Penúltima semana de adestramentos específicos para a maratona de Porto. Xa queda pouco, xa empezan as molestias típicas previas a un gran evento deportivo, ás que xa empezo a estar acostumado, que se che doe o xemelo ou o nocello ou un isquiotibial... Creo que o corpo xa se puxo en modo "aforro de enerxía" e en modo "alerta".
A semana empezou coa resaca da Media de Pontevedra que me deixou as pernas moi pesadas, de feito pasei o día de descanso para o luns e aínda así o martes, na rodaxe de dez quilómetros seguía a notar as pernas pesadas e doloridas, sensacións que continuaron na rodaxe do mércores de tamén dez quilómetros.
O xoves fixemos as series que restaban por facer. Dúas series de seis mil a 4:20 cun quilómetro de recuparación entre ambas a 4:45. Por sorte as pernas xa se atopaban mellor o que axudou a levar as series moito mellor. Fíxenas na compaña de Carlos e Xan, aínda que este último só fixo a primeira, pois anda con molestias e non é cousa de arriscar a estas alturas. O resultado foi bo, fixémolas cumprindo obxectivos e incluso a última por debaixo do marcado.
O venres descansei e o sábado fixen outra rodaxe de dez quilómetros que aproveitei para estrear e probar as novas zapatillas que vou levar na maratona, unhas Asics GT-2000, un pouco máis lixeiras que as Brooks Trance que veño empregando.
O domingo participei na Pedestre de Santiago, unhas das probas emblemáticas do calendario galego e na que levaba dúas edicións sen participar. Desta vez non fun a disputala, pretendía facer quilómetros sen gastar enerxías de máis e ao mesmo tempo gozar de tan magnífico percorrido ( sigo sendo da opinión de que non hai unha carreira cun último quilómetro tan espectacular).
O meu compañeiro na experiencia maratoniana Carlos, foi tamén compañeiro nesta carreira. Fixémola todo o percorrido xuntos charlando e marcándonos os ritmos.
Saímos, como é típico desta proba, moi lentos e esquivando corredores por Xoan XXIII e ata a Virxe da Cerca non fomos con fluidez. A partir de aquí puidemos ir máis cómodos. Conservadores ao máximo incluso ao chegar á tan temida costa de Vite que subimos cun ritmo cómodo para despois, na baixada deixarse ir e gozar do percorrido monumental, iso si, tendo conta de non esvarar, pois o chan estaba mollado.
Entramos en meta na praza do Obradoiro cun tempo de 52:11.
Entramos na derraderia semana, o tema loxístico hai tempo que está arranxado, hotel con almorzo incluído e saída ás tres da tarde. Esta semana é de tomarse as cousas con calma, dentro do posible. O luns toca visita ao fisio para descargar un chisco as pernas, martes e mércores rodaxes suaves de dez quilómetros e o venres outro máis suave aínda. O sábado desprazamento ata Porto na compaña da miña muller e o domigo a gozar da carreira!
Saúde e quilómetros!!
2 comentarios:
Mucho ánimo Xose y efectivamente esperamos que la próxima no seas el único tanino. Pero ya sabes porque te nombramos Presi por unanimidad.
Pasalo bien en compañia de Graciela
Un fuerte Saude e Quilómetros
David
Me sumo a lo dicho por David.
Y a partir del treinta y pico, piensa en la frase de Gebre: Lo importante no es el cuerpo, es la mente.
Mucha fuerza y sé valiente, que a bajar el ritmo tenemos tiempo.
Ánimo.
Saú2
Publicar un comentario