14/11/10

XXXIV San Martiño ( Ourense)



XXXIV San Martiño



Semanda de adestramentos marcada pola celebración desta tradicional proba que pasa por ser unha das máis populosas con case tres mil corredores chegados a meta na carreira de adultos.

Cumprindo o meu plan de traballo non fixen ningunha variación para preparar a San Martiño, se exceptuamos a estrea da nova adquisición de zapatillas unhas Saucony Triunph 7 que vou a empregar só para adestrar.
Cinco foron as sesións : dúas rodaxes dunha hora, unha de series de costas, outra de cincuenta minutos e o domingo a competición de dez km.

O día das series foi o máis difícil non só por ter que facer costas senón que ademais tiven que facelas só xa que os demais taninos ou ben non puideron adestrar uns ou ben fixeron series de mil os outros. A pesar disto cheguei moi contento a casa por facelas a moi bo ritmo.


Da carreira do domingo tamén estou moi satisfeito por opter un resultado mellor do esperado. Na compaña de oito taninos chegamos a Ourense con tempo suficiente par recoller os dorsais, tomar un café en compañia de Roberto Feijoo e cambiarnos par enseguida iniciar o quecemento.

Quince minutos antes do inicio xa estabamos preparados a poucos metros da liña de saída. Puxénmonos preto da valla o que nos permitiu sair bastante libres polo carril dereito para ser unha carreira con tanta participación.
Non quixen cegarme na saída e por iso deixei marchar po diante a Edu, Isma e Dani. Fun controlando o ritmo a través das pulsaciónse tomando como referencia a un corredos veterán. Nos pasos quilométricos ía comprobando que o meu ritmo rondaba os 4 min/Km e ía bastante ben de sensacións. No paso do quinto quilómetro ía sobre os 20 min e pouco. A partir da aí empecei a incrementar o ritmo. Desfrutaba da carreira, ía cómodo de pulsacións e de pernas. No km 8 vexo por diante a Dani mais non quixen cegarme na súa persecución, esperei ao km 9 par apretar un chisco máis e conseguir pórme ao seu carón xa sobre a ponte romana, pero foi verme e pegar un cambio de ritmo ao que non fun capaz de responder. Tempo final neto 39':32'' , trinta e poucos segundos máis que na edición pasada pero con mellores sensacións e sufrindo a metade.

Os taninos optivemos os seguintes resultados:
posto tempo neto
Edu 214 37:50
Isma 259 38:33
Dani 357 39:31
Xose 363 39:32
Victor 712 42:48
Robert 801 43:22
David 837 43:01
Anxo 1040 44:39

Resultados oficiais aquí.

Valoro moi positivamente este resultado, levo tres meses adestrando dende a lesión e xa conseguín baixar de catro minutos quilómetro.

Despois da carreira veu o terceiro tempo e sendo domingo e en Ourense o manxar a degustar non podía ser outro que o polbo á feira, regado dun bo albariño, magnífica idea esta de combianr deporte e gastronomía.

A vindeira semana, amais de seguir a preparación do maratón imos a particiapar na III edición da carreira popular benéfica fundación Óscar Pereiro en Mos unha proba con fins benéficos e da que gardo un bo recordo xa que na edición anterior conseguira baixar dos 38 min.

Sáude e quilómetros!!

06/11/10

Sevilla, restan 16 semanas.

Como xa anunciara en entradas anteriores púxenme a preparar o maratón de Sevilla a celebrar o 16 de febreiro de 2011. E polo tanto houbo que emepzar a facer rodaxes longas e series de forza. De feito en compañía de David e Dani Bargiela o mércores pasado "asaltamos" por primeira vez nesta tempada a tan termida costa da "matahomes" para quen non a coñeza o nome dío todo. É unha costa de máxima pendente que tivemos que subir en tres series de sete repeticións para facer un total de vinte e unha, rematando cada serie cunha recta de 100 m.
Ademais destas series nos demais días fixen rodaxes dunha hora o martes e o venres mentres que o sábado fixen a tirada longa que se me foi a unha hora corenta minutos.

O venres probei a correr a outra hora da que estaba acostumado, normalmente adestro a partir das nove da noite, despois da xornada de traballo, pero desta vez experimentei a facelo ao medio día. A iso da unha, cando remato a xornada laboral de mañá fun ata o ximnasio alí cambieme e saín a correr por Vigo ata facer a hora. Deume tempo de baixar ata Castrelos e comprobar que hai máis xente coma min de tola e que aproveita esa hora para facer deporte. Tras rematar de correr volvín ao ximnasio e fixen unha breve sesión de pesas, abdominais e estiramentos. A experiencia non estivo mal, teño que organizarme mellor pero de seguro que a repetirei algún que outro venres.
A tirada longa tamén a variei, normalmente faise o domingo pero desta vez optei por facela o sábado. Saín acompañdo de Edu que ía a facer series ata as instalacións de Pardellas, acompañeino ata alí e metres el facía as súas series eu fixen a miña rodaxe nas mesmas intalacións para ao rematarmos regresar xuntos. Total dos 90' que tiña previsto fóronseme ata 100' a ritmo suave.

O mellor da semana non foi un aspecto deportivo senón a comida que algúns dos taninos fixemos en Vigo no "Bar El Puerto" , espectacular homenaxe a que nos dimos con uns suculentos pratos de peixe regados de bos viños galegos, así é doado coller folgos para as carreiras!.

A vinderia semana remataráse coa nosa participación na XXXIV edición da San Martiño ( Ourense), carreira que non me altera os plan de adestramento xa que neste prevese para ese día unha competición de 10 Km.


A esta proba non vou con moitas pretensións no que a facer bos tempos, vou a sair a competir pero son consciente de que o meu estado de forma no é o óptimo por iso se rondo os 40' sería un resultado excelente.

Saúde e quilómetros!!

31/10/10

Ostras ! e como chovía!


Non, non é a mesma foto que se pode ver dúas entradas máis abaixo, é que isto de ser taninos "mola"; como se di : non todo vai ser correr!. Esta foi a homenaxe que nos dimos os catro bravos taninos ( Edu, Victor, Robert e un servidor ) que nos desprazamos ata Santiago a correr a XXXIII carreira pedestre.

Chovía ao saírmos de Ponteareas e parecía que o tempo na capital ía a estar mellor, de feito ao baixar do coche e ir ata o Obradoiro a buscar os dorsais deixara de chover. De camiño saúdamos aos irmáns Abreu e algún coñecido máis que atopamos na entrega dos dorsais. Inmediatamente tivemos que ir a cambiarnos, a carreria empezaba as 10:00 e non as 10:30 como pensabamos antes de partir. Por isto o café foi breve, e rápido a cambiarse . Dez minutos antes de inciar a proba xa estabamos na liña de saída, e nisto, empezou a chover, miudiño pero mollaba igual. Eu decidira sair cunha camiseta de algodón vella por riba da Tanina para cando entrara en calor, sacala, sabia decisión.

Deuse a saída, a carreira tiña que ir de menos a máis por iso decidira ir en compaña de Robert. Edu saíu adiante entre as gacelas e Victor colleu un ritmo superior ao noso e enseguida perdímolo de vista.
Nos primeiros km. fun controlando, non perdendo de vista a Robert. Así chegamos á Praza de Galicia onde nos saudou Óscar Ledo ( compeñeiro de adestramentos nas noites ponteareás ) que tamén ía na carreira. O descenso polas rúas molladas facíase un tanto perigoso, había que ir con moito tento de non cair. Xa na Avda. Santiago de Chile empezabamos a subir e Robert empezaba a sufrir, así e todo seguiume ata a entrada no Campus Sur onde o perdín, tras botar un par de olladas cara atrás e non velo cambiei un chisco o ritmo e deste xeito antes de sair do Campus xa dera alcance a Victor.
Fomos xuntos polo Pombal e Galeras onde as obras fixeron que o circuíto sufrira un cambio significativo, xa que nos obrigaban a subir a Costa de San Francisco , onde estaban Maxi e a súa moza Lorena vendo a carreira e animándonos, para despois baixar por Pelamios e pasar polo entorno do Auditorio de Galicia e así entrar na temida costa do Vite ( na miña opinión este cambio de recorrido fixo que a quilometraxe fose maior).

Xa na subida, baixei un punto o ritmo, non quería chegar sen folgos ao cumio. Aínda así non paraba de adiantar corredores. O descenso foi a tope, encántame este treito da popular de Santiago, correr por esas rúas empedradas con tanta historia é impagable. Ademáis pasáse por diante da Facultade de Historia na que pasei os mellores anos da miña vida como estudante.



Paso pola Facultade de Historia

Ía tan ben que me permitín o luxo de prepararme para a foto, sei que todos os anos se tiran fotos nesa zona polo que me acicalei para sair así de ben na foto ( jeje).

Volvendo á carreira o trascurrir por estas rúas é vertixinoso, praza da Universidade, Orfas, Toural, Rúa Nova, Praterías e por fín a Praza do Obradoiro. Todo este treito adiantando corredores e entrando en meta esprintando. Os tempos oficiais foron os seguintes :


Puesto
Z-A A-Z
Dorsal
Z-A A-Z
Cat.
Nombre
Z-A A-Z
Club
Z-A A-Z
Población
Z-A A-Z
Ritmo Km.
236
00:48:16
3623 L Eduardo Pino Martinez Taninos Runners Ponteareas Ponteareas 00:04:02
546
00:52:02
3622 M Xosé Manuel Carrera Carrera Taninos Runners Ponteareas Ponteareas 00:04:21
664
00:53:12
3621 M Victor Manuel Carballido Araujo Taninos Runners Ponteareas Ponteareas 00:04:26
832
00:54:35
3861 L Roberto Gonzalo Alvarez Taninos Runners Ponteareas Ponteareas 00:04:33

Estes son os tempos de carreira, os tempos netos son inferiores, no meu caso de 51':25''. Cando sexan publicados por champiochip, colocareinos aquí.

As sensacións foron moi boas, a diferencia da media de Pontevedra a esta carreira fun máis concentrado, ben descansado e planificando mellor a proba, e así saíu.

Agora a seguir coa preparación para Sevilla, mentres iremos tamèn á San Martiño.
Que manxar degustaremos despois da carreira? Disto e todo o referente as carreiras seguirase informando.

Saúde e quilómetros!!!


30/10/10

Obxectivo Maratón de Sevilla 2011.

Despois da autoflaxelación que significou a anterior entrada deste blog, seica un pouco excesiva vista dende o paso do tempo pero froito das sensacións feitas en quente, quero empezar esta entrada sendo máis positivo e contar que conclusión saquei dese fiasco.

Tomei a decisión de empezar a preparar xa dende esta semana pasada o XXVII Maratón de Sevilla . Para que atrasar a preparación? para que preparar outras carreiras de menor distancia? se non vou conseguir nada meritorio, tratar de baixar de 40' na San Martiño non me vai a proporcionar nada especial, ademais estou seguro de que non o lograría polo que decidín centrarme no obxectivo principal desta temporada : volver a baixar das 3 horas nun matarón. E para isto hai que adestrar a conciencia, as cousas non saen por que si, sen traballo non se pode conseguir de aí que xa esta semana pasada tomei o plan de adestramentos e empecei a seguilo. Estou falto de fondo e preparar carreiras de 10 Km. non me vai a dar o que busco.

Por esta razón xa levo acumulados case 50 km. de trote suave, a falta da carreira de mañán domingo en Santiago que penso tomar como un adestramento de calidade máis. Desta carreira e de todo o demais seguirei escribindo en próximas entradas.

Saúde e quilómetros!!

24/10/10

A peor carreira da miña vida !

Ou historia dun sufrimento, así tamén se podería titular esta crónica. Falto de adestramentos, sen preparación, sen descanso, pasando unha mala noite, todo presaxiaba que a carreira non podía sair ben. Ir ata Pontevedra a correr a XV media maratón non foi unha boa idea. A cabeza non me debe rexer ben cando con todos estes precedentes decidín apuntarme á carreira e participar.

Ata Pontevedra fomos Tista, Edu, Isma, Victor, Maxi, Robert, un servidor e na cidade capitalina esperaba Rafa Dios. O día climatolóxicamente falando non parecía malo, non chovía e tampouco facía frío ( en torno aos 16º ). Chegamos cedo, collimos os dorsais e a camiseta e fomos a tomar un café para media hora antes cambiarnos e empezarmos o quecemento. Antes de empezar a quecer xa non me atopaba ben, notábame cansado, non durmira ben, posiblemente por un té que tomara a noite anterior.

As 10:30 en punto deuse a saída. Decidira seguir o ritmo de Victor e Maxi; Edu e Tista ían moi por diante buscando mellor marca persoal. Pensei que podería seguir ese ritmo a pesar do pouco fondo que teño adestrado, ía a ritmo de 4':10'' /km. Así aguantei durante toda a primeira volta pero cando empezabamos a segunda ( km 11 ) díxenlle a Maxi que empezaba a atoparme mal. Deixoume e seguiu a ritmo mentres eu empezaba a notar o cansazo. No km. 12 fun alcanzado por un grupo comandado por unha rapaza que decía estar preparando o maratón de Porto, conseguín recuperar sensacións e seguir ese ritmo. Pero ao chegar ao km. 16 a lousa caeume enriba, as pernas non ían, a cabeza pensaba na retirada. Decidín esquecerme do reloxo e tratar de rematar fose como for. Rebasábanme ata os caracois, mellor dito era superado por aqueles que conscentes das súas posibilidades fixeran unha carreira de menos a máis, tal e como facía eu cando empecei nas carreiras, e agora ben a miña autocrítica : hai non moito eu facía igual, saía reservón para ir atopandome mellor e incrementando o ritmo. Se hoxe o fixese así non estou seguro de que tivera conseguido mellor tempo pero si o estou de que as sensacións coas que rematei serían ben outras, pero claro agora xa non quero ir a unha carreira a rematala ,quero ir a facer boa marca e isto sen adestramento é imposible, en fín outra para aprender!.

Os derradeiros km foron un autentico sufrimento, non tiña forzas máis que para mover as pernas sen variar ritmos, como un autómata. Xa nas pistas do estadio cando a penas faltaban 100 metros atopei a Edu, Isma e Victor que xa levaban tempo esperando dándome ánimos que agradecín por que realmente facían falta. A entrada en meta foi unha liberación, teña os pés como durmidos e doíame ata o peito.

Teño que sacarme o sombreiro ante os demais Taninos, todos conseguiron boas marcas destacando a espectacular marca de Tista (1:18:23) e a non menos espectacular de Edu (1:21:40). Isma fixo 1:24:25; Victor 1:28:45 ; Maxi 1:31:42 ; Xose 1:33:42 ; Robert 1: 34: 24 e Rafa Dios 1:37:46 .

Clasificación oficial da XV Media Maratón de Pontevedra

O bo do día viría no regreso a casa. Edu e Victor convidáronos en Arcade a unhas ostras regadas con bo Alvariño como ben ilustra a foto. É que non hai nada mellor que afogar as penas cun bo viño



Agora teño dúbidas con respecto a ir ou non á carreira de Santiago, paseino tan mal hoxe que me estraron dúbidas. Mañán seguro que penso distinto.

Fotos :




Saúde e quilómetros!!

17/10/10

Vigo +11 2010


Cuarta edición desta carreira que transcurre pola rúas de Vigo. Unha oportunidade única para correr por elas sen ter medo de ser atropelado.
O día saíu soleado, para o meu gusto un pouco quente de máis sobre todo nas zonas onde daba o sol, pero é mellor así que non baixo a chuvia como ocurriu na maratón de Ourense.

Ata Vigo fomos oito Taninos, chegamos con tempo dabondo para recoller o dorsal, tomar o café con calma, cambiarnos e quecer ben pola zona do peirao deportivo do Náutico de Vigo. Moitos corredores coñecidos aos que saudar e cos que falar, a verdade é que o día era propicio par adesfrutar da nosa afección.

Pouco antes da hora prevista puxémonos no medio do grupo de saída procurando achegarnos aos postos de arriba. Alí puidemos saudar e charlar coa gran Julia Vaquero minutiños antes de darse o pistoletazo de saída.
Deuse a saída e aproveitando a tecnoloxía do podómetro fun marcando un ritmo en torno aos 4 min/km. comigo nos primeiros km. ía Dani e un por pouco por diante Isma, máis alá Edu e Tista. Ata o km. 6 mantiven a media e comigo seguía Dani, os demais xa circulaban fóra da nosa vista. Chegando á rúa Coruña a carreira cambiou para min. Xa non ía tan solto e sabía que as costas ían a pasar factura, aquí é onde noto a falta de adestramento. Dani pasou por diante e marcou o ritmo, tratei de seguilo e conseguíno ata chegar á praza de América a partir de aí afundinme. O tramo que vai desta praza ata a praza da independencia foi o peor da carreira, sentíame un cadaver xa que me adiantaban moitos corredores, alí Dani xa me sacaba unha dianteira de cincuenta metros. Ao longo da rúa Camelias fun recuperando sensacións e tratando de incrementar o ritmo aproveitando o dun veterano corredor que me sobrepasou á altura do Concello.
Na rúa Venezuela crin que podía alcanzar a Dani, sentíame ben e iso que ía a tope. Pensar que o derradeiro km. era costa abaixo axudaba psicoloxicamente. Ao pasar polo Corte Inglés empezaba a baixada, moi agresiva, polo que había que controlarse para evitar unha lesión. Xa en Urzáiz a pendente suavizábase e agora si se podía apretar, fun incrementando o ritmo pouco a pouco e o que me sorprendeu gratamente foi que a pesar do esforzo acumulado puiden esprintar, esprint que non me chegou para alcanzar a Dani que me quitaría cinco postos na liña de meta.
Moita xente na meta animando, familiares, amigos e tamén o noso compañeiro lesionado Rama en compañía dos seus fillos maiores.


Os resultados dos Taninos foron os seguintes :

Tista: posto 37 ; 39':37''
Edu : posto 79; 41':25''
Isma: posto 81; 41':29''
Dani: posto 142; 44':03''
Xose: posto 147; 44':10''
Victor: posto 213; 45':59''
David: posto 250; 46':55''
Robert: posto 288; 47':47''

Mentres Tista non corra coa camiseta oficial a coroa segue en mans de Edu ( jeje)

Resultados oficiais da IV edición da Vigo +11

A miña valoración persoal é moi positiva, penso que aínda estou ao 75% do que podo dar e a pesar diso estou satisfeito da miña carreira. Dende a carreira de Ourense adestrei pouco por un catarro que me tivo fóra de xogo e pola viaxe que fixen por Portugal aproveitando a ponte do Pilar. No país veciño puiden comprobar a afección que hai alí ao running ,para mostra a seguinte foto.


Paseos preparados para que podas correr sen ter que escapar dos coches incluso quilometrados como se ve nesta outra foto.
Mentres nós en Ponteareas temos que adestrar por pistas mal asfaltadas con pouca ou ningunha luz e procurando non ser atropelados polos coches.

Esta semana haberá que preparar a vindeira carreria: a XV edición Media Maratón de Pontevedra. Lonxe está a posibilidade de bater a miña marca persoal en media maratón que conseguira na edición do ano pasado. Para esta ocasión conténtome con rematala dignamente ao redor da hora e media tirando para arriba máis que para abaixo pero non se poden acurtar os prazos, despois de case tres meses sen pórme as zapatillas creo que xa fago bastante.

Saúde e quilómetros a todos os lectores anónimos ou non que len este blog, creo que estas letras son máis seguidas do que cría, un saúdo para todos!!


05/10/10

IV maratón do Miño ( Ourense)



Chovía e moito!! vaia día para reencontrase coas carreiras, chovía o que non estaba nos escritos pero puntuais á cita, ata Ourense fomos os tres equipos dos Taninos. Obxectivo: pasalo ben.

Estaba claro que non iamos a mellorar as marcas do ano pasado, no meu caso estou curto de preparación, outros correron con molestias, os máis na mesma situación ca min coa excepción de Isma e Edu que están un chanzo por riba dos demais.

Chegamos a Ourense co tempo xusto de ir ata a saída, prepararse os primeiros relevos ( David , Dani e Robert) a toda velocidade e dar a saída.
Mentres os primeiros relevistas facían os primeiros quilómetros os demais aproveitamos para tomar un cafeliño quente para despois e tamén toda veleocidade, prepararse os segundos relevistas ( Xose, Anxo e Maxi ).

A min tocábame igual que o ano pasado facer o segundo relevo, esperaba atoparme moitos charcos no recorrido pero a verdade non esperaba un recorrido tan penoso como o que me atopei despois por culpa de chuvia.

Xa no posto de relevos esperamos baixo a chuvia a nosa quenda. Calculara que os primeiros farían unha hora e así foi. Primeiro chegou Dani dándolle o relevo a Anxo, de seguido David que mo deu a min e pouco despois Robert a Maxi.

Saín un chisco rápido tratando de entrar en calor e sorteando as pozas que xa se atopaban polo camiño, empecei a adiantar corredores ata que me parei a falar cos compañeiros do CARMA que ían facendo unha rodaxe longa de cara aos maratóns que teñen en vista. Deixeinos e seguín a meu ritmo, ía cómodo, máis preocupado de non mollar os pés, cousa por outra parte imposible, xa que non levaba nin dous km. e xa tiña as zapatillas asolagadas. No quilómetro cinco fun alcanzado por Maxi cando xa empezaba a divisar ao lonxe a Anxo. No seis collémolo e tentamos seguir xuntos os tres pero ao chegar ao km. 7 Anxo xa non podía seguirnos. Eu tentaba seguir o ritmo de Maxi , sabía que se queriamos gañar a carreira por equipos tiña que esforzarme en non perder tempo con Maxi. Seguino ata o km. 10 dende aí fun perdendo metros, nunca máis de cincuenta, incluso dei en alcanzalo cando me xuntei a dous corredores que viñan lanzados por detrás pero cando me acheguei a Maxi este aproveitou o ritmo da parella para aumentar o seu ritmo e deixarme definitavamente atrás cando restaban quilómetro e medio para facer o relevo.

O derradeiro quilómetro entre o cansancio, a molladura e os sube-baixa do recorrido fíxoseme eterno.

Cheguei a darlle o relevo a Edu cunha hora e un minuto, trinta segundos por detrás de Maxi que lle dera o relevo a Isma. A carreira estaba entre eles dous. Claramente Isma partía con vantaxe, non só por levar tempo de dianteira senón por que está en mellor forma. De feito non houbo loita entre eles dous, Isma marcaría en meta un tempo un minuto menor que o de Edu.
Por detrás Victor facía o que podía xa que Anxo chegou en 1:07':32'' moi lonxe de Maxi e de min.

En meta entrou primeiro Isma cun tempo total do equipo de 3:02':04'' no posto 38º (ver video da entrada en meta ). Despois entrou Edu no psoto 41º cun tempo total de 3:03':22'' ( video chegada ) . Victor entraría no posto 69º cun tempo de 3:12':15'' ( video meta).


Vindeiro reto a carreira Vigo+11 o 17 de outubro. Pero antes tomaremos uns viños na casa de Rama temos cousas que celebrar e que organizar.

Saúde e quilómetros!!

26/09/10

Maratón de Berlín

O deporte as veces produce "sin sabores", preparas unha carreira con ilusión, esfórzaste nos adestramentos e chega o gran día e as cousas non saen ben. Isto ocurríulle ao noso compañeiro Rama. Dende que rematou o maratón de Barcelona tiña especial obsesión por correr o de Berlín. E case sen descanso púxose a prepara el só esta carreira, as veces era acompañado por algún dos taninos, sobre todo Victor e Tista.

O día que tiña previsto viaxar a Berlín en compañia da súa dona, recibimos a noticia de que tivo que pasar por urxencias a tratarse unha ciática. Aínda así viaxou ata a capital alemá pero non a facer turismo senón para correr o maratón.

A través de internet, dende a distancia, estivemos seguindo a súa traxectoria na carreira, alleos ao seu padecemento. Trala carreira puiden falar con el e contoume que xa dende o km 10 as cousas non lle foron como el desexaba. De aí ata a meta foi arrastrándose. Tempo final 3 h. 56': 23''. Tempos na carreira aquí .

Xa haberá outras oportunidades para resarcirse , agora hai que pensar en recuperarse e que este esforzo no pase factura.

Por outra banda os demais estamos preparándonos para correr o día 3 en Ourense. Pola miña banda sei que chego moi xusto de adestramentos, non vou nin a achegarme aos tempos nin ritmos que logrei na edición anterior pero esta será a primeira toma de contacto coa competición.

Esta semana atrevínme coas primeiras series. Foron apenas tres de mil metros que conseguín facer entre 3:46 a primeira e 3:36 a terceira. Mentres que o sábado e o domingo fixen rodaxes superiores a unha hora. A vindeira semana farei outra sesión de series e un ou dous adestramentos lixeiros para non cargar demasiado as pernas de cara á carreira.


Seguimos dando zapatilla!.

21/09/10

Collendo ritmo

A volta aos adestramentos cos meus compañeiros foi agradable, recuperar vellos costumes, voltar a falar mentras corres, botar unhas risas... o peor é que non estou en condicións de seguir o ritmo que marcan e faime sentir un pouco mal. Son consciente de que teño que adestrar aínda moito para poder chegar ao seu nivel pero boto de menos ese estado de forma que me permitia facer un cambio nunha costa ou seguir un ritmo alto, pero xa chegarán tempos mellores.

O día 3 de outubro temos a IV edición do Maratón do Miño en Ourense. Os taninos presentaremos tres equipos na liña de saída. A diferenza da edición anterior non levamos un equipo con claras posibilidades de mellorar os tempos do ano pasado ( 2 horas 49 min.). Uns por pouca preparación e outros por que non poden asistir nesas datas a Ourense levoume a conformar tres equipos o máis nivelados posible para que, polo menos haxa un certo pique entre nós; xa que non podemos aspirar a estar entre os vinte primeiros equipos tentaremos competir entre nós.
Os equipos son :

Equipo A : Isma, Robert e Maxi
Equipo B: Dani, Victor e Anxo
Equipo C : David, Xose e Edu

Mentres non chegue o día eu sigo tratando de pórme en forma para polo menos ser quen de facer o meu correspondente relevo e non deixar en mal lugar aos meus compañeiros, para iso estou tentando de gañar fondo maís que velocidade.

Por outra banda o domingo 26 o tanino Rama vai a desfrutar dun dos maratóns máis emblemáticos de Europa : O maratón de Berlín, desexo que o desfrute e que lle saia todo o ben que desexe.

12/09/10

Reintegrado no grupo

Si, xa estou de novo no grupo dos taninos, se cadra un pouco cedo de máis, aínda non teño ritmo para poder seguir ao grupo, pero hai que ir integrándose, é unha maneira de forzar a máquina para recuperar a forma canto antes.
O xoves 9 foi a primeira vez que saín en grupo, os cinco primeiros quilómetros foron ben, o peor veu cando se encederon e houbo que apretar para seguir o ritmo marcado, costou moito e empecei a sentir o que é sufrir correndo, xa me esquecera desa sensación.

O domnigo volvín a sair, esta vez con Dani, co obcectivo de facer unha hora e abofé que a fixen pero como rematei o que me custou é outro tema, non sei se foi por ter durmido pouco, pola calor ou polo que fose pero xa dende o principio non tiña boas sensacións. Buscamos un recorrido case todo de terra con transicións de asfalto entre tramo e tramo, total 12 km. Cando se cumpliu a hora xa estaba agotado, literalmente agotado, ía co piloto de reserva en vermello. Cando se fixeron os 12 km. parei, dixen basta, xa non podía seguir.

Agora a recuperar xa que o martes toca volver co grupo e a ver que sorpresa me teñen reservada por que estes tíos van como motos!!!

Por outra banda xa teño data para estrenarme nas carreiras, será o 3 de outubro formando parte nun equipo que fará a maratón do Miño. Catorce quilómetros que a día de hoxe non me vexo capacitado para facer pero aínda quedan días para gañar fondo.
Esta semana temos que facer os equipos e inscribirnos, se todo vai ben os Taninos inscribiremos catro equipos.

Xa veremos como vai o asunto.

Saúde e quilómetros!!!

01/09/10

A volta ao asfalto.

Levo xa dúas semanas adestrando en compañía de David, e a verdade é que custa moito volver a ter ritmo. A primeira vez que me puxen as zapatillas, as pernas pesaban o dobre, algo así como se a gravidade da terra fose maior que hai tres meses. O ritmo que acadei non baixaba dos seis min/km, e que dicir da dor de pernas. Na parte positiva a planta do pé non deu problemas.

Pouco a pouco imos collendo ritmo, cada día que saímos a adestrar aumentamos un pouco a distancia, mentres que o tempo de carreira vaise mantendo e isto móstra certa melloría.

Aínda está lonxe no tempo e na forma o poder participar nas carreiras, gustaríame a final de mes estar xa facendo series pero para isto antes hai que ir gañando fondo. Por outra banda tampouco debo acelerar a recuperación por medo a recair na lesión.

Sen présas pero sen pausa!!

A final de mes o tanino Rama vaise a enfrontar ao maratón de Berlín. Sei que o está preparando con moita dedicación e desfrutando que é o importante. Dende aquí o meu ánimo, quen sabe se cadra para o ano son eu o que vai a Berlín ( estaría ben eh? )

Saúde e quilómetros

18/08/10

Permiso para correr

Despois de dous meses e medio sen poñerme as zapatillas hoxe vou a sair a trotar. Visitei ao podólogo e díxome que estaba en condicións de sair a probar como respondía o pé. Levo cinco semanas seguindo o tratamento que me marcou e creo que deu resultado, polo menos xa non me doe ao camiñar.
Foi decirme que podía correr e xa marcarme un plan de regreso ao asfalto.
As indicacións que me deu o podólogo son as de empezar a trotar por superficie chá e branda, e dicir, por terra.
Hoxe farei a miña primeira saída camiño da Freixa, entre vinte e trinta minutos, pouco a pouco vou tentar coller ritmo sempre e cando a lesión non volva a dar a lata.
Tan pronto como remate esta entrada vou a pórme a roupa deportiva , calzarme as zapatillas e a ver que pasa.

Seguirei informando.

Saúde e quilómetros!!!