20/07/09

Nada novo, todo segue o seu curso.

Outra semana máis de adestramento, sen metas próximas pero si para o final do verán. Parece ser que tanto a media de Pontevedra como a maratón por relevos de Ourense vanse celebrar e eu penso estar alí. Para a primeira non teño dúbidas, para a segunda dependo de facer equipo e para iso terei que quentarlle a cabeza a algún tanino.

Esta semana temos unha cita gastronómica, hai que alimetar o corpo e o espíritu.

13/07/09

Tirada longa

Este domingo fixen a miña primeira saída ,en compañía de Edu.,de máis de 90' dende a maratón de Donosti. Despois veu a lesión e volta a empezar. Xa non me lembraba o que era estar correndo máis de hora e media, e o mellor de todo é que me sentín moi ben, de feito no meu horizonte máis cercano non estaba correr ningunha media maratón pero depois do realizado esta fin de semana a reaparición nas Medias xa está máis perto.
Xa estou buscando algunha para o mes de setembro. No calendario da federación galega atopei a de Pontevedra pero o ano pasado non se realizou polo que de momento non é seguro que se celebre esta edición, como tampouco é seguro que se celebre a III edición da Maratón de Ourense. No caso de que fallen estas opcións haberá que pensar na posibilidade de desplazarse ata Valladolid como fixeron na edición anterior algúns foreiros de correrengalicia.

Por outra banda comentar que me está custando seguir co horario que tiña marcado para ir ao ximnasio. O cambio de horario no traballo estame obrigando a axustar os meus horarios e teño que improvisar sobre a marcha paar atopar un oco que me permita seguir co ximnasio sen reducir os días sair a correr.
Agora que teño unha táboa de exercios establecida non me gustaría ter que deixalo.

08/07/09

Presumindo de curmán!!!

Nos pasados campionatos galegos de pista o meu curmán Totí quedou campión galego na categoría de veterán de 100m. e 200m. Podedes ver a crónica algúnhas imaxes nesta ligazón que nos remite ao blog de María ( anguila del Tea ).

Campionato galego de Veteráns 2009


Noraboa Toti e darlle caña!!!

05/07/09

XXVI Carreira Popular de Leiro.

Domingo pola mañán, amanece co ceo cuberto, ameaza chuvia, boa temperatura: bo día para correr! (iso pensaba). A Leiro nos desplazamos Edu maís eu. Xa en Leiro imos a buscar os dorsais. Atopámonos con Roberto e familia e tomamos un café xuntos. Saúdo a varios coñecidos do mundo das carreiras e imos a prepararnos para a carreira. A temperatura empeza a subir. Cando empezamos a quentar atopámonos con Sito e Isma que chegaran máis tarde.

Cando comenza a carreira a calor xa é importante. Saímos todos xuntos e algo retrasados, co típico tapón que se produce neste tipo de carreiras. Xa pola beira do río, Sito ponse a tirar saltándo fóra do carril buscando poder avanzar postos sen problemas. Déixome ir detrás súa ata que voltamos ao carril e alí xa me deixo quedar, damasiado ritmo para min.
Edu sígueme e xuntos facemos boa parte da carreira. Adianto a coñecidos foreiros de correrengalicia (Beauvais e Fonvigo) e charlo un pouco con eles, aínda son capaz de falar neses intres.

Ata o quilómetro cinco Edu mais eu imos tirando un do outro e pasamos xuntos pola alfombra de control por debaixo de 4' km.(19:52). Entramos nunha zona de árbores que dan unha sombra que se agradece.Collemos auga e como a calor xa me empeza a sofocar decido levarme na man a botella. Cara o quilómetro seis voltamos ao sol, por un sendeiro que vai paralelo á estrada do Carballiño. Empezo a sentir o sufrimento e me empezan a pasar corredores. A estas alturas Edu vai uns metros por detrás e penso que vai controlando e que nalgún momento me vai a pasar como un foguete. Intento seguir o ritmo dalgúns corredores que me sobrepasan, do sete ata o oito recupero un pouco e collo ritmo outra vez. Pasando a zona do río bota vista atrás e Edu sigue a uns metros.Encaramos o derradeiro tramo de subida e trato de facelo a ritmo, para algo teñen que servir as sesións de ximnasio!. Paso o Km 9 e encaro a recta de meta sen mirar atrás e fago un derradeiro esforzo para esprintar, adianto a un corredor pero tamén me adianta outro pola esquerda. Entro en meta 38':00'' ( 38':02" oficial), media 4':05" posto 105. Pouco atrás entra Edu (38':38"). Sito xa levaba esperando un bo anaco (36':20").

Resultados da Carreira Popular de Leiro.

Moita calor, sen chegar ás temperaturas de Gondomar pero para meu gusto xa chegaba. Como dixo Roberto a carreira tiña que haber empezado unha horiña antes e sería perfecto.

Como sempre o mellor a charla e os comentarios cos coñecidos despois da carreira mentres recuperas o alento. Puiden coñecer e charlar coa gran Mª José Gestido que me foi presentada por Fonvigo de correrengalicia. Quedou segunda por que se lesionou cunha rutura de fibras que a vai ter parada un tempiño e disto de estar parado eu sei moito e se é "jodido" para un popular coma min máis o é para unha corredora de elite.

Non nos quedamos nin á entrega de premios nin ao sorteo e posteriores pinchos que dispón a organización para os corredores e acompañantes, para outra vez será!.

Para finalizar unha crítica á organización, faltou auga! na meta escoitei queixas de que nos avituallamentos non houbo auga para os corredores máis retrasados e houbo quen se tivo que agachar a coller as botellas deixadas no chan polos corredores para poder refrescarse, un punto moi negativo para unha organización que se volca nesta carreira.

Xa cumprín un obxectivo, volver a estar ao nivel do ano pasado nestas alturas, agora haberá que buscar novos retos, parado non me vou a quedar, xa parei demasiado a principio de ano!.

XXVI Carreira Popular de Leiro


Saúde e quilómetros!!!