27/05/13

I Carreira Nocturna do Tea 6/07/2013

REGULAMENTO DA PROBA I CARREIRA NOCTURNA DO TEA

PREVIO Á CARREIRA
Art. 1º.- Todos os participantes polo feito de inscribirse declaran coñecer, entender e aceptar o presente regulamento.
Art. 2º.- A Asociación Deportiva Taninos Runners Ponteareas, con CIF G94049871 organiza, en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de Ponteareas e o Concello de Ponteareas, o sábado 6 de xullo de 2013, a partir das 21:30 horas a “I Carreira Nocturna do Tea” sobre un trazado urbano de 10 Km.
Art. 3º.- PARTICIPANTES E CATEGORÍAS.
Poderán participar todas aquelas persoas, federadas ou non, que o desexen sempre que estean inscritas, nos prazos establecidos para o efecto pola organización e cumpran as condicións de participación.
Categorías Establecidas:
A proba estará aberta a todos os atletas que teñan cumpridos os 16 anos de idade no día da proba.
Art. 4º.- CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN.
As persoas participantes comprométense a aceptar estritamente o presente regulamento e calquera posible modificación da proba, obrigada por causas alleas á vontade da organización.
O feito de inscribirse implica ter lido, entendido e adquirido os compromisos que se expoñen a continuación:
  • Cada corredor/a participa baixo a súa enteira responsabilidade, afirma posuír un nivel de condición física suficiente para afrontar a proba e ter pasado os pertinentes controis médicos de saúde.
  • A organización non se fai responsable de calquera lesión ou padecemento por imprudencia, neglixencia ou falta de forma física do/a participante.
  • O/A participante exime de toda responsabilidade á organización que puidese derivarse da súa participación no evento ( Ex: perda de obxectos persoais por roubo ou outras circunstancias, perigo de lesións, atropelos, agresións,...)
  • Autorízase á organización o uso de calquera imaxe en publicacións, carteis ... para a promoción do deporte. Calquera persoa inscrita poderá prohibir a utilización da súa imaxe previa solicitude expresa e por escrito dirixida á Asociación Deportiva Taninos Runners Ponteareas (Rúa Oriente 15 – 2º - 36860 Ponteareas)

A Organización resérvase o dereito a rexeitar calquera inscrición que non acepte os termos e condicións expostos no presente regulamento. No caso de dúbida, ou de xurdir algunha situación non reflectida neste, estarase ao que dispoña a Organización.

Art. 5º.- INSCRICIÓNS
Faranse na web www.cronotec.es ata as 23:59 horas do luns 1 de xullo de 2013 e non se admitirán nin inscricións posteriores nin o mesmo día da proba.
O custe da inscrición será de 3 euros por participante.
A inscrición considerase finalizada ao facer o pago desta e non se retornará o importe da inscrición por ningunha circunstancia.
A inscrición na proba é persoal e intransferible.
A inscrición na proba quedará limitada a 300 participantes.

ACCIÓN SOCIAL: Voluntariamente, todos os/as participantes, sexan corredores/as ou membros da organización e público en xeral, poderán facer unha achega dun produto alimenticio non perecedoiro, nomeadamente produtos de limpeza e hixiene persoal, para que a Asociación Ponte Solidario e Cáritas Parroquial de Ponteareas continúen co seu labor social.

O DÍA DA PROBA

Art. 6º.- RECOLLIDA DE DORSAIS E CHIPS DE CRONOMETRAXE.
Farase na zona de saída, na rúa Castañal (ao lado da gardería municipal), nun lugar habilitado pola organización, entre as 19.30 e as 20:30 do día da proba.
O Chip de cronometraxe deberá retornarse á organización no momento de finalizar a proba.
Na mesma zona farase a entrega da bolsa do corredor.
Os participantes disporán dun servizo de gardarroupa na zona de saída e meta.



Art. 7º.- PERCORRIDO
Os corredores completarán 3 voltas ao seguinte circuíto urbano:
Saída e Meta: rúa Castañal (fronte á escola infantil municipal), xiro esquerda rúa Carballos, xiro dereita Av. Galicia, cruce esquerda con rúa Vidales Tomé, xiro á dereita rúa Oriente ata Praza Maior, xiro esquerda rúa Esperanza, xiro dereita Morales Hidalgo, xiro esquerda Dr. Fernández Vega, xiro esquerda Reveriano Soutullo, xiro dereita rúa Amado Garra, xiro esquerda rúa Azorín, xiro esquerda Av. Rosalía de Castro, xiro dereita Av. Sarmiento Rivera ata o final da mesma, na que faremos un xiro de 180 graos para retornar novamente por Av. Sarmiento Rivera (esta Av. estará debidamente dividida mediante conos), continuar rúa Concha Brey e Av. Constitución, xiro dereita rúa Vidales Tomé, xiro á dereita rúa Emilio Rodríguez, xiro á dereita Av. Galicia, xiro á esquerda Paseo Matutino, xiro esquerda rúa Castañal.


Distancia: 10 km
Horario da saída: 21:30h
Avituallamento: Líquido no Km 5 aproximadamente e especial na liña de meta.

Art. 8º.- SERVICIOS SANITARIOS E SEGURO DE ACCIDENTES
A Organización disporá dun servizo médico formado por un/ha médico, un/ha enfermeiro/a e unha ambulancia, situados na zona de saída e chegada.
A Organización dispón dun seguro de responsabilidade civil segundo a lexislación vixente, con número de póliza 0961370044995 , contratado con Mapfre Seguros.
Así mesmo, todo participante non federado, disporá dun seguro de accidentes, non lesións, soamente para o día da carreira, contratado pola organización.

Art. 9º.- DESCUALIFICACIÓNS
O servizo médico da competición ou o director de carreira, están facultados para retirar da carreira a calquera atleta que manifeste un mal estado físico evidente, que non realice o percorrido completo, que non teña dorsal, que manipule a publicidade do dorsal, que manifeste un comportamento non deportivo ou que se reitere en protestas á organización.

Art. 10º.- PERSOAS NON INSCRITAS
Toda persoa que corra sen estar inscrita, faino baixo a súa responsabilidade, non estará cuberta pola Organización. Se é advertida a súa presenza instaráselle a abandonar o circuíto.

POSTERIOR Á CARREIRA


Art. 11º.- PREMIOS E SORTEO DE AGASALLOS.
Haberá trofeos para os tres primeiros da clasificación xeral, tanto feminina coma masculina.
No momento de celebrarse a carreira realizarase un sorteo de agasallos doados pola Asociación de Hostaleiros de Ponteareas e distintos patrocinadores, que serán comunicados no momento de finalizar a proba.


Art. 12º.- SERVIZO DE DUCHA.
Os participantes disporán dun servizo de ducha no pavillón Álvaro Pino de Ponteareas


Para máis información: taninosponteareas@gmail.com

Ningún comentario: