17/10/10

Vigo +11 2010


Cuarta edición desta carreira que transcurre pola rúas de Vigo. Unha oportunidade única para correr por elas sen ter medo de ser atropelado.
O día saíu soleado, para o meu gusto un pouco quente de máis sobre todo nas zonas onde daba o sol, pero é mellor así que non baixo a chuvia como ocurriu na maratón de Ourense.

Ata Vigo fomos oito Taninos, chegamos con tempo dabondo para recoller o dorsal, tomar o café con calma, cambiarnos e quecer ben pola zona do peirao deportivo do Náutico de Vigo. Moitos corredores coñecidos aos que saudar e cos que falar, a verdade é que o día era propicio par adesfrutar da nosa afección.

Pouco antes da hora prevista puxémonos no medio do grupo de saída procurando achegarnos aos postos de arriba. Alí puidemos saudar e charlar coa gran Julia Vaquero minutiños antes de darse o pistoletazo de saída.
Deuse a saída e aproveitando a tecnoloxía do podómetro fun marcando un ritmo en torno aos 4 min/km. comigo nos primeiros km. ía Dani e un por pouco por diante Isma, máis alá Edu e Tista. Ata o km. 6 mantiven a media e comigo seguía Dani, os demais xa circulaban fóra da nosa vista. Chegando á rúa Coruña a carreira cambiou para min. Xa non ía tan solto e sabía que as costas ían a pasar factura, aquí é onde noto a falta de adestramento. Dani pasou por diante e marcou o ritmo, tratei de seguilo e conseguíno ata chegar á praza de América a partir de aí afundinme. O tramo que vai desta praza ata a praza da independencia foi o peor da carreira, sentíame un cadaver xa que me adiantaban moitos corredores, alí Dani xa me sacaba unha dianteira de cincuenta metros. Ao longo da rúa Camelias fun recuperando sensacións e tratando de incrementar o ritmo aproveitando o dun veterano corredor que me sobrepasou á altura do Concello.
Na rúa Venezuela crin que podía alcanzar a Dani, sentíame ben e iso que ía a tope. Pensar que o derradeiro km. era costa abaixo axudaba psicoloxicamente. Ao pasar polo Corte Inglés empezaba a baixada, moi agresiva, polo que había que controlarse para evitar unha lesión. Xa en Urzáiz a pendente suavizábase e agora si se podía apretar, fun incrementando o ritmo pouco a pouco e o que me sorprendeu gratamente foi que a pesar do esforzo acumulado puiden esprintar, esprint que non me chegou para alcanzar a Dani que me quitaría cinco postos na liña de meta.
Moita xente na meta animando, familiares, amigos e tamén o noso compañeiro lesionado Rama en compañía dos seus fillos maiores.


Os resultados dos Taninos foron os seguintes :

Tista: posto 37 ; 39':37''
Edu : posto 79; 41':25''
Isma: posto 81; 41':29''
Dani: posto 142; 44':03''
Xose: posto 147; 44':10''
Victor: posto 213; 45':59''
David: posto 250; 46':55''
Robert: posto 288; 47':47''

Mentres Tista non corra coa camiseta oficial a coroa segue en mans de Edu ( jeje)

Resultados oficiais da IV edición da Vigo +11

A miña valoración persoal é moi positiva, penso que aínda estou ao 75% do que podo dar e a pesar diso estou satisfeito da miña carreira. Dende a carreira de Ourense adestrei pouco por un catarro que me tivo fóra de xogo e pola viaxe que fixen por Portugal aproveitando a ponte do Pilar. No país veciño puiden comprobar a afección que hai alí ao running ,para mostra a seguinte foto.


Paseos preparados para que podas correr sen ter que escapar dos coches incluso quilometrados como se ve nesta outra foto.
Mentres nós en Ponteareas temos que adestrar por pistas mal asfaltadas con pouca ou ningunha luz e procurando non ser atropelados polos coches.

Esta semana haberá que preparar a vindeira carreria: a XV edición Media Maratón de Pontevedra. Lonxe está a posibilidade de bater a miña marca persoal en media maratón que conseguira na edición do ano pasado. Para esta ocasión conténtome con rematala dignamente ao redor da hora e media tirando para arriba máis que para abaixo pero non se poden acurtar os prazos, despois de case tres meses sen pórme as zapatillas creo que xa fago bastante.

Saúde e quilómetros a todos os lectores anónimos ou non que len este blog, creo que estas letras son máis seguidas do que cría, un saúdo para todos!!


4 comentarios:

Anxo F. Saborido dixo...

Noraboa a todos!! Pero cando Tista teña camiseta, creo que vai reinar por moiiiitoooo tempo!!

yo dixo...

corrige el tiempo de Edu "El Neveras"

Xose dixo...

Dato de Edu correxido!

Antonio Martínez dixo...

Estupenda crónica. A facer quilómetros e entradas como esta para saber de vós. Saúdos.