28/10/09

Novena semana. XXXII Carreira Pedestre de Santiago

Superado o susto agora xa podo escribir a crónica da semana e da carreira. Semana duriña trala carreira de Ourense xa que o esforzo realizado nesta carreira deixou secuelas nas miñas pernas, estaban moi cargadas. O martes tiven que facer unha rodaxe moi suave e o mércores xa afrontei mellor as series de 800 m. que tocaban, cinco series entre 3':02'' e 1':47''. Como cada venres antes dunha competición unha rodaxe suave de corenta minutos.

O domingo trasladámonos a Santiago de Compostela a desputar unha das máis prestixiosas carreiras do calendario galego, prestixiosa polas edicións que acumula e pola cada vez maior participación por que no referente á organización deixa algunhas cousas que mellorar.
Chovía a eito cando saímos e durante o camiño pero ao irmos achegando o día foi abrindo.

Ao chegarmos á capital de Galicia recollimos os dorsais e tras unha breve parada a tomar un café empezamos a quecer tamén brevemente porque se nos botou o tempo enriba e non nos dimos conta de que a carreira empezaba media hora antes que o ano anterior. Como consecuencia e case sen quentar colocámonos na liña de saída de minutos antes das 10:00. A pesar de ter chovido o día empezaba a ser quente e calor empezaba a facer acto de presencia.
Pistoletazo de saída e inmediantamente busco un oco para ir gañando postos, Edu ten unha habilidade especial para iso e non fun capaz de seguilo co que tiven que buscarme a vida saíndo do carril e adiantando pola dereita. Cando cheguei ao alto pensei que Edu ía xa moi por diante e o meu obxectivo era pegarme a el todo canto puidese ( grande erro!) a sorpresa ben cando o vexo chegándose a min por detrás.


Xuntos continuamos como poseídos, en vez reducir o ritmo unha vez situados, non!, seguimos a darlle caña e así ao chegar ao km. 4 estaba fóra de punto totalmente e tiven que deixar a persecución. O problema foi que xa non estaba en condicións de recuperarme.




A partir deste momento por moito que baixaba o ritmo de carreira o que non baixaba era o ritmo cardíaco. No que quedaba de carreria ía a pasalo mal. Xa no campus Edu quitábame 25 segundos.

Cando comenzamos a subida do Vite ía totalmente agotado e como consecuencia, esta fíxoseme eterna, non daba chegado o final da subida. Ademais era constantemente rebasado por unha morea de corredores que facían aumentar a miña sensación de derrotado.


Con todo isto pasei baixo a pancarta de 10 quilómetros cun tempo de 40':05'' o que deixa ben as claras cal debeu ser o ritmo de saída para que a pesar de estar sufrindo dende o catro, no dez ía case a ritmo de 4 min/km.

Apreoveitando a baixada quixen facer un derradeiro esforzo, saquei forzas de onde non as había e tirei para adiante. Polas rúas da zona vella conseguín imprimir un ritmo forte xa que os derradeiros dous quilómetros fíxennos en 7':28''. Chegado á Praza do Obradoiro vin que se quería mellorar o tempo do ano anterior tería que esprintar e así o fixen, pero non valeu de nada. Tempo neto final : 47':33'' peor tempo por segundos.
Unha vez na praza e tras saudar a Edu, que chegara un minuto antes empezou outra carreira.
David non chegara. Xa pasaba unha hora de carreira e non daba sinais, estaba claro que lle sucedera algo o que non o sabiamos era o que Despois de dar voltas e voltas pola praza, de preguntar a coñecidos o único que sacamos en claro era que até a subida do Vite estaba en carreira, pero a partir de aí non había noticias. A organización brilaba pola súa ausencia, non había a quen preguntar. Na carpa de Cruz Vermella non sabían nada, a Policía Local envioume a un suposto Punto de Encontro onde non había a quen preguntar. Por fin e cando xa empezaban a desmantelar as vallas da meta fixo acto de presencia unha ambulancia do 061 a quen lle puidemos preguntar, coa sorte de que fora a ambulancia que o recollera e o trasladara ao hospital por que se desvanecera por unha deshidratación. De camiño ao hospital recibimos unha chamada do servicio de urxencias informando do sucedido.

A partir de aqui a historia xa é outra .

O home é un animal que aprende a base de tropezos, espero que estes tropezos non se repitan a miúdo.


Saúde e quilómetros

26/10/09

Parte médico 2

Boas novas! David xa recibiu a alta e descasa na súa casa.

Reiteramos as grazas polo interes e a preocupación a todos.

25/10/09

Parte médico

A crónica desta carreira permitídeme que a deixe para máis adiante, o que prometía ser un día divertido ao final non o foi tanto. O noso compañeiro David sufriu un desvanecemento na costa do Vite causado por unha deshidratación, sendo trasladado a un centro hospitalario onde os servicios médicos decidiron que se quedara en observación toda a noite.

Graciñas a todos os que chamaron e se preocuparon polo seu estado. Esperarei a recibir información da súa propia voz para trasmitiros a que esperamos sexa a súa total recuperación.

Ánimo David e hoxe máis que nunca saúde e quilómetros!!

Por certo para os nunca beben nas carreiras: HAI QUE BEBER AUGA !!!!

23/10/09

XXXII Pedestre de Santiago


Como entrante para esta carreira aquí vos deixo o seu perfil. Visto así aínda é maís "acojonante" a costa do Vite. Espero que non me abafe nela.

Saúde e quilómetros.

18/10/09

Oitava semana.III Maratón por relevos do Miño ( Ourense )

III Maraton Ourense


Esta semana si, esta semana saíu ben. Remataba a semana cunha competición peculiar. Peculiar por que é a única, que eu coñeza, que se fai por relevos fomentando o espíritu de equipo o maratón do Miño en Ourense.
Esta comeptición fíxonos saltar o adestramento do sábado para poder estar a tope o domingo de tal xeito só realizamos os adestramentos do martes ( 11 Km. ) e do mércores ( 8X500 m. entre 1:52 e 1:35 ). O venres 45 min. moi suaves que optei por realizar na cinta de correr do ximnasio, unha experiencia nova xa que non tiña corrido tanto tempo sobre este aparato nunca e a verdade foi unha experiencia que non repetiría, excepto por causa maior.

O domingo trasladámonos a Ourense tres equipos ( un totalmente integrado por Taninos) e outros dous con algún membro. Equipo 1 : David , Xose e Edu ; equipo 2 : Anxo, Rafa Dios e Fernando Rama; equipo 3 : Roberto, Marcos Piña e Maxi.

Chegamos á cidade das Burgas ás 8:00 AM e tras aparcar os coches cerca da zona de meta , trasladámomos ata a Praza Maior, lugar de saída. No camiño fixemos unha parada nunha cafetería para que os primeiros relevistas puideran ir ao baño mentres os demais tomabamos un café.

Ás nove en punto o medalla de ouro en Barcelona 92, Fermín Cacho, deu a saída para os primeiros relevistas. Os demais iniciamos o camiño cara o punto de relevo.


Tras unha breve parada noutra cafetería iniciei os preparativos para coller o relevo a David. Facía frío e quecín co chandal posto. Cando empezaron a chegar os primeiros da carreira despoxeime do chandal e coloqueime na zona de relevos esperando a David.


Sobre o min. 56:00 chegoume a quenda. Perdín uns segundos quitándolle o chip a David, púxeno no nocello esquerdo e a darlle zapatilla!.


Collín enseguida un bo ritmo. Antes de chegar ao 2º Km. xa adiantara polo menos a 5 equipos. Tras pasar a presa de Velle, encarando a beira dereita do río xa ía a tope. Continuaba adiantando equipos, un corredor do Pato Blanco de Celanova quixo seguirme, pero antes de chegar a zona da depuradora, no paseo das Ninfas, xa se quedou atrás, mentras eu seguía collendo e adiantando corredores. Tras a pasarela de Outariz os que participaban na Andaina en algún momento estorbaban a miña carreira, pero ía concentrado en tratar de coller ao que me precedía. Ao paso polas termas do Muíño da Veiga din collido a un corredor con camiseta verde que se me resistía. Unha vez que o superei deixeino atrás uns metros pero cando chegamos as Termas da Chavasqueira empecei a notar o esforzo. No derradeiro quilómetro as forzas empezaron a flaquear, os sobes e baixas do circuíto na zona das pontes acabou comigo o que aproveitou o corredor de verde que me precedía para adiantarme e chegar a deixar o relevo uns vintecinco metros por diante miña. O meu tempo neto 56':07'' ( oficial 57':27'' perdín 20'' no cambio do chip)

No relevo esperaba Edu. A miña carreira rematara. Estou satisfeito co realizado, din todo, cheguei baleiro e fixen un bo tempo. Agora só faltaba esperar a que Edu rematase a faena.

Tras esperar a que chegasen os outros segundos relevistas dos equipos de Ponteareas e charlar con outros corredores amigos e coñecidos, trasladámonos á zona de meta, onde nos esperaba unha área de catering con degustación de Tenreira Galega con pan de Cea ( boísimos!!! ) e liquidos (auga, aquarius, cervexa, viño...).

Os primeiros equipos empezaron a chegar. En cuarta posición o equipo integrado por Carlos Vidal do Ateltismo Porriño e que unha vez a semana adestra con nós. No posto decimosétimo chegou Edu cun tempo persoal de 57':20'' que sumado aos realizados por David e un servidor resultou ser de 2h:49':52''. Igualamos o mesmo posto do ano pasado(17 ºde 138 ) pero baixamos en case 5 minutos o tempo e nesta edición os equipos participantes foron 214. Obxectivo cumprido.



Equipo 1 : posto 17
Equipo 2: posto 46
Equipo 3: Posto 40

Resultados do III Maratón por relevos do Miño.
Resultados III Maratón individual do Miño.

Tras a carreira os agasallos da organización: unha bolsa con productos da Terra ( viño, aceite, marrón glace e bica ) ademais da correspondente camiseta. A verdade é que nos cuidan ben nesta carreira aos corredores, haberá que voltar!!!.

Agora a pola Pedestre de Santiago a carreira máis masificada de Galicia e que conta tamén coa meta máis fermosa : A Praza do Obradoiro, e a máis temida subida do circuíto galego: a costa do Vite.

11/10/09

Sétima semana. Descanso forzoso


Como consecuencia de participar na carreira de Vigo+11 a lesión no abductor non mellorou, sabía que iso podía pasar pero eran tantas as ganas de correr esta carreira que preferín arriesgar un pouco. Ao día seguinte tiña molestias na zona e a fisio díxome que en dous días non saíra a correr. Fixenlle caso, e cambiei o asfalto pola elíptica e a bici estática do ximnasio. Nin series nin rodaxes suaves, en seis días acudín ao ximnasio dús veces e á fisterapeuta outras dúas.

O venres díxome que o musculo estaba bastante ben. O sábado saín a probarme e acompañar a Edu nas series. Dúas de tres mil que me animei a facer despois de vinte cinco minutos de quecemento e comprobar que non tiña molestias. O ritmo de todos os xeitos foi bastante lento, un minuto máis do que estipulaba o plan, nas dúas series, mentras que Edu baixaba en case medio minuto o previsto. Sen molestias durante todo o adestramento.

O domingo como é costume toca tirada longa. Non sabía se ía a poder facelo, non sabía se as molestias poderían aparecer. Fomos a un rimto moderado, eu marcaba o ritmo. Foron pasando os minutos e os quilómetros e sen rastro de problemas. Ao facerse a hora e vendo que me atopaba ben decidín continuar. Ao final Edu apretou un pouco e os demais quedamos un pouco retrasados, pero o mellor foi poder rematar todo o circuíto sen problemas e ir recuperando sensacións.

A semana que vén participaremos no III maratón do Miño na categoría de relevos. O equipo está formado por David, Edu e eu. Anxo participará formando equipo con Rafa e Fernando Rama. Esta vez non podemos contar coa participación de Dani que está disfrutando da súa segunda paternidade (noraboa de novo!!)
O obxectivo será mellorar o posto da edición anterior, será máis difícil por que seguramente a participación tamén será maior e por suposto mellor. Veremos que podemos facer!

04/10/09

Sexta semana. Carreira Vigo +11



Buf! por que pouco!. Mala semana para min, todo ía moi ben, cumprindo o plan de adestramento e cada vez sentindome mellor, pero na sesión de series do mércores unha dor inesperada no abductor esquerdo obrigoume a parar na metade do adestramento. Sen aviso ningún e aos poucos metros de empezar a sexta serie ( tocaban doce) un pinchazo forte impediume seguir. Estiramentos, frío, antiinflamatorios e unha marabillosa sesión de fisioterapia conseguiron reducir os danos.


Tras este susto non adestrei o venres coa esperanza de poder participar na Vigo + 11 do domingo. Apetecíame moito correr pola rúas de Vigo, non todos os días se pode desfrutar de ter as súas rúas para poder correr.

Con moitas reservas presenteime en compaña dos Taninos na saída desta carreira. A miña intención de partida era probarme no quecemento, se tiña dor non corría. Probei e decidín sair, iso si, sen forzar, a desfrutar do recorrido.



Saída. Edu a tope dende o principio, dandoo todo coma sempre, os demais saímos máis atrás e cada un foi collendo o seu lugar na carreira. Pola miña banda quedeime con Anxo e Roberto. No Km. 2 non tiña moi boas sensacións e estaba por pararme ao pasar de novo pola alameda, pero a partir de aquí empecei a me atopar mellor.Decidín correr tendo en conta as sencacións do abductor. Anxo deixárame atrás e quedeime con Roberto. Ao pasar pola zona de Beiramar puiden contactar de novo con Anxo e por diante a 100 m. viamos a Isma, David non estaba xa ao meu alcance.
Xuntos subimos a rúa Coruña e así chegamos ata o km. 7.Na Avda. Camelias creo que atopei o meu ritmo, sempre limitado polas sensacións que me trasnmitía a zona lesionada. Tras pasar pola rúa Venezuela, chegamos á Gran Vía dende aí todo era baixar ata a Alameda e pensei poder coller a Isma, pero o abductor non me deixaba, cada vez que estiraba a perna a zona tensionábase demais. Sen forzar nadiña cheguei a meta en 48':13'' mal tempo para min por que se non fose pola lesión estou convencido de que podería facelo moito mellor pero depois do ocurrido estou encantado co realizado nesta carreira por que o importante era "non facerse dano"!.

Os resultados dos Taninos foron moi bos en xeral, cada un dentro das súas posibilidades, aínda que sempre nos queda esa sensación de que puidemos dar algo máis.

Edu: posto 55
David: posto 176
Isma: posto 231
Xosé: posto 244
Anxo: posto 272

Agora, pola miña banda toca recuperarse ben. Seguirie coas sesións de fisioterapia e cun adestramento conservador, por suposto nada de series ata que me recupere totalmente. Espero poder resacirme na Maratón por relevos de Ourense e na Popular de Santiago.