12/02/12

Modo adestramento. Obxectivo París VI

Empecei a semana con preocupacións polo meu estado físico xa que doía o nocello dereito de tal xeito que coxeaba un chisco. Solución visitar ao fisio e que me tratara. O diagnóstico: os peroneos cargados. Tratamento fisoterapéutico, antiinflamatorio e calor ( radio salil ) . O martes fun probarme facendo unha rodaxe de 75', vaia maneira de probarse, e saíu ben, sen dor, sen molestias. Polo  tanto seguín co mesmo plan previsto series de costas o mércores , 4 de 7' o sábado e rodaxes de 75' o xoves e de 100' o domingo.

Rematou a semana de boa maneira, a rodaxe do domingo foi mellor do pensadao, cheguei con moitos quilómetros nas pernas e non sabía que ritmos podía chegar a manter na tirada dominical. Os primeiros cinco quilómetros foron por riba dos 5'/km pero a partir de aí foron en progresión rematando os derradeiros por debaixo de 4'/km. Sorprendido de min mesmo. Estou satisfeito espero que as lesións nos repeten a todos  e que a carreira poña  a cada quen no seu sitio.
  
Por certo, estrenei zapatillas, estas son as  Brooks Trance 11, para superpronadores coma min. É unha zapatilla tope de gama e que polo tanto costou o seu, espero que saian boas .


Vindeira semana coa vista posta na media do Riberio, un bo tests para medir as forzas.

Saúde e quilómetros!

06/02/12

Modo adestramento. Obxectivo París V

Boa semana de adestramento. Cada vez voume sentindo mellor, os tempos nas series van saíndo e nas tiradas longas e semilongas vou conseguindo bos ritmos. Non me preocupa facer as series longas entre semana, xa lle collín o truco e ás rodaxes tamén, é dicir, estou contendo coa miña progresión, a miña nota sería : progresa axeitadamente.

Teño en mente probarme na media do Ribeiro e a seguir na Intersport do Porriño, de seguir así deberían saír ben.

O que me preocupa e unha dor aguda no xeonllo dereito ( unha vez superdas as molestias no esquerdo agora toca o dereito). Despois da tirada do domingo teño máis dor e xa me empeza a preocupar, de feito xa pedín cita co fisio para avaliar a situación pero creo que vou ter que parar uns días, espero que só sexan uns días.

Xa se verá.

29/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París IV.

Outra semana de adestramentos no peto. Tocaba semana de recuperación e a verdade é que o foi. Rodaxes un pouco máis curtas e series tamén menos esixentes das que ademais saín moi contento.
Para evitar a monotonía de correr por Castrelos tratei de buscar recorridos alternativos e atopei o paso de Bouzas, non está totalmente alumeado pero o suficiente se a noite non é moi pechada polo que creo que visitarei esa zona máis veces. As series do mércores  fíxenas en Castrelos acopañado de Xan que está a se preparar para  Vig-bay e que decidiu cambiar as súas series de dous mil por acompañarme nas miñas de 3x10'. O xoves rodaxe de novo por Castrelos. Como me aburría dar tantas voltas fixen os derradeiros dez minutos polas rúas de Vigo, mala decisión pois era noite de bastante tráfico. O sábado por motivos de traballo fixen o meu adestramentos máis tarde do habitual e tiven que aproveitar o tempo ao máximo, foron 10x2' que fixen na zona de Samil-Alcabre-Bouzas, pertiño da casa para non perder moito tempo.

Domíngo , é o día que aproveito para atoparme cos meus compañeiros de equipo e de aventura parisina. Tocaban oitenta minutos e saíronme oitenta e tres, mellor que hai dúas semanas xa que daquela. no mesmo circuíto, fixera pouco máis de hora e media, se ben por entón andaba arrastrando un catarro.

Empezo a atoparme ben e as sensación son cada vez mellores. Apunteime á media do Ribeiro  que será outra boa proba para comprobar o meu progreso.


Saúde e quilómetros!




22/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París III

Terceria semana de duro adestramento e os quilómetros e as pernas empezan a pesar moito. En acumular quilómetros e facer cambios de ritmo é no que estou agora. As series son por suposto o que máis me está a custar, sobre todo as longas xa que as estou facendo entre semana , mentres que as curtas as fago o sábado, ao contrario do que viña sendo habitual nos anteriores plans que seguín. Probarei un par de semanas máis, se vexo que non dou feito pode que cambie a orde, xa se verá.

Para rematar a semana acudín coa familia tanina á Media Maratona Manuela Machado de Viana do Castelo. Non sabía como me ía sair, nin idea de como podía estar de forma, levo moi poucos adestramentos e nin de lonxe estou para facer unha boa marca. Por isto saín tranquilo coa intención de facer un adestramento de "calidade", unha rodaxe en compañía de moita xente. E podo dicir que estou satisfeito, moi satisfeito de como me saíu a cousa. Fun sempre cómodo, máis preocupado da miña musculatura, moi cargada, que dos tempos. Así fun ata o km 16 onde decidín cambiar e apretar un pouco. Setinme cómodo e isto é o que me fai saír contento .Rermatei en 1:30:35, lonxe das miñas mellores marcas, pero dentro do que daba por bo neste día. 
Remato a semana con 75 km nas pernas. A vindeira é de recuperación e iso espero que sexa.

A seguinte proba será a Media maratón do Ribeiro o 19 de febreiro, para esa espero estar un pouco mellor.


Cando hai que estar en forma é o 15 de abril!


Saúde e quilómetros.

15/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París II

Segunda semana de adestramento duro e primeiro do plan específico para o maratón de París. O balance pode catalogarse de aceptable pois tras empezar ben a semana coas primeiras rodaxes e series na fin da semana non foi todo tan ben, e por que? por que a saúde non me acompañou. A metade de semana empecei con síntomas de catarro que fun aguantando ata o sábado. Este día tiña planificado as series curtas pero trsa pasar mala noite e comprobar que tiña unha décimas de febre decidín, sabiamente, renunciar a  ese adestramento, e recuperarme ben e tratar de mellorar para asistir á tirada longa do domingo.

Así foi, un sábado de descanso deportivo e un domingo de 18 km. Ás 9:30 da mañán estaba xa no lugar establecido como punto de xuntanza dos taninos xunto a outros trece compañeiros de fatigas. Tratábase de facer 80 minutos progresivos e a cousa ía ben ata que chegamos ao km. 12 onde empecei a descolgarme  coa intención de recuperarme e tentar apretar nos derradeiros km. Mantiven un bo ritmo ata o 16 pero a partir de aí foi unha calamidade, baixei moito o ritmo e malamente puiden rematar. Isto non fixo máis que comenzar, quedan trece semanas para París e xa haberá mellores días.


O vindeiro domigo unha boa representación dos Taninos acudiremos a Media Maratona " Manuela Machado" en Viana do Castelo ( Portugal ), unha carreira xa tradicional no noso calendario. Pola miña parte non vou coa intención de facer una boa marca, cólleme moi lonxe da miña mellor forma, tentarei facer un adestramento de calidade aproveitando as prestacións que esta carreira proporciona. 

Espero estar plenamente recuperado na vindeira semana e poder cumplir cos obxectivos do plan.

Saúde e quilómetros!!

08/01/12

Modo adestramento. Obxectivo París I.

Primeira semana do novo ano e empezo forte. Nesta semana fixen 61 km. de adestramento e iso que aínda non empecei con plan específico de preparación para o maratón de París . Durante a semana quixen afacerme a adestrar os cinco días que teño previsto facer de aquí ao 15 de abril e comprobar como reacciona o meu corpo. Rodaxes vivas, rodaxes suaves, series, tirado longa e competición todo na mesma semana.

As sensacións son moi boas, despois de ter que descansar polas molestias do nocello esquerdo estas case desapareceron, teño a zona un pouco cargada despois de tres días seguidos de adestramentos  pero lonxe das molestias que tiña antes.

Para rematar a semana participei na primeira edición da correndo por Vigo ( no barrio de Teis , Vigo). Unha proba nova de case 8 Km. e bastanter dura para meu gusto por que tiñamos que dar dúas voltas por un circuíto que tiña unha subidiña ben xeitosa, cousa que non é do meu agrado, pásoo mal nas costas e nesta carreira xa lle chegaba coas que tiña. A pesar de ter adestrado moito na semana e do perfil da proba as sensacións coas que rematei foron moi positivas, competín ben e fixen 30:01 rematando no posto 101 . 

Aquí deixo a miña carreira.



Os resultados da carreira : I Correndo por Vigo  .

14/11/11

Maratón de París. Os Taninos invadirán París

Xa está , xa estamos inscritos!. Dez taninos e un par de asimilados imos participar na Maratón de París o 15 de abril de 2012. Xa temos a incripción feita , os billetes de avión e só falta arranxar o tema dos hoteis, asunto no que estamos traballando, xa que atopar cuartos nun hotel céntrico para vinte e tres persoas non é tarefa doada sobre todo se temos condicionantes como é o tema do pecunio.

Agora hai  que pensar en prepararse, e ben, para a cita, no meu caso desexaría voltar a baixar das tres horas e para iso hai que adestrar forte e ser constante, e agora que se achega o novo ano e o tempo dos bos propósitos este sería o meu.

Xa estou buscando un plan de adestramentos, teño o que realizamos nos maratóns anteriores e que deu moi bo resultado máis tentando non caer no aburrimento que pode traer repetir programa, estou buscando pola rede algún outro que poida axeitar as miñas/nosas necesidades e posibilidades ( cando escribo  nosas  é por que tamén penso nos meus compañeiros de equipo : os taninos).

A verdade é que hai moita oferta onde escoller, as propias webs dos maratóns ofrecen plans de adestramento, en foros e webs especializadas tamén. Nisto estou ademais de seguir correndo entre tres ou catro veces por semana e tentar que as molestias do nocello esquerdo desaparezan dunha vez. 

Dende que rematei coas carreiras na San Martiño púxenme en mans dun recuperador que me detectou unha inflamación no tendón exterior que con descanso, tratamento e exercicios de fortalecemento desapareceu se ben as molestias na zona do tendón de aquiles seguen  e terei que volver a visitar ao recuperador  para pór unha solución. Non desexaría empezar a preparación  do maratón con estes problemas.

Pois nestas estamos, ilusionados  e con novas metas. Polo camiño a París temos outras carreiras as que teño pensado acudir : Media Maratona de Viana, Media Maratón do Ribeiro, a Interrunig no Porriño, por suposto a Vig-bay e seguro que algunha máis.


Aproveito para felicitar as festas a todos os que me seguen a través deste blog :


                        Felices Festas e Feliz e deportivo ano 2012 a todos!!


Saúde e quilómetros!


07/11/11

XXXV San Martiño. Ourense

Parte dos Taninos


Que mágoa que agora dou por rematada a temporada. Agora que me empezaba a atopar ben e que me empezaban a saír os tempos. Isto demóstrame o que xa intuía hai tres semanas, faltábanme unhas sesións de adestramento máis. Pero non está mal chegar ao pico de forma na San Martiño. Carreira espectacular por número de participantes, pola boa organización e polo recorrido. 
Chegaba a esta proba sen moitas esperanzas, despois da gastroenterite da semana pasada pouco puiden adestrar : un par de adestramentos dunha hora e unha saída suave o venres para estirar as pernas. O meu obxectivo era baixar de 40' e con esa intención me puxen na liña de saída xunto cunha parte dos Taninos que tiñan pretensións iguais ou superiores.
Decidín facer a  carreira acompañando a Rama quen me dixo que pretendía tamén baixar de 40'. Saímos rápido, favorecidos por situarnos ben adiante, de feito debe ser a primeira vez que podo correr libre pola ponte do Milenio. Xunto a nós o compañeiro do CARMA Pancho  "Beauvais". Primeiro tirando un , depois o outro fomos xuntos ata o km. 7,sempre cun ritmo por debaixo de 4 min/km. ; aquí  Rama sácanos uns metros e non me vexo con forzas para seguilo, penso que na baixada do 8 ao 9 podo collelo. Chegado o momento non dou feito, non hai maneira, nin baixando son quen de recortar con Rama. Chegamos ao km. 9  e a estrada pica un pouco para arriba e isto dáme a puntilla , se ía xustiño de forzas agora se acaban, Pancho adiántame, vai forte e non podo seguilo, fago un último esforzo na subida da ponte romana máis que nada para non perder ritmo, dou  a curva e vexo que o reloxo marca 38 e pouco  e me deixo ir xa que o obxectivo está conseguido. 
 Km. 9

Entro en meta marcando 38':55''. Posto349º

Resultados da proba : XXXV San Martiño

Ao parar noto que a cabeza se me vai un pouco, un mareo polo esforzo, mais non foi a máis senteime un ratiño  mentres Rama me acompañaba, enseguida me erguín e puiden coller as bebidas que a organización nos proporcionaba. Ao saír do pavillón puiden compartir as impresións da carreira cos compañeiros de equipo.

Despois do xamón 

Trala charla, viaxe de volta e parada na Cañiza para degustar dunha boa ración de xamón, que bo ser Tanino!

Agora como dixen ao principio toca descansar, restañar as feridas, recuperarse ben para poder preparar o gran obxectivo da temporada : o maratón de París, estou emocionado co tema, facer un maratón internacional deste calibre vai facer que me esforce máis para volver a baixar das 3 horas. Xunto a min xa somos oito os Taninos inscritos nesta proba, xa temos pechado o avión   só falta que concretemos aloxamento e por suporto un plan de adestramento que nos facilite acadar o nosos obxectivos.

París nos espera!!


Saúde e quilómetros!!!

30/10/11

Non houbo Pedestre para min. Haberá París.

A saúde é o primeiro, e esta vez a gastroenterite gañou. Esta semana sufrin os efectos desta enfermidade. O mércores tiven que retirarme do traballo e irme para casa. O xoves crin que estaba recuperado e fun traballar e o venres de cea coa familia tanina, onde fixemos plans de futuro, próximo e a longo prazo. A curto prazo estaba esta carreira pero o sábado amanecín peor e non facía outra cousa que visitar o baño co que a decisión sabia era non correr. Sintoo moito porque a esta carreira téñolle cariño, en poucas carreiras podes gozar dun final tan espectacular como nesta. Así que esta é unha crónica do que puido ser e non foi. Tal vez o ano que vén poida recorrer as rúas de Compostela. Espero que esta doenza non me obrigue quedar na casa tamén o vindeiro domingo e poder participar na San Martiño, outra das emblemáticas carreiras de Galicia.

Nos plans a longo prazo os Taninos decidimos facernos internacionais por todo o alto, nin máis nin menos que participando no vindeiro maratón de París o 15 de abril. A verdade é que hai dez días nin se me pasara pola cabeza a posibilidade pero ao enterarnos de que o maratón de Barcelona coincide co Vig- Bay empezamos a barrallar a posibilidade de ir a París. É certo que sae un chisco máis caro que ir  a Barcelona pero penso que a experiencia merece o esforzo.

Agora hai que inscribirse, buscar vos, aloxamento e empezar a preparar a carreira, conseguirei volver  abaixar das tres horas? a iso irei!!

Saúde e quilómetros!!

23/10/11

Media Maratón Serviocio de Pontevedra 2011

Sete semanas despois de empezar a preparar esta carreira chegou o día. E sete semanas foron ben poucas para conseguir o obxectivo de baixar de 1 h. 25 min. Xa unha vez rematad a Vigo +11 sabía que ese obxectivo era demasiado alto para min, polo que decidín baixar as pretensións e quedarme perto de 1 h. 28 min. e este si que saíu. 
Con este obxectivo púxenme  na liña da saída en compañia do meu novo compañeiro de adestramentos vigueses Horacio, quen tamén tiña o mesmo obxectivo. O caso é que  situámonos moi atrás o que nos obrigou a facer un esforzo extra para coller o ritmo desexado ademais a chuvia e sobre todo o vento dificulataba a carrerira.  A cantidade  de corredores non era acorde coa largura  da estrada pola que transitamos nos primeiros quilómetros, ata non atravesar o río non puidemos correr libres. No xiro da Xunqueira puiden ver como os meus compañeiros de equipo ían bastante por diante. Do km 6 ao 10 incrementamos o ritmo e fomos superando corredores pouco a pouco. No km. 16 subimos un pouco o ritmo pero ao chegar ao 18 sufrín un baixón, non era quen de seguir o ritmo de Horacio quedeime retrasado e ao lonxe podía ver como o Tanino Rama estaba ao alcance. Tentei recuperar e así o fixen xa que do 19 a meta fun moi forte, todo o forte que podía xa que as pernas xa notaban o esforzo dos quilómetros. Entrando no estadio quixen facer un derradeiro esforzo pero ía xustiño. Non din collido nin a Horacio nin a Rama pero rematei moi satisfeito coa carreria e o tempo realizado 1 h 27' 13'' ( posto 202).  A dureza da proba polo vento e a chuvia fai que está aínda máis contento coa  carreira.

Aquí deixo a ligazón aos resultados da Media Maratón Serviocio Pontevedra 2011


Pero o mellor viría despois, seguindo a tradición Tanina, trala carreira  tocaba comer unha boas ostras de Arcade regadas cun bo Alvariño























Pd. Xa hai que buscar novos obxectivos. A curso prazo temos a Carreira Pedestre de Santiago e a San Martiño en Ourense e a longo prazo un maratón Barcelona , París ? xa veremos.

Saúde e quilómetros! 

17/10/11

Vigo + 11 . 2011

Unha edición máis desta edición da Vigo +11 pero esta era un pouco especial para min, era a primeira carreira á que acudía despois de mudarme a Vigo . Era tamén a primeira á que podía acudir en autobús urbano e a primeira  na que me tiña que citar cos meus compañeiros de equipo os Taninos. 
A iso das 10:15 xa estabamos pola zona do Areal, lugar de saída, un cada vez máis numeroso grupo de Taninos. Tralo café e os preparativos quentamos un pouco e ademais de ter quentado pouco a saída retrasouse de máis e cando se deu o pistoletazo eu xa estaba totalmente frío.
O obxectivo era igualar o mellorar os tempos do ano pasado. Con isto en mente saín poñendo un ritmo de 4 min/km e compaña de Dani. Así fomos xuntos ata o km. 7 onde me din conta de que estaba por riba das miñas posibilidades, ademais coincidía coa subida da rúa Coruña que se me fixo interminábel, baixei o ritmo e fun superado por Rama que viña facendo un carreria en progresión e a quen non fun capaz de seguir. Pensaba que podía collelo na rúa Camelias pero tampouco, cada vez o vía máis lonxe e a quen non vía xa  era a Dani.
Tentei recuperar folgos camiño da rúa Venezuela, pegueime a un corredor que me viña superando e o seguín até o Corte Inglés. 
Alí empezaba unha baixada a tumba aberta até a meta, ou iso pretendía que fose, a tumba aberta. pero nen tumba, nen aberta, non había máis, nin para pegar un cambio, de feito aínda fun superado por seis ou sete  corredores máis . Ao chegar a meta marquei un tempo de 44':47'', corenta segundos peor que a edición anterior e con moitos taninos pisádome os talóns.
Non me vou machacar demasiado , sei que non estou en forma, fáltanme adestramentos e vou chegar moi curto de preparación á Media de Pontevedra así que o obxectivo de baixar de 1h. 25' vai estar moi pero que moi complicado, tal vez necesitaría dúas semanas máis de adestramento. 
O vindeiro domingo correremos por Pontevedra e nos seguintes domingos a Pedestre de Santiago de Compostela e a san Martiño de Ourense, dúas citas as que espero non faltar xa que a partir de agora acudir ás carreiras será  o xeito que terei de compartir asfalto cos meus compañeiros de equipo,  e nas que espero poder  mellorar o meu rendemento deportivo.

Deixo aquí a ligazón aos resultados da Vigo +11 
Tamén deixo as fotos que atopei da carreira e un video caseiro que fixen coa colaboracíón da miña moza Graciela.





04/10/11

Os Taninos Runners de Ponteareas. Maratón por relevos do Miño Ourense

Sinto o retraso desta crónica, os meus novos compromisos non me deixan case tempo para actualizar este blog, tamén teño que recoñecer que cada vez dáme máis preguiza pórme a escribir, peor vou facr un esforzo por que a ocasión merece a pena. 
Esta vez non vou falar de min, se teño tempo e ganas xa falarei dos meus progresos neste mundo do atletismo., hoxe toca falar dos Taninos.

Quen son os Taninos? boa pregunta que tentarei responder. Alá polo mes de marzo de 2007 eramos un grupiño de amigos-coñecidos que tiñan como afección o atletismo popular e que compartían adestramentos nocturnos e participaban nas carreiras populares da contorna . Pouco a pouco o becho das carreiras foi inxectando o seu veleno máis e máis o que levou ao grupo a participar por primeira vez  nun maratón ( Mapoma de 2008). Tal experiencia fixo que a pasión se redobrase e cada vez adrestrabamos máis e con máis ganas. 
Pouco a pouco este grupiño foi medrando sumándose novos membros ao equipo e obtendo éxitos particulares.
O 2010 foi un ano clave. En marzo repetiuse a fantástica experiencia maratoniana, esta vez  a cidade elexida foi Barcelona. E no mes de novembro adquirmos a categoría oficial de equipo ao rexistranos como tal no Rexistro Xeral de Asociación Deportivas de Galicia.
No 2011 a maratón de Sevilla na que participaron oito membros do equipo chegou a ter presencia nos medios de comunicación con artigos de prensa e entrevistas radiofónicas que  fixeron que o equipo fose aínda máis coñecido. 
Aos adestramentos cada vez acudía máis corredores, o gupiño comverteuse nun pelotón que se fai notar nas noites ponteareás, xa non somos catro "frikis" agora hai días nos que somos dezasete e como siga esta progresión teremos que pedir permiso á policia local para que corte o tráfico alí por onde pasamos.
Todo isto tivo o seu colofón o domingo 2 de outubro na maratón por relevos do Miño. Cinco equipos de relevistas chegamos a presentar na liña de saída e un deles fíxose coa terceira praza . O equipo formado por Carliños, Sito e Dani Bargiela  ( a quen lle damos as grazas por sumarse a este proxecto) foi quen de obter un resultado  espectacular.

Os demais equipos obtiveron os seguintes resultados:

Tista-Saúl- Edu: posto 12
Dani-Berto-Víctor : posto 70
Robert-David- Isma: posto 75
Anxo- Xose- José Antonio : posto 78

Dun total de 264 equipos chegados a meta



Ningún é profesional nin está becado, todos sacan tempo das sús vidas para poder adestrar e compartir experiencias correndo, todos fan esforzos por compaxinar vida familiar e deporte, por saír a correr cando chove, hai vento, frío  ou  calor extremo.
Ademais desfrutamos da compañía en comidas, ceas e festexos varios por que xa somos unha gran familia a familia Tanina!!

Saúde e quilómetros!