01/09/13

Cuarta semana

Despois das malas sensacións coas que rematei a semana pasada empecei esta con bastantes medos, non me sentía ben,  tal vez polos efectos do catarro, por iso o martes non saín a adestrar, preferín quedarme na casa e descansar e saír o mércores. 
Ese día saín máis que a adestrar a trotar, a recuperar sensacións, sen ritmos, sen presió
ns, a facer quilómetros sen máis. E o resultado foi máis que bo. Fixen unha rodaxe de case dezaseis quilómetros pola costa de menos a máis  que me fixo recuperar esas boas sensacións que buscaba.

O xoves quedei co grupo de Porto para facer series, concretamente 4x2000. Sen case quecemento por que cheguei tarde, empezamos as series. O parque está estos días moi seco e levántase moito po,  co que as nosas gorxas semellaban estropallo. A pesar disto o resultado foi bo xa que empezamos en 8:06 e rematamos en 7:55. 

O sábado saín un poco tarde, cando xa empezaba a picar a calor, e decidín volver a saír de menos a máis, sen ritmos prefixados. O resultado foi uns "placenteiros" dez quilómetros rematando con ritmo vivo.

O domingo toca tirada longa cos Taninos de novo na Ecopista, e desta vez conseguín quitarme o mal corpo que me quedara o domingo anterior. Fixemos 100'  que puiden rematar ben, con ritmos cómodos, chegando a facer algo máis de vinteún quilómetros.

Remato a semana satisfeito, aínda non chego poder manter ritmos fortes sostidos pero todo chegará. Por outra banda o vindeiro domingo toca competir nas  " IV 10km Xornadas Marisqueiras do Berbés " unha carreira de 10 km, cun recorrido case plano, que será un bo test.
Con respecto ao obxectivo a día de hoxe creo que está máis perto ir a Porto que a Valencia. Xa veremos.

Saúde e quilómetros!!
Circuíto da maratona do Porto

25/08/13

Terceira semana

A semana empezou ben, moi ben, empezaban as series e estas sairon satisfactoriamente. O martes fixen 3 series de 8 min. con dous minutos de recuperación, sendo cada unha máis rápida ca anterior . O xoves tiña pensado facer unha rodaxe dunha hora pero ao chegar a Castrelos cambiei de opinión despois de falar co grupo de Porto ( Xan, Fon e Carlos) e decidín unirme ás súas series, 3x3000 con 3:30 de recuperación, e a verdade non me arrepentín do cambio pois saíronme moi ben ( 12.29, 12:26 , 12:20 ) e quedei satisfeito.
 
Pero o fin de semana xa non foi tan bo, apañei un catarro que creo me afectou no rendemento deportivo, pois o sábado tiña que facer 14km a 4:45 e tras facer 11 quilómetros moi bos a partir de aí entrei en barrena e decidín parar no 13 xa que non me vía con forzas para seguir.

O domingo, máis do mesmo, quedei cos Taninos para facer a tirada longa pola ecopista de Monçao-Valença. O tempo previsto 1 hora 45 minutos. Empecei moi ben ata que cheguei ao km 10, outra vez unha "paxara" que non me permitia rodar con certa  soltura. Ía moi mal, a calor, vento en contra , sensación de agotamento físico, fixéronme cambiar o plan e parar aos 14, 3 Km cun tempo de 1 hora 10 minutos.

Espero que estas páxaras sexan consecuencia do catarro, de non ser así a miña forma física deixaría moito que desexar. Veremos como evoluciono na vindeira semana.

Pola tarde os Taninos Runners colabaramos como voluntarios no control do tráfico no paso de Vuelta a España por Ponteareas, non foi moito traballo e ademais pasámolo ben como reflicte a foto do noso compañeiro Anxo Saborido



Saúde e quilómetros

18/08/13

Segunda semana

Outra semana e empezamos a sumar quilómetros. Empezamos coas series e seguimos coas rodaxes longas. Desta vez foi o sábado cando a fixen ,en compaña de Edu, Fernando Rama e Víctor pola ecopista de Monçao a Valença , 20 quilómetros. Quilómetros que me deixaron as pernas ben quentes para o domingo, dia no que asistín á carreira Andar e Correr de Baiona.

Unha carreira durísima pois ten un quilómetro ( entre o 3 e o 4) que é una auténtico muro no que moitos corredores optan por andar ( enténdese agora o do nome da carreira, non? ). Como sabía da súa dureza optei por saír reservón sen queimar forzas que me farían falta despois, pero nin así, a costa puido comigo  e o resto da carreira foi un querer o non poder, as pernas non asimilaran o "peso" dos quilómetros do día anterior. Tentei manterme nos derradeiros quilómetros , que son planos, mais todo o contrario, do 8 ao 9 sentínme baleiro e só nos derradeiros oitocentos metros conseguín subir o ritmo para facer en meta un discreto tempo de 43:19 , rematando no posto 221 da clasificación. Non é un bo tempo pero non me importa nin me vou a flaxelar por iso, sabía das miñas condicíóns fisicas actuais e polo tanto sabía que non o ía facer moito mellor. Do que se trata é de adestrar, seguir sumando quilómetros de adestramento pois o obxectivo segue sendo o maratón de novembro.

Para a  semana máis ( quilómetro ) e mellor.

Saúde e quilómetros

11/08/13

Primeira semana

Que duro vai ser isto! non me gusta adestrar coa calor e xusto esta semana volve a vaga de calor! buf!. Os catro días que adestrei ( martes, xoves, sábado e domingo) foron días de moita calor e o meu rendemento non foi o desexado. Se se trata de rodar, non hai maior problema en baixar o ritmo, o problema chega cando hai que esforzase por cumprir os ritmos desexados, aí non vou, non hai maneira .

O da tirada longa seguiu a tónica da semana, calor, ritmos difíciles de manter e se lle sumamos dezanove quilómetros a cousa se complica. O mellor volver a adestrar cos vellos amigos e volver a entrar da dinámica de falar de adestramentos e de carreiras. Consecuencia destas "charlas" foi a miña inscrición na carreira "andar e correr de Baiona" do vindeiro domingo día 18, non pensaba meterme nestas liadas tan cedo pero son débil e me deixo convencer. Isto trae outra consecuencia que é cambiar a tirada longa do domingo para o sábado.
Tirada longa dominical

Por outra banda sigo sen saber cal vai ser o obxectivo real , prefiro Valencia pero Porto tamén está aí.

Saúde e quilómetros

05/08/13

Empezamos de novo

Tento con esta entrada dúas cousas: unha , volver a escribir, dúas, adestrar con método e disciplina. E é que a miña vida tivo tantos sobresaltos que non podía nin quería facer ningunha das dúas cousas mencionadas.

Agora teño un reto deportivo o maratón de Valencia que se vai celebrar o 17 de novembro. Este é o plan A xa que tamén  teño plan B por se non se dan as premisas para poder levar a cabo o primeiro plan. O que teño  claro é que antes de rematar o ano quero correr o meu sexto maratón. 

E cal é o plan B?  pois o maratón de Porto que se celebra quince días antes ( o 6 de novembro). E cales son as premisas? Pois que nos respeten as lesións, que poida adestrar sen problemas e que ata Valencia tamén viaxen os meus compañeiros e amigos Taninos . Apetéceme  moito repetir a experiencia de ir co equipo a un maratón  e convivir con eles a preparación, a carreira, a postcarreira... Se por calquera cousa ao final non deciden ir a Valencia, entón decantaríame por Porto, pois o desprazamento é moito máis doado e alí tamén contaría con compañía da familia e compañeiros de adestarmento en Vigo.

O importante é voltar  e niso estou , de feito xa iniciei o plan pero como estamos no verán e  cústame correr coa calor aínda non estou a tope, mais estamos no bo camiño.


Saúde e quilómetros!!

31/05/13

Circuito da I Carreira Nocturna do Tea

Se picades nesta ligazón podedes ver  as características do circuíto:

Circuíto da I Carreira Nocturna do Tea


                    Create Maps or search from 80 million at MapMyRun
               


               




27/05/13

I Carreira Nocturna do Tea 6/07/2013

REGULAMENTO DA PROBA I CARREIRA NOCTURNA DO TEA

PREVIO Á CARREIRA
Art. 1º.- Todos os participantes polo feito de inscribirse declaran coñecer, entender e aceptar o presente regulamento.
Art. 2º.- A Asociación Deportiva Taninos Runners Ponteareas, con CIF G94049871 organiza, en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de Ponteareas e o Concello de Ponteareas, o sábado 6 de xullo de 2013, a partir das 21:30 horas a “I Carreira Nocturna do Tea” sobre un trazado urbano de 10 Km.
Art. 3º.- PARTICIPANTES E CATEGORÍAS.
Poderán participar todas aquelas persoas, federadas ou non, que o desexen sempre que estean inscritas, nos prazos establecidos para o efecto pola organización e cumpran as condicións de participación.
Categorías Establecidas:
A proba estará aberta a todos os atletas que teñan cumpridos os 16 anos de idade no día da proba.
Art. 4º.- CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN.
As persoas participantes comprométense a aceptar estritamente o presente regulamento e calquera posible modificación da proba, obrigada por causas alleas á vontade da organización.
O feito de inscribirse implica ter lido, entendido e adquirido os compromisos que se expoñen a continuación:
  • Cada corredor/a participa baixo a súa enteira responsabilidade, afirma posuír un nivel de condición física suficiente para afrontar a proba e ter pasado os pertinentes controis médicos de saúde.
  • A organización non se fai responsable de calquera lesión ou padecemento por imprudencia, neglixencia ou falta de forma física do/a participante.
  • O/A participante exime de toda responsabilidade á organización que puidese derivarse da súa participación no evento ( Ex: perda de obxectos persoais por roubo ou outras circunstancias, perigo de lesións, atropelos, agresións,...)
  • Autorízase á organización o uso de calquera imaxe en publicacións, carteis ... para a promoción do deporte. Calquera persoa inscrita poderá prohibir a utilización da súa imaxe previa solicitude expresa e por escrito dirixida á Asociación Deportiva Taninos Runners Ponteareas (Rúa Oriente 15 – 2º - 36860 Ponteareas)

A Organización resérvase o dereito a rexeitar calquera inscrición que non acepte os termos e condicións expostos no presente regulamento. No caso de dúbida, ou de xurdir algunha situación non reflectida neste, estarase ao que dispoña a Organización.

Art. 5º.- INSCRICIÓNS
Faranse na web www.cronotec.es ata as 23:59 horas do luns 1 de xullo de 2013 e non se admitirán nin inscricións posteriores nin o mesmo día da proba.
O custe da inscrición será de 3 euros por participante.
A inscrición considerase finalizada ao facer o pago desta e non se retornará o importe da inscrición por ningunha circunstancia.
A inscrición na proba é persoal e intransferible.
A inscrición na proba quedará limitada a 300 participantes.

ACCIÓN SOCIAL: Voluntariamente, todos os/as participantes, sexan corredores/as ou membros da organización e público en xeral, poderán facer unha achega dun produto alimenticio non perecedoiro, nomeadamente produtos de limpeza e hixiene persoal, para que a Asociación Ponte Solidario e Cáritas Parroquial de Ponteareas continúen co seu labor social.

O DÍA DA PROBA

Art. 6º.- RECOLLIDA DE DORSAIS E CHIPS DE CRONOMETRAXE.
Farase na zona de saída, na rúa Castañal (ao lado da gardería municipal), nun lugar habilitado pola organización, entre as 19.30 e as 20:30 do día da proba.
O Chip de cronometraxe deberá retornarse á organización no momento de finalizar a proba.
Na mesma zona farase a entrega da bolsa do corredor.
Os participantes disporán dun servizo de gardarroupa na zona de saída e meta.



Art. 7º.- PERCORRIDO
Os corredores completarán 3 voltas ao seguinte circuíto urbano:
Saída e Meta: rúa Castañal (fronte á escola infantil municipal), xiro esquerda rúa Carballos, xiro dereita Av. Galicia, cruce esquerda con rúa Vidales Tomé, xiro á dereita rúa Oriente ata Praza Maior, xiro esquerda rúa Esperanza, xiro dereita Morales Hidalgo, xiro esquerda Dr. Fernández Vega, xiro esquerda Reveriano Soutullo, xiro dereita rúa Amado Garra, xiro esquerda rúa Azorín, xiro esquerda Av. Rosalía de Castro, xiro dereita Av. Sarmiento Rivera ata o final da mesma, na que faremos un xiro de 180 graos para retornar novamente por Av. Sarmiento Rivera (esta Av. estará debidamente dividida mediante conos), continuar rúa Concha Brey e Av. Constitución, xiro dereita rúa Vidales Tomé, xiro á dereita rúa Emilio Rodríguez, xiro á dereita Av. Galicia, xiro á esquerda Paseo Matutino, xiro esquerda rúa Castañal.


Distancia: 10 km
Horario da saída: 21:30h
Avituallamento: Líquido no Km 5 aproximadamente e especial na liña de meta.

Art. 8º.- SERVICIOS SANITARIOS E SEGURO DE ACCIDENTES
A Organización disporá dun servizo médico formado por un/ha médico, un/ha enfermeiro/a e unha ambulancia, situados na zona de saída e chegada.
A Organización dispón dun seguro de responsabilidade civil segundo a lexislación vixente, con número de póliza 0961370044995 , contratado con Mapfre Seguros.
Así mesmo, todo participante non federado, disporá dun seguro de accidentes, non lesións, soamente para o día da carreira, contratado pola organización.

Art. 9º.- DESCUALIFICACIÓNS
O servizo médico da competición ou o director de carreira, están facultados para retirar da carreira a calquera atleta que manifeste un mal estado físico evidente, que non realice o percorrido completo, que non teña dorsal, que manipule a publicidade do dorsal, que manifeste un comportamento non deportivo ou que se reitere en protestas á organización.

Art. 10º.- PERSOAS NON INSCRITAS
Toda persoa que corra sen estar inscrita, faino baixo a súa responsabilidade, non estará cuberta pola Organización. Se é advertida a súa presenza instaráselle a abandonar o circuíto.

POSTERIOR Á CARREIRA


Art. 11º.- PREMIOS E SORTEO DE AGASALLOS.
Haberá trofeos para os tres primeiros da clasificación xeral, tanto feminina coma masculina.
No momento de celebrarse a carreira realizarase un sorteo de agasallos doados pola Asociación de Hostaleiros de Ponteareas e distintos patrocinadores, que serán comunicados no momento de finalizar a proba.


Art. 12º.- SERVIZO DE DUCHA.
Os participantes disporán dun servizo de ducha no pavillón Álvaro Pino de Ponteareas


Para máis información: taninosponteareas@gmail.com

19/12/12

San Silvestre Solidaria de Ponteareas


Cartel da Proba


No día 31 de decembro deste ano 2012 ás 17:00 horas e ata as 18:30 horas organizaremos unha proba atlética non competitiva, con carácter popular e participación libre, polas rúas do concello de Ponteareas co nome de San Silvestre Solidaria de Ponteareas.  
 

Circuíto da proba
As rúas do percorrido serán: saída e chegada na Praza Maior fronte ao edificio da seguridade social, con dirección sur cara a rúa da Esperanza, xiro á dereita pola rúa Morales Hidalgo, xiro a esquerda por doctor Fernández Vega, seguir dereito pola rúa da C

astiñeira ata chegar á Avenida Castelao, xiro a esquerda por Amado Garra ata o cruce con Reveriano Soutullo pola que baixaremos para xirar á esquerda pola Avenida da Costitución, seguir pola rúa de Oriente e finalizar na terceira volta na Praza Maior. 

Esta proba non competitiva é de carácter solidario polo que solicitaremos a todos os participantes unha inscrición en forma de produtos alimenticios que doaremos a Cáritas Parroquial de Ponteareas

A Inscrición farase no día da proba ata as 17:00 ou no mail: taninosponteareas@gmail.com indicando Nome, Apelidos e NIF,( preferíbel esta última opción par axilizar o proceso).

O feito de facer a inscripción supón a aceptación do regulamento da proba.

A proba dispón de seguro de resposabilidade civil e de servizo de ambulancia.

Poderanse inscribir os maiores de 14 anos.

A proba iniciarase ás 17:30 e serán 3 voltas ao percorrido sinalado, completando un total de 5Km

Haberá duchas para quen o desexe ao rematar a proba no Pavillón do complexo deportivo " Álvaro Pino".

18/11/12

XXXVI San Martiño ( Ourense)

Que preguiza me dá escribir, e non é por que xa non teña cousa que contar , é que teño pouco tempo para dedicarlle a este blog. De feito dende a última vez que escribín  xa participei  na  Media Maratón de Pontevedra a cal fun con apenas tres semanas de adestramento e na que conseguín un tempo de 1 h 28' e 50'', un  máis que meritorio tempo para o que teño adestrado.

Hoxe participei na carreira máis multitudinaria de Galicia , na San Martiño de Ourense. Ata alá fun acompañado dos Taninos. Fun sen idea previa do que podía ou debía facer na carreira xa que descoñecía o meu estado de forma posto que se para Pontevedra apenas  adestrara tres semanas, para esta non puiden adestrar máis que dúas, pois entre unha gastroenterite que collín na semana posterior á Media e a mudanza de casa, non puiden saír un só día a correr.

Nas dúas semanas previas á carreira fixen rodaxes e só un día de series. Na xuntanza previa á carreira, xa en Ourense, decidín acompañar a José Antonio e David na súa tentativa de achegarse a 40':00. Saímos xuntos pero non chegaramos ao km 1 e xa cada un ía por onde podía. Eu levaba diante miña a David, a certa distancia e por detrás seguíame José Antonio. Non coseguín sobrepasar á David ata pasado o Km 5. 
O ritmo según o Garmin ía entorno aos 4'/km pero o desfase entre o GPS e o real fíxo que o reloxo marcara os 10 km sobre a Ponte Romana cando aínda faltaban case 200 metros para meta. O tempo final foi de 40':42'' .
Contento, pois non me crin capacitado para ir a ese ritmo e ao final puiden facelo. Non hai sitio para a decepción posto que se non se adestra os tempos non saen.

Agora voume marcar como obxectivo da media maratón de Viana do Castelo o 20 de xaneiro, espero poder ter continuidade nos adestramentos, se así o fago, os tempos saen.

Saúde e quilómetros!!