29/09/13

Oitava semana. Porto á vista.

Esta semana empezou adestrando por terras lisboetas e rematou coa II edición dos 10 Km de Samil. 

Despois dos dez quilómetros pola zona de Lisboa do luns, o martes foron doce entre Castrelos e Samil na compaña de Fon, con boas sensacións e en progresivo.
O xoves e pensando tamén na carreira do domingo tocaban cinco series de mil metros tras o respectivo quecemento. O resultado destas series deixoume moi satisfeito, todas por debaixo de 4 min/km, concretamente entre 3:56 e 3:41. Estas series fixéronme albergar esperanzas dunha boa carreira o domingo, veíame con ánimos e forzas para conseguir un bo resultado.

Sábado, dez quilómetros de menos a máis, cómodos, sen gastar e deixar para o día seguinte.

O domingo chegou e con el a carreira. Achegámonos  ( Xan, Carlos , Fon e un servidor ) ata Samil trotando dende Balaídos , a modo de quecemento e unha vez alí e de deixar as mochilas no coche do compañeiro Pancho, seguimos quecendo, mais eu preocupado e ocupado en atopar ao meu compañerio Tanino Edu para pasarlle un cronómetro e que non atopei ata cinco minutos antes de iniciar a carreira.

A carreira empezou cun chisco de retraso, e a pesar de que  saída ocupaba todo o ancho da estrada ( 16 metros ) por non situarme diante, tiven que ir adiantando corredores ata  que non atopei vía libre xa chegando ao km 1. Comigo viña Carlos, que decidiu seguir a un grupiño que ía coa mesma intención de ritmo ca nós.
No km 5 atópome en solitario, con Carlos uns metros por detrás e sinto que a carreira empeza para min, ata ese momento ía relativamente cómodo. Empezo a notar o peso dos quilómetros pero tamén a aumentar un chisco o ritmo. No km 8 boto todo o que teño, o garmin empeza a marcar ritmo de 3:50 mais son consciente do desfase entre a distancia real e a que me dá o meu aparello ( sempre me indicaba o km uns metros antes do cartel que se foron sumando quilómetro a quilómetro) . Noto o isquio esquerdo un tanto cargado e teño certo medo a rachar, pero continúo a ritmo e incluso penso en esprintar pero cando vexo no cronómetro de meta que non baixo de 40 min. deixoume ir nos últimos metros. Tempo final  bruto 40:25, neto polo meu garmin 40:14 e unha distancia de 10,1 km. Posto 127 da xeral.

Foto tomada do foro de correrengalicia

Satisfeito a medias, pois pensaba que podía baixar de 40 min. pero creo que tiña algo máis que non din ou si! tampouco hai que darlle máis voltas, foi un bo adestramento e o obxectivo é Porto.

Agora empeza o duro do plan de adestramento, temos dúas semanas de carga de quilómetros, para empezar o domingo vindeiro trinta quilómetros que faremos entre Oia e A Garda aproveitando a carreira que se celebra pro primeira vez este ano e que une as dúas localidades, veremos como organizamos a cousa.

Por outra banda e para ir collendo ambiente deixo plano do recorrido  da maratona de Porto.

25/09/13

Sétima semana. Vacacións e quilómetros

Con retraso e recén chegado das vacacións escribo esta miña crónica do que foi a xa sétima semana de preparación para a maratona de Porto. 

Os primeiros adestramentos da semana fixenos en compaña dos meus colegas de aventura maratoniana, o luns dez quilómetros e o martes doce , a moi bo ritmo medio, promediando entre 4:45  e 4:30 e sempre rematando a tope con ritmos un pouco  por debaixo de 4:00.

A segunda parte da semana foi a que tivo máis cambios, xa que me desplacei ata terras lisboetas para pasar unhas merecidísimas vacacións na compaña da miña muller.

Levaba a intención de saír a correr un par de veces polo menos, ainda que non sabía como podería conciliar os adestramentos e as vacacións xa que non tiña un coñecemento da zona á que nos deprazabamos que me permitise planificar recorridos. Por sorte e tras preguntar na recepción do hotel, a menos dun quilómetro atopábase o centro deportivo Jamor  con pistas de terra e asfalto que permitía facer os  quilómetros que quixese.
 O  primeiro día ( xoves)  ás 7 da mañá hora local dirixinme ata o parque seguindo as indicacións do recepcionista. A miña sopresa foi ver, que a pesar da hora tan intempestiva , o lugar estaba cheo de corredores e andaríns.  Polo meu descoñecemento do lugar, dediqueime a dar voltas a un circuíto de 2,2 km seguindo a un corredor local que me facía de guía para facer un total de trece quilómetros, en vez de facer as series que me tocaban ese día e que sabía de antemán que non ía ser capaz de facer eu só.

 O segundo día foi o sábado, e un pouco máis tarde ás 8:30 local, volvín ao mesmo parque coa intención de facer catorce quilómetros e como xa coñecía un pouco mellor o parque, prolonguei o circuíto do día anterior pasando este a ser de pouco máis de tres quilómetros para que non fose tan monótono. Se o día anterior xa me sorprendera a cantidade de xente facendo deporte, sendo sábado e un pouco máis tarde aquilo fervía de xente practicando deporte.  A anécdota foi que ao ir correr sen almorzar ( só metera no estómago media chocolatina) decidira levar unha botelliña de auga para ir hidratándome ( facía calor a pesar da hora) e  non sentir tan baleiro o estómago. Ao chegar ao parque deixei a botella sobre unha papeleira polo que pasaría catro veces, o caso é que trala segunda volta a botella desapaeceu, nin estaba no chan, nin na papeleira, alguén con máis sede ca min decidiu facela súa, menos mal que no mesmo lugar había unhas fontes nas que puiden calmar a sede. O resultado final foron os catorce quilómetros previstos a ritmo medio de 4:34.

E aínda houbo un tereceiro día, xa o luns, e tamén cedo e tocou outra vez ampliar o circuíto para facer dúas voltas de cinco quilómtros e un total de dez, a ritmo medio de 4:35 e desta vez a botella non desapareceu    ( xa me encarguei de deixala nun lugar menos visible ).

En resumo estou satisfeito coa experiencia, gocei das vacacións e puiden seguir adestrando a pesar de ter alterados os plans de adesramento. O que me inqueda  é non ter feito a tirada longa sobre todo por que este domingo vou participar nos 10km de Samil perdendo outro domingo para meter quilometraxe no corpo. Non descarto cambiar o plan e facer unha tiradiña o  sábado, aínda que sexa contraproducente para a carreira do domingo, xa se verá!

Saúde e quilómetros.

16/09/13

Sexta semana. Sumando quilómetros

Primeira semana co novo horario  de adestramentos completada. Sumando quilómetros e metendo ritmos altos. 

Luns e martes rodaxes de dez e doce quilómetros respectivamente, mércores descanso merecido, para o xoves facer o adestramento de series, dúas de cinco mil metros. No papel tratábase de facelas a ritmo de 4 min/km , iso no papel por que na práctica saíume ben a primeira pero na segunda a partir do tercerio quilómetro empecei a sufrir de máis e nos derraderios cincocentos metros, os meus compañeiros de serie deixáronme  atrás pois xa non podía responder ao cambio de ritmo que fixeron. Isto deixoume un "mal corpo" pois pensaba que me atopaba mellor e non medín os esforzos na primeira serie e pagueinos na segunda, cousas de  novato! .

Sábado, rodaxe de dez quilómetros de menos a máis rematando a ritmos inferiores a 4 min/km que me serviu para quitarme o mal sabor de boca das series.

Domingo, día de tirada longa. Tocaban vinte e un quilómetros  que pretendía facelos en progresivo. Despraceime ata Ponteareas para adestar cos compañeiros de equipo e alí escollimos un circuito que combinaba monte e asfalto. Na parte de monte fíxose imposible coller un ritmo constante  e na parte de asfalto paseime de ritmo e paguieno, pois os derradeiros quilómetros se non chega ser polo apoio de Edu e José Antonio, teríame retirado ( creo que estou perdendo capacidade de sufrimento ). Ao final  fixen os vinte e un quilómetros en 1:41:00



Seguimos sumando quilómetros que é o importante para o obxectivo que xa non é outro que rematar o que será o meu sexto maratón, o de baixar das tres horas quedará para outra, agora mesmo hai que ser realista e aceptar que non chega con desexar, hai que valer, e agora mesmo non vallo para baixar das tres horas.

A vindeira semana voume de merecidas vacacións, levo as zapatillas e intención de adestrar, veremos que resulta ao final.


Saúde e quilómetros.

09/09/13

Quinta semana. Fixando obxectivos.

Esta semana foi decisiva para fixar o meu obxectivo. Despois de darlle moitas voltas  á cabeza decidín que o máis apropiado dadas as circuntancias sería inscribirse na Maratona de Porto e deixar Valencia para outra oportunidade. Unha vez concretado o obxectivo queda centrarse no adestramento , uníndome á preparación que están a facer os meus compañeiros Fon, Xan e Carlos. Como consecuencia tamén terei que variar os meus días de adestramento, pois cambiarei o día de descanso do luns ao mércores para axustarse mellor aos adestramentos que están facendo..

Tamén foi a semana na que empecei a atoparme mellor fisicamente, non sei que parte ten o adestramento e que parte ten a baixada das temperaturas, xa que coa  calor non vou nada ben. 
Empecei a semana cunha rodaxe de 12 km a unha media de 4:35 para facer o mércores un test esixente  de 16 km a ritmos de 4:15 a 4:20 no que só puiden facer trece dos quilómetros previstos pois tiven que parar a beber e xa non fun quen de retomar o ritmo que levaba  e só tiven forzas para  axudar a Carlos  a facer o seu último quilómetro da proba.
 O xoves  tocaron series de mil, concretamente oito, entre 3:50 e 4:00, e así sairon todas agás as dúas últimas nas que apretamos un pouco e sairon en 3:47 e 3:43.
Sábado rodaxe  de 10 km a 4:45 para o domingo participar  na carreira das Xornadas Marisqueiras do Berbés .

ESta carreira presentábase como un bo test para comprobar o noso estado de forma a estas alturas de preparación. A miña intención era correr en ritmos próximos a 4 min/Km .

Tras facer un bo quecemento coloqueime  na liña de saída na que volvín a cometer o erro de situarme bastante retrasado co que saín moi  lento e tiven que facer un esforzo extra para coller a Carlos, cousa que non fixen ata case o km 6. De aí cara o final fixemos a carreria xuntos continuando a bo ritmo e rematando con forzas para esprintar. Tempo final neto 40':26 '' a ritmo medio de 4':04'' , posto 122 . O resulatdo déixame satisfeito  pois o adestramento empeza a dar os seus froitos.
Fotos tomadas de Serafín Costas ( correr en Galicia )

Coa  inscripción feita e pagada na Maratona do Porto agora toca facer a reserva do hotel e preocuparse xa só de adestrar.

Saúde e quilómetros!!



01/09/13

Cuarta semana

Despois das malas sensacións coas que rematei a semana pasada empecei esta con bastantes medos, non me sentía ben,  tal vez polos efectos do catarro, por iso o martes non saín a adestrar, preferín quedarme na casa e descansar e saír o mércores. 
Ese día saín máis que a adestrar a trotar, a recuperar sensacións, sen ritmos, sen presió
ns, a facer quilómetros sen máis. E o resultado foi máis que bo. Fixen unha rodaxe de case dezaseis quilómetros pola costa de menos a máis  que me fixo recuperar esas boas sensacións que buscaba.

O xoves quedei co grupo de Porto para facer series, concretamente 4x2000. Sen case quecemento por que cheguei tarde, empezamos as series. O parque está estos días moi seco e levántase moito po,  co que as nosas gorxas semellaban estropallo. A pesar disto o resultado foi bo xa que empezamos en 8:06 e rematamos en 7:55. 

O sábado saín un poco tarde, cando xa empezaba a picar a calor, e decidín volver a saír de menos a máis, sen ritmos prefixados. O resultado foi uns "placenteiros" dez quilómetros rematando con ritmo vivo.

O domingo toca tirada longa cos Taninos de novo na Ecopista, e desta vez conseguín quitarme o mal corpo que me quedara o domingo anterior. Fixemos 100'  que puiden rematar ben, con ritmos cómodos, chegando a facer algo máis de vinteún quilómetros.

Remato a semana satisfeito, aínda non chego poder manter ritmos fortes sostidos pero todo chegará. Por outra banda o vindeiro domingo toca competir nas  " IV 10km Xornadas Marisqueiras do Berbés " unha carreira de 10 km, cun recorrido case plano, que será un bo test.
Con respecto ao obxectivo a día de hoxe creo que está máis perto ir a Porto que a Valencia. Xa veremos.

Saúde e quilómetros!!
Circuíto da maratona do Porto