25/08/13

Terceira semana

A semana empezou ben, moi ben, empezaban as series e estas sairon satisfactoriamente. O martes fixen 3 series de 8 min. con dous minutos de recuperación, sendo cada unha máis rápida ca anterior . O xoves tiña pensado facer unha rodaxe dunha hora pero ao chegar a Castrelos cambiei de opinión despois de falar co grupo de Porto ( Xan, Fon e Carlos) e decidín unirme ás súas series, 3x3000 con 3:30 de recuperación, e a verdade non me arrepentín do cambio pois saíronme moi ben ( 12.29, 12:26 , 12:20 ) e quedei satisfeito.
 
Pero o fin de semana xa non foi tan bo, apañei un catarro que creo me afectou no rendemento deportivo, pois o sábado tiña que facer 14km a 4:45 e tras facer 11 quilómetros moi bos a partir de aí entrei en barrena e decidín parar no 13 xa que non me vía con forzas para seguir.

O domingo, máis do mesmo, quedei cos Taninos para facer a tirada longa pola ecopista de Monçao-Valença. O tempo previsto 1 hora 45 minutos. Empecei moi ben ata que cheguei ao km 10, outra vez unha "paxara" que non me permitia rodar con certa  soltura. Ía moi mal, a calor, vento en contra , sensación de agotamento físico, fixéronme cambiar o plan e parar aos 14, 3 Km cun tempo de 1 hora 10 minutos.

Espero que estas páxaras sexan consecuencia do catarro, de non ser así a miña forma física deixaría moito que desexar. Veremos como evoluciono na vindeira semana.

Pola tarde os Taninos Runners colabaramos como voluntarios no control do tráfico no paso de Vuelta a España por Ponteareas, non foi moito traballo e ademais pasámolo ben como reflicte a foto do noso compañeiro Anxo Saborido



Saúde e quilómetros

18/08/13

Segunda semana

Outra semana e empezamos a sumar quilómetros. Empezamos coas series e seguimos coas rodaxes longas. Desta vez foi o sábado cando a fixen ,en compaña de Edu, Fernando Rama e Víctor pola ecopista de Monçao a Valença , 20 quilómetros. Quilómetros que me deixaron as pernas ben quentes para o domingo, dia no que asistín á carreira Andar e Correr de Baiona.

Unha carreira durísima pois ten un quilómetro ( entre o 3 e o 4) que é una auténtico muro no que moitos corredores optan por andar ( enténdese agora o do nome da carreira, non? ). Como sabía da súa dureza optei por saír reservón sen queimar forzas que me farían falta despois, pero nin así, a costa puido comigo  e o resto da carreira foi un querer o non poder, as pernas non asimilaran o "peso" dos quilómetros do día anterior. Tentei manterme nos derradeiros quilómetros , que son planos, mais todo o contrario, do 8 ao 9 sentínme baleiro e só nos derradeiros oitocentos metros conseguín subir o ritmo para facer en meta un discreto tempo de 43:19 , rematando no posto 221 da clasificación. Non é un bo tempo pero non me importa nin me vou a flaxelar por iso, sabía das miñas condicíóns fisicas actuais e polo tanto sabía que non o ía facer moito mellor. Do que se trata é de adestrar, seguir sumando quilómetros de adestramento pois o obxectivo segue sendo o maratón de novembro.

Para a  semana máis ( quilómetro ) e mellor.

Saúde e quilómetros

11/08/13

Primeira semana

Que duro vai ser isto! non me gusta adestrar coa calor e xusto esta semana volve a vaga de calor! buf!. Os catro días que adestrei ( martes, xoves, sábado e domingo) foron días de moita calor e o meu rendemento non foi o desexado. Se se trata de rodar, non hai maior problema en baixar o ritmo, o problema chega cando hai que esforzase por cumprir os ritmos desexados, aí non vou, non hai maneira .

O da tirada longa seguiu a tónica da semana, calor, ritmos difíciles de manter e se lle sumamos dezanove quilómetros a cousa se complica. O mellor volver a adestrar cos vellos amigos e volver a entrar da dinámica de falar de adestramentos e de carreiras. Consecuencia destas "charlas" foi a miña inscrición na carreira "andar e correr de Baiona" do vindeiro domingo día 18, non pensaba meterme nestas liadas tan cedo pero son débil e me deixo convencer. Isto trae outra consecuencia que é cambiar a tirada longa do domingo para o sábado.
Tirada longa dominical

Por outra banda sigo sen saber cal vai ser o obxectivo real , prefiro Valencia pero Porto tamén está aí.

Saúde e quilómetros

05/08/13

Empezamos de novo

Tento con esta entrada dúas cousas: unha , volver a escribir, dúas, adestrar con método e disciplina. E é que a miña vida tivo tantos sobresaltos que non podía nin quería facer ningunha das dúas cousas mencionadas.

Agora teño un reto deportivo o maratón de Valencia que se vai celebrar o 17 de novembro. Este é o plan A xa que tamén  teño plan B por se non se dan as premisas para poder levar a cabo o primeiro plan. O que teño  claro é que antes de rematar o ano quero correr o meu sexto maratón. 

E cal é o plan B?  pois o maratón de Porto que se celebra quince días antes ( o 6 de novembro). E cales son as premisas? Pois que nos respeten as lesións, que poida adestrar sen problemas e que ata Valencia tamén viaxen os meus compañeiros e amigos Taninos . Apetéceme  moito repetir a experiencia de ir co equipo a un maratón  e convivir con eles a preparación, a carreira, a postcarreira... Se por calquera cousa ao final non deciden ir a Valencia, entón decantaríame por Porto, pois o desprazamento é moito máis doado e alí tamén contaría con compañía da familia e compañeiros de adestarmento en Vigo.

O importante é voltar  e niso estou , de feito xa iniciei o plan pero como estamos no verán e  cústame correr coa calor aínda non estou a tope, mais estamos no bo camiño.


Saúde e quilómetros!!