21/04/12

XXXVI Maratón de París. Competindo.

Case unha semana despois da maratón propóñome facer a crónica desta marabillosa experiencia vivida  na cidade da luz xunto aos compañeiros taninos e familiares.

Desprazámonos ata París o venres 13, vía aérea dende Porto, ben cediño para evitar posibles contratempos pero entre o retraso do avión e o lonxe que está o Charlles de Gaulle do centro de París non chegamos ata as 4 da tarde. Sen apenas descanso cruzamos a cidade para recoller os dorsais na Expo Running onde dimos un paseo ben rápido polos stands e adquirimos algún que outro recordo da carreira.

De regreso ao centro de París cea nun italiano, paseo pola praza da Concordia e para o hotel.

O sábado o grupo cos que compartía hotel saímos a trotar un chisco polas rúas de París, concretamente polo parque das Tullerías, dimos un paseo máis que agradábel polo parque e polo patio de acceso ao Museo do Louvre . Esta rodaxe verdadeiramente sentoume moi ben, a mañá estaba soleada e non demasiado fría e foi un luxo poder correr por ese monumental espazo.

Trala ducha e almorzo o resto do día dedicámolo a facer turismo : Tour Eiffel ( onde nos atopamos con Pedro Nimo e Lolo Penas que estaban trotando entre os turistas e con quen puidemos falar e nos contou os seus temores sobre a climatoloxía do día da proba), Les Invalides, La Madeleine, Opèra, Notre Dame, Montmatre, foron algúns dos sitios que poidemos visitar.

Trala cea,  no mesmo italiano da noite anterior, para cama pois había que erguerse cedo.

Día 15/04/2012.


Seis da mañá en pé, durmira relativamente ben, sen nervios, debe ser cousa da experiencia que xa ten un. Almorzo no cuarto do hotel, demasiado cedo para houber algo aberto onde tomar un café. Din os expertos que non debes cambiar o teu almorzo o día da carreira pero as condicións obrigaron a facelo : catro iougures e unha galletas. A seguir preparación : cremas, isotónica, vestimenta... As 7:20 saímos do hotel cara o Arco de Triunfo, onde quedaramos co resto da expedición tanina. A mañá era moi fría, frío que tratabamos de combater coas capas de plástico que nos proporcionara a organización na bolsa do corredor e con prendas de abrigo que tiñamos preparadas para logo podelas tirar.



Tras deixar unha bolsa no gardarroupa preparámonos xa para a carreira. O ambiente a pesar do frío era espectacular, moitísima xente dun lado para outro.
As 8:30 partimos cara os nosos respetivos caixóns, a min, xunto con Carliños e Edu ,correspondíame o dos preferentes. Unha vez dentro do caixón coloqueime cara atrás, pois a miña intención era agardar por Rama e Dani, que saían no caixón inmediatamente posterior, paar facer a carreira xuntos.

Ás 8:45 deuse a saída. Non  levabamos recorridos cincocentros metros cando Rama xa me dera alcance, sen rastro de Dani a quen non veriamos xa ata  meta. O meu compañeiro de carreira sería só Fernando Rama. O meu obxectivo era levar un ritmo entre 4':10'' e 4':15'' e así o fixemos. No km. 2 atopámonos co primeiro grupo de animadoras taninas, no km 7 estaba o segundo grupo. Quilometro tras quilómetro fomos cravando os tempos, sen deixarnos levar pola euforía, controlando e buscando referencias doutros corredores. No km.10 coincidimos con dous corredores do mesmo equipo e que levaban o noso ritmo e decidimos seguilos, así pasamos polo Bois de Vincennes. Cando saiamos xa do bosque un dos nosos "guías" sofre unha lesión e se retira, perdemos a referencia pero seguimos ao noso. Pasamos pola media maratón en 1:28:53, dentro do esperado pero cun tempo peor ca na miña participación na marató de Barcelona 2010, non me preocupa queda moita carreira. No km.22 atopámonos de novo co segundo grupo de animadoras taninas( Ana e Mónica ).



 Chegando ao km. 23 vexo por diante a Pancho "Beauvais" saúdámolo, falamos un ratiño, dámonos ánimos e seguimos concentrados na carreira .  A estas alturas xa estaba atento a atoparme con Graciela para collerlle o último xel que levaba para a carreira, pois os dous anteriores xa os tomara aos 45' e 90' de carreira ( o terceiro non me cabía no peto do pantalón).



Km 25. Empezamos a atravesar os túneles, o primeiro moi longo ( case un km.) o meu garmin e todos os demais perden o sinal, os dous seguintes son máis curtos e xa na saída do tunel d' Alma, Km. 29 atopámonos co resto de animadoras taninas onde se atopa a miña compañeira Graciela quen xa me ten preparado o xel. Foi moi emocionante velas animando cos carteis de ánimo que levaban nas mans e na cabeza.



Km. 30, deixamos de lado a tour Eiffel e empeza a maratón para min, levamos 2 h.06:20  e prepárome para tomar o derradeiro xel entre o km. 32 e 33. Fago un cálculo rápido e deduzo que se non fago un cambio non cumpro co obxectivo, o que me ronda pola cabeza é cando facer o cambio, agora ou esperar ao 35, teño medo de "pinchar". Sigo a ritmo, Fernando decide non seguirme e chegado o km.35 (2 h. 37: 24 ), xa no Bois de Bolulogne decido apretar. Vou moi ben, síntome forte a pesar de que o sóleo esquerdo empeza a cargarse, é o único temor que levo, polo demais síntome con forzas, vou adiantando corredores que sufren. Vexo a un das lebres das 3 h. que leva con el un grupiño, xusto por un paso estreito de carril-bici póñome tras el, o grupo non me deixa pasar, non vexo por onde e non quero baixar o ritmo, bótome á dereita fágome escoitar e nin por esas me deixan sitio, meto o corpo, estorbo un pouco ao  e adianto cun "pardon" e sigo ao meu.

Km 40. vou a tope, ritmo de 4:10,  é bonito rematar un maratón así, dáme igual que haxa pouco público animando, vou ao meu. Km. 41 imos saíndo do Bois de Boulogne e empeza a verse xente animando. Dáse unha volta nunha rotonda e xa ves a meta no inicio da Avda. Foch.



Traballo feito e cumprido, tempo neto 2 h.57':36'' a 9'' da miña mellor  marca en 42 quilómetros é irrelevante esa diferenza, estou satisfeito .
De seguido atópome con Edu , xa leva seis minutos esperado, por detras chega Fernando ( sub 3 h.) de seguido Dani, David, Victor e despois Berto e José Antonio ( menudo debút na distancia para os dous! ) e a seguir Anxo por debaixo das 3: 30 horas. Noraboa a todos!!

Especial mención á Tanina Mónica que rematou o seu primeiro maratón nun meritorio tempo de 4: 23:31 e chegando a meta cun sorriso espectacular. 











Tras recoller a bolsa do gardarroupa imos atopándo cos familiares e resto de compañeiros, estamos eufóricos.

Ao chegar ao hotel empezamos a recibir mensaxes de parabéns. Trala merecida ducha, comida e paseo turístico no "Batonbus" . A experiencia tocaba ao seu fin, había que madrugar moito para coller o avión de volta, pero contentos.

Levo unha semana de descanso, o mércores xa non tiña maniotas pero decidín facer a recuperación, pouco a pouco. Empezarei a trotar o domingo e na seguinte semana farei algo máis pero sen présas, os obxectivos da temporada están máis que cumpridos: baixei de 38' en 10Km. 1:23:10 na Vig-Bay e 2:57:36 en maratón.    

Agora celebrar os éxitos coa familia, amigos e compañeiros: ceas, churrascadas e... unha voda!!


Saúde e quilómetros!


08/04/12

Modo adestramento: Obxectivo París XIV

Penúltima semana de adestramento rematada. Case sesenta e cinco quilómetros feitos entre rodaxes e series a primeira 2x4000 e a segunda 2x3000. Par ser sinceiros xa estou canso das series, devezo por chegar a París e correr o maratón e todo o que estou a facer estes días resúltame pesado. Teño que concentrarme para poder levar a cabo as series. Por sorte xa só faltan por facer unhas series de 1000 o martes, unha rodaxe o mércores e preparar a maleta para viaxar o venres. Van ser días intensos con moitas emocións das que darei conta no seu momento.

Levo dende o 2 de xaneiro preparando esta proba con 74 adestramentos e case 1000 km. nas pernas, espero que o esforzo se vexa correspondido.

Aproveito para animar tamén a todos aqueles amigos, coñecidos e seguidores deste blog que van disputar outro maratón o mesmo día: o maratón da Coruña. Desexarlles toda sorte do mundo para coseguir os seus obxectivos e que gocen da carreira.


Faro de Vigo ( 6/04/2012)





O vindeiro fin de semana estarei por París na compaña doutros taninos e familiares como ben deu conta a prensa local, non sei cando poderei escribir a miña crónica da viaxe e da carreira pero tratarei de polo menos dar conta dos resultados.


Forza a todos, Saúde e quilómetros

03/04/12

Modo adestramento. Obxectivo París XIII

Cun pouco de retraso fago esta crónica da semana 13º de adestramento. Foi unha semana marcada pola dureza da Vig-Bay. O esforzo que fixen na carreira deixoume un tanto tocado.Os dous primeiros adestramentos foron de recuperación, rodaxes de 50 e 60 minutos para ir soltando pernas. O xoves  as series 5x2000 que fixen sen grandes alardes, cumprindo o que marcaba o plan en canto a ritmos, o mesmo fixen o sábado coas series de 500 m. doce series . O domigo a penúltima tirada longa de 90 min. nun cicuíto de costas. Boas sensacións.

Xa esta todo feito, estou desexando chegar a París, como me  pasa sempre por estas alturas de plan, estáseme facendo longo , tres meses de duro adestramento e aínda quedan dúas semanas. O que me entretén son os preparativos da loxística da viaxe. Imos máis de vinte persoas a París entre corredores e familiares e nesas estamos agora, en organizar a viaxe a Porto para alí subir ao avión que nos leve a París.

Saúde e quilómetros.