30/11/10

Taninos Runners Ponteareas

Xa somos asociación deportiva. Hoxe deuse un paso máis. Despois de asinar os estatutos e nomear á xunta directiva aproveitando a xuntanza do grupo nunha cea e tras pagar as taxas correspondentes, hoxe foi entregada a documentación no Rexistro da Xunta de Galicia, e á espera da aprobación dos estatutos podemos conseiderarnos un club deportivo. O de federarse non é un obxectivo a curto prazo, nin a medio pero organizarnos como club é un xeito de sentirse mellor organizados.

Como socio fundador e presindente electo deste club espero que isto sirva para crecer como grupo.

O primerio encargo como presidente foi o de reservar apartamentos en Sevilla para os días do maratón e podo anunciar que xa temos aloxamento no centro da cidade.

Respecto aos adestramentos seguimos dándolle duro a pesar das ceas e celebracións varias. Teño que ir axustando os adestramentos e os compromisos socias típicos destas datas como o ter que cambiar o día da tirada longa ao sábado o que me obriga a facela en solitario e a verdade boto de menos as saídas en grupo dos domingos pero creo que por unha cousa ou por outra nas seguintes tres semanas terei que facelas así.

A semana pasada fixemos o martes a rodaxe e o mércores unhas series de costas ( 8 x 1' ) que me deixaron as pernas "quentes " de máis, durante o resto da semana as pernas estiveron doloridas. O venres estoume acostumando tamén a adestrar ao medio día, xa o probei unhas cantas veces e non me disgusta a experiencia, obrígame a axustar os meus horarios pero así permíteme descansar unhas cantas horas máis e poder facer a tirada longa o sábado pola mañán.

A vindeira semana coa ponte da constitución vou a variar o adestramento xa que me vou adesprazar e terei que buscar unha horiñas para adestrar. Xa vos contarei se o consigo. De momento e grazas ao "google maps" xa localicei un sitio onde poder adestrar alá a onde vou a pasar a ponte.

Saúde e quilómetros!!

21/11/10

III Carreira Benéfica Fundación Óscar Pereiro (Mos)

A tarde presaxiaba chuvia mais se ben caíron unhas pingueiras antes e despois da carreira, a cousa non foi para tanto. Unha carreira organizada cun fin benéfico e por tanto canto maior fose a participación máis cartos para a causa. Seica se bateu a marca de participación, a organización non se cansaba da anunciar pola megafonía a participación de mil cincocentos corredores, entendo eu entre os cativos e os maiores. Na carreira de adultos a participación rondou os mil corredores entre os que estabamos os taninos Isma, Edu, Robert, Victor, David, Maxi e o reaparecido Sito, co que non coincidiamos nunha carreira dende había tempo, e un servidor.

A carreira retrasouse un chisco polas categorías inferiores o que fixo que case nos collera a noite. Debido a este retraso o quecemento foi malo, moita xente, algo de chuvia, moitos paróns para falar co Rama que nos veu a animar, etc. Con todo isto cando nos fomos a situar na liña de saída vinme moi atrás, non é que pensara facer unha marca estratosférica pero saír tan atrás impediume empezar a correr ao meu xeito ata o km. 2 xa que tiven que ir sorteando corredores por unha pistas demasiado estreitas para o número de corredores que había.
Con todo tampouco me sentía moi lixeiro, o que é lóxico por outra parte xa que esta semana non descoidei os adestramentos pertinentes, incluídas as series de costas que me deixaron as pernas doridas. Tratei de facer unha carreira de menos a máis e creo que o conseguín, cando me vin libre para poder correr fun marcándome metas pequenas: vou a superar a aquel de camiseta azul, despois a rapaza aquela e así ata meta. Fun incrementando o ritmo quilómetro a quilómetro e rematando forte e facendo a derradeira costa a moi bo ritmo o que me deixou moi satisfeito a pesar de non facer un tempo moi bo ( tempo neto 40':15''). Boa proba das dificultades para correr nos primeiros kms. foi que na clasificación final aparecen case que vinte e cinco corredores con peor tempo neto ca min por diante.
A clasificación pódese ver aquí

Os Taninos chegaron por esta orde :


Sito : posto 81
Isma: posto 85
Edu : posto 98
Xose : posto 197
Maxi: posto 276
Victor: posto 293
David: posto 327
Robert: posto 381

E o domingo a miña primeira tirada longa da temporada en compañía dos taninos, sen case descanso e en menos de vintecatro horas fixemos un adestramento de un pouco máis de hora e media para facer case vinte quilómetros. Con isto, que non é pouco rematou a semana cinco, xa só quedan para Sevilla doce semanas de duro adestramento.

Saúde e quilómetros!!


14/11/10

XXXIV San Martiño ( Ourense)



XXXIV San Martiño



Semanda de adestramentos marcada pola celebración desta tradicional proba que pasa por ser unha das máis populosas con case tres mil corredores chegados a meta na carreira de adultos.

Cumprindo o meu plan de traballo non fixen ningunha variación para preparar a San Martiño, se exceptuamos a estrea da nova adquisición de zapatillas unhas Saucony Triunph 7 que vou a empregar só para adestrar.
Cinco foron as sesións : dúas rodaxes dunha hora, unha de series de costas, outra de cincuenta minutos e o domingo a competición de dez km.

O día das series foi o máis difícil non só por ter que facer costas senón que ademais tiven que facelas só xa que os demais taninos ou ben non puideron adestrar uns ou ben fixeron series de mil os outros. A pesar disto cheguei moi contento a casa por facelas a moi bo ritmo.


Da carreira do domingo tamén estou moi satisfeito por opter un resultado mellor do esperado. Na compaña de oito taninos chegamos a Ourense con tempo suficiente par recoller os dorsais, tomar un café en compañia de Roberto Feijoo e cambiarnos par enseguida iniciar o quecemento.

Quince minutos antes do inicio xa estabamos preparados a poucos metros da liña de saída. Puxénmonos preto da valla o que nos permitiu sair bastante libres polo carril dereito para ser unha carreira con tanta participación.
Non quixen cegarme na saída e por iso deixei marchar po diante a Edu, Isma e Dani. Fun controlando o ritmo a través das pulsaciónse tomando como referencia a un corredos veterán. Nos pasos quilométricos ía comprobando que o meu ritmo rondaba os 4 min/Km e ía bastante ben de sensacións. No paso do quinto quilómetro ía sobre os 20 min e pouco. A partir da aí empecei a incrementar o ritmo. Desfrutaba da carreira, ía cómodo de pulsacións e de pernas. No km 8 vexo por diante a Dani mais non quixen cegarme na súa persecución, esperei ao km 9 par apretar un chisco máis e conseguir pórme ao seu carón xa sobre a ponte romana, pero foi verme e pegar un cambio de ritmo ao que non fun capaz de responder. Tempo final neto 39':32'' , trinta e poucos segundos máis que na edición pasada pero con mellores sensacións e sufrindo a metade.

Os taninos optivemos os seguintes resultados:
posto tempo neto
Edu 214 37:50
Isma 259 38:33
Dani 357 39:31
Xose 363 39:32
Victor 712 42:48
Robert 801 43:22
David 837 43:01
Anxo 1040 44:39

Resultados oficiais aquí.

Valoro moi positivamente este resultado, levo tres meses adestrando dende a lesión e xa conseguín baixar de catro minutos quilómetro.

Despois da carreira veu o terceiro tempo e sendo domingo e en Ourense o manxar a degustar non podía ser outro que o polbo á feira, regado dun bo albariño, magnífica idea esta de combianr deporte e gastronomía.

A vindeira semana, amais de seguir a preparación do maratón imos a particiapar na III edición da carreira popular benéfica fundación Óscar Pereiro en Mos unha proba con fins benéficos e da que gardo un bo recordo xa que na edición anterior conseguira baixar dos 38 min.

Sáude e quilómetros!!

06/11/10

Sevilla, restan 16 semanas.

Como xa anunciara en entradas anteriores púxenme a preparar o maratón de Sevilla a celebrar o 16 de febreiro de 2011. E polo tanto houbo que emepzar a facer rodaxes longas e series de forza. De feito en compañía de David e Dani Bargiela o mércores pasado "asaltamos" por primeira vez nesta tempada a tan termida costa da "matahomes" para quen non a coñeza o nome dío todo. É unha costa de máxima pendente que tivemos que subir en tres series de sete repeticións para facer un total de vinte e unha, rematando cada serie cunha recta de 100 m.
Ademais destas series nos demais días fixen rodaxes dunha hora o martes e o venres mentres que o sábado fixen a tirada longa que se me foi a unha hora corenta minutos.

O venres probei a correr a outra hora da que estaba acostumado, normalmente adestro a partir das nove da noite, despois da xornada de traballo, pero desta vez experimentei a facelo ao medio día. A iso da unha, cando remato a xornada laboral de mañá fun ata o ximnasio alí cambieme e saín a correr por Vigo ata facer a hora. Deume tempo de baixar ata Castrelos e comprobar que hai máis xente coma min de tola e que aproveita esa hora para facer deporte. Tras rematar de correr volvín ao ximnasio e fixen unha breve sesión de pesas, abdominais e estiramentos. A experiencia non estivo mal, teño que organizarme mellor pero de seguro que a repetirei algún que outro venres.
A tirada longa tamén a variei, normalmente faise o domingo pero desta vez optei por facela o sábado. Saín acompañdo de Edu que ía a facer series ata as instalacións de Pardellas, acompañeino ata alí e metres el facía as súas series eu fixen a miña rodaxe nas mesmas intalacións para ao rematarmos regresar xuntos. Total dos 90' que tiña previsto fóronseme ata 100' a ritmo suave.

O mellor da semana non foi un aspecto deportivo senón a comida que algúns dos taninos fixemos en Vigo no "Bar El Puerto" , espectacular homenaxe a que nos dimos con uns suculentos pratos de peixe regados de bos viños galegos, así é doado coller folgos para as carreiras!.

A vinderia semana remataráse coa nosa participación na XXXIV edición da San Martiño ( Ourense), carreira que non me altera os plan de adestramento xa que neste prevese para ese día unha competición de 10 Km.


A esta proba non vou con moitas pretensións no que a facer bos tempos, vou a sair a competir pero son consciente de que o meu estado de forma no é o óptimo por iso se rondo os 40' sería un resultado excelente.

Saúde e quilómetros!!