Con retraso e recén chegado das vacacións escribo esta miña crónica do que foi a xa sétima semana de preparación para a maratona de Porto.
Os primeiros adestramentos da semana fixenos en compaña dos meus colegas de aventura maratoniana, o luns dez quilómetros e o martes doce , a moi bo ritmo medio, promediando entre 4:45 e 4:30 e sempre rematando a tope con ritmos un pouco por debaixo de 4:00.
A segunda parte da semana foi a que tivo máis cambios, xa que me desplacei ata terras lisboetas para pasar unhas merecidísimas vacacións na compaña da miña muller.
Levaba a intención de saír a correr un par de veces polo menos, ainda que non sabía como podería conciliar os adestramentos e as vacacións xa que non tiña un coñecemento da zona á que nos deprazabamos que me permitise planificar recorridos. Por sorte e tras preguntar na recepción do hotel, a menos dun quilómetro atopábase o centro deportivo Jamor con pistas de terra e asfalto que permitía facer os quilómetros que quixese.
O primeiro día ( xoves) ás 7 da mañá hora local dirixinme ata o parque seguindo as indicacións do recepcionista. A miña sopresa foi ver, que a pesar da hora tan intempestiva , o lugar estaba cheo de corredores e andaríns. Polo meu descoñecemento do lugar, dediqueime a dar voltas a un circuíto de 2,2 km seguindo a un corredor local que me facía de guía para facer un total de trece quilómetros, en vez de facer as series que me tocaban ese día e que sabía de antemán que non ía ser capaz de facer eu só.
O segundo día foi o sábado, e un pouco máis tarde ás 8:30 local, volvín ao mesmo parque coa intención de facer catorce quilómetros e como xa coñecía un pouco mellor o parque, prolonguei o circuíto do día anterior pasando este a ser de pouco máis de tres quilómetros para que non fose tan monótono. Se o día anterior xa me sorprendera a cantidade de xente facendo deporte, sendo sábado e un pouco máis tarde aquilo fervía de xente practicando deporte. A anécdota foi que ao ir correr sen almorzar ( só metera no estómago media chocolatina) decidira levar unha botelliña de auga para ir hidratándome ( facía calor a pesar da hora) e non sentir tan baleiro o estómago. Ao chegar ao parque deixei a botella sobre unha papeleira polo que pasaría catro veces, o caso é que trala segunda volta a botella desapaeceu, nin estaba no chan, nin na papeleira, alguén con máis sede ca min decidiu facela súa, menos mal que no mesmo lugar había unhas fontes nas que puiden calmar a sede. O resultado final foron os catorce quilómetros previstos a ritmo medio de 4:34.
E aínda houbo un tereceiro día, xa o luns, e tamén cedo e tocou outra vez ampliar o circuíto para facer dúas voltas de cinco quilómtros e un total de dez, a ritmo medio de 4:35 e desta vez a botella non desapareceu ( xa me encarguei de deixala nun lugar menos visible ).
En resumo estou satisfeito coa experiencia, gocei das vacacións e puiden seguir adestrando a pesar de ter alterados os plans de adesramento. O que me inqueda é non ter feito a tirada longa sobre todo por que este domingo vou participar nos 10km de Samil perdendo outro domingo para meter quilometraxe no corpo. Non descarto cambiar o plan e facer unha tiradiña o sábado, aínda que sexa contraproducente para a carreira do domingo, xa se verá!
Saúde e quilómetros.
1 comentario:
Bos adestramentos en terras amigas e comprobando xa o terreo para a grande proba.
Vemonos en Samil.
Publicar un comentario