29/09/13

Oitava semana. Porto á vista.

Esta semana empezou adestrando por terras lisboetas e rematou coa II edición dos 10 Km de Samil. 

Despois dos dez quilómetros pola zona de Lisboa do luns, o martes foron doce entre Castrelos e Samil na compaña de Fon, con boas sensacións e en progresivo.
O xoves e pensando tamén na carreira do domingo tocaban cinco series de mil metros tras o respectivo quecemento. O resultado destas series deixoume moi satisfeito, todas por debaixo de 4 min/km, concretamente entre 3:56 e 3:41. Estas series fixéronme albergar esperanzas dunha boa carreira o domingo, veíame con ánimos e forzas para conseguir un bo resultado.

Sábado, dez quilómetros de menos a máis, cómodos, sen gastar e deixar para o día seguinte.

O domingo chegou e con el a carreira. Achegámonos  ( Xan, Carlos , Fon e un servidor ) ata Samil trotando dende Balaídos , a modo de quecemento e unha vez alí e de deixar as mochilas no coche do compañeiro Pancho, seguimos quecendo, mais eu preocupado e ocupado en atopar ao meu compañerio Tanino Edu para pasarlle un cronómetro e que non atopei ata cinco minutos antes de iniciar a carreira.

A carreira empezou cun chisco de retraso, e a pesar de que  saída ocupaba todo o ancho da estrada ( 16 metros ) por non situarme diante, tiven que ir adiantando corredores ata  que non atopei vía libre xa chegando ao km 1. Comigo viña Carlos, que decidiu seguir a un grupiño que ía coa mesma intención de ritmo ca nós.
No km 5 atópome en solitario, con Carlos uns metros por detrás e sinto que a carreira empeza para min, ata ese momento ía relativamente cómodo. Empezo a notar o peso dos quilómetros pero tamén a aumentar un chisco o ritmo. No km 8 boto todo o que teño, o garmin empeza a marcar ritmo de 3:50 mais son consciente do desfase entre a distancia real e a que me dá o meu aparello ( sempre me indicaba o km uns metros antes do cartel que se foron sumando quilómetro a quilómetro) . Noto o isquio esquerdo un tanto cargado e teño certo medo a rachar, pero continúo a ritmo e incluso penso en esprintar pero cando vexo no cronómetro de meta que non baixo de 40 min. deixoume ir nos últimos metros. Tempo final  bruto 40:25, neto polo meu garmin 40:14 e unha distancia de 10,1 km. Posto 127 da xeral.

Foto tomada do foro de correrengalicia

Satisfeito a medias, pois pensaba que podía baixar de 40 min. pero creo que tiña algo máis que non din ou si! tampouco hai que darlle máis voltas, foi un bo adestramento e o obxectivo é Porto.

Agora empeza o duro do plan de adestramento, temos dúas semanas de carga de quilómetros, para empezar o domingo vindeiro trinta quilómetros que faremos entre Oia e A Garda aproveitando a carreira que se celebra pro primeira vez este ano e que une as dúas localidades, veremos como organizamos a cousa.

Por outra banda e para ir collendo ambiente deixo plano do recorrido  da maratona de Porto.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Moito ánimo!!!

As 3h. Seguen ahí e tes que ir a por elas.

Saú2