Vaia semana de facer quilómetros! A cinco semanas da maratona, agora toca facer carga de quilómetros, ademais por cambio de horarios no traballo tocoume adestrar só durante a semana, se esceptuamos o luns no que puiden adestrar na compaña de Xan e facer así os doce quilómetros que tocaban ese día.
O martes, en solitario, quecemento máis catro series de dous mil. Fíxenas en Castrelos e había que facelas a ritmo medio de 3:55 , e sairon ben cumprindo o plan previsto .
Xoves rodaxe de doce quilómetros, Saín tarde e a noite botábase enriba , non me apetecía dar voltas en Castrelos e fun camiño de Samil seguindo por Alcabre e Bouzas , recordando o circuíto que facía na preparación do maratón de París, incluída a costa da rúa Coruña que segue a ser igual de empinada !.
O adestramento que acostumo a facer o sábado adianteino para o venres , coa pretensión de chegar en mellores condicións á tirada longa do domingo. Era un adestramento esixente, un progresivo de doce quilómetros empezando a 4:20 e rematando a 3:50. Os seis primeiros quilómetros foron moi ben, dentro do marcado pero nos seis restantes non fun quen de coller o ritmo desexado, tiña que rematar a 3:50 e non puiden chegar a ese ritmo por pouco.
O domingo é día de tirada longa e no plan tiñamos unha de trinta quilómetros. Nunca, e xa levo anos nisto de preparar carreiras, fixera tanta quilometraxe adestrando, e tíñalle máis que respeto a este adestramento. Por sorte neste domingo celebrábase a primeira edición dos 15km do Atlántico, carreira que une as poboacións de Oia e A Guarda. E digo sorte por que nos serviu para facer o noso adestramento. A carreira saía ás 10:30 e o grupo de Porto ( Carlos , Fon e Xan ) acompañados tamén polo meu amigo e compañeiro de equipo Edu, saímos cara Oia dende A Guarda, coa intención de facer quince quilómetros de ida e quince de volta, sobre as 9 :10.
Este primeiro tramo fixémolo a ritmo medio de 4:50, tranquilos, gozando da paisaxe. Ata en tres ocasións adiantounos o autobús que a organización puxera a disposición dos atletas para desprazarse cara á saída ( coa conseguinte cara de asombro dalgúns deses atletas). Chegamos a Oia e como non nos daban os quince quilómetros , continuamos correndo dando voltas no campo de fútbol.
As 10:30 e coa metade dos deberes feitos deuse a saída da carreira. Como non iamos competir saímos moi reservóns pero cun ritmo medio máis alto que na ida. A carreira é moi bonita, a paisaxe, a carón do mar e a temperatura moi agradábel fixeron menos duro o percorrido. No meu caso aproveitei esta tirada para facer un ensaio xeral do material que vou empregar na maratona , así levei a camiseta e pantalón do equipo e as medias longas, das que tan ben me teñen falado e a verdade é que os xemelgos non se me cargaron. Tamén probei os xeles que comerei na maratona, só me falta concretar en que momento debo comelos, xa que a día de hoxe e igual que fixen nesta carreira, penso tomalos no quilómetro dez, vinte e un e no trinta, se ben estou barallando outra distribución que me permita tomar o último máis perto da meta.
Volvendo á carreira, foi un acerto facer os segundos quince coa carreira, tiñamos auga e compaña. Fomos Carlos mais eu xuntos toda a carreira, por detrás a pouca distancia Fon e Xan ( Edu é un mundo aparte e saiu coma un foguete ).
Fotos tomadas de Atlántico Diario e de galiciasuroeste.info
Nós pasamos o km10 en 45:27 ( ritmo de 4:32) e do 10 ao 15 en 20:12 ( ritmo 4:02 ) Tamén hai que dicir que o derradeiro quilómetro era unha costa abaixo moi tendida que fixo rebaixar o ritmo moito. Chegamos nun tempo de 1:05:39 no posto 169 ( que era o de menos) . Total do adestramento 30km en 2:19:14 .
Moi satisfeitos nos deixou este adestramento o que nos fai ver a maratona con mellores perspectivas.
Agora toca outra semana dura de carga para despois centrarse na Media de Pontevedra que será o verdaderio test que me dirá que ritmo podo levar na maratona de Porto
Saúde e quilómetros!
Saúde e quilómetros!
Ningún comentario:
Publicar un comentario