24/06/09

XXVI Nocturna de San Xoan-Vigo


Estou máis que contento coa miña carreira. Dende que me recuperei da lesión non fixera unha carreira en boas condicións xa que na de Gondomar nin eu estaba a tope nin os 30º C me permitiron facer bos tempos, pola contra nesta saíume todo como esperaba e desexaba.

Boa temperatura e mellor ambiente en toda a carreira. Esta pasa por ser a carreira peor organizada das que teño corrido: Caos nas inscricións que se realizan "pola vella" ( as novas tecnoloxías non chagaron aínda!), tramos nos que os cruces non están controlados e algún coche se mete no medio, semicaos que se produce na meta ( sin sinalizar por certo)..., pero a pesar disto esta carreira ten un algo que a fai atractiva, será polo ambiente, por poder correr polas rúas de Vigo, ou quizá por que todo isto me recorda a como eran as carreiras de hai vinte ou vinte e cinco anos cando facía das miñas nas carreiras populares, aínda lembro como se establecían as clasificacións na pedestre de Santiago onde ao chegar a meta arrincábanche o dorsal e o cravaban nun pincho e dous días despois podias ver a clasificación no xornal, nin que decir que os tempos non aparecían e cada un o medía co seu propio crono.

A miña carreira foi do seguinte xeito: Na saída coloqueime moi atrás polo que tiven que esforzarme demais para saír do atranco pero xa entrando e Camelias puiden poñerme a ritmo na compaña de Fonvigo ( correlega que tiven o pracer de coñecer en Castrelos). Baixando por Romil ía como un "tiro" facendo o primeiro Km en 4'. A partir de aí a "darlle zapatilla"por Pi y Margall. Lopez Mora e rúa Coruña marcándome ritmo de caza. Xa en Tomás A. Alonso, onde a carreira picaba un pouco para arriba me empezo a esixir un pouco máis. Xiro en Bouzas e encaramos Beiramar que se fai interminable. Alcanzo a Billa que non me pode seguir e sigo "cazando" corredores. Nos derradeiros cincocentros metros teño de compañeiro do club Vigués, xuntos adiantamos a falta de trescentos metros á gran Julia Vaquero que o estaba pasando mal e entrando na praza do Berbés o meu acompañante deixame atrás sen poder de reacción da miña parte. Tempo final 29':59'' sobre 8 km. Non está nada mal para levar escasamente dous meses adestrando.

Clasificación final: XXVI Nocturna de San Xoan-Vigo

Agora a por Leiro!!!

18/06/09

Machacando o corpo!

Empezo a preocuparme pola miña adicción ao deporte, o de preocuparse é coña! para nada estou preocupado, pola contra estou sorprendido do co meu estado físico! é como se a cabeza se tivese que recuperar do tempo perdido neses catro meses que estiven lesionado . O que si é certo e que nas últimas semanas fixen moitísimo deporte, por que ademais de seguir co atletismo (principal e irrenunciable actividade) e o ximnasio ao que vou dúas veces por semana, agora incorporei outra actividade: o padel.

Estou dedicando catro días a semana a correr, dous días rodaxe suave, un día cun adestramento máis esixente con cambios de ritmo e costas e outro con adestramento de fondo. A isto sumo dous días de ximnasio onde realizo exercios de forza sobre todo de cuadriceps, isquios, biceps, aductores, abductores e tamén algún exercicio de brazos, para rematar con abdominais e lumbares. Por consello do meu curmán ( que disto "parece" que sabe) reducín o tempo de eliptica/bicicleta e os exercicios de brazos e incido máis nos cuadriceps.

Unha vez a semana vou xogar ao padel cos meu compañeiros taninos. É un deporte novidoso para min. A primeira impresión que tiven foi que é un unha variante do tenis pero con menos esixencias técnicas e físicas, de feito despois de xogar por riba da hora non me sentín cansado. Terei que mellorar certas cuestións técnicas se quero gañar algún partido por que nas dús veces que fun a xogar non fun quen de gañar un set.

O caso é que de momento o corpo aguanta, aínda que algunha noite cústame conciliar ben o sono debido ao esforzo. Non sei ata cando poderei aguantar este ritmo pero de momento non teño pensado renunciar a ningunha destas actividades. O que si terei que facer é reducir carga física e todo apunta a que o que ten máis a perder é o ximnasio. Xa verei o que fago.

Por certo, volvo ás carreiras! estou inscrito na XXVI Carreira Nocturna de San Xoan e na XXVI Carreira de Leiro.


Saúde, quilómetros e diversión!!!

01/06/09

IX Memorial Manuel Barros. A Carreira

Entrada en meta

O meu reencontro coas carreiras e o asfalto non foi como pensaba. As condicións térmicas non eran as máis propicias para correr.

Cando os reloxos marcaban as 19:30 horas e os termómetros 30º C. deuse a saída desta carreira non centro de Gondomar.
Para evitar ser arrastrado polos galgos decidín sair atrás para saír controlando e pouco a pouco ir collendo ritmo. Tras dar dúas voltas polo centro da vila dirixímonos pola estrada da Ramallosa buscando o terceiro quilómetro. Ía ben, non me preocupaban as marcas de tempo, pero si as sensacións que tiña e estas eran boas. No quilómetro 3 pola calor xa levaba a boca seca e empeza a picar para riba o perfil, non moi forte pero si tendido e co sol de fronte. A estas alturas xa fixera unha selección de en que corredores me podía fixar, tratei de seguilos pero enseguida me din conta de que aínda non estou en condicións físicas. Á maioría enseguida deixei de velos e marqueime como rival a un corredor co que tiña concidido en ritmos en carreiras pretéritas.

Chegámos ao Km. 5, como poseso busco a auga do avituallamento, unha muller e un neno non daban feito para repartir auga e tiven que parar e dar a volta para perdirlles auga e o peor é que xa non lles quedaba!! a señora indicoume que uns metros mási adiante había máis xente repartindo auga e así era (menos mal!!).

Km.6 baixamos cara a estrada de volta á Gondomar, a calor xa era insoportable e pola miña cabeza so pasaban pensamentos negativos ( que facía eu alí en vez de estar na praia!).
Km 7 enlazo co meu corredor obxectivo. A estrada A Ramallosa-Gondomar faíse moi longa non vexo o final.
No Km. 8 a organización puxo un novo punto de auga, agradécese moitísimo, bebo bastante e o resto da botella botoo por riba da cabeza.

Entramos en Gondomar km. 9 e no primeiro repeito o meu acompañante déixame atrás, imposible seguilo, xa non dou máis e o peor: quedábame case un quilómetro para meta e coa escepción dos derradeiros douscentos metros, todo a subir, toca sufir.

Entro en meta e marco no meu crono 44':05'' (44':17'' oficiais). Contento por rematar a carreira sen molestias da lesión, pero demasiado sofocado polo esforzo e a calor, así non merece a pena correr. Creo que nestas condicións climáticas non volvo a competir, unha cousa é adestrar e outra esforzarte ao máximo a 30º.

Sito entrando en meta con 39':55''
IX Memorial Manuel Barros