24/05/08

Non todo vai ser correr.


Esta fin de semana ababandono o deporte pola festa, máis ben polas festas. Xa sabemos que Galiza é un país en festa e que calquer pretexto é bo para facer unha, pero estas son especiais.
A festividade do Corpus Christi en Ponteareas é unha festa especial. Está claro que ten un contido relixioso e que para un agnóstico coma min, este tipo de festividades deberíanlle de ser indiferentes, pero esta non o é por que son as festas máis emblemáticas da miña vila. Toda a noite facendo as alfombras florais para que o domingo a procesión as desfaga. Levo toda a miña vida participando delas, non faltei a ningunha cita e penso seguir a tradición. Este ano pódese seguir a través dunha cámara web en directo a elaboración da alfombra e o paso da procesión pola miña rúa, na web da Deputación de Pontevedra , así que convido a todo o mundo a participar desta festa.
Este ano o Corpus coincide co Festival de Curtas de Cans ( Porriño ) Esta festa non ten nada de relixiosa, máis ben todo o contrario, aquí réndese culto ao mundo da farándula con proxeccións de cine nos alpendres das casas dos veciños, con festa no torreiro da parroquia, con paseos en chimpíns, etc; é a apoteose do que se deu en chamar o "agroglamour". Despois de faltar á edición anterior por coincidir cunha carriera, este ano non vou faltar. Alí pasarei a tarde, desfrutando do cine, da música, da cervexa e por suposto dos amigos.


Por que son especiais estas festas?. Vide o comprobaredes pola vosa conta.

Ningún comentario: