27/09/09

Quinta semana.


Polas rúas de Baiona na XXV Correr e Andar (2009)

Semana dura. Martes, 11 km; Mércores cinco series de 1000 m. entre 3:55 e 3:29 ( no meu caso, outro tema son os tempos que fai Edu quitándo 10 segundo na derradeira serei) . O venres outros 11 Km coas series aínda atragantadas nas pernas, preciso de 20 ou 25 min. para empezar a sentir as miñas pernas en condicións.

Sábado e en compañía de Edu 3 series de 2000 m. a primeira en 7:51 a segunda en 7:41 e a derradeira en 7:18 no meu caso e 7:03 para Edu. Despois dos quilómetros do día anterior non me sentía moi cómodo para facer estas series pero despois de facer o quecemento e de arrincar na primeira serie, as sensacións empezaron a ser mellores. Tentei seguir o ritmo de Edu, e así foi ata o 1500 da derradeira serie non que tiven que baixar o pistón, non daba para máis!.

Domingo en compañía e Edu e Isma saímos a facer os 18 km. establecidos. Saímos con ritmo suave e pouco a pouco fomos incrementado o ritmo, polos puntos intermedios apenas levababamos un retraso dun minuto con respecto a miña "escapada" da semana pasada. Ao chegar á zona de terra incrementei o ritmo e Isma non puido seguirnos. Na subida ao Cabalón (Angoares) sufrín moito pero unha vez que chegamos á baixada, tomei folgos e volvín a incrementar o ritmo para ramatar o derradeiro quilómetro a tope. Este quilómetro fixémolo por debaixo de 4 minutos.

A vindeira semana ao ser previa dunha competición ( Vigo+11 ) vai ser un pouco máis suave, tendo como día máis esixente as series do mércores ( 12x300) .
Polas rúas de Vigo comprobaremos os nosos progresos.


24/09/09

Carreira Vigo + 11

Este é o circuíto aproximado da carreira Vigo +11 que se celebrará o domingo 4 de outubro en Vigo. O plano da carreira saqueino das informacións que sobre esta carreira sairon na prensa local. Según estes datos sáeme un circuíto de 11 quilómetros exactos.
Xa estou inscrito nela e xunto cos demais taninos faremos desta competición unha proba de cara ao obxectivo final que non é outro que a San Martiño.

21/09/09

Cuarta semana.

Cuarta semana e boas sensacións. Nesta semana subimos o nivel de esixencia. O martes e coa inestimable e inconsciente colaboración de Anxo a rodaxe suave que debía ser , converteuse nunha rodaxe, digamos rápida ( dous minutos menos do habitual ) por que o mencionado Anxo ocurriuselle sair "encendido" dende o principio sen tempo a que queceran as pernas e para rematar a faena no derradeiro Km David sorprendeunos cun "ataque" dende lonxe que me deixou cravado.

O mércores oito series de 500 m. realizadas entre 2':00'' a primeira e 1':35'' a derradeira rematando moi forte e con Dani e David pisandome os talóns. Este esforzo pagaríao na rodaxe do venres onde as pernas as sentía moi pesadas e tardei unha media hoar e ter boas sensacións nelas. Ao final rematei os 11 km con mellores sensacións.

O sábado pola mañán baixo a chuvia e co estómago aínda tocado da cea-tanina da noite anterior, saín con Edu a facer un sete mil con ritmo medio de 4':00'' a 4':05''. Costounos chegar a eses ritmos ata o km 3 a partir de aí conseguimos facer a media que no meu caso foi de 4'.02'' (28':14'' tempo final).

Domingo, día de rodaxe longa, 18 km par ser máis exactos. Presenteime no lugar convenido ben descansadiño e coas horas de sono reglamentarias. Tras un par de quilómetros a ritmo de charla cos compañeiros subín un pouco o ritmo pensando que me seguirían pero tras comprobar que quedaran detrás uns 50 metros decidín continuar e tal vez imbuído polo espíritu de Gebrselassie decidín lanzarme á aventura. Pouco a pouco fun incrementando o ritmo. Os tempos de paso establecidos neste circuíto indicábanme que ía moi rápido ( con respecto ás outras tiradas longas) chegando na última referencia aos 7 minutos de adianto. Xa na zona de terra dos últimos 5 km. os repeitos facíanse duros, ao non levar ninguén de compañía regulaba nas subidas para recuperar nos treitos chans e nas baixadas. Así ata o final : 1 h.21' : 34'' ) case 8 min. menos ca vez anterior) a menos do minuto e medio chegaría Edu e pouco detrás David. Dani desviara o seu camiño en dirección a súa casa.
Conclusión : as sensacións son moi boas, o adestramento vaise asimilando e polo tanto hai que ser optimista. Para nada me creo que a distancia que lle metín aos meus compañeiros é a real. O factor sorpresa xogou no meu favor e cando quixeron darme alcance xa estaba moi lonxe.
Outra semana no peto, veremos que pasa na seguinte!

E para rematar esta entrada quero dar a miña noraboa ao meu vello amigo Fernando Abreu polo seu oitavo maraton realizado en Berlín( creo que acertei co dato, se son máis espero que me perdoe o erro) . Os que algunha vez fixemos algún maratón sabemos o que significa rematalo. Ánimo e a por outro!!

13/09/09

Terceira semana. Primeiro test.

Despois dunha semana na que a sesión de series consistiu en facer cambios de ritmo durante 30 minutos, máis dúas rodaxes máis de 55 min. 0 domingo o plan que seguimos tiña unha sorpresa para o domingo: Competición. Como non tiñamos ningunha carreira que nos coincidise cerca acordamos facer un circuíto de nove quilómetros aproximadamente para darlle un pouco de "calor" aos nosos corpos.
A sesión de series costoume moito facela por que tiña as pernas moi cargadas sobre todo nos isquios e tiña medo a "romper" ademais a calor era abafante ese día e iso que fomos a adestrar ás 9 da noite e xa se metera o sol. Rematei o adestramento completamente empapado en suor, nin nos peores días dop verán. A pesar destes condicionantes conseguín rematar a bo ritmo cunhas derradeiras voltas por debaixo de 4 min/km.

Na carreira do domingo participamos cinco taninos: Dani, David, Edu, Isma máis eu. Tras facer o quecemento oportuno e de establecer o circuíto a realizar, dimos a saída tomando eu a cabeza e marcando o meu ritmo. No primeiro Km, Edu xa se puxo por diante a uns poucos metros. Os demais agunataban o ritmo pero rematando a subida do segundo km Dani, Isma e David descolgáronse quedando só eu na persecución de Edu. Sobre o quinto quilómetro consigo darlle alcance e seguimos xuntos tratando de non descolgarme sabedor de que no momento de que esto sucedera íame a deixar clavado. Aguanteino nas subidas, pero nunha baixada forte xa non fun capaz de seguilo, quitoume 50 metros e xa non fun quen de recurtar distancias.
Esforceime para que non me quitara máis distancia pero as forzas xa non daban para máis e bastante fixen con manter o ritmo que levaba.

Ao final Edu fixo un tempo de 35':13'' e eu de 35': 35 un minuto máis tarde chegarían Dani seguido de Isma e David cunah diferencia entre eles de 30' máis ou menos.

Unha boa proba, creo que vou polo bo camiño, aínda falta moito para a San Martiño e a progresión que levo invita a ser optimista.

Saúde e quilómetros

06/09/09

Segunda semana de adestramentos


Carreira de Salvaterra, derradeiros metros.

Escribo esta crónic a apenas hora e media despois de rematar a tirada de 18 quilómetros e teño as pernas cargadísimas e magoadas, foi unha semana dura.
Esta foi a primeira semana na que fixemos series curtas ( 12x250m ) e series longas (4x1500m) ademais de dúas saidas entre 11 e 12 quilómetros máis os xa mencionados 18 Km ao que hai que sumarlle os treitos de quecemento pre-series máis os de enfriamento, total 59 Km.

As series de 250 m fixémolas sobre os 49'' e 45'' mentres que as de 1500 foron neste orde : 6:05; 5:50; 5:49 e 5:28. As primeiras o mércores e baixo unha chuvia que nos colleu desprevenidos sen chuvasqueiro nen gorra que nos cubrise da auga, en cambio as longas fixémolas o sábado pola mañán cun sol radiante e cunha temperatura estupenda para o meu gusto ( 19º ). As sensacións, tanto nunhas como nas outras, foron moi positivas, hai tempo que descubrín que se se fan ben as series, estas non teñen por que ser agónicas e non hai que acabar rebentado e agoniado, deben facerse de menos a máis esforzo respetando os tempos marcados de recuperación e por suposto non tratar de ir a ritmos non acordes coas túas posibilidades.

Levo moita carga en dúas semanas e de aí as sensacións que teño agora nas pernas menos mal que a vindeira semana e de descarga!!

Espero que esta semana se reincorporen aos adestramentos os taninos que estiveron esta semana de vacacións( merecidas por suposto!) polo mundo adiante. Con máis compañía os adestramentos fanse moito mellor. Por certo de Tino seguimos sen ter noticias ( jeje).

Saúde e quilómetros!!