24/12/10

Do que falamos cando falamos de correr...

Reproduzo aquí o artigo que o compañeiro tanino e amigo Anxo escribiu no xornal A Peneira, creo que reflicte moi ben o que podemos chegar a sentir cando corremos, admais na miña opinión é dunha calidade literaria excelente. O texto dí así:

Levas cinco minutos sentado. Agarras a cabeza e comezas a pensar na seguinte. Un voluntario quitouche o chip da zapatilla e deuche unha bebida isotónica, ademais dunha peza de froita e algo doce.Levantaches as mans con forza. Realmente non sabes de onde quitas as forzas. Gritaches. De alegría. De éxtase. De dor. De felicidade! Xa apenas quedan mil metros. Mil metros! Levas máis de tres horas correndo (ou intentas baixar das tres horas!). Cando pasaches o muro dos trinta quilómetros comezaches a ver a luz ao final do tunel. Doeche un músculo que non sabes como se chama. É unha dor intensa. Intentas continuar. Intentas pensar noutra cousa. Comezas a escoitar os gritos de ánimo do público que antes pasaran totalmente desapercibidos. A media maratón xa parece unha distancia considerable. Son máis de vinte quilómetros...Pasaches nun tempo decente. Non tes demasiadas molestias. Pensas que son as normais. É a primeira vez que das un paso máis alá desa distancia nunha carreira...Queda outro tanto! O tempo vai pasando. Os metros tamén. Nos dez mil xa notas que as pernas están o suficientemente quentes como para correr un día sen parar. Non o dubidas. Chegarás ao final sen ningún problema. Vas correndo entre un grupo inmenso de xente. Miles de persoas son as que te rodean. Sintes miles de pasos que impactan a un tempo contra o vello chan da cidade vella da fermosa Barcelona. Non das andado. Case estás quieto. Levas dous minutos parado desde que se deu o pistoletazo de saída. Queres comezar a correr. Sintes unha enorme emoción. Non tes palabras. Comezas a pensar por que te meteches nesta historia. Quedan corenta e dous quilómetros e algúns metros para rematar o obxectivo que comezaches a preparar fai meses. Comezan as dúbidas. Pensas en que terías que ter entrenado máis. Pero xa non é o momento. Por fin comezas a correr! Deixas o piso no que estás aloxado desde que chegaches a Barcelona. É moi cedo. Está fresca a mañá. Menos mal que o sol alumea no ceo. Somos moitos os que imos na mesma dirección. Moitas e coloridas as camisetas que ves. Todas de clubes diferentes. Cos nomes dos heroes. Nós tamén temos as nosas! Estamos de estrea!!

Cando estás a punto de levantarte pensas no libro de Murakami: a dor é inevitable; o sufrimento opcional. E ti decidiches, xuntos cos teus compañeiros de aventura, sufrir. Sabes que non o vas a pasar ben, a pesar de querer sufrir nos adestramentos para gozar nas carreiras. Pero unha cousa é o que desexas. Outra será a realidade. Levas dous días paseando por Barcelona, unha cidade de lugares fermosísimos, climatoloxía envexable para ser marzo, gastronomía exquisita, ...levas dous días pensando en dar o primeiro paso da Marató de Barcelona, e levantar os brazos na meta! Parece que os días duran máis aínda que anoiteza antes.

A última semana pasáchela correndo menos do que xa comezabas a estar acostumado. Parece que o plan de preparación prevé reducir os quilómetros nos últimos días, para chegar con ganas á carreira. Xa che resulta raro. Xa estás moi acostumado ás caras raras da xente cando ve a un grupo, ás veces gran grupo, correndo polas rúas de Ponteareas. Caras que acentúan a súa sorpresa e provocan gritos de ánimo cando as temperaturas son xélidas ou a choiva é impestuosa. Recordas novamente a Murakami no seu clásico cando decía que razóns para correr hai poucas. Son moitas as razóns para non correr! Ou porque o traballo non o permite, porque os teus amigos te chamaron para tomar un café, porque prefires dar un paseo con alguén que fai tempo que non vés, porque estás de viaxe, … A realidade é que estás metido de cheo, sen sabelo moi ben, nun plan de adestramento para unha carreira que nunca pensaras en facer. Unha maratón, unha supercarreira, que require concentración, moita, e capacidade de sufrimento, aínda máis! Unha carreira que comezou cando algúns compañeiros se preguntaron en alto: por que non imos a correr unha maratón?? Razóns non hai. Non hai ningunha motivación real para decidirse a preparar unha carreira como esta. A pesar de que poidas dicir que correr é bo, que o exercicio axuda a levar unha vida máis sana, ...A realidade é que as razóns son demasiado persoais e inexplicables. Decidimos correr e corrimos!

Anxo M. Fernández Saborido, atleta.


23/12/10

Bo Nadal

Si, recoñézoo cada vez me custa máis abrir o blog e escribir, pode que xa non teña moito que contar ou que me esté aburrindo de escribir ou só que sexa por que non teño tempo para facelo ou un pouco de todo. O caso é que cada vez escribo menos pero non por que non estea correndo, ben lonxe da realidade, sigo adestrando duro para conseguir o reto de volver a baixar das tres horas no maratón de Sevilla.

Ademais dominado polo espirito consumista da época merquei un novo pulsómetro o Garmin Forerunner 305 e estou encantado coa compra. Levaba tempo dándolle voltas á posibilidade de mercalo pero o excesivo prezo que tiña botábame para atrás, ata que de tanto buscar e preguntar din cunha oferta no Decathlon e ata alí fun para facerme con el.

Permiteme rexistrar as distancias por gps, marcar o paso dos quilómetros, ritmo que levas, etc.

Este é un exemplo das funcións que ten. Espero sacarlle partido ao aparello. Os datos que publico do Garmin proceden da derradeira tirada longa que fixen ata o momento. Ademais empezamos coas series . Dende a anterior entrada xa fixemos series de 10x500 todas por debaixo de 1':50'' , máis 5x1500 entre 5':45'' e 5':30'' e 6x1000 entre 3':50'' e 3':34'', no medio varias sesións de rodaxes entorno aos 60' cada unha metendolle calidade sobre todo nos derradeiros quilómetros.

A pesar das festas navideñas non vou a descoidar os meus adestramentos, teño xa planeado as rodaxes e a tirada longa dominical.

Por outra banda e aproveitando as datas festivas os Taninos quedaremos para tomar un viños e celebrar deste xeito as festas, non todo vai ser correr!.

Saúde e quilómetros!!!

12/12/10

Ídolos caídos.

Cada vez teño máis claro que por pouca xente se pode pór a man no lume. Admiramos a deportistas, cantantes, actores, escritores, etc e dámoslle unha aureola como persoas por riba do normal como se fosen superhomes, cando realmente o que fan ben, e por iso os admiramos, é o seu oficio, nada máis, non por iso teñen que ser persoas escepcionais. Isto hai tempo que o teño claro, se me gusta un cantante valóroo como tal e logo na súa vida privada non entro a valorar o que fai ( coa escepción de que cometa algo penado pola lei ). Pero cando se admira a unha persoa polo seu oficio e logo descubres de que é un tramposo a cousa cambia e isto é o que me ocurriu co caso da "Operación Galgo". Ata que non haxa sentencia todos son inocentes pero a cousa pinta verdadeiramente mal, é difícil comprender que a unha persoa que se lle acusa de suministrar substancias dopantes a outros deportistas non as consuma, en fin!.

Con respecto aos meus adestramentos de cara ao Maratón de Sevilla esta semana tiven que facer cadrar os adestramentos cunha viaxe de vacacións . O domingo e o martes saltei da cama moi cedo (7:45 h.) para poder sacar unha horiña de adestremento cada día. Facía moito frío o domingo pero iso non foi impedimento para sair a correr. Mentres me puña a roupa pensaba que o meu debía ser grave cando estando de vacacións era quen de erguerme da cama tan cedo, e con tanto frío, para correr. Xa correndo puiden comprobar que a miña efermidade é contaxiosa por que vin a outros individuos facendo o mesmo ca min.

Xa de volta, o xoves tocou un adestramento de calidade, que consistiu en 25' suaves para despois facer 30' de cambios de ritmo. O sábado foron cinco series de 1500, todas entre 5:30 e 5:45 e para rematar a semana case vintedous quilómetros o domingo, nunha hora e corenta minutos. Estes adestramentos déixanme moi satisfeito do meu rendemento, a falta de dous meses sigo gañando en sensacións.

Como non somos profesionais seguiremos desfrutando deste deporte.

Saúde e quilómetros!!