E xa van quedando menos, en menos de quince días a maratona de Porto será historia. Pero antes aínda hai que facer uns cantos quilómetros máis. Esta semana estaba marcada pola celebración de media maratón de Pontevedra pola que non fixemos series, só rodaxes de dez e doce quilómetros se ben teño que decir que , agás na do venres, fíxenos de menos a máis rematando a ritmos vivos.
O domingo fun a Pontevedra coa idea de facer un bo test para a maratona, quería probar o meu estado de forma e ver cales serían as miñas posibilidades. A diferencia de anteriores carreiras coloqueime na parte dianteira da saída, había moita participación e sabía que nos primeiros quilómetros o circuíto é estreito e se quedas "atrapado" custa logo coller ritmo. Deuse a saída e conseguín transitar sen problemas, libre e seguindo a un par de referencias que cría boas para min. Moi rápido por debaixo de 4 min\km e coa sorpresa de levar de compañeiro ao meu sobriño Andrés. Así ata o km 5 onde decidín baixar o ritmo quedándome só pero coas referencias aínda á vista. Ao primeiro paso pola Peregrina dou alcance a Horacio, que era unha das miñas referencias, pero non por que eu aumentase o ritmo.Paso o km 10 en 40 escasos, vou dentro do desexado. Continúo na compaña de Horacio pero xa nin rastro de Andrés nin das outras referencias. A partir do km 13 empezo a notar o esforzo ademais de acusar a humidade reinante durante toda a proba. Ata o quince fun quen de manter un ritmo en torno aos 4:10 min\km pero de aquí ao final fun perdendo forzas pasando a ritmos de 4:25 a 4:30 min\km. xa só pensaba en chegar e rematar o calvario, non había forzas para máis e non podía facer nada máis que ver como era superado unha e outra vez por corredores . Chego a meta en 1h:28:14 ( tempo neto oficial) moi lonxe das miñas espectativas de estar ao redor da hora vinte e catro- vinte e cinco.
Algo decepcionado pero coas ideas máis claras con respecto á maratona de Porto. Baixar de tres horas non está ao meu alcance, máis realista será estar entre 3 h:05 e 3h :10 que tampouco estaría mal. Cando me metín nesta aventura maratoniana era consciente de que repetir por cuarta vez consecutiva baixar de tres horas ía ser moi difícil, o que dá máis valor ao feito noutras citas maratonianas. Non intento pór desculpas, adestrei o que tiña que adestrar, non podo nin quero adestrar máis e este adestramento, polas razóns que sexan non me dá para máis. Irei a Porto coa mesma ilusión ou máis que na primeira no ano 2008, daquela marqueime o obxectivo de facer un maratón ao ano e mentras poida tentarei facelo.
Agora outra semana de rodaxes cun test o xoves de 2x6000m cun quilómetro de recuperación entre series. E o domingo a Compostela a participar na súa Popular , unha proba que me gusta moito polo seu ambiente e polo seu espectacular percorrido, e na que por motivos de saúde hai tres anos que non podo participar, espero que desta vez si. Dos adestramentos e da carreira darei conta na vindeira semana.
Saúde e quilómetros!!
1 comentario:
Verémonos en Santiago e Porto. Boa sorte.
Publicar un comentario