Despois das malas sensacións coas que rematei a semana pasada empecei esta con bastantes medos, non me sentía ben, tal vez polos efectos do catarro, por iso o martes non saín a adestrar, preferín quedarme na casa e descansar e saír o mércores.
Ese día saín máis que a adestrar a trotar, a recuperar sensacións, sen ritmos, sen presió
ns, a facer quilómetros sen máis. E o resultado foi máis que bo. Fixen unha rodaxe de case dezaseis quilómetros pola costa de menos a máis que me fixo recuperar esas boas sensacións que buscaba.
O xoves quedei co grupo de Porto para facer series, concretamente 4x2000. Sen case quecemento por que cheguei tarde, empezamos as series. O parque está estos días moi seco e levántase moito po, co que as nosas gorxas semellaban estropallo. A pesar disto o resultado foi bo xa que empezamos en 8:06 e rematamos en 7:55.
O sábado saín un poco tarde, cando xa empezaba a picar a calor, e decidín volver a saír de menos a máis, sen ritmos prefixados. O resultado foi uns "placenteiros" dez quilómetros rematando con ritmo vivo.
O domingo toca tirada longa cos Taninos de novo na Ecopista, e desta vez conseguín quitarme o mal corpo que me quedara o domingo anterior. Fixemos 100' que puiden rematar ben, con ritmos cómodos, chegando a facer algo máis de vinteún quilómetros.
Remato a semana satisfeito, aínda non chego poder manter ritmos fortes sostidos pero todo chegará. Por outra banda o vindeiro domingo toca competir nas " IV 10km Xornadas Marisqueiras do Berbés " unha carreira de 10 km, cun recorrido case plano, que será un bo test.
Con respecto ao obxectivo a día de hoxe creo que está máis perto ir a Porto que a Valencia. Xa veremos.
Circuíto da maratona do Porto |
Ningún comentario:
Publicar un comentario