28/10/15

Un ano despois

Non, non deixei de correr, sigo, pero non escribo, por que? porque non teño motivación, xa non me motiva deixar constancia dos meus adestramentos. Nun mundo cada vez máis tecnolóxico, onde se queres tes ducias de formas de facer públicas as túas experiencias, sexan deportivas ou de outra índole, escribir neste blog  ou calquera outro lugar non me aporta nada novo, xa non son novidade para min os adestramentos , as carreiras, etc máis ben penso que xa non é de interese para ninguén ler isto. se algunha vez o foi.  Tamén é certo que levo unha temporada na que non conseguín adestrar en condicións polas lesións e iso tamén desmotiva.

A pesar de todo isto que acabo de contar vou tentar escribir como terapia , a ver se atopo a inspiración de novo, a ver se consigo volver a adestrar con constancia, adestrar para contalo ou contalo para adestrar.

Para empezar mellor facer memoria do que pasou dende a Behovía-San Sebastián do ano pasado. Ao pouco de  rematar esta experiencia fun deixando de correr, pensando xa que a temporada de primavera estaba perdida pois teña pendente pasar por unha cirurxía reparatoria ( hernia inguinal). Esta produciuse a primeiros de xaneiro e ata febreiro non volvin a correr, marcándonme un reto : a Media Maratón de Vigo. 

Unha carreira á que lle tiña ganas, xa que dende que foi recuperada no calendario de carreiras non a puidera correr. Fíxenme cun plan  de adestramento, renunciei a participar na Vig-Bay ( non estaba en condicións físicas para facela ), adestrei todo o ben que podía pero unha semana antes da proba un forte catarro deixoume fóra de xogo. Así e todo fun da saída pero  non fun quen de  rematala, quedeime na primeira volta, non había forzas para máis. 
O desánimo chegou mais a finais do mes de maio puiden medio resarcirme na III edición de Correndo por Vigo Nocturns  ( 42':34'' en 10 km ) . 
En xuño puiden participar na Nocturna de San Xoan e na Carreira de Redondela. 
En xullo chegarían de novo os problemas físicos. Molestias no xemelgo esquerdo acabaron por convertirse en contractura, dez días parado e volta a correr para volver a caer na mesma lesión. A impaciencia por chegar en condicións de participar nas 24 horas de Castrelos co meu equipo , os Taninos Runners de Ponteareas, fixeron que forzase a recuperación.  Un mes de agosto no que saír a correr era unha aventura de risco por que tan pronto podía correr seis quilómetros como non era quen de facer dous. A decisión máis acertada foi parar de todo e empezar a preparar o camiño de Santiago na compaña da miña muller. Este parón foi de quince días. Empecei a correr nas 24 Horas de Castrelos, non podía deixar ao meu equipo tirado, mais as consecuencias foron volver a mancarse e tomarse o mes de  setembro de descanso.
24 horas de Castrelos 2015


Descanso de correr por que cambie as carreiras por camiñar. Do 21 ao 26 deste mes fixemos o Camiño de Santiago Portugués. Unha experiencia reconfortante á vez que  dura . Seis etapas dende Tui ata Compostela na compaña de Graciela.


De volta e xa en outubro retomei os adestramentos, empezando de cero, pouco a pouco, collendo ritmo e ganas. Agora que o mes está rematando xa estou pensando en participar nalgunha carreira, de feito xa estou inscito na carreira contra o cancro  que se  celebra o día 1 de novembro polas rúas de Vigo e concretamente  pola zona das Travesas. Se todo vai ben  o domingo seguinte tocaralle a quenda á Vigo +11 e despois á San Martiño de Ourense . Deste xeito penso ir entrado no mundo das carreiras pensando en preparar a  media de Viana do Castelo o 17 de xaneiro, mais imos ir a modiño, non hai présa!