17/03/14

VIII Interruning Piñeiro. Concello do Porriño

Levo semanas sen actualizar o blog, non dou feito traballo, familia, adestramentos... non me deixan tempo para escribir. Vou tentalo aos poucos a ver se sae unha boa crónica.

Interruning Piñeiro - Concello do Porriño


O día 2 de marzo participei na que será a última proba antes da Vig-Bay, a interruning do Porriño. Día chuvioso, desagradábel para correr. Saín a dálo todo, había que probarse e sacarse o mal sabor de boca que me deixara a Media de A Coruña. Non as tiña todas comigo, a climatoloxía non axudaba pero saíu dentro do esperado. O día anterior metera un adestramento de dezaseis quilómetros e pico no corpo e non sabía canto podía "pesar" na carreira. Saín moi rápido maís fun deixándome ir ata atopar o ritmo axeitado sempre por debaixo de 4'/km. Tras as dúas voltas ao circuíto do que constaba a carreira marquei un tempo e 38':10'' , boa marca, dentro do previsto.



Na seguintes semanas nada destacábel  nos adestramentos, xa dixen que estou facendo menos quilómetros pero máis intensos, veremos se é suficiente para acadar a miña marca persoal na Vig-Bay e despois achegarse as 3 horas no maratón, a verdade é que non as teño todas comigo, pois normalmente son partidario de facer experimentos só con gasosa pero desta vez quixen facer algo novo, se acertei xa se verá o día 6 de abril data da XV Vig-Bay. Esta carreira é para min a proba atlética por excelencia en Galicia, por recorrido, organización, por historia. Cando empecei a correr marqueime como obxectivo correr a Vig-Bay alá polo ano 2007 e  xa pasaron varias  edicións e sigo tendo a mesma ilusión de principiante.

Por otra banda estáseme a facer longa esta preparación. Polo meu horario, xa que  non podo adestrar antes das 20:30, estou a facer os adestramentos só, coa excepción das titadas longas dos domingos, nas que ben vou a Ponteareas a adestrar cos Taninos ou ben me quedo en Vigo con Carlos e Fon. Facer as series en solitario faise duro e as veces ata se me vai a cabeza e perdo a conta das voltas a Castrelos que levo, de feito nun adestramento tiña que facer un dez mil e ao final convertouse nun nove mil pois me comín unha volta e non me decatei do erro ata chegar a casa e comprobar o meu garmin.

Xa queda menos, tres semanas máis e xa estamos coa Vig-Bay, outra cousa será o maratón, o cal aínda non teño decidido facer ,  a día de hoxe ten un noventa por cento de posibilidades de ser   escollido  o da Coruña.


Saúde e quilómetros!!