24/02/10

A unha semana. De lesións e temporais.


Esta semana empezou mal, moi mal. Por unha banda a confirmación da lesión de Dani que lle impide presentarse na liña de saída desta Marató, despois de moito esforzo preparando esta carreira con moita ilusión e de loitar por recuperarse, o seu nocello dixo basta, unha tendosinovite deixouno fóra de xogo. Aquí vai o meu ánimo para unha pronta recuperación, lembra que temos unha conta pendente na costa do Vite.

Pola miña banda a semana tampouco empezou ben. Despois da tirada do domingo e xa pola tarde empecei a ter molestias no musculo tibial anterior dereito. Isto fíxome ter que visitar á fisioterapeuta dúas veces, ademais de ter que descansar máis do previsto e non facer unha proba ( 2x6000 m.) que pretendía comprobar se estou ou non preparado para afrontar o reto de baixar de 3 horas na Marató. Como decía esta proba non a fixen por precaución e substiuína por unha rodaxe de pouco máis de 11 Km. Ademais foi unha semana moi dura para adestrar pola metreoloxía tan adversa, había que pensalo moi ben antes de pórse as zapatillas e sair a correr co que choveu. Na fin de semana realicei os adestramentos previstos : 60' o sábado e 90' o domingo, se ben estes últimos pensaba realizalos na interruning do Porriño non foi posíbel polo, na miña opinión, exceso de celo por parte das autoridades autonómicas e municipais que tralo paso dunha cicloxénese explosiva ( con ese nome "acojona" a calquera) o sábado, entenderon que o domingo non se podía realizar ningunha actividade deportiva ao aire libre, cando as previsións metereolóxicas para o domingo eran favorábeis. Por iso os taninos reunímonos no lugar habitual para facer unha saída dominical a trote suave e estrear, no meu caso a nova camiseta do equipo que luciremos polas rúas de Barcelona ( non me gusta estrear roupa nen calzado nunha carreira e menos nun maratón).
Xa pensando na viaxe a Barcelona esta semana os adestramentos baixan de intensidade. O martes faremos unha rodaxe dunha hora e o mércores cinco series de mil metros para xa en Barcelona soltar pernas, seguramente o sábado pola mañán na chamada breakfast run , unha carreiriña que transcurre polos derradeiros quilómetros do maratón do XX.OO. Barcelona 92. O domigo é a proba a unha hora un tanto intempestiva: as 8:30. Deixo aquí un video que atopei na rede sobre a marató da pasada edición.

Video resumo marató 2009

O venres subiremos ao avión, xa está todo case ultimado para a viaxe. Chegar á liña de saída xa é un logro, agora tentaremos acadar os obxectivos deportivos. No meu caso pretendo, como xa comentei antes, baixar, aínda que sexa por un segundo, das tres horas. É un reto difícil pola marca en si e por que a carreira é tan longa que todo pode pasar. Espero dar boas noticias a vindeira semana.


Saúde e quilómetros!!

21/02/10

Restan dúas semanas.Visitas inesperadas.

A falta de quince días para a Marató, esta semana recibín dúas visitas inesperadas: un catarro e unha "páxara".

O catarro fixo acto de presencia o mércores, cando despertei tiña dor de gorxa e partir de aí o catarro seguiu o seu proceso habitual en min: dor de gorxa, mocos e tose. Ata o de agora me tiña salvado dos catarros ( levo dende outubro tomando unhas pingas de esencia equinacea todos os días) pero non conseguín librarme desta vez pero tamén é certo que prefiro que em veña agora e non dentro dunha semana, así polo menos teño tempo para recuperarme.

A "páxara" chegoume na tirada longa do domingo. Dende o principio non me sentía ben, pensei que se debía ao tempo ( chuvia ) e ao terreo ( moi enlamado) pero cando levabamos corenta minutos comprobaba que o cansazo ía en aumento. As pulsacións non me subían e me quedaba en todas as subidiñas, ía fundido. A pesar desta sensación me propuxen rematar o adestramento. E así o fixen, costoume ferro e fariña facer 22 Km. para os que necesitei 1h. 52':00''. As causas deste desfalecemento poden ser varias : pouco descanso, o mesmo catarro que me acompaña, deficiente alimentación... ou todo xunto. Non lle vou dar máis voltas, agora teño dúas semanas para recuperarme estar a tope en Barcelona.

No que respecta aos adestramentos desta semana cabe destacar as series de 400 do mércores (15x400) e as longas do venres ( 4x3000m.). As de 400 m. realizámolas entre 1':36'' e 1':11'' no meu caso, (Edu fixo a derradeira en 1':07''!!!). Para facer as de 3000m. contamos coa colaboración de Dani Bargiela quen nos axudou a rematar as series en 11':11'' despois de facer a primeira en 12':50'' a segunda en 12':20'' e a terceira en 12':06''. O martes e o venres rodaxes entre 60' e 70'.

Os taninos contaremos cun membro máis do equipo que se sumou a esta experiencia. Se ha dúas semans eer Fernando Rama o que se inscribía na Marató, agora foi Victor. Espero que todos poidamos estar na liña de saída o día 7. Por certo a hora de saída é as 8:30 horas e non ás 9:00 como é costume noutras maratóns, haberá que madrugar un pouquiño máis.

O vindeiro domingo 28 de febreiro nos desplazaremos ata a vila veciña do Porriño para participara na IV Interrunnig . No meu caso tomareina como un adestramento con xente xa que a miña idea é empezar a correr corenta e cinco minuntos antes da proba para así poder facer os 90' que temos no plan de adestramento.

Saúde e quilómetros.

14/02/10

Faltan tres semanas. Parte de guerra II.






Pouquiño resta xa, esta semana foi rariña por que unha banda ademais de adestrar tivemos unha comida de confraternización ao redor dun bo cocido nunha paraxe marabillosa ( as adegas de Casal de Armán no Ribeiro) da que dan fe estas fotos.
Por outra banda as noticias sobre a situación física de Dani son preocupantes. Todos desexamos e esperamos unha recuperación que lle permita realizar a Marató.


Con respecto aos adestramentos , estes estuveron marcados pola proba que debiamos realizar o domigo: unha media maratón. As series do mércores foron seis de mil de 4:07 a 3:22. O martes, xoves e venres rodaxes moi suaves.
O domingo fomos ata Salvaterra e alí fixemos un recorrido de 21 Km noq ue debiamos exprimirnos como se fose nunha carreira. Tendo en conta que as circunstancias dunha carreira son outras os tempos realizados ao final hai que tomalos como bos. No meu caso clavei 1h.:24':03'' Edu 1:25:30 e Victor 1:37:00, David e Robert non completaron os 21 quilómetros pero fixeron os seus quilómetros. Foi un adestramento atípico pois facer unha carreira así por que si non é doado. Para tal carreira contamos coa colaboración de David que si ben non ten como obxectivo a Marató si se apuntou a botarnos unha man. Tamén contamos coa colaboración dun corredor portugués que todos os domingos atopamos facendo quilómetros pola Canuda. O seu traballo foi importante para min xa que me acompañou casae toda a carreira salvo os dous derraderios quilómetros nos que nion puiden seguir o seu ritmo.

Esta semana tocan unhas series curtas ( catorce de catrocentos) e outras longas ( catro de tres mil) e será a derradeira semana dura, ao meu parecer. Xa estou desexanllo que remate a preparación e chegue o momento da carreira. Barcelona está aí, ao ladiño.

07/02/10

A un mes do Marató.


Os Taninos somos así
( Media Maratona Manuela Machado)


A un mes da carreira o traballo está case feito. Esta semana foi a máis dura por quilómetros e por intensidade. Durante esta semana fixemos dúas sesiósn de series: unha, o martes con dúas series de cinco mil metros ( 1ª en 21':03'' e a 2ª en 19':19'') e outra o venres con dez series de mil metros empezando en 4':15'' para rematar en 3':22'.

As rodaxes tamén se viron incrementadas en minutos e por tanto en quilómetros. Agora son de 70'. O domingo 110'pra realizar case 24 quilómetros.

Consecuencia de todo este traballo é que as pernas están moi cargadas e incluso algún de nós contracturado como é o caso de Dani que non puido realizar a tirada longa do domingo por problemas nun tibial. Eu mesmo teño un amago de contractura nos isquiotibiales da perna dereita que espero remita co descanso do luns.

Por outra banda temos un novo tanino inscrito na Marató xa que Rama animouse vir con nós e estrearse na distancia. Dende aquí quero trasmitirlles os meus mellores desexos para que disfrute desta aventura.

Como dicía no inicio o traballo xa está feito agora queda ter coidado coas lesións e manter o realizado.

Saúde e quilómetros!!