelo que se celebra o domingo 19 de xaneiro. Esta semana empezo tamén o plan de adestramento da Vig-Bay, obxectivo desta primavera quedando pendente aínda a cita maratoniana.

Saúde e quilómetros!!

04/01/14

II San Silvestre Solidaria, Ponteareas

Parón polo Nadal só alterado pola participación da San Silvestre Solidaria que organiza o meu equipo Taninos Runners de Ponteareas. Polas festas case non  puiden adestrar, xa o sabía, entraba no previsto, tan só realicei un par de saídas cando a familia e as "cicloxéneses explosivas" ( antes chamábanse temporais ou galernas! ) o permitiron. 

A organización da San Silvestre mantívonos aos Taninos moi liados, cada un co seu cometido. A min tocoume, como vén sendo costume, o "departamento de comunicación e redes sociais" na compaña de Anxo,  un experto no contacto coa prensa. Tal cometido levoume a intervir en tres entrevistas radiofónicas, enviar correos á prensa e a corredores e incluso redactar unha nota de prensa, e algunha que outra cousa máis. O mesmo día da proba atendín chamadas de corredores con incidencias de carácter variado sobre todo relacionadas coa ausencia na lista definitiva de inscritos.

Cos meus sobriños e irmán.
Mais antes de participar na carreira houbo que colaborar na infraestrutura: preparar a entrega de dorsais, o avituallamento, vallas, cartelería, etc. 

 Os momentos previos á carreira foron de tirar fotos  cos amigos e coñecidos
 Os momentos previos á carreira foron de tirar fotos cos amigos e coñecidos
Cando estaba xa todo en marcha prepareime para a carreira, que a pesar de non ser competitiva, tiña en mente facela a tope. Tamén participaban, ademais de moitos amigos e coñecidos, os meus sobriños e irmán quen dende hai uns meses está tamén  metido nisto das carreiras.
O do meu sobriño pequeno,Martín, é de escándalo pois a pesar de dedicarse de cheo á natación e con só dezasete anos, ten un nível competitivo nas carreiras espectacular, xa que é quen de correr a ritmos próximos a 3':30''/km .
Cos Taninos antes da proba
  A carreira empezou puntualmente ás 17:30 . Saín en cabeza destrás dos galgos, xa dixen que pretendía ir a tope, e tanto que o primeiro dos cinco quilómetros dos que constaba a carreira, fíxeno en 3':30'', demasiado para min , e como consecuencia os catro seguintes foron en ritmos decrecentes para rematar en 4':00'' o derradeiro. Levaba por diante ao meu sobriño Andrés e a meu amigo Edu  aos que quería alcanzar, mais foi imposible e iso que Andrés  víase que ía a menos e que en cada volta lle recurtaba tempo, pero non había forzas para máis, queimeime tanto no primeiro quilómetro que non fun quen de recuperar.



Ao paso pola primeira volta

Non foi a mellor carreira que fixen pero non me podo queixar pois rematei en 18':35'' .
 Despois veu axudar na desmontaxe e tomar un chocolate e rosquillas cos compañeiros e amigos Taninos comentando o acontecido durante a xornada.

Sen descanso temos que pormos a preparar o calendario de probas, buscar obxectivos e por suposto adestrar. Polo pronto xa estou inscrito en dúas carreiras : Correndo por Vigo ( no Calvario) e a Media Maratona Manuela Machado de Viana do Castelo ( Portugal) , Xa teño en mente tamén empezar a preparar a Vig-Bay e cando os Taninos decidan que maratón facer  xuntos preparalo tamén. Parece descartado facer un maratón internacional polo que as posibilidades agora se reducen a A Coruña, Madrid ( ámbolos dous o 27 de abril ) e Vitoria ( 11 de maio), calquera dos tres sería válido para min pois obxectivo primeiro segue a ser a Vig-bay polo que calquera maratón posterior a celebración desta proba me valería.

Remato aquí a primeira entrada do ano deste blog, desexando a todos saúde, quilómetros e un ventureiro ano 2014!