14/11/11

Maratón de París. Os Taninos invadirán París

Xa está , xa estamos inscritos!. Dez taninos e un par de asimilados imos participar na Maratón de París o 15 de abril de 2012. Xa temos a incripción feita , os billetes de avión e só falta arranxar o tema dos hoteis, asunto no que estamos traballando, xa que atopar cuartos nun hotel céntrico para vinte e tres persoas non é tarefa doada sobre todo se temos condicionantes como é o tema do pecunio.

Agora hai  que pensar en prepararse, e ben, para a cita, no meu caso desexaría voltar a baixar das tres horas e para iso hai que adestrar forte e ser constante, e agora que se achega o novo ano e o tempo dos bos propósitos este sería o meu.

Xa estou buscando un plan de adestramentos, teño o que realizamos nos maratóns anteriores e que deu moi bo resultado máis tentando non caer no aburrimento que pode traer repetir programa, estou buscando pola rede algún outro que poida axeitar as miñas/nosas necesidades e posibilidades ( cando escribo  nosas  é por que tamén penso nos meus compañeiros de equipo : os taninos).

A verdade é que hai moita oferta onde escoller, as propias webs dos maratóns ofrecen plans de adestramento, en foros e webs especializadas tamén. Nisto estou ademais de seguir correndo entre tres ou catro veces por semana e tentar que as molestias do nocello esquerdo desaparezan dunha vez. 

Dende que rematei coas carreiras na San Martiño púxenme en mans dun recuperador que me detectou unha inflamación no tendón exterior que con descanso, tratamento e exercicios de fortalecemento desapareceu se ben as molestias na zona do tendón de aquiles seguen  e terei que volver a visitar ao recuperador  para pór unha solución. Non desexaría empezar a preparación  do maratón con estes problemas.

Pois nestas estamos, ilusionados  e con novas metas. Polo camiño a París temos outras carreiras as que teño pensado acudir : Media Maratona de Viana, Media Maratón do Ribeiro, a Interrunig no Porriño, por suposto a Vig-bay e seguro que algunha máis.


Aproveito para felicitar as festas a todos os que me seguen a través deste blog :


                        Felices Festas e Feliz e deportivo ano 2012 a todos!!


Saúde e quilómetros!


07/11/11

XXXV San Martiño. Ourense

Parte dos Taninos


Que mágoa que agora dou por rematada a temporada. Agora que me empezaba a atopar ben e que me empezaban a saír os tempos. Isto demóstrame o que xa intuía hai tres semanas, faltábanme unhas sesións de adestramento máis. Pero non está mal chegar ao pico de forma na San Martiño. Carreira espectacular por número de participantes, pola boa organización e polo recorrido. 
Chegaba a esta proba sen moitas esperanzas, despois da gastroenterite da semana pasada pouco puiden adestrar : un par de adestramentos dunha hora e unha saída suave o venres para estirar as pernas. O meu obxectivo era baixar de 40' e con esa intención me puxen na liña de saída xunto cunha parte dos Taninos que tiñan pretensións iguais ou superiores.
Decidín facer a  carreira acompañando a Rama quen me dixo que pretendía tamén baixar de 40'. Saímos rápido, favorecidos por situarnos ben adiante, de feito debe ser a primeira vez que podo correr libre pola ponte do Milenio. Xunto a nós o compañeiro do CARMA Pancho  "Beauvais". Primeiro tirando un , depois o outro fomos xuntos ata o km. 7,sempre cun ritmo por debaixo de 4 min/km. ; aquí  Rama sácanos uns metros e non me vexo con forzas para seguilo, penso que na baixada do 8 ao 9 podo collelo. Chegado o momento non dou feito, non hai maneira, nin baixando son quen de recortar con Rama. Chegamos ao km. 9  e a estrada pica un pouco para arriba e isto dáme a puntilla , se ía xustiño de forzas agora se acaban, Pancho adiántame, vai forte e non podo seguilo, fago un último esforzo na subida da ponte romana máis que nada para non perder ritmo, dou  a curva e vexo que o reloxo marca 38 e pouco  e me deixo ir xa que o obxectivo está conseguido. 
 Km. 9

Entro en meta marcando 38':55''. Posto349º

Resultados da proba : XXXV San Martiño

Ao parar noto que a cabeza se me vai un pouco, un mareo polo esforzo, mais non foi a máis senteime un ratiño  mentres Rama me acompañaba, enseguida me erguín e puiden coller as bebidas que a organización nos proporcionaba. Ao saír do pavillón puiden compartir as impresións da carreira cos compañeiros de equipo.

Despois do xamón 

Trala charla, viaxe de volta e parada na Cañiza para degustar dunha boa ración de xamón, que bo ser Tanino!

Agora como dixen ao principio toca descansar, restañar as feridas, recuperarse ben para poder preparar o gran obxectivo da temporada : o maratón de París, estou emocionado co tema, facer un maratón internacional deste calibre vai facer que me esforce máis para volver a baixar das 3 horas. Xunto a min xa somos oito os Taninos inscritos nesta proba, xa temos pechado o avión   só falta que concretemos aloxamento e por suporto un plan de adestramento que nos facilite acadar o nosos obxectivos.

París nos espera!!


Saúde e quilómetros!!!