11/04/11

XII Media maratón Vig-bay. A crónica


E saiu ben, tanto medo que tiña e que ben o pasei!. Mañá perfecta para correr, fresquiña, perfecta para correr. Así estaba a climatoloxía ás nove da mañá cando os Taninos e acompañantes chegamos a Samil. A avenida xa arrecendía a carreira importante.

Como non tiña claro cal ía ser o meu rendemento na carreira, tomeino con moita calma, non estaba nervioso, decidira desfrutar de todo o ambiente que rodea a esta proba.

A carreira comenzou putual, ás 10:30, os Taninos saímos moi adiante, tanto que tardei apenas sete segundos en pasar por debaixo do arco de saída. Nese intre ía acompañado de Tista, Edu, Isma, Sito, Dani, David e Robert. Saímos moi libres, sen apenas ser estorbados o que fixo que marcásemos un primeiro quilómetro moi rápido. Atopábame ben pero optei por facer unha carreira conservadora, o medo a mancarme de novo estivo presente en toda a carreira. Primeiro quixen acompañar a David e marquei o ritmo que el desexaba seguir, mais antes de sair de Samil vin que non era quen de me seguir. Púxenme a carón de Dani momento no que me enterei de que ía tocado dun isquio por culpa dun mal paso ao esquivar un cono do trazado. Acompañeino ata a praia de Canido e xusto antes de inciar a subida díxome que non podía seguir, xa en meta me diría que fixo o resto da carreira "andando"! ( impresionante! ). Quedei só, Isma ía xa bastantes metros por diante e por suposto Edu, Sito e Tista a moitos máis.

Km. 10 en 41:00 minutos, ben, controlando, o duro aínda estaba por chegar e quería gardar forzas. Sobre o km 14 alcánzame Pancho ( Beauvais) e decido seguilo, chegamos a Praia América o día empeza a abrir e o sol a pegar, nin gorra, nin crema solar para protexerme ( ámbalas dúas cousas quedarían no coche), aproveito todos os avituallamentos para refrescarme por dentro e por fóra.
Km 17 , A Ramallosa, o percorrido cambia de sentido e o vento fai presencia de cara, pega forte, moléstame e fai que teña que esforzarme máis. A dúbida sobre a miña lesión segue na cabeza, non me atrevo a cambiar o ritmo ( tampouco sei se sería quen de facelo). Pasamos Sabarís, teño a impresión de que este ano hai máis xente animando nesta zona. Vou ben, facendo cálculos , creo que podo baixar da hora vinte e seis. Chegamos a Baiona, como sempre o derradeiro km. faise interminable, como chego bastante fresco podo gozar do espectáculo, busco coa mirada aos amigos e saúdo, teño forzas para esprintar e facer unha marca por debaixo do previsto :1 hora 25 min. 45 seg. non está nada mal para levar quince días sen adestrar.

Na liña de meta saúdame Pilar Ruiz, alma mater desta carreira e aproveito para agradecerlle os detalles que tivo cara a nós no proceso de inscripción e para darlle a noraboa pola organización.

Xa no magnífico avituallamento que nos tiñan preparado ( rosca, iogures, auga, froita, isotónicas ) saúdo aos meus compañeiros,cada quen conta a súa carreira mentres repón forzas, e non me deixo de asombrar cos corredores que parecen saídos dunha pelicula de posguerra cargando en caixas produtos do avituallamento, increíble!.

Mágnifica carreira para min, unha fixa no meu calendario e iso que, fose pola calor, por lesións ou por falta de preparación, aínda non conseguín facer a carreira perfecta nesta proba . Quen sabe igual na vindeira edición.

Clasificación da XII Vig-Bay

Fotos dos Taninos

Saúde e quilómetros!!

07/04/11

XII Media maratón Vig-bay


Pois si , creo que estou apto para poder participar. Hoxe, xoves, veño de facer unha proba do meu estado físico. A lesión non me provocou molestias outro tema é a falta de adestramentos provocada polo parón ao que me vin obrigado para recuperarme da lesión, dez días sen adestrar.
Na proba de hoxe notei as pernas moi pesadas consecuencia lóxica de non adestrar e do paso polas mans da fisioterapeuta.

Non podo pensar en facer marca persoal, nin tan sequera baixar o tempo da edición pasada, agora mesmo con chegar á meta de Baiona sen problemas doume por satisfeito.

A carreira é, na miña opinión, a mellor de Galicia. Cada ano máis e máis corredores se preparan para participar nela. Por percorrido, polo ben facer da organización paga a pena participar aínda que non sexa nas mellores condicións.

Os Taninos presentamos equipo por cuarto ano consecutivo. As nosa aspiración tanto individual como por equipos non pode pasar máis alá de pasalo ben e se podemos entrar entre os vinte primeiros equipos mellor.

O domingo día a dez é a cita, as previsións meteorolóxicas son boas polo tanto só falta poder desfrutar.

Sáude e quilómetros!!