30/05/10

X Memorial Manuel Barros de Gondomar.

Nestas dúas últimas semanas non deixei de saír a correr, menos días menos quilómetros pero algún día con moita intensidade, sobre todo cando algún dos meus compañeiros de adestramento se lle dá por imprimir ritmos altos e se desata unha competición camuflada de adestramento. Isto tamén serve para ir gañando a forma.
Non adestro pero si compito, levo case tantas carreiras neste último mes como nos catro meses anteriores, estou saíndo a participar sen obxectivos previos se esceptúo o de tratar de non sufrir demasiado.

Deste xeito fun ata Gondomar acompañado dos Taninos Isma, Victor e Rama. A diferencia da edición anterior, nesta a calor non fixo aparición. O ano pasado pasei moita calor nesta proba e prometinme non volver a correla se había moita calor, por iso ata que as previsións metereolóxicas non garantían un tempo agradable para correr, non fixen efectiva a miña inscrición.
Poucos minutos antes da 19:30 deuse a saída, tan rápido que me colleu un pouco desprevenido. Saímos xuntos os taninos. Rama enseguida se encendeu e xa no km 1 ía por diante seguido de Isma quen poría un ritmo constante difícil de seguir.
Camiño do km 4 dou alcance a Rama a quen non perdera de vista, decidira, coñecedor do circuíto, facer unha carreira conservadora, sen queimarse dende o principio e esperando á segunda parte para probar as miñas forzas. Do catro ao cinco o recorrido pica para arriba e fíxenos en compaña de Rama. A partir do 5 ( 20':29'' ) foi cando apretei un pouco máis. Por diante levaba a Isma a medio minuto e sempre á vista e por detrás a poucos metros a Rama. Victor ía ao seu ritmo uns tres minutos por detrás. Xa na estrada da Ramallosa e camiño de Gondomar empezo a adiantar corredores a pesar de ir estes bastante espallados pola estrada adiante.
A falta dun quilómetro vexo que Rama consegue enlazar comigo, non estou para botar foguetes pero planeo non ter que chegar ao esprint con el, por iso aproveitando o inicio do último repeito cambio de ritmo e consigo despegarme del e ao mesmo tempo consigo dar alcance a varios corredores que me precedían e de paso sair gañador nesas pequenas batallas nas que eu mesmo me meto, de feito sobre a liña de meta fago o meu derradeiro adiantamento. Tempo final 40':26'' ( oficial 40:39 ) posto 74. Por diante chegou Isma no posto 67 ( tempo neto 39': 53'' ) e por detrás a só catro segundos entraría Rama( posto 77). Victor entraría cun tempo de 43': 45''( posto 158 ) mellorando a súa marca.

Con respecto ao ano pasado mellorei en tres minutos a miña marca. As sensacións finais foron moi boas, a penas sufrín e conseguín desfrutar da carreira, é a primeira vez que saio de Gondomar contento e creo que vou parte de culpa a ten que esta vez non fixo unha calor excesiva.

Os tempos oficiais pódense consultar na web de Cronotec .

Próximas carreiras : Redondela, Nocturna de San Xoán en Vigo e Nocturna de Celanova ou era de Ribadavia?? (bromas taninas jejeje)

Saúde e quilómetros.

17/05/10

Media Maratón de A Coruña.


Non quería sufrir e sufrín moito. Con esta frase podería resumir a miña carreira do domingo 16 de maio na cidade de A Coruña. Non estou en forma para sair a competir nunha media o que pretendía era ir a correr e desfrutar de correr pola Coruña pero non foi así por que me deixei levar pola competición, teño que aprender a controlarme.

Ata a Coruña fomos tres Taninos ( Victor , Edu mais eu) e Dani Bargiela ( que faría un estupendo terceiro posto). Chegamos moi cedo con tempo de sobra para tomar un café con calma, cambiarnos e quecer ben. As 10:30 deuse a saída. A carreira constaba de tres voltas a un circuíto de sete quilometros, a metade do circuíto discurría pola zona nobre da cidade pero a outra metade atravesaba a zona portuaria con pouco atractivo "visual". Na liña de saída situámonos cara atrás pero nada máis dar a saída Edu e un servidor saímos como balas, adiantando corredores a dereita e esquerda. Pasamos o primeiro Km en 4:01 e o segundo case igual, moi rápido pensei, e baixei un chisco o ritmo deixando que Edu se fose só. Os seguintes pasos quilométricos sairíanme entorno aos 4':05''. Durante as dúas primerias voltas mantiña o contacto visual con Edu, levábame unha vantaxe duns cen metros e nos xiros de 180º podiamos saudarnos e animarnos por diante ía Edu e por detrás Victor. No meu foro interno planeaba poder facer a xogada da media de Pontevedra onde a falta de seis quilómetros me lanzara a por Edu dándolle alcance e superándoo.

Mantiven esa distancia arropado nun grupiño que ía adiantando corredores, pensei que o ritmo era bo para min. No segundo paso por meta no grupo houbo unha pequena revolución, de repente alguén decidiu apretar, algúns seguimos o ritmo, outros foron caendo de maduros, o que non sabía é que eu tamén estaba a punto de madurar. No penultimo xiro, sobre o km 15 foi cando máis cerca estiven de Edu. A partir do dezaseis a cousa cambiou. Non podo falar de páxara nin de desfalecemento simplemente empecei a notar que ía pasado de revolucións. De súpeto o ritmo pasou a ser de 4':18'' , e empezou o sufrimento. No derradeiro xiro de 180º do porto pesqueiro a distancia con Edu dobrárase. Se antes pensaba que era el o que ía a "petar" a realidade agora era que o que "petara" era eu, o meu motor rebentara. De aquí a meta, restaban dous e medio quilómetros, foi sufrir e sufrir. Tratei de engancharme a un correrdor veterano que viña por detrás por pundonor, non podía permitir que me deixara atrás, era un corredor-refencia nos tempos de cando empecei a correr e non podia deixar que agora me vencese se dar batalla. Esta tozuda decisión fíxome seguir sufrindo. Na miña mente soaban as palabras de Dani Bargiela : "non corren as pernas senón a cabeza" e a cabezón poucos me ganan. Así ata meta . A douscentos metros tiro un pouco máis e a falta de dez metros o meu "rival" adiantame pola esquerda, outra pequena batalla perdida!, tempo neto final 1h:26':54''.

Na meta esperaba un máis que contento Edu, que me quitou pouco máis dun minuto. Teño que devolverlle o trono ao rei. Puxen en xogo o título e perdín, consecuencia de non medir as miñas forzas e de competir sen estar preparado.

Clasificacións : resultados oficiais

Edu- Rama : posto 127
Xosé : posto 143
Victor: posto 283

Pero a pesar disto non me arrenpinto de ter corrido nesta proba, corro por que me gusta e das derrotas tamén se aprende.

Próxima meta: recuperar a forma.

Saúde e quilómetros!!



MM A Coruña

11/05/10

MM de A Ferreirúa. A crónica




Ata A Ferreirúa no concello da Pobra do Brollón fomos a correr unha media maratón cinco taninos : Edu, Rama, Victor, Rafa e un servidor. A mañá era fría e chuviosa non moi apetecíbel para correr e menos para meternos máis dunha hora de coche pero ata alá fomos.

Chegamos ás 10:00 e alí nos esperaba unha organización que salvando as distancias e os medios empregados, tiña todo moi ben pensado : aparcadoiro, café ( de pota), baños...

Tras recoller os dorsais e beber un cafeciño que axudara a quecer o corpo fomos a cambiarnos á monovolumen de Rama na que nos desplazáramos. Ao noso carón atopamos aos membros do CARMA cos que estivemos falando un ratiño.

Algúns abrigáronse demasiado debido ao frío e a chuvia pero o tempo iría mellorando incluso a calor fixo presencia cando as nubes deron paso ao sol. Menos mal que o día non foi moi quente por que de non ser así pasaríamolo mal coa calor xa que a hora de inico da carreira foi ao meu enteder un pouco tarde.

A carreira empezou ás 11:15 horas. O obxectivo era facer toda a carreira xuntos. Nos primeiros quilómetros voltamos a coincidir cos do CARMA que levaban un plan da carreira similar ao noso. O circuito constaba de dúas voltas a un circuito de 9 Km e unha volta pequena para completar a distancia.

Na primeira volta o ritmo que levabamos permitíanos manter bromas e saudar a outros compañeiros así como agradecer os animos que nos dabán os feirreruáns. Se ben a primeira parte do circuíto era levadeiro incluso con tendencia á baixar, a segunda parte era máis ben duriña cuns repeitos que tiraban o seu.

Na segunda volta mentres baixabamos a cousa ía ben pero a medida que os quilómetros pasaban as pernas tamén empezaban a pesar e de vez en cando había que baixar o ritmo para que non se descolgase ninguén.

Tras dar a volta pequena chegamos a meta os cinco xuntos marcando o mesmo tempo : 1 h. 39': 12'' . O importante non era o tempo enón facer quilómetros e divertirse cos compañeiros. Foi unha experiencia nova para min, semellaba un adestramento dominical pero con máis corredores e con avituallamento.

Resultados da IX Media Maratón de A Ferreirúa

Ao rematar recibimos unha bolsa cunha camiseta técnica, froita, unha barriña de muesli e auga.
Como xa se facía tarde cambiámonos no coche e saímos para Ponteareas. Para a vindeira edición habería que pensar en quedarse na zona a comer.

A día de hoxe teño en mente correr en A Coruña, tentarei pórme de acordo co amigo Fernando Abreu para viaxar ata a cidade herculina.

Nesta semana tiñamos previsto facer unha cea tanina pero o triste acontecemento que afectou ao noso compañeiro e amigo David levounos a suspender esta cea xa haberá días mellores.

04/05/10

Media maratón de A Ferreirúa

Cambio de opinión. Abandono a idea de ir ata A Coruña por participar no vindeiro domingo nesta proba que se celebra na parroquia de A Ferreirúa do concello de A Pobra do Brollón ( Lugo).
A razón para este cambio de idea é moi sinxela, non me apetecía trasladarme eu só ata A Coruña e tratei de convencer aos Taninos de que me acompañasen e remataron por convencerme eles de que mellor era ir ata A Ferreirúa.

Desta proba teño escoitado e lido moi boas críticas. É unha pequena parroquía cunha asociaón de veciños moi activa que se esforza na realización desta media maratón e, paralelamente, dunha carreira de case dez quilómetros. Merece a pena comprobar en situ as marabillas que se contan.

Non vou co obxectivo de facer marca persoal, nin estou en forma nin en corpo nin en mente, e máis tendo en conta que baixei moito o ritmo de adestramentos. na semana pasada só saín a trotar tres días non chegando aos corenta quilómetros en total. Vou a pasalo ben cos meus compañeiros de equipo e co resto de participantes, será como unha saída dominical pero rodeado de moitos corredores, unha maneira distinta de adestrar.

Na noite do venres teremos a cea trimestral dos Taninos, bo momento para facer balance da temporada e empezar a visualizar obxectivos.