06/02/11

Maratón de Sevilla, a unha semana


Pois si dentro dunha semana xa estará todo rematado, xa haberá que buscar novos retos, novos obxectivos, pero de momento vaiamos a desfrutar desta carreira. Xa temos case todo preparado para viaxe, o traslado a Lavacolla, os billetes de avión a reserva do piso, ata temos a un tanino d na cidade de Sevilla que nos vai a facer a reportaxe fotográfica moi ao seu pesar, xa que o compañeiro Anxo de seguro que desexaría máis correr no maratón que estar perseguíndonos polas rúas de Sevilla, pero unha lesión impídello, haberá outras oportunidades para resarcirse.


Con respecto a preparación deportiva esta semana que deixamos realizamos o test do 6000 m. do que todos saímos satisfeitos. No meu caso pretendía probar se estou en condicións de tentar mellorar a miña marca de 2:57:27 e saquei a conclusión de que pode ser posible aínda que non vai ser doado, vai a andar a cousa moi xusta.

Os obxectivos están xa definidos : Tista e Carlos entorno a 2:45:00 ( para ser a súa primeira experiencia coa distancia é un reto importante ) ; Edu pretende estar ao redor de 2:52:00, eu baixar a marca antes mencionada e Dani, David, Victor e Robert estarán nas 3:15:00.

O que pretendemos e desfrutar, xa sabemos que hai xente que non entende que se poda desfrutar correndo, a esa xente lle digo que proben dentro das súas posibilidades e xa verán como cambian de opinión, a desfrutar polo tanto imos a Sevilla e do que alí suceda daremos conta no seu debido tempo.


Saúde e quilómetros!!!

30/01/11

Media Maratona Manuels Machado ( Viana do Castelo)

Magnífica carreira! pola organización, polo recorrido ( duro pero perfectamente organizado) e ademais acompañounos o tempo.
Seis Taninos máis o compañeiro Carlos, os que imos a Sevilla, fomos ata Viana para participar nesta proba. Cada quen co seu obxectivo particular condicionado pola cita maratoniana de Sevilla.
Chegamos con tempo suficiente para recoller o sobre cos dorsais e tomar un cafeliño con calma e ir ao baño, tanta calma que tiven que andar a cen para cambiarme e dispoñerme case sen quentar na liña de saída. De feito tivemos que saír moi atrás o que condicionou a nosa carreira nos primeiros quilómetros.

Non sabía moi ben como plantexar a carreira. Na previa decidimos sair xuntos Tista, Carlos, Edu máis eu, tratábase de facer unha media de 4:05 min/km, como preparación para o maratón. E con esa idea saímos, pero ao chegar ao km 6 xa nos quedamos sós Edu e eu, Tista e Carlos non foron quen de mater un ritmo " baixo" para as súas posibilidades, polo que enseguida colleronos distancia.
No cambio de sentido do km 10 puidemos ver cal era a situación de carreira. Tista, Carlos, Edu-Xose, Victor, David e Robert o cal corría un tanto mermado de facultades por ter pasado mala noite. Estes serían tamén os resultados en meta.

Pola miña banda decidín seguir a Edu a pesar de que incrementou o ritmo or deibaixo de 4'/km. De aquí a meta non baixaría ese ritmo. Conseguín manterme con el e atopeime ben e con forza nas subidas, as que lle teño moito medo, isto deume confianza para manterme así. Xa no km. 20 aproveitando a baixada Edu estirou a zancada e xa non puiden seguilo máis que coa mirada. Xa Na recta de meta sufrín para rematar, terreo empedrado, costa arriba e con 21 km enrriba. Tempo final neto 1h.24':35''.

A valoración ten que ser positiva, é a primeira e única toma de contacto coa competición antes da cita sevillana e non sabía como ía a atoparme, o resultado final déixame contento pero non como para estar seguro de poder baixar das tres horas. En xeral todos rematamos satisfeitos coa carreira feita.

Na vindeira semana faremos o test do 2x6000 que nos pode dar a todos unha mellor idea de cales son as nosas posibilidades.

Na vindeira entrada contarei como foron estas series.

Pa ver os resultados da carriera aquí.

23/01/11

A tres semanas.

Creo que xa está todo feito, xa non hai máis que facer, o que non se fixo ata agora xa non se vai facer. Falo da preparación para o maratón de Sevilla. Esta semana foi a última semana dura de adestramento : series de 15x400 entre 1:36 e 1:15 , dúas rodaxes de 11 e 13 km , series de 4x3000 entre 13:00 e 11:44 e para rematar case 25 km nunha hora e cincuenta minutos. A nota que me poño nesta semana é de notable. Despois dunha dura semana como a que mencionei, na tirada longa atopeime moi ben sendo quen de facela en ritmos progresivos facedo os derradeiros quince quilómetros todos por debaixo de 4:30 e algúns entorno aos 4 min/km.
Agora xa só quedan unhas series de 1000 metros , a media maratona de Viana e unha rodaxe suave de 90 min. ademais dunha cantas rodaxes.

Non sei se estou preparado para volver a baixar das tres horas. Vou tentalo, por iso non quedará. Tal vez a media de Viana sexa unha proba que me de unha mellor avaliación do meu estado físico. Non sei, a día de hoxe como a vou a enfocar, se dálo todo ou ser reservón tendo en conta que esta carreira é só quince días antes do maratón e pode que o esforzo de desputar unha media poda pagalo no obxectivo final en Sevilla. Teño toda a semana para pensalo aínda que seguro que ata que non estea correndo polas estradas portuguesas non tomarei unha decisión, de momento o que si xa teño decidido é que cando remate este escrito voume inscribir no maratón, xa vai sendo hora.

A por Sevilla!!

16/01/11

Sevilla, faltan catro semanas,

Menos dun mes xa afinamos a preparación. Estas dúas semanas pasadas e a vindeira son de carga e de facer moitos quilómetros. Na semana pasada e nesta cheguei a sumar máis de setenta e cinco quilómetros por semana o que me fai chegar ao domingo moi cansado, resultado lóxico.

Esta recén rematada semana foi especial dura e esixente. Comenzamos con dúas series de cinco mil que fixen en 20:40 e 19:33 respectivamente. Non as acabei excesivamente cansado pero na rodaxe do día seguinte si notei as pernas moi pesadas. Igual sensacións tiven na fin de semana, xa que o venres fixemos dez series de mil entre 4 e 3:28 a úlltima, o sábado e o domingo as pernas sentíaas moi pesadas. Sobre todo na rodaxe longa do domingo, case vinte e catro quilómetros nos que en ningún momento me atopei cómodo, as pernas doíanme nas costas e non era quen de aumentar o ritmo polo que non me quedou máis remedio que cambiar ritmos fortes para finalizar por facer uns minutos de máis pois no adestramento de hoxe, domingo, tiña que facer unha hora cincuenta rematando forte e rematei por facer unha hora cincuenta e tres mantendo o mesmo ritmo.

Na vindeira semana faremos un cambio no plan para adaptar os adestramentos á Media maratona Manuela Machado de Viana do Castelo ( Portugal) . Non teño claro que tipo de arranxos facer nos adestramentos se series curtas entre semana ou facelas un pouco máis longas, dicidirémolo sobre a marcha.

O día 30 participaremos nesta bonita carreira no veciño Portugal, carreira na que tarnatan moi ben ao corredor e en especial aos corredores galegos que nos desplazamos até esta fermosa cidadade.

Despois pensar xa en Sevilla, dígoo como se non levaramos pensando nesta cita dende hai meses, xa temos viaxe e alonxamento arranxados só falta non esquecerse de facer a inscipción!

02/01/11

Feliz 2011.

E xa estamos nun novo ano. Ano que nos deparará a participación en novas carreiras esta vez como club legalmente rexistrado. Entre estas carreiras destaco por ser o primeiro gran obxectivo o Maratón de Sevilla . Na preparación desta proba estamos inmersos agora, cada un co seu obxectivo, uns rematar, outros baixar de 3:30 e outros con metas máis esixentes, como é a miña xa que pretendo volver a baixar das tres horas ou a de Edu que aspira facer 2 horas 52 min. Isto lévanos a facer algúns adestramentos diferentes. Eu sigo o plan que xa empreguei para a marató de Barcelona e coma min a maioría dos Taninos. No caso de Edu sigue un plan moito máis esixente xa que se ben coincibe con nós nas rodaxes e nas tiradas longas, pero no canto de facer as nosas series, fai só series de 1000 m. cando tocan series curtas e de 3000 m cando tocan as series longas, a ritmos cada semana máis duros. O tempo e o asfalto dirá se é unha boa decisión, pero por intentalo xa merece un premio.

No que respecta á preparación da viaxe esta semana formalizamos os billetes de avión, se ben nun principio tiñamos a idea de viaxar en furgoneta ao final decidimos facer a viaxe en avión dende Santiago directos a Sevilla aproveitando os voos dunha compañía de baixo custo. Xa temos aloxamento e viaxe arranxados, só falla formalizar as inscricións.

Sigo encantado co Garmin que comprei, día a día vou descubrindo novas aplicacións e usos como a de permitir transmitir os datos á web de strands.com o que me facilita gardar os datos dos adestramentos e carreiras.

Seguiremos informando. Saúde e quilómetros!!

Cea tanina 2010

caza tanina 2010


Aqui vos deixo as fotos da cea nas que se formalizou a constitución dos Taninos como club deportivo.

24/12/10

Do que falamos cando falamos de correr...

Reproduzo aquí o artigo que o compañeiro tanino e amigo Anxo escribiu no xornal A Peneira, creo que reflicte moi ben o que podemos chegar a sentir cando corremos, admais na miña opinión é dunha calidade literaria excelente. O texto dí así:

Levas cinco minutos sentado. Agarras a cabeza e comezas a pensar na seguinte. Un voluntario quitouche o chip da zapatilla e deuche unha bebida isotónica, ademais dunha peza de froita e algo doce.Levantaches as mans con forza. Realmente non sabes de onde quitas as forzas. Gritaches. De alegría. De éxtase. De dor. De felicidade! Xa apenas quedan mil metros. Mil metros! Levas máis de tres horas correndo (ou intentas baixar das tres horas!). Cando pasaches o muro dos trinta quilómetros comezaches a ver a luz ao final do tunel. Doeche un músculo que non sabes como se chama. É unha dor intensa. Intentas continuar. Intentas pensar noutra cousa. Comezas a escoitar os gritos de ánimo do público que antes pasaran totalmente desapercibidos. A media maratón xa parece unha distancia considerable. Son máis de vinte quilómetros...Pasaches nun tempo decente. Non tes demasiadas molestias. Pensas que son as normais. É a primeira vez que das un paso máis alá desa distancia nunha carreira...Queda outro tanto! O tempo vai pasando. Os metros tamén. Nos dez mil xa notas que as pernas están o suficientemente quentes como para correr un día sen parar. Non o dubidas. Chegarás ao final sen ningún problema. Vas correndo entre un grupo inmenso de xente. Miles de persoas son as que te rodean. Sintes miles de pasos que impactan a un tempo contra o vello chan da cidade vella da fermosa Barcelona. Non das andado. Case estás quieto. Levas dous minutos parado desde que se deu o pistoletazo de saída. Queres comezar a correr. Sintes unha enorme emoción. Non tes palabras. Comezas a pensar por que te meteches nesta historia. Quedan corenta e dous quilómetros e algúns metros para rematar o obxectivo que comezaches a preparar fai meses. Comezan as dúbidas. Pensas en que terías que ter entrenado máis. Pero xa non é o momento. Por fin comezas a correr! Deixas o piso no que estás aloxado desde que chegaches a Barcelona. É moi cedo. Está fresca a mañá. Menos mal que o sol alumea no ceo. Somos moitos os que imos na mesma dirección. Moitas e coloridas as camisetas que ves. Todas de clubes diferentes. Cos nomes dos heroes. Nós tamén temos as nosas! Estamos de estrea!!

Cando estás a punto de levantarte pensas no libro de Murakami: a dor é inevitable; o sufrimento opcional. E ti decidiches, xuntos cos teus compañeiros de aventura, sufrir. Sabes que non o vas a pasar ben, a pesar de querer sufrir nos adestramentos para gozar nas carreiras. Pero unha cousa é o que desexas. Outra será a realidade. Levas dous días paseando por Barcelona, unha cidade de lugares fermosísimos, climatoloxía envexable para ser marzo, gastronomía exquisita, ...levas dous días pensando en dar o primeiro paso da Marató de Barcelona, e levantar os brazos na meta! Parece que os días duran máis aínda que anoiteza antes.

A última semana pasáchela correndo menos do que xa comezabas a estar acostumado. Parece que o plan de preparación prevé reducir os quilómetros nos últimos días, para chegar con ganas á carreira. Xa che resulta raro. Xa estás moi acostumado ás caras raras da xente cando ve a un grupo, ás veces gran grupo, correndo polas rúas de Ponteareas. Caras que acentúan a súa sorpresa e provocan gritos de ánimo cando as temperaturas son xélidas ou a choiva é impestuosa. Recordas novamente a Murakami no seu clásico cando decía que razóns para correr hai poucas. Son moitas as razóns para non correr! Ou porque o traballo non o permite, porque os teus amigos te chamaron para tomar un café, porque prefires dar un paseo con alguén que fai tempo que non vés, porque estás de viaxe, … A realidade é que estás metido de cheo, sen sabelo moi ben, nun plan de adestramento para unha carreira que nunca pensaras en facer. Unha maratón, unha supercarreira, que require concentración, moita, e capacidade de sufrimento, aínda máis! Unha carreira que comezou cando algúns compañeiros se preguntaron en alto: por que non imos a correr unha maratón?? Razóns non hai. Non hai ningunha motivación real para decidirse a preparar unha carreira como esta. A pesar de que poidas dicir que correr é bo, que o exercicio axuda a levar unha vida máis sana, ...A realidade é que as razóns son demasiado persoais e inexplicables. Decidimos correr e corrimos!

Anxo M. Fernández Saborido, atleta.


23/12/10

Bo Nadal

Si, recoñézoo cada vez me custa máis abrir o blog e escribir, pode que xa non teña moito que contar ou que me esté aburrindo de escribir ou só que sexa por que non teño tempo para facelo ou un pouco de todo. O caso é que cada vez escribo menos pero non por que non estea correndo, ben lonxe da realidade, sigo adestrando duro para conseguir o reto de volver a baixar das tres horas no maratón de Sevilla.

Ademais dominado polo espirito consumista da época merquei un novo pulsómetro o Garmin Forerunner 305 e estou encantado coa compra. Levaba tempo dándolle voltas á posibilidade de mercalo pero o excesivo prezo que tiña botábame para atrás, ata que de tanto buscar e preguntar din cunha oferta no Decathlon e ata alí fun para facerme con el.

Permiteme rexistrar as distancias por gps, marcar o paso dos quilómetros, ritmo que levas, etc.

Este é un exemplo das funcións que ten. Espero sacarlle partido ao aparello. Os datos que publico do Garmin proceden da derradeira tirada longa que fixen ata o momento. Ademais empezamos coas series . Dende a anterior entrada xa fixemos series de 10x500 todas por debaixo de 1':50'' , máis 5x1500 entre 5':45'' e 5':30'' e 6x1000 entre 3':50'' e 3':34'', no medio varias sesións de rodaxes entorno aos 60' cada unha metendolle calidade sobre todo nos derradeiros quilómetros.

A pesar das festas navideñas non vou a descoidar os meus adestramentos, teño xa planeado as rodaxes e a tirada longa dominical.

Por outra banda e aproveitando as datas festivas os Taninos quedaremos para tomar un viños e celebrar deste xeito as festas, non todo vai ser correr!.

Saúde e quilómetros!!!

12/12/10

Ídolos caídos.

Cada vez teño máis claro que por pouca xente se pode pór a man no lume. Admiramos a deportistas, cantantes, actores, escritores, etc e dámoslle unha aureola como persoas por riba do normal como se fosen superhomes, cando realmente o que fan ben, e por iso os admiramos, é o seu oficio, nada máis, non por iso teñen que ser persoas escepcionais. Isto hai tempo que o teño claro, se me gusta un cantante valóroo como tal e logo na súa vida privada non entro a valorar o que fai ( coa escepción de que cometa algo penado pola lei ). Pero cando se admira a unha persoa polo seu oficio e logo descubres de que é un tramposo a cousa cambia e isto é o que me ocurriu co caso da "Operación Galgo". Ata que non haxa sentencia todos son inocentes pero a cousa pinta verdadeiramente mal, é difícil comprender que a unha persoa que se lle acusa de suministrar substancias dopantes a outros deportistas non as consuma, en fin!.

Con respecto aos meus adestramentos de cara ao Maratón de Sevilla esta semana tiven que facer cadrar os adestramentos cunha viaxe de vacacións . O domingo e o martes saltei da cama moi cedo (7:45 h.) para poder sacar unha horiña de adestremento cada día. Facía moito frío o domingo pero iso non foi impedimento para sair a correr. Mentres me puña a roupa pensaba que o meu debía ser grave cando estando de vacacións era quen de erguerme da cama tan cedo, e con tanto frío, para correr. Xa correndo puiden comprobar que a miña efermidade é contaxiosa por que vin a outros individuos facendo o mesmo ca min.

Xa de volta, o xoves tocou un adestramento de calidade, que consistiu en 25' suaves para despois facer 30' de cambios de ritmo. O sábado foron cinco series de 1500, todas entre 5:30 e 5:45 e para rematar a semana case vintedous quilómetros o domingo, nunha hora e corenta minutos. Estes adestramentos déixanme moi satisfeito do meu rendemento, a falta de dous meses sigo gañando en sensacións.

Como non somos profesionais seguiremos desfrutando deste deporte.

Saúde e quilómetros!!

30/11/10

Taninos Runners Ponteareas

Xa somos asociación deportiva. Hoxe deuse un paso máis. Despois de asinar os estatutos e nomear á xunta directiva aproveitando a xuntanza do grupo nunha cea e tras pagar as taxas correspondentes, hoxe foi entregada a documentación no Rexistro da Xunta de Galicia, e á espera da aprobación dos estatutos podemos conseiderarnos un club deportivo. O de federarse non é un obxectivo a curto prazo, nin a medio pero organizarnos como club é un xeito de sentirse mellor organizados.

Como socio fundador e presindente electo deste club espero que isto sirva para crecer como grupo.

O primerio encargo como presidente foi o de reservar apartamentos en Sevilla para os días do maratón e podo anunciar que xa temos aloxamento no centro da cidade.

Respecto aos adestramentos seguimos dándolle duro a pesar das ceas e celebracións varias. Teño que ir axustando os adestramentos e os compromisos socias típicos destas datas como o ter que cambiar o día da tirada longa ao sábado o que me obriga a facela en solitario e a verdade boto de menos as saídas en grupo dos domingos pero creo que por unha cousa ou por outra nas seguintes tres semanas terei que facelas así.

A semana pasada fixemos o martes a rodaxe e o mércores unhas series de costas ( 8 x 1' ) que me deixaron as pernas "quentes " de máis, durante o resto da semana as pernas estiveron doloridas. O venres estoume acostumando tamén a adestrar ao medio día, xa o probei unhas cantas veces e non me disgusta a experiencia, obrígame a axustar os meus horarios pero así permíteme descansar unhas cantas horas máis e poder facer a tirada longa o sábado pola mañán.

A vindeira semana coa ponte da constitución vou a variar o adestramento xa que me vou adesprazar e terei que buscar unha horiñas para adestrar. Xa vos contarei se o consigo. De momento e grazas ao "google maps" xa localicei un sitio onde poder adestrar alá a onde vou a pasar a ponte.

Saúde e quilómetros!!

21/11/10

III Carreira Benéfica Fundación Óscar Pereiro (Mos)

A tarde presaxiaba chuvia mais se ben caíron unhas pingueiras antes e despois da carreira, a cousa non foi para tanto. Unha carreira organizada cun fin benéfico e por tanto canto maior fose a participación máis cartos para a causa. Seica se bateu a marca de participación, a organización non se cansaba da anunciar pola megafonía a participación de mil cincocentos corredores, entendo eu entre os cativos e os maiores. Na carreira de adultos a participación rondou os mil corredores entre os que estabamos os taninos Isma, Edu, Robert, Victor, David, Maxi e o reaparecido Sito, co que non coincidiamos nunha carreira dende había tempo, e un servidor.

A carreira retrasouse un chisco polas categorías inferiores o que fixo que case nos collera a noite. Debido a este retraso o quecemento foi malo, moita xente, algo de chuvia, moitos paróns para falar co Rama que nos veu a animar, etc. Con todo isto cando nos fomos a situar na liña de saída vinme moi atrás, non é que pensara facer unha marca estratosférica pero saír tan atrás impediume empezar a correr ao meu xeito ata o km. 2 xa que tiven que ir sorteando corredores por unha pistas demasiado estreitas para o número de corredores que había.
Con todo tampouco me sentía moi lixeiro, o que é lóxico por outra parte xa que esta semana non descoidei os adestramentos pertinentes, incluídas as series de costas que me deixaron as pernas doridas. Tratei de facer unha carreira de menos a máis e creo que o conseguín, cando me vin libre para poder correr fun marcándome metas pequenas: vou a superar a aquel de camiseta azul, despois a rapaza aquela e así ata meta. Fun incrementando o ritmo quilómetro a quilómetro e rematando forte e facendo a derradeira costa a moi bo ritmo o que me deixou moi satisfeito a pesar de non facer un tempo moi bo ( tempo neto 40':15''). Boa proba das dificultades para correr nos primeiros kms. foi que na clasificación final aparecen case que vinte e cinco corredores con peor tempo neto ca min por diante.
A clasificación pódese ver aquí

Os Taninos chegaron por esta orde :


Sito : posto 81
Isma: posto 85
Edu : posto 98
Xose : posto 197
Maxi: posto 276
Victor: posto 293
David: posto 327
Robert: posto 381

E o domingo a miña primeira tirada longa da temporada en compañía dos taninos, sen case descanso e en menos de vintecatro horas fixemos un adestramento de un pouco máis de hora e media para facer case vinte quilómetros. Con isto, que non é pouco rematou a semana cinco, xa só quedan para Sevilla doce semanas de duro adestramento.

Saúde e quilómetros!!