Fin dos adestramentos , chegou a hora, última semana de preparación que se presentaba tranquila. O luns visitei ao fisio pois notaba os isquios bastante cargados, non son partidario de facer sesións de fisioterapia tan cerca dunha proba pero desta vez era estrictamente necesario pois o isquio esquerdo estaba a piques de darme un problema serio.
O martes e mércores fixen rodaxes de dez quilómetros, o primeiro moi suave e o segundo incrementando o ritmo do cuarto ao noveno quilómetro para facer o último moi suave a modo de arrefriamento.
O xoves descanso e o venres de mañá, aproveitando o festivo, oito quilometros na compaña de Fon moi suaves.
O sábado pola mañán tocaba viaxe na compaña da miña muller Graciela, viaxe un tanto incómoda pois a choiva non nos deixou en case todo o camiño.
Como chegamos ao hotel antes da hora de entrada, aproveitamos para ir ata a Alfándega de Porto onde se situaba a feira do corredor para recoller o dorsal, aproveitamos para recoller os dorsais dos meus compañerios de aventura Carlos, Fon, Xan , Bruno, e Arturo Fontán. Como había unha gran cola para a pasta party decidimos ir comer fóra da Expo do corredor.
Na Expo tras recoller o dorsal
Despois de comer e dun breve paseo baixo unha chuvia torrencial, chegamos ao hotel onde xa nos esperaban Xan, Carlos, Fon e Bruno, démoslles os seus dorsais e collimos o cuarto onde descansamos un par de horiñas antes de saír a dar unha volta e cear cos compañeiros. Na cea coñecín a Rubén e José Luis, do equipo Afiadores de Ourense .
Cea de hidratos, antes da batalla
O día chegaba ao seu fin, había que durmir ( non sen antes ver gañar ao Celtiña na tele) e descansar ben. Ás sete da mañá tocou o despertador, as 7:30 baixei a almorzar, alí xa estaban os meus compañeiros.
O almorzo
De novo ao cuarto para prepararse: equipaxe tanina, cremas, isotónica e listo para correr.
Chegamos á zona de saída con moito tempo de sobra, o hotel estaba a escasos 700 metros , o día estaba perfecto, nin rastro da chuvia do día anterior e a temperatura era agradábel, eran as 8:00 hora local , e aínda quedaba unha hora para a saída, tempo que aproveitamos para comentar sobre ritmos e tácticas de carreira, baleirar vexigas e quecer un pouquiño.
Con Antonio Franco, Xan, Fon, Carlos, Bruno e Rubén
Dándonos ánimos na saída
Dez minutos antes da partida colocámonos na liña de saída, xa había moitos corredores na parte dianteira polo que tivemos que saltar a valla para situarnos ben e alí atopo a Antonio Martínez , empeza a ser un clásico atoparme con el nas saídas das maratonas, falamos de obxectivos e desexámonos sorte.
As 9:00 deuse a saída, o meu obxectivo tíñao claro, rondar os 4:20 '/km , saín na compaña de Bruno ( do Carma ) e de Carlos. Bruno tiña en mente baixar das tres horas, Carlos rodar a 4:25-30 polo que aos case cinco quilomeotros , Carlos decidiu deixarnos ir e eu quedei con Bruno. No quilómetro dez tomo o primeiro xel. Imos cómodos, incluso charlando entre nós e con algún que outro corredor, ata chegar ao quilómetro vinte, O ritmo a esa altura de carreira era para baixar de tres horas, levabamos o globo-guía diante a cen metros , pero vin que o meu ritmo non era ese, ademais unha señora do público meteume o medo no corpo ao comentar en alto que eu ía moi branco, non tiña síntomas de debilidade, non facía demasiada calor pero o comentario non me gustou nadiña e fíxome deixar irse a Bruno. Pasei a media en 1:30:11 .
Entre o km 22 e 23 esperábame a miña muller Graciela, animoume e deume unha gorra, o sol empezaba a estar alto e facíame falta protección.
Quedeime só sen máis referencia que o meu cronómetro. Tras cruzar a ponte, e xa en Vilanova de Gaia, a carreira é un pouco desconcertante, o adoquín nesta zona fai moito dano por iso os corredores tiramos todos a ir pola beirarrúa , neste tramo non parece unha carreira seria , os corredores mesturándose cos turistas e cruzándonos cos atletas de elite que veñen de volta . É nesta altura cando decido que teño que baleirar de novo a vexiga, levo varios quilómetros con ganas pero non quero parar polo que intento facelo en marcha, baixo un pouco o ritmo e... veña!
Chegamos ao quilómetro vinte e cinco, tomo o segundo xel, non sei se foi por liberar a vexiga ou polo xel pero empezo a atoparme mellor e vou superando corredores, adianto a dous corredores de Ferrol, cos que falaramos no 5 km, un vai mal o outro tenta seguir comigo. De volta a Porto , camiño do km 30 crúzome con Carlos, despois con Fon e por último con Xan aos que saúdo, véxoos ben, pero aínda queda o máis duro da maratona. Ao paso pola zona turística de Gaia repítese o de subirse ás beirarrúas para fuxir do adoquín, a verdade é que correr sobre as pedras fáiseme duro. Volto a pasar pola ponte de Luis I e xa de novo en Porto crúzome con Bruno e Antonio , non os vexo ben, o esforzo empeza a sentirse no seu rostro. Vou ben, forte, adiantando corredores , animo a un corredor que leva unha camiseta de Bombeiros de A Coruña e dime que vai "petado".
Posición aerodinámica, o vento pega forte
No derredeiro quilómetro
Paso o 42 xiro á esquerda e aí está a meta, tiro a gorra e saúdo ao público, estou moi feliz. Entro en meta e paro o reloxo en 3 horas 05': 09'' ( tempo neto) .
Entrado en meta
Trala liña de meta vexo a Antonio Barrera do Carma, acompañado de Pili ,os cales están tirando fotos, son os primeiros cos que festexo ter rematado a proba.
Trala liña de meta ( Grazas Antonio )
Na contrameta atópeme con Rubén, non puido coas tres horas pero está contento pois baixou a súa marca persoal. Ao tempo van chegando coñecidos: Carlos, Antonio, con que me fago unha foto, Bruno...
Con Antonio Martínez
Son momentos de celebrar, de abrazos , de recoller a medalla , a camiseta conmemorativa , unha botella de viño do Porto...
Ao pouco van chegando tamén Fon primeiro e despois Xan, quen a pesar dos problemas físicos que arrastrou en toda a preparación foi quen de rematar o seu primeiro maratón , bravo!!
Fon, Xan, Carlos, eu, Bruno , Jose Luis e Rubén
De regreso ao hotel reencóntrome con Graciela quen non puido ir ata a meta pois quedaba moi lonxe do centro, comentamos a "nosa" carreira. É tempo de celebración.
Non quero rematar esta crónica sen os agradecementos. Primeiro a Graciela, por ser comprensiva cos meus adestramentos, ao grupo de Castrelos : Xan, Fon e Carlos, por deixarme adestrar con eles e compartir esta marabillosa experiencia; aos Taninos polo seu alento e compañia e en xeral a todos os que dalgún xeito estiveron apoiándome.
Agora hai que descansar aínda que desta vez estou ben de pernas, sen excesivas dores e xa pensando en volver a calzar as zapatillas, que espero sexa pronto, tal vez este domingo na carreira contra o Cáncer.
Tamén hai que ir buscando novos retos, novas metas. Seguiremos informando .
Saúde e quilómetros!!
1 comentario:
Parabéns pola carreira e pola crónica. Xa sabes que pasas a entar na miña lista de heroes.
Vémonos no asfalto.
Saúde e quilómetros.
Publicar un comentario