13/11/14

L Edición da Behovia-San sebastián

Esta é miña particular crónica dunha carreira especial, tiña escoitado falar moito e ben desta proba e por iso decidín, alá polo mes de maio, inscribirme nesta carreira. Daquela aínda confiaba  en que había tempo de sobra para recuperarme da fascite plantar e da tendinite no aquiles esquerdo. A primeira lesíon resolveuse pronto, o aquiles deume moitos máis problemas, de feito non puiden empezar a correr ata principios de setembro, con menos de  dous meses para a Behovia.

Así e todo propúxenme prepararme para participar nesta proba dignamente. A volta a actividade foi difícil, madrugóns para compaxinar horarios coa rehabilitación, ritmos moi lentos ao principio e con poucos quilómetros, molestias no aquiles...

Pouco a pouco conseguín ir incrementando quilómetros ás miñas saídas ata lograr completar dezaseis km a tres semanas da BSS . Cunha soa carreira nun 10 Km e cunha media de 40 km semanais nas catro ou cinco semanas antes, despraceime ata Donosti na compaña da miña muller Graciela e dos meus amigos Mónica, David e Miguel ( estes dous últimos tamén ían correr ).



Longo desprazamento ata Donosti o venres para chegar con tempo de gozar da zona vella e dos seus pintxos. O sábado pola mañá visita a feira do corredor a polo dorsal e a camiseta conmemorativa, pola tarde paseo co grupo de Taninos que viña vía León en viaxe organizado e pola noite comida e descanso do apartamento mentras viamos pola tele o partido do Celta.

Día 9/11/2014 

Chegou a día. Saímos cedo do piso para poder coller o primeiro tren con destino Irún pero non chegamos a tempo polo que tivemos que esperar polo seguinte. Alí atopámonos cos meus compañeiros de adestramento de Castrelos, Fon e Xan e a seguir con Bruno e Marcos .

Tras a viaxe en tren e despois en bus-lanzadeira, chegamos a zona de saída, non sin antes dar unha longa pateada ata os camións que recollían as mochilas.

Unha vez entregadas as bolsas e prepararnos para a carreira, dirixímonos ata a nosa zona asignada de saída. Alí quedaramos con algúns dos compoñentes da expedición tanina e por iso non nos movimos da zona asignada pero estes non farian acto de presencia xa que decidiran saír máis atrás. Deste xeito a hora de inicar a carreira estaba acompañado de David  pois Miguel tiña asignada outro caixón de saída.

A carrreira

Saída multitudinaria pero sen problemas . Collín ritmo e fun acompañando a David. Así pasamos polas rúas ateigadas de público de Irún e empezamos a chocar as mans dos nenos e a recibir os ánimos do público, algo que sería a tónica en todo o recorrido.

Os problemas empezaron cedo, na subida de Gaintxurizketa , dous quilómetros duros que me poñen no meu sitio, descólgome de David uns metros, empezo a notar que non son  quen fun.
Na baixada consigo dar alcance ao meu compañeiro, ao tempo que saudamos ao pirata e animo a Marcos que vai andando xa que as lesións non lle deixan correr a gusto.

No paso por Errentería entre o 11 e o 12 as pernas empezan a sufrir, o ambiente das grandes etapas do Tour  faise presente aquí, recoñezo de entre o público a un actor do programa televisivo " Vaya Semanita" ( Andoni Agirregomezkorta ) a quen saúdo dende a distancia. Enlazo cun corredor de Vigo que me saúda e nos damos ánimos.  A subida  a Capuchinos déixame "quente" . De aquí a meta foi un querer e non poder, limítome  a vivir o ambiente, trato de reter na memoria todo o que me rodea, as pernas van xustiñas.

O alto de Miracruz e o derradeiro gran escollo quedan tres quilómetros antes d e gozar da entrada en meta. Un quilómetro espectacular ateigado de público e que recorro vendo ao lado e a outro procurando a miña muller, a quen por fin atopo sobre  a ponte . Xa só queda entrar en meta, reto conseguido!!

Recollo a bebida, medalla e a mochila e busco o lugar de reencontro, por alí só aparecerán David e Miguel. Cando chegan as nosas compañeiras recibimos as noticias de que os demais Taninos  xa marchaban.


Espectacular carreira coa que me queda un sabor agridoce, loitei moito para poder correr  pero non cheguei nas mellores condicións a ela , outra vez será!!

Pero podo decir que 


15/04/14

XV Media Maratón Vig-Bay

Hoxe si que teño cousa que contar. pasaron moitas cousas dende a anterior entrada, moitos adestramentos, cambios de hora de adestrar e sobre todo  unha carreira a : XV edición da Media Maratón Vig-Bay  .

Tras a carreira no Porriño na que a chuvia foi a principal protagonista , o tempo climatolóxico deu un cambio radical, deixou de chover tanto e veu  a calor .

No tema dos adestramentos, estes intensificaronse buscando a posta a punto  e nas dúas últimas semansa cambiei de horario de adestramento, pasei de adestar pola noite a adestrar a primeira hora da mañá, as 7 da mañá. A razón deste cambio foi o que agora se chama "conciliación familiar" para ter tarde noite libre. Isto implicaba deitarse antes e erguerse da cama as 6:30 para estar listo as 7 e xa na rúa par ir adestrar. O primeiro día costou moito, de feito o adestramento previsto non o puiden rematar pois tiña que facer un dez mil en progresión  mais non era quen de manter un ritmo e máis ben era en regresión polo que decidín deixalo. Malia esta mala primeira experiencia os días seguintes a cousa mellorou e puiden realizar os adestramentos previstos sen problemas.


Todo estaba no seu sitio para disputar a Vig-Bay e tratar de facer marca persoal. Nos días previos á carreira empecei a notar unha molestia no pé dereito que achaquei a un mal asuste da zapatilla, o tempo diría que estaba errado .

Na véspera da proba fun ata Samil a recoller os dorsais do equipo e dos membros da miña familia, entre eles os do meu irmán Tino e os do meu sobriño Rafa ( a este último preparáralle o plan de adestramento ) que debutaban nesta carreira.

O meu dorsal e o contido da bolsa corredor

Chegou o día e na liña de saída había case cinco mil persoas, un ambiente espectacular, cruzábaste con coñecidos pola alí onde ías,resultaba imposible saúdar a todos e menos falar con eles.

Foto de equipo
Tras posar para as fotos coloqueime na liña de saída no sitio que me correspondía por cor de dorsal, adiante a uns dez metros da liña de saída.

Cando se deu a saída procurei coller rápido o meu ritmo de carreira e par iso tiven que adiantar a algún corredor lento que decidira colocarse onde non lle correspondía, menos mal que o o ancho da estrada permitía moverse con certa soltura.



Nos primeiros quilómetros de carreira procurei atopar algún corredor ou grupo que levaran o ritmo que buscaba. No km 2 atopei con Isma mais decidín deixalo pois levaba un ritmo forte para min, buscaba facer os primeiros sete quilómetros cómodos. Tras deixar a Isma din co grupo axeitado co que faría case toda a carreira. 
Paso o dez en 39:31 dentro do previsto síntome ben, mantendo as referencias cos corredores que me preceden.

Chegando a Praia América deume alcance Marcos ( do Carma) charlamos un pouco e ponse a tirar do grupo , eu ao meu ritmo.



Xa na praia o vento na contra faise sentir máis. Aquí o meu pé dereito empeza a doer un chisco máis e pola miña cabeza xa ronda que esta podía ser a derradeira carreira da temporada.  



 Pasamos pola alfombra do km 15 en 57:53, sigo en tempo de marca, e entramos na zona de Monte Lourido que hai que rodear, parte  do circuíto que é nova para min, na que se ben imos máis protexidos do vento é un constante subir e baixar, alí dou alcance a Fernando Rama e teño a tiro a Edu, penso que podo collelo.

Xa na recta da Ramallosa o vento volve a dar de cara e aínda quedan cinco quilómetros e vexo como Edu se me escapa da vista e non é por que eu baixe de ritmo.


Xa na Ramallosa adianto a Saúl, a lesión de cadeira que arrastraba durante a semana obrigouno a retirarse ou máis ben a rematar a carreira andando, unha mágoa.



Nos derradeiros catro quilómetros hai que correr xa co corazón, as forzas van ao límite, levo na vista a outro Tanino, Isma, a quen a falta dun quilómetro, dou alcance. Cando faltan aproximadamente cincocentos metros fago un cambio de ritmo mais Isma aguántao e supérame en meta, a que chego nun tempo de 1 h 24' 09'' . Non consigo mellorar  a miña marca persoal, aínda así estou satisfeito co meu tempo, pois este percorrido semella máis duro ca o anterior e as condicións de vento tampouco axudaban. Si a isto lle engadimos as molestias no pé é para estar satisfeito.

Posto 176 de 4622 chegados a meta. Resultados da XV Vig-Bay. 

Quero destacar o resultado dos "meus debutantes" : Rafa 1:40:22 ( posto 1671 ) e Tino 1:42.09 ( posto  1960 ).

Ao rematar a proba o pé dereito molestábame  bastante. Nos días seguintes as molestias seguían polo que a idea de que o que tiña era unha fascite plantar reafirmábase.

Tras a visita ao traumatólogo as sospeitas  confirmáronse. Descanso, antiinflamatorios e plantillas é o que me recetou o médico. Nun mes teño que facer unha ecografía do tendón de Aquiles esquerdo e despois pasar consulta de novo co tramatólogo. Espero que para eses días a lesión vaia remitindo. 

De momento non queda outra que quedarse de espectador é unha mágoa non poder disputar o que sería o meu sétimo maratón, só quedaban tres semanas e o traballo xa estaba case feito pero xa se sabe que as lesións veñen cando menos se espera.

Por un tempo deixarei de escribir neste blog, agora a prioridade é aproveitar o tempo libre para aproveitalo coa familia, descansar e reuperarse pensando no vindeiro reto deportivo a Behovia-San Sebastian.


Saúde e quilómetros!










17/03/14

VIII Interruning Piñeiro. Concello do Porriño

Levo semanas sen actualizar o blog, non dou feito traballo, familia, adestramentos... non me deixan tempo para escribir. Vou tentalo aos poucos a ver se sae unha boa crónica.

Interruning Piñeiro - Concello do Porriño


O día 2 de marzo participei na que será a última proba antes da Vig-Bay, a interruning do Porriño. Día chuvioso, desagradábel para correr. Saín a dálo todo, había que probarse e sacarse o mal sabor de boca que me deixara a Media de A Coruña. Non as tiña todas comigo, a climatoloxía non axudaba pero saíu dentro do esperado. O día anterior metera un adestramento de dezaseis quilómetros e pico no corpo e non sabía canto podía "pesar" na carreira. Saín moi rápido maís fun deixándome ir ata atopar o ritmo axeitado sempre por debaixo de 4'/km. Tras as dúas voltas ao circuíto do que constaba a carreira marquei un tempo e 38':10'' , boa marca, dentro do previsto.



Na seguintes semanas nada destacábel  nos adestramentos, xa dixen que estou facendo menos quilómetros pero máis intensos, veremos se é suficiente para acadar a miña marca persoal na Vig-Bay e despois achegarse as 3 horas no maratón, a verdade é que non as teño todas comigo, pois normalmente son partidario de facer experimentos só con gasosa pero desta vez quixen facer algo novo, se acertei xa se verá o día 6 de abril data da XV Vig-Bay. Esta carreira é para min a proba atlética por excelencia en Galicia, por recorrido, organización, por historia. Cando empecei a correr marqueime como obxectivo correr a Vig-Bay alá polo ano 2007 e  xa pasaron varias  edicións e sigo tendo a mesma ilusión de principiante.

Por otra banda estáseme a facer longa esta preparación. Polo meu horario, xa que  non podo adestrar antes das 20:30, estou a facer os adestramentos só, coa excepción das titadas longas dos domingos, nas que ben vou a Ponteareas a adestrar cos Taninos ou ben me quedo en Vigo con Carlos e Fon. Facer as series en solitario faise duro e as veces ata se me vai a cabeza e perdo a conta das voltas a Castrelos que levo, de feito nun adestramento tiña que facer un dez mil e ao final convertouse nun nove mil pois me comín unha volta e non me decatei do erro ata chegar a casa e comprobar o meu garmin.

Xa queda menos, tres semanas máis e xa estamos coa Vig-Bay, outra cousa será o maratón, o cal aínda non teño decidido facer ,  a día de hoxe ten un noventa por cento de posibilidades de ser   escollido  o da Coruña.


Saúde e quilómetros!!





24/02/14

VI Media Maratón de A Coruña

Primeiro test da preparación que sigo cara a Vig-Bay. Desta vez cambiei o plan de adestramento e quería constatar como ían os meus progresos. 
Ata Coruña nos desprazamos a miña muller mais eu o día anterior, conciliando familia e deporte. Chegamos cedo para ir na procura dos dorsais e con tempo para visitar á familia.
Despois de instalarnos no hotel e de comer dimos un paseo polo centro da cidade, o día era espléndido  e o ambiente nas rúas animoso. De vez en cando cruzábaste con algún que outro atleta.
Tras  unha máis que agradable cea na compaña duns amigos que estaban tamén de visita pola cidade fomos cedo para o hotel, tocaba madrugar.

A carreria empezaba as 10:00, mais baixamos a almorzar as 8:00 e despois na carreira notaría que a dixestión aínda non estaba feita, un erro de principiante.

Despois de atoparme cos Taninos , a quen lles fixen entrega dos seus dorsais, e de charar con outros colegas un anaco, prepareime para a carreira.
Quentei pouco, uns trotes arriba e abaixo dos Cantóns e listo para meternos nos caixóns de saída. Aquí produciuse o primeiro erro da carreira  xa que , para sorpresa miña, a cor do dorsal que me asignaron non se correspondía coa miña marca. Alí mesmo adevertín que non era o único caso e que o erro fora común. Falamos co voluntario e deixounos pasar ao caixón que verdadeiramente me correspondía.

As 10:00 deuse a saída mais non levabamos nen cen metros percorridos cando a carreira se parou, o desconcerto era xeral, unha carreira que ademais era campionato de España da distancia e párase nada máis empezar , na miña vida pasara algo semellante. O coche que portaba o cronómetro non arrincara. Quince minutos despois tras colocar de novo aos corredores no seu sitio deuse a saída e desta vez sen incidencias. 
Saín na compaña dos Taninos Edu,  Marcos e Rama . Esperaba poder facer a carreira na compaña deste último mais saíu moi forte e enseguida me sacou dez metros. No quilómetro dous pasoume pola cabeza  facer un esforzo e collelo, penseino mellor e decidín seguir co ritmo que levaba, que xa era alto ( 3':55'') .


Ata o quilómetro oito as cousa ían ben pero a partir de aquí a cousa cambiou. Xa no paseo do Orzán non me atopaba cómodo, o ritmo empezou a baixar  o vento empezaba a facerme dano. Aquí xa pensaba que a marca que bsucaba non estaba ao meu alcance. Só restaba acabar da maneira máis digna posible. No quilómetro quince empecei a facer cálculos e a pensar en apretar un poquiño. Do dezasete ao dezaoito o vento sopraba con moita forza en contra. Neste punto decidín botar o que me quedaba calculando o esforzo. O derradeiro quilómetro foi o máis rápido de toda a miña carreira e conseguín entrar en meta nun tempo oficial de 1:26:48 , posto 355 de 1742 , apenas uns segundos mellor que na media de Viana do Castelo.

A sensacións non foron nada boas, pensei realmente que cun mes de adestramento tería que ter máis melloría . Isto faime pensar se estou adestrando ben, se o plan que levo é o adecuado, se foi só un mal día ou se foi  un erro de estratexía de carreira. As dúbidas asáltanme, supoño que será normal cando as cousas non saen como se espera. 

O domigo teño outra oportunidade de valorar o meu estado, será na Interrruning Piñeiro - Concello do Porriño. É un dez mil e cun perfil rápido. Veremos como me sae e sacaremos conclusións.

Saúde e quilómetros.

16/02/14

Póndome ao día

Xa levaba varias semanas sen escribir e actualizar o blog, preguiza, falta de ideas, asuntos familiares e demais cousas, son os motivos polos cales ata hoxe non me puxen a actualizar este blog.

Sigo adestrando coa vista posta na XV edición da Vig-Bay, este é o primeiro obxectivo do ano, e de esguello empézase a ver o obxectivo do maratón de A Coruña tres semanas despois. O plan que estou a seguir está encamiñado á Vig-Bay completado cunhas tiradas dominicais máis longas pensando no maratón. Desta vez  decidín probar un plan novo, buscando novos xeitos de adestrar. A característica a destacar é o xeito de facer as series, pois hai que facela a tope todas e con recuperacións case totais. Por exemplo, as series de 800 m desta última semana fíxenas ao redor de 2':50'' e con recuperacións de 3', e as series de 2000 m saíronme ao redor de 7':20'' recuperando 4'. Os outros días ou son de carreira sostida a ritmos próximos ao obxectivo de carreira ou rodaxes de recuperación, amais da tirada longa dos domingos onde estou facendo sobre vinte quilómetros  en progresión.

O domingo día 9 de febreiro tiña pensado estrearme no mundo do Trail, por aquilo de ter novas experiencias, máis non puido ser, a familia é o primeiro. Deixo pendente o meu estreo na montaña  para outra oportunidade.

Onde espero estar é na Media maratón de A Coruña que se celebra o vindeiro día 23, será unha boa proba para medir o meu progreso. E tamén estou inscrito xa na Interruning Piñeiro - Concello do Porriño , un dez mil rápido  que tamén tomarei como proba do meu estado de preparación.

Seguimos adestrando  e competindo .

Saúde e quilómetros!!


20/01/14

XVI Meia maratona Manuela Machado. Viana do Castelo.

Semana marcada polos adestramentos pasados por auga, xusto cando empecei a preparar a Vig-Bay, cun plan específico que me serve para levar mellor os adestramentos en solitario,  a chuvia fixo presenza  e de que xeito!.

 O martes fixen unha rodaxe progresiva empezando a 5 e rematando a 4 min/km, costoume empezar, tiña as pernas doloridas e pesadas consecuencia da carreira do Calvario mais pouco a pouco fun collendo ritmo e acabando forte. O mércores chovía tanto que decidín saltarme o adestramento, cousa que non acostumo a facer. O xoves fixen as miñas primeiras series, máis ben foron cambios de ritmo (seis de dous minutos  a ritmo de serie con tres minutos de recuperación a ritmo suave) . A chuvia de novo marcou a xornada. Escollín o paseo de Bouzas, fuxindo da lama de Castrelos, e atopei un circuíto cheo de charcos e con chaparradas que dificultaron o adestramento. O sábado outra rodaxe progresiva de doce quilómetros e desta vez a chuvia case non fixo acto de presenza. O domingo alterei o plan de adestramento para acudir a Viana do Castelo para participar na Meia Maratona Manuela Machado na compaña dos Taninos.
Km 10. Con boas sensacións

Un clásico das carreiras. Sempre que podo acudo a esta proba do norte de Portugal ( ou sul da Galiza). Unha carreira que vai medrando ano tras ano en participación e como siga así vai ter que mellorar algunhas cousas. Entre elas o tema da saída, demasiado estreita para o número de inscritos e que fixo que tardase medio minuto en cruzar a liña de saída e que durante os dous primeiros quilómetros tivess que ir esquivando corredores ata poder ter camiño libre e facer a miña carreira. Esta foi un tanto irregular, saín coa idea de dar o que tiña, sen obsesionarse coa marca, de feito non a preparei e o día anterior fixen un adestramento de doce quilómetros. Fun, como decía, a dar o que tiña, nas subidas sufría, no plano e nas baixadas ía ben. Ata o 13 fun na compaña de Novoa ( Afiadores ). A partir de aí co piloto automático tratando de manter o ritmo. Aínda non estou para manter un ritmo constante alto e fun variando o ritmo según sensacións de carreira. En liñas xerais, máis que satisfeito coa miña carreira,  pois fixen un tempo neto de 1:26:55 e o posto 310, maís que satisfeito para a altura da temporada na que estou.

km.14 baixando cómodo

Km 20 xa non tan cómodo, botando os restos.

O futuro próximo pasa por seguir adestrando cara a Vig-Bay, non teño ningunha carreira en mente agás a media maratón de A Coruña pero isto aínda queda lonxe.


Saúde e quilómetros!!


12/01/14

III Correndo por Vigo ( O Calvario )

Primeira carreira do ano e baixo unhas condicións climáticas adversas, como se acostuma a decir cando a choiva e o vento fan presencia. Día de cans, vento forte ao que se uníu a chuvia cando empezou a carreira. Así e todo o resultado estivo dentro do esperado, pois polo Nadal pouco adestramento de calidade fixen se exceptuamos as series de mil que fixen o xoves entre 3:47 e 3:38, cinco para ser máis detallistas.

A modo  de quecemento fun  trotando dende casa ( vivo na Avda. Florida ) ata o Calvario na compaña de Carlos. A climatoloxía fíxonos ter que regardarnos no interior do Mercado ata minutos antes de iniciar a carreira.

Aínda estivemos esperando bastante tempo baixo a chuvia e o frío antes de darse a saída. A carreira cambiou o circuíto con respecto a edicións anteriores e desta vez saíase cara abaixo cara  a rúa Pizarro o que fixo que saíramos lanzados. Como sabía da dureza do tramo da rúa Aragón, que se collía despois de baixar a Travesía  de Vigo, quixen saír reservando forzas, de feito pasei  ben a rúa Aragón. Ao paso da primeira volta levaba un tempo de 19:19 pero a partir de aí a cousa cambiou, a pesar de sentirme ben e forte empezaba a perder posicións e as miñas referencias tomaban cada vez máis distancia. A partir do quilómetro sete as pernas empezaron a doer, coincidindo de novo coa rúa Aragón. xa no nove quixen coller o ritmo dun corredor que me superaba, seguino trescentros metros pero non fun quen de continuar con el e rebentei. Os derradeiros metros foron para sufrir tentando manter a posición. Tempo final 38:59 ( vinte e un segundos peor que a primeira volta) posto 90º. 


Unha carreira máis para o peto e xa pensando na vindeira, a media maratona Manuela Machado de Viana do Castelo que se celebra o domingo 19 de xaneiro. Esta semana empezo tamén o plan de adestramento da Vig-Bay, obxectivo desta primavera quedando pendente aínda a cita maratoniana.

Saúde e quilómetros!!

04/01/14

II San Silvestre Solidaria, Ponteareas

Parón polo Nadal só alterado pola participación da San Silvestre Solidaria que organiza o meu equipo Taninos Runners de Ponteareas. Polas festas case non  puiden adestrar, xa o sabía, entraba no previsto, tan só realicei un par de saídas cando a familia e as "cicloxéneses explosivas" ( antes chamábanse temporais ou galernas! ) o permitiron. 

A organización da San Silvestre mantívonos aos Taninos moi liados, cada un co seu cometido. A min tocoume, como vén sendo costume, o "departamento de comunicación e redes sociais" na compaña de Anxo,  un experto no contacto coa prensa. Tal cometido levoume a intervir en tres entrevistas radiofónicas, enviar correos á prensa e a corredores e incluso redactar unha nota de prensa, e algunha que outra cousa máis. O mesmo día da proba atendín chamadas de corredores con incidencias de carácter variado sobre todo relacionadas coa ausencia na lista definitiva de inscritos.

Cos meus sobriños e irmán.
Mais antes de participar na carreira houbo que colaborar na infraestrutura: preparar a entrega de dorsais, o avituallamento, vallas, cartelería, etc. 

 Os momentos previos á carreira foron de tirar fotos  cos amigos e coñecidos
 Os momentos previos á carreira foron de tirar fotos cos amigos e coñecidos
Cando estaba xa todo en marcha prepareime para a carreira, que a pesar de non ser competitiva, tiña en mente facela a tope. Tamén participaban, ademais de moitos amigos e coñecidos, os meus sobriños e irmán quen dende hai uns meses está tamén  metido nisto das carreiras.
O do meu sobriño pequeno,Martín, é de escándalo pois a pesar de dedicarse de cheo á natación e con só dezasete anos, ten un nível competitivo nas carreiras espectacular, xa que é quen de correr a ritmos próximos a 3':30''/km .
Cos Taninos antes da proba
  A carreira empezou puntualmente ás 17:30 . Saín en cabeza destrás dos galgos, xa dixen que pretendía ir a tope, e tanto que o primeiro dos cinco quilómetros dos que constaba a carreira, fíxeno en 3':30'', demasiado para min , e como consecuencia os catro seguintes foron en ritmos decrecentes para rematar en 4':00'' o derradeiro. Levaba por diante ao meu sobriño Andrés e a meu amigo Edu  aos que quería alcanzar, mais foi imposible e iso que Andrés  víase que ía a menos e que en cada volta lle recurtaba tempo, pero non había forzas para máis, queimeime tanto no primeiro quilómetro que non fun quen de recuperar.



Ao paso pola primeira volta

Non foi a mellor carreira que fixen pero non me podo queixar pois rematei en 18':35'' .
 Despois veu axudar na desmontaxe e tomar un chocolate e rosquillas cos compañeiros e amigos Taninos comentando o acontecido durante a xornada.

Sen descanso temos que pormos a preparar o calendario de probas, buscar obxectivos e por suposto adestrar. Polo pronto xa estou inscrito en dúas carreiras : Correndo por Vigo ( no Calvario) e a Media Maratona Manuela Machado de Viana do Castelo ( Portugal) , Xa teño en mente tamén empezar a preparar a Vig-Bay e cando os Taninos decidan que maratón facer  xuntos preparalo tamén. Parece descartado facer un maratón internacional polo que as posibilidades agora se reducen a A Coruña, Madrid ( ámbolos dous o 27 de abril ) e Vitoria ( 11 de maio), calquera dos tres sería válido para min pois obxectivo primeiro segue a ser a Vig-bay polo que calquera maratón posterior a celebración desta proba me valería.

Remato aquí a primeira entrada do ano deste blog, desexando a todos saúde, quilómetros e un ventureiro ano 2014!