29/04/08

Obxectivo Cumprido!!!

Os Taninos Runners en Meta

Aínda coas pernas magoadas e o espiritu alterado polas emocións, chegou o momento de facer a crónica desta aventura. Non acostumo a tardar tanto en facer as crónicas pero é que esta carreira foi especial e precisaba asentarme un pouco antes de pórme a escribir.
Tan especial como que era a primeira vez que nos enfrentabamos a unha distancia mítica, sempre fora un soño para min podela facer ( aínda recordo hai catro anos, durante as olimpiadas de Atenas, vendo a proba da Maratón na casa de David, lle comentara que era un dos meus desexos podela correr algún día).

Do día previo destacou a visita á feira do corredor, onde recollimos o dorsal e nos deron a camiseta conmemorativa e outros agasallos, a foto con Chema Martínez que sería o vencedor na proba, e a comida da pasta compartindo mesa con miles de corredores.
Con Chema Martínez

O día da carreira tocou madrugón ás 6 da mañán estaba a pé ( desperto levaba horas!). As 7:30 saímos do Hotel Mónica, David e eu destino Praza de Colón onde quedaramos con resto dos Taninos, Taninas e Taninitos. Chegamos as 8:15, últimos preparativos, visitas aos baños, fotos e listos para situranos na saída.

Ás 9:00 Deuse a saída. Saímos todos xuntos Castellana arriba, Edu no seu papel, ía animando a cousa, ao paso dos quilómetros iamos collendo o ritmo. Antes do km 10 primeira parada "tecnica" que descompuxo o grupo dos Taninos, pero as forzas aínda estaban enteiras para que nos puidesemos reagrupar. De tal xeito pasamos polo Km 10 (49':00'').
No 12 segunda parada, cando tiñamos o globo-guía das 3:30' enfronte nosa, esta parada xa desfixo o grupo. Edu e Tino foron por diante e os demais quedamos atrás para reagruparnos no Km 15. Este tramo foi o máis impresionante da carreira: baixada de Fuencarral, Gran Vía, Sol, Calle Mayor, Palacio Real. A xente abarrotaba as beirarrúas aplaudindo, a música de " carros de fuego" polos altavoces dunha casa, unha charanga na Porta de Sol, os berros de ánimo... puñan o pelos de punta.
Chegamos ao km 20 todo ben, parada técnica de Rubén e Dani, separámonos un pouco para xuntarnos xa no 24 ( dentro da casa de campo) cando paramos David máis eu, pasando o 25 con moi pouca distancia entre o noso grupo e o dos irmáns Porto; Edu e Tino ( según as informacións de Mónica levaban xa 4' de vantaxe),neste adiantame un grupo de corredores do club de atletismo de Vigo e dámonos ánimos mutuamente.
Km 30 saímos da Casa de Campo e aquí empezaron os problemas para min. Ía por diante de David medio minuto e noto que se me carga o basto interno da perna esquerda polo que decido aflouxar o ritmo ( como íamos por debaixo do tempo previsto non había problema),Doume conta de que non tomei o segundo xel enerxético e xa non teñó auga na man, teño que esperar ao seguinte fornecemento de auga, miro para atrás e espero por David, pero tampouco debe ir moi ben por que non me dá collido, recupero un pouco, paso polo Vicente Calderón, pégase a min un corredor de Madrid que decide continuar comigo, comentame que me leva seguindo hai rato e que eu son a súa referencia, agradécese ir en compañía. Vou ben dentro do que cabe, non teño medo ao famoso muro pois estou desfrutando da carreira e levo un ritmo cardiaco bo.

Km 35, acabouse o que se daba!, sen previo aviso calambre no xemelgo dereito, teño que baixar o ritmo ata case parar, corro sobre o talón para que non se me siga subindo, aproveito o paso dun sanitario para que me bote reflex, enseguida noto que o xemelgo se recupera e continúo. Pásame Dani como unha moto e informarme de que Rubén e David van xuntos por detrás.

Km 37 calambres no xemelgo esquerdo de novo teño que parar e busco desesperadamente aos do Reflex, cando mo botan cálmame a dor pero non son capaz de recuperar, están tan danados os xemelgos que teño que correr sobre os talóns. Sobra decir que o tempo de final de carreira xa non me importa o que me preocupa é chegar a meta ( non fun a Madrid para retirame cando faltan 5 quilómetros!!). Para máis dificultade o recorrido final é de continuas subidas, miro ao redor e os rostros son de sufrimento, de xenreira, de desesperación, de dor non son o único que sufre, pero tamén hai os que suben como foguetes como o caso de Rubén que me adianta no quilómetro 40,5 párase un pouco comigo e lle digo que tire que xa queda pouco.

Km 41, remata a durísima subida paralela á liña de meta no Retiro vexo unha pancarta que di:" si puedes con esto puedes con todo" non sei se será certo pero animoume un montón.
Entrada no Retiro, restan 500 metros, hai mogollón de xente animando, é espectacular pero teño tanta dor nas pernas que non podo disfrutalo como quixera. A 50 metros de meta alcanzame David e entramos en Meta xuntos. Acabouse o sufrimento! 3 horas 42 minutos 42 segundos.

Chegada a Meta ( o que costou!)

Xa vexo ao resto dos Taninos, Edu esta exultante de alegría, sóbranlle forzas, tanto que non mide a súa efusividade e nós non estabamos para festas. Non podo nin sentarme, nin facer estiramentos, quero beber, sentarme que alguén me quite esta sensación de agotamento e dor!!. Pouco a pouco vou recuperando, aínda que ata que non cheguei ao hotel , me duchei e puxen bolsas de frío nas pernas non era persoa.

Xa está, esta é a crónica da carreira, puiden facela doutro xeito, contar outras anecdotas que pasaron en carreira e fóra dela, pero isto suporía unha crónica demasiado longa e tediosa, e ademais algo ten que quedar para podelo contar en persoa diante dunha mesa e un bo viño.

Mención especial para a sección de animadores : A Mónica , Ana, Olalla, Ana e Dani pequeno , Mónica e as súas fillas Alba e Laura e ao pequeno Edu, a Roberto e Cristina ( irmán e prima de Edu), a Leticia e o seu mozo, a Cristina ( amiga de Dani e Ana) e o seu mozo e tamén a Rocio e a Fontán, grazas polos ánimos, por seguirnos por Madrid adiante correndo polo Metro para chegar aos sitios a tempo. Se me queda alguén no tinteiro que me deculpe.
Grazas aos que animaron dende a distancia, aos que estiveron pendentes de nós e que se acordaron de que tiñan a uns amigos tolos correndo polas rúas de Madrid un domingo de abril.

Para rematar unha cousa máis : O vindeiro ano volvo e voume vingar do quilómetro 35!!!!

SAÚDE E QUILÓMETROS!!!!

28/04/08

Resultados na Mapoma dos Taninos

Foto atopada na edición dixital do xornal "El Mundo"
Tanino Edu
Tanino Tino
Tanino Dani
Tanino Rubén
Tanino David
Tanino Xose

Se queredes ver as nosas fotos en Meta entrade na seguinte ligazón e poñede o nome ou dorsal.

Fotos Mapoma

25/04/08

Fin da conta atrás


Está será a derradeira entrada antes da MAPOMA e quero aproveitala para facer unha reflexión pública do que supuxo esta aventura aínda inacabada.

Alá polo mes de decembro empezamos a artellar a posibilidade de correr unha maratón. Despois dunha cea na que correu o viño decidimos liarnos nesta aventura, uns máis que outros ( todo hai que dicilo) e en xaneiro empezamos a preparación.
Esta foi dura: noites de frío e choiva, domingos de choiva e choiva, lesións, gripes... pero todo se levou mellor en compañía dos Taninos, a compañía do equipo fixo menos dura a preparación, sen o grupo non sei se sería capaz de chegar ata o fin. E aquí estamos! a dous días da gran aventura que supón atreverse a cruzar os 42,195 m. que discurren por Madrid. Non sei se rematarei e se o fago en que condicións, pero que non me vana quitar e ter disfrutado desta experiencia.Boto a mirada atrás e xa non me lembro dos momentos malos (que os houbo!) só me quedo cos momentos bos ( que foron moitos máis).

Por último unha verbas de agradecemento para os que nos animan a seguir, aos que nos apoian nesta tolemia que nos entrou por correr, aos que nos dan consellos e nos entenden, grazas polo voso ánimo!!!

Saúde e quilómetros !!!!

17/04/08

Vaia susto!

Tanino Tino. preparándose na Vig-Bay

A semana de adestramentos empezou o luns cunha rodaxe de 70' suave. O mércores fixemos series (2x6000), tratábase de facer un test para poder comprobar a que ritmo poderiamos facer a Maratón que consiste en realizar o primeiro seis mil ao ritmo previsto de carreira e o segundo seis mil a tope, según sexa a diferencia en segundos por quilómetro entre a primeira e a segunda trasládase a unha táboa que establece unha maraca posible e outra probable.
Todo ía moi ben. Baixo unha choiva de "carallo" fixemos a primeira serie en 26:45, despois de 90'' de recuperación empezamos a segunda a un ritmo de 4:01 min/km, pero camiño do terceiro quilómetro empecei a notar o isquiotibial dereito que se me cargaba moito, a rtensión medraba a cada zancada nun punto concreto da perna, e os medos a unha lesión fixeron acto de presencia. Pasei polo 3000 en tempo (14':02'') , pero como a dor non remitía fixen o que máis sensato me parecía : parar!. Baixei o ritmo pouco a pouco ata chegar ao trote e cando os meus compañeiros remataron a serie ( 23':45'') estiramos un pouco e regresamos a casa trotando.
Xa na casa seguín estirando, apliquei frío na zona coa ducha e antes de meterme na cama una anti-inflamatorio. Estaba tan preocupado que todos os posibles remedios que se me íasn ocurrindo os puxen en práctica. O xoves pedín cita no fisio e díxome que era unha inicio dunha contractura aplicoume unha vendaxe neuromuscular e por suposto recomendoume baixar o pistón.
Seguindo as reconmendacións da miña fisioterapeuta Andrea, o sábado descansei (non me costou nadiña co que chovía!!!) e o domingo saímos todos os Taninos ( excepto Rubén) coa compañía de José Luis ( que non nos debe gardar rancor polo "machaque" que lle metimos o domingo anterior por que decidiu voltar a sair con nós).Fixemos 90' suaves e non tiven ningunha molestia polo que parece que todo quedou nun susto.
Queda menos de sete días para a Maratón e a vindeira semana sairemos a adestrar o martes e o xoves, rodaxes de 60' para estirar as pernas. Só resta descansar,alimentarse ben e preparar a loxística de viaxe.
Por certo deixo aquí a ligazón para ver o FOLLETO MAPOMA para facero seguimento da maratón
Saúde e quilómetros!!
Pa ir ambientando aquí deixovos un video

16/04/08

Consellos para correr unha Maratón

Reedito esta entrada anterior. Xa que a MAPOMA está moi perto é bo lembrar algúns consellos.

Deixovos aquí unhas reconmendacións tiradas da web da Federación Galega de Atletismo.
Seguro que son útiles!

MENTALIZACION
1.- Ten claro cales son os teus obxectivos e planéao co tempo suficiente. Para o primeiro maratón pode ser suficiente con 4 meses se fas deporte habitualmente ou un ano se es un sedentario empedernido.
2.- Faite un plan de adestramento acorde cos teus obxectivos e posibilidades e sígueo. Como moitas cousas na vida o maratón só ten un segredo: adestrar.
3.- Procura adestrar con alguén co mesmo obxectivo e cunhas condicións físicas similares. O ideal é un grupo variado no que sempre teñas alguén co que poidas ir ao teu ritmo dese día.
4.- Non te obsesiones co adestramento. Se un día estas canso ou non te apetece, descansa. É mellor pasarse por defecto pero gozando cada vez que vaias adestrar.
5.- O mellor xeito de non perder os adestramentos é que te cres unha rutina divertida na que este incluída o adestramento: Ex.: todos os días despois do traballo cos amigos que estean preparando a mesma carreira ca ti.
ADESTRAMENTO
6.- Fai variacións no teu adestramento. Mestura días longos con curtos, días fortes con suaves. Segue algún dos plans que se publican nas revistas especializadas ou nas web de atletismo.
7.- Procura facer algún día á semana un adestramento longo en compañía dos teus compañeiros de adestramento.
8.- O ideal sería adestrar regularmente cun adestrador de atletismo. Será máis animado e mellorasrás máis rapidamente. Nalgúns lugares hai escolas para corredores populares. Apúntate.
9.- Compite nalgunhas carreiras de 10 Km. e medio maratón para ir collendo o ritmo da competición. De todas as maneiras o maratón é distinto. Os razoamentos dunha media non te valerán para a maratón, a partir do Km. 30 é outro mundo.
PREPARANDO A CARREIRA
10.- Non estrees roupa nin zapatillas no día da proba. Usa só material que comprobes primeiro que che vai ben, que non che produce rozaduras, que absorbe ben a suor, que é cómodo, que non te aperta, etc. Non hai maior calvario que sentirte incomodo coa roupa cando xa estás correndo.
11.- Deixa todas as túas cousas preparadas a noite antes da carreira, a túa bolsa coa roupa, as túas zapatillas, o dorsal, o avituallamiento especial que leves, algo de diñeiro, etc.
12.- Átate as zapatillas cun nó dobre para non ter que parar cando se che desaten. Procura que non te aperten demasiado pois o pé irase inchando.
13.- Dáte vaselina na entreperna, sobacos, tetos e dedos dos pés. En xeral naquelas zonas onde vaias ter rozamiento.
14.- Vaite ao servizo unha hora antes da carreira e “solta” todo o que poidas. Se che é difícil un café poderache axudar.
15.- Quenta de forma correcta con trotes moi suaves. Se a saída é masiva e tes que estar moito tempo antes para poder saír nunha posición razoable dáte algún aceite de arrequecemento para non quedarte frío mentres esperas.
NA CARREIRA
16.- Chega cunha hora de antelación para que che de tempo a prepararte con tranquilidade
17.- Procura saír nunha posición acorde coas túas posibilidades, se non o fas así ou ben a marea humana empuxárache e maldicirache ou ben serás incapaz de manter un ritmo uniforme, isto é especialmente importante nas carreiras moi masificadas.
18.- Non corras cos teus amigos co sistema “a tapar a rúa” procurar ir en ringleira da un na saída e logo de forma que non interrompas o paso de corredores que vaian máis rápido.
19.- Intenta gozar da primeira metade do maratón pero sen malgastar enerxía, farache falta para a segunda metade.
20.- Márcate un ritmo constante para lograr o teu obxectivo, non o subas na primeira metade aínda que te atopes moi ben, logo todo págase. Aperta a partir do 30 se aínda che quedan forzas.
21.- Non esprintes ao chegar a 50 metros da meta, vas gañar 5 segundos e vaiche a dar a puntilla, o teu cansazo vaise a multiplicar por 2 e podes ter problemas musculares, quero dicir, aínda máis.
DESPOIS DA CARREIRA
22.-Cando chegues a meta bebe, o que máis che apeteza, bebidas isotónicas, iogurt, coca-cola, etc e come algo de froita.
23.- Se na meta hai masaxes e a espera non é de tortura, aproveita e dáte unha masaxe quedarás como un rei.
24.- Ao chegar a casa dúchate ou dáte un baño relaxante e despois dáte unha masaxe con aceite para arrefriar, son realmente efectivos e relaxásenche as pernas unha barbaridade, probablemente ata che permita conciliar o sono na sesta.
25.- Come aínda que esteas cansado, unha ensalada, algo de carne, o que che apeteza, gánacheo!.
26.- Nada como unha boa sesta reparadora e logo un suave e pequeno paseo para relaxarnos.
27.- A semana seguinte á carreira descansa e recupera, se podes dáte unha masaxe aos dous días.

13/04/08

Semana PostVigBay

O 1ºTanino. Dani entrando en meta

Despois da primeira gran cita deportiva da temporada hai que centrarse no segundo,e máis esixente, reto: a MAPOMA. Despois de saborear os resultados do Taninos Runners, por certo quedamos no posto 24º de 49 na clasificación por equipos, o martes fixemos unha rodaxe suave de recuperación (1:07':11''),o mércores series (3x3000 a 13':13''; 12':00'' e 11':26''), venres rodaxe progresivo de 1:11':21''. O domingo rodaxe de fondo polo circuíto de montaña de San Cibrán de 2h:20 min..
Pero a mellor noticia é que o equipo vai a ir ao completo a Madrid!!!. Despois da magnífica Vig-Bay de Tino e da proba que fixo Rubén o venres facendo unha rodaxe de máis de 2 horas sen molestias,ámbolos dous decidiron participar na Mapoma o que recibimos como unha estupendísima noticia, como di Edu "non é o mesmo catro Taninos que media ducia".

O traballo xa está feito, agora a conservar, esta vindeira semana faremos unha proba de cara a Maratón e os demais adestramentos serán conservadores e xa só resta preparar a intendencia da viaxe a Madrid.

Saúde e Quilómetros !!

07/04/08

Semana Grande da Vig-Bay

A semana da Vig-Bay desenvolveuse como as demais: martes rodaxe,mércores series (6X1000 entre 4:29 e 3:25),venres rodaxe suave de 49' .
O bo chegaría na fin de semana. O sábado pola tarde fomos a buscar os dorsais ao Museo Verbum,alí empezamos a respirar o ambiente da carreira.
Despois dunha visita ao Museo e de tomar un aquarius,regresamos a Ponteareas,outro aquarius, cea con espaguetis e a casa a durmir ( máis ben intentalo por que o que se di durmir ben pouco!).
Domingo as 7:20 en pé, almorzo e prepararse para a carreira. As 8:30 estaba como un clavo no lugar de concentración,de alí a Samil.

Despois dos derradeiros preparativos ( visita aos baños, cremas solares e quecedoras) fixemos a sesión fotográfica que podedes visionar na ligazón de fotos carreiras.

A 15' do inicio da carreira dispuxémonos para situarnos ben na saída, todos NON! faltaba David! onde se metería? .Despois de intentar localizalo decidín ir para a saída e situarme medianamente ben para non perder moito tempo na saída.
Pistoletazo e a correr!, paso polo arco de saída premo o cronómetro e a darlle zapatilla!, pero cando levaba case un quilómetro boto unha ollada ao reloxo e sorpresa! está parado nos 52''! que putada,a que ritmo vou? non sei, busco referencias ao meu redor por se alguén canta o tempo de paso no 1º km pero non é o caso. Paso por diante do grupo de amigos e pregunto por referencias de David pero non nos comunicamos ben.
Pouco depois atopo a un corredor de Ponteareas e lle pregunto o paso dos 4 km (16':55'') e voume facendo unha idea. Xa un pouco máis centrado encamiño a subida de Canido paso o 7 km e vexo a miña esquerda a Delio! saíra como un foguete e o estaba pagando,díxenlle que me seguira pero pouco despois deixoume ir.
10 km, sintome ben pero non teño referencia real de tempo. Bebo con avidez, a calor empeza a dar forte, o tramo do 10 ao 14 non me gusta,vai moita calor e non vexo case o mar.
14km, baixamos a Praia América, o temido vento non fai presencia pero a calor faise notar máis forte. Aquí e cando recordo que no blog puxera como hora prevista de chegada a Baiona as 12:00 e unha luceciña me di: por que non pos a función reloxo no cronómetro e te fas unha idea mellor do tempo que levas? e así o fixen,calculei que levaba unha hora e dous minutos (e visto o resultado final non andaba moi lonxe), do que non son consciente e de ter pasado pola alfombra de tempos, non sei se por que ía moi concentrado ou por que ía moi escarallado.
Chegamos á Ramallosa, moito público, unha señora piropea ao meu compañeiro de fatigas nese intre o que me fai sorrir e esquecer un pouco o sufrimento.
18 Km enfilamos Sabarís e vexo auns 200 metros por diante a Tino, anímome para tratar de engancharme a el, pero pasan os quilómetros e non son capaz.
19 Km entramos en Baiona, que longos son estes derradeiros quilómetros!!! son interminables, ves a Meta ao fondo pero non dá chegado,derradeiro esforzo! por fin vexo a meta, vexo a miña prima María que me saúda xunto a Mónica, paso por diante e só me fixo no reloxo de meta : 1:28:20,21,22... paso por meta e alí están Edu, Dani e Tino, todos moi satisfeitos polos tempos realizados, eu tamén, pero non podo asegurar cal foi o meu tempo real o que si estaba claro é que baixarai e bastante! da hora trinta que me marcara como obxectivo.
Pasa o tempo David non chega, mentres nos recuperamos bebendo e comendo rosca empezamos a preocuparnos. Por fin chega, a súa cara e de sufrimento e de descontento o seu tempo non era o que esperaba.
Xa rematou o esforzo agora é hora dos comentarios, das reflexións en quente, das noraboas e das promesas dasa que me quedo con unha que dixo David e a que tamén me sumo ( e creo que os demais tamén) : "Sólo sé una cosa,el próximo año estoy aquí otra vez intentando mejorar!!" Este é o espiritu do corredor. "Zapatilla Veloz" non se pode rendir.
Agora é hora dos agradecementos a todos por apoiarnos. Xa o dixen na entrada anterior e o reitero, é agradable e gratificante sentir que a xente te apoia no que fas, que sacrifiquen o seu tempo por estar contigo,por acompañarte nunha carreira no que nin lles vén nin lles vai, que disfruten co que ti fas . A todos mil grazas!!!
Vémonos no vindiero ano.

Saúde e quilómetros!!!!!

Unha de fotos "chulas"

Aquí tedes unhas fotos atopadas na rede.Son moi boas fotos por certo!

Tanino David
Tanino Edu

06/04/08

IX Media Maratón Vig-Bay

Crónica de alcance.



Xa está,xa rematou por este ano e só podo decir que na parte persoal, todo saíu moi ben. Rebaixei a miña marca persoal na Vig-Bay en máis de 11' e nas medias maratóns en máis de 5'. Con estes resultados que máis se pode pedir? O listón queda moi alto.
Queda pendente unha crónica da semana e da carreira que farei cando me recupere do cansanzo e das emocións. De momento só podo dicir grazas! a todas e todos polo voso ánimo tanto aós que fixestes o esforzo de virdes ata Samil e Baiona,como aos que dende a distancia tamén nos apoiaron.
Deixo a ligazón dos resultados provisionais:

Resultados IX Media Maratón Vig-Bay

Postos dos Taninos Runners:
Dani: 250
Edu: 287
Tino: 326
Xosé M.: 358
David: 759

03/04/08

Programa da fin de semana Vig-Bay



Sábado 5 de abril:

Pola tarde en horario sen concretar retirada dos dorsais no Museo Verbum situado na Praia de Samil.
A continuación lixeira caminata polo paseo da praia e tomar o sol sentados nunha terraza.

Domíngo 6 de abril:

8:30 Saída dos participantes na carreira do lugar habitual ( rotonda da estación de autobuses).
9:00 Fixar o lugar de concentración na beirarrúa situada enfronte do Hotel Samil.Preparativos para a carreira.
9:30 Sesión fotográfica.
9:50 Inicio do quecemento.
10:30 IX Media Maratón Vig-Bay
12:00 Hora aproximada de chegada dos corredores a Baiona ( isto depende de cada corredor).
13:00 Desplazamento a Ponteareas
13:30 Ducha e preparativos comida.
14:00 Comida (en lugar aínda non determinado).

Nota: Estes horarios deben tomarse como referencia. A organización está aberta a comentarios e rectificacións.