30/08/09

1ª Carreira Popular de Salvaterra. Semana de adestramentos.

Foi unha ledicia volver sair con moitos compañieros de fatigas, despois dun verán no que cada un andaba ao seu. O primeiro día xuntámonos ata sete corredores, todos, ou polo menos o núcleo duro dos taninos, co obxectivo de facer unha boa marca na carreira de San Martiño. Botouse de menos ao tanino Tino ao que xa non lle apetece isto de correr, esperamos que recobre as ganas e que poidamos desfrutar da súa compañía.

Primeira semana e primeiras series curtas, 10x300 que realizamos en torno ao minuto, xa son duras de por si e máis duras se fan cando levas meses sen facelas e ves de ritmos cansinos.

O venres saída suave de 50' e o sábado acudimos á carreira de Salvaterra. Día de moita calor que se mitigou un pouco á hora da carreira. Unha carreira curta que plantei a tope dende o principio como se dunha serie se tratase. saín detrás de Edu e aguanteino un quilómetro, detrás miña ía Dani que tamén saiu disparado. Xa no parque da Canuda dinme conta que se seguía o ritmo de Edu ía a desfondarme por iso collín o meu ritmo e tratei de mantelo. Ao sair do parqur por segunda vez empecei a perder folgos, tratei de pegarme a un grupiño pero non puiden e ía pensando en non desfondarme para chegar á costa da comisaría de policía con forzas e así foi, cheguei a costa subina ben, pero xa na recta adiantame un corredor que deixara atrás na subida, mantiven a distancia para atrapalo no sprint pero non fun capaz (habera que traballar máis nas series!). Resultado final 19':12'' posto 49.

Por diante a carreira foi desputada ao sprint entre Elías Domínguez e Dani Bargiela saíndo vencedor Elias ( 15':35'')
Sito posto 23 con 18':15'', Edu posto 30 con 18':33'', Dani posto 91 com 20':24'' e Rubén posto 114 con 21':05''.

Domingo pola mañán e para finalizar a semana de adestramentos cunha tirada de 18 km. en compañía de Edu que relizamos a un ritmo menor do acostumado xa que a acumulación de quilómetros pasa factura ( fixemos tres minutos máis do acostumado).

As impresións son boas, se a estas alturas podo facer un 5000 en 3':42'' creo que se todo vai ben podo chegar a San Martiño en condicións de baixar de 38':00, pero isto xa se verá de momento a acumular quilómetros de adestramento, é o que hai.

Saúde e quilómetros!!

19/08/09

Obxectivo : 38' en 10 KM.

Entusiasmado polos mundiais de atletismo tomei a decisión der ser ambicioso na nova temporada. Vou tentar baixar e 38 minutos nos 10 quilómetros, concretamente na Carreria de San Martiño alá por mediados de novembro.

Sei que é un obxectivo esixente para min, a miña mellor marca na distancia é de 39':20'' no pasado ano ( II edición da carreira da Cidade Universitaria de Vigo), pero é unha proba que nunca preparei. Sempre fixen plans de adestramento para medias-maratóns ou para maratóns pero non para 10 Km.

O plan a seguir será o que proporciona a revista Runners. Conto coa experiencia de preparar outras carreiras con estes plans é saquei a conclusión de que son axeitados, así que por aí non vai haber problemas. Os problemas poder vir en forma de lesións ou que simplemente eu non podo chegar a ese tempo, pero por intentalo non vai ser.

O plan é de 12 semanas e calculando que a carreira de San Martiño este ano caia polo 15 de novembro temos que empezar co plan a vindeira semana con cinco sesións semanais, na que se intercalan sesións de series curtas e longas coas rodaxes. A isto sumereille as sesións de pesas que todo plan aconsella e que levarei a cabo no ximnasio.

Nesta aventura tamén conto cos taninos David, Edu, Dani e posiblemente Sito, algún tanino retirado ou "desaparecido" se apunta ao reto?

Xa teño obxectivo e polo tanto tema novo para darde vida este blog. Seguiremos informando


17/08/09

XXV edición Andar e Correr. Baiona.

Primeira carreira de pre-temporada, a temporada empezará en setembro. Carreira dura para min por que non me gusta subir costas aínda que temporada a temporada voume afacendo a elas.

Carreira cunha enorme participación, dende os clásicos populares ata os esporádicos, pasando polos veraneantes e as guapas veraneantes de turno ( buf, que marabilla!).

Moita xente na saída e a pesar de colocarnos perto do inchable da saída rematamos por saír bastante retrasados debido á moita xente que se colocou por diante do indicar da saída. O primeiro Km. houbo que tomalo con calma, zigzagueando e procurando atopar un bo sitio para ir adiantando. Tardei un quilómetro en darlle alcance a David . Unha vez libre marquei o meu ritmo controlando e procurando non pasarme de voltas temendo a tremendísima subida de máis dun quilómetro que hai a partir do km. 3.

Neste treito de costa baixei o ritmo e mantivenno ata acadar o cume, a partir de aí a carreria tende a baixar con algún "tobogán" e subín o ritmo.

Chegando á rotonda de Baredo din alcance á que nese intre era a segunda clasificada e xa no tramo chan que leva á meta deixeina atrás e preocuopeime de dar alcance algún corredor que me precedía.

Entre o km.8 e 9 sufrín para manter o ritmo e de feito adiantáronme algúns corredores, pero xa nos derradeiro 800 metros atopei forzas e apretei para tratar de que non me adiantase niguén máis e por iso esprintei nos derradeiros metros pero cal foi a miña sorpresa cando pola miña esquerda adiántenme dous foguetes ( un rapaz e unha rapaza que non era a que deixara atrás en Baredo). Tempo final oficioso 39' xustos, un minuto e dous segundos mellor que o ano pasado.

Por diante miña chegara un eufórico Edu con 37' (oficiosos) e por detrás David con 39':48''.
Boa mañán deportiva, non facía moita calor, o que agradecín, e moita xente animando polas rúas de Baiona.

Agora temos outra carreria veraniega para rematar o mes de agosto en Salvaterra. O día 29 pola tarde-noite e cun circuíto que dá dúas voltas e que atravesa polo parque de A Canuda para facer un total de 5,2 km. Alí estaremos!



03/08/09

Seguimos actualizando.


Novidades! xa está programada a Maratón de Ourense para o día 18 de outubro, por fin un obxectivo apetecible, espero que os Taninos non me defrauden e se animen a facer equipos para a Maratón por relevos e así poder "picarse". A compentecia sá sempre é boa e se polo medio hai algunha aposta pois mellor.

Verémonos en Ourense!!

02/08/09

Actualizando


Non acostumo a deixar este blog sen actualizar tanto tempo, será por que estamos no verán é dá máis pereza o tal vez por que non hai tanto que contar.
Ao non ter en mente ningún reto especial os adestramentos son máis rutinarios. Sigo adestrando catro veces por semana máis dúas sesións de ximnasio sen máis obxectivo que manterme en forma e ir sumando quilómetros na espera de concretar os retos do outono-inverno e de iniciar os adestramentos específicos.

Se todo segue o seu curso o 16 de agosto correrei en Baiona co obxectivo de baixar a marca do ano pasado (40':03'' sobre 9.8 km). É un circuíto completo, os primeiros km. son de perfil plano nas que se corre pola zona vella de Baiona para sair cara a Virxe da Rocha onde o circuíto faise duro polas tremendas costas, despois costantes sube e baixa ata chegar a Baredo e de aí a meta pola estrada da Guarda e paralelo á costa o circuíto é plano. Será unha oportunidade para medir se hai ou non progresión.

Saúde e quilómetros

20/07/09

Nada novo, todo segue o seu curso.

Outra semana máis de adestramento, sen metas próximas pero si para o final do verán. Parece ser que tanto a media de Pontevedra como a maratón por relevos de Ourense vanse celebrar e eu penso estar alí. Para a primeira non teño dúbidas, para a segunda dependo de facer equipo e para iso terei que quentarlle a cabeza a algún tanino.

Esta semana temos unha cita gastronómica, hai que alimetar o corpo e o espíritu.

13/07/09

Tirada longa

Este domingo fixen a miña primeira saída ,en compañía de Edu.,de máis de 90' dende a maratón de Donosti. Despois veu a lesión e volta a empezar. Xa non me lembraba o que era estar correndo máis de hora e media, e o mellor de todo é que me sentín moi ben, de feito no meu horizonte máis cercano non estaba correr ningunha media maratón pero depois do realizado esta fin de semana a reaparición nas Medias xa está máis perto.
Xa estou buscando algunha para o mes de setembro. No calendario da federación galega atopei a de Pontevedra pero o ano pasado non se realizou polo que de momento non é seguro que se celebre esta edición, como tampouco é seguro que se celebre a III edición da Maratón de Ourense. No caso de que fallen estas opcións haberá que pensar na posibilidade de desplazarse ata Valladolid como fixeron na edición anterior algúns foreiros de correrengalicia.

Por outra banda comentar que me está custando seguir co horario que tiña marcado para ir ao ximnasio. O cambio de horario no traballo estame obrigando a axustar os meus horarios e teño que improvisar sobre a marcha paar atopar un oco que me permita seguir co ximnasio sen reducir os días sair a correr.
Agora que teño unha táboa de exercios establecida non me gustaría ter que deixalo.

08/07/09

Presumindo de curmán!!!

Nos pasados campionatos galegos de pista o meu curmán Totí quedou campión galego na categoría de veterán de 100m. e 200m. Podedes ver a crónica algúnhas imaxes nesta ligazón que nos remite ao blog de María ( anguila del Tea ).

Campionato galego de Veteráns 2009


Noraboa Toti e darlle caña!!!

05/07/09

XXVI Carreira Popular de Leiro.

Domingo pola mañán, amanece co ceo cuberto, ameaza chuvia, boa temperatura: bo día para correr! (iso pensaba). A Leiro nos desplazamos Edu maís eu. Xa en Leiro imos a buscar os dorsais. Atopámonos con Roberto e familia e tomamos un café xuntos. Saúdo a varios coñecidos do mundo das carreiras e imos a prepararnos para a carreira. A temperatura empeza a subir. Cando empezamos a quentar atopámonos con Sito e Isma que chegaran máis tarde.

Cando comenza a carreira a calor xa é importante. Saímos todos xuntos e algo retrasados, co típico tapón que se produce neste tipo de carreiras. Xa pola beira do río, Sito ponse a tirar saltándo fóra do carril buscando poder avanzar postos sen problemas. Déixome ir detrás súa ata que voltamos ao carril e alí xa me deixo quedar, damasiado ritmo para min.
Edu sígueme e xuntos facemos boa parte da carreira. Adianto a coñecidos foreiros de correrengalicia (Beauvais e Fonvigo) e charlo un pouco con eles, aínda son capaz de falar neses intres.

Ata o quilómetro cinco Edu mais eu imos tirando un do outro e pasamos xuntos pola alfombra de control por debaixo de 4' km.(19:52). Entramos nunha zona de árbores que dan unha sombra que se agradece.Collemos auga e como a calor xa me empeza a sofocar decido levarme na man a botella. Cara o quilómetro seis voltamos ao sol, por un sendeiro que vai paralelo á estrada do Carballiño. Empezo a sentir o sufrimento e me empezan a pasar corredores. A estas alturas Edu vai uns metros por detrás e penso que vai controlando e que nalgún momento me vai a pasar como un foguete. Intento seguir o ritmo dalgúns corredores que me sobrepasan, do sete ata o oito recupero un pouco e collo ritmo outra vez. Pasando a zona do río bota vista atrás e Edu sigue a uns metros.Encaramos o derradeiro tramo de subida e trato de facelo a ritmo, para algo teñen que servir as sesións de ximnasio!. Paso o Km 9 e encaro a recta de meta sen mirar atrás e fago un derradeiro esforzo para esprintar, adianto a un corredor pero tamén me adianta outro pola esquerda. Entro en meta 38':00'' ( 38':02" oficial), media 4':05" posto 105. Pouco atrás entra Edu (38':38"). Sito xa levaba esperando un bo anaco (36':20").

Resultados da Carreira Popular de Leiro.

Moita calor, sen chegar ás temperaturas de Gondomar pero para meu gusto xa chegaba. Como dixo Roberto a carreira tiña que haber empezado unha horiña antes e sería perfecto.

Como sempre o mellor a charla e os comentarios cos coñecidos despois da carreira mentres recuperas o alento. Puiden coñecer e charlar coa gran Mª José Gestido que me foi presentada por Fonvigo de correrengalicia. Quedou segunda por que se lesionou cunha rutura de fibras que a vai ter parada un tempiño e disto de estar parado eu sei moito e se é "jodido" para un popular coma min máis o é para unha corredora de elite.

Non nos quedamos nin á entrega de premios nin ao sorteo e posteriores pinchos que dispón a organización para os corredores e acompañantes, para outra vez será!.

Para finalizar unha crítica á organización, faltou auga! na meta escoitei queixas de que nos avituallamentos non houbo auga para os corredores máis retrasados e houbo quen se tivo que agachar a coller as botellas deixadas no chan polos corredores para poder refrescarse, un punto moi negativo para unha organización que se volca nesta carreira.

Xa cumprín un obxectivo, volver a estar ao nivel do ano pasado nestas alturas, agora haberá que buscar novos retos, parado non me vou a quedar, xa parei demasiado a principio de ano!.

XXVI Carreira Popular de Leiro


Saúde e quilómetros!!!



24/06/09

XXVI Nocturna de San Xoan-Vigo


Estou máis que contento coa miña carreira. Dende que me recuperei da lesión non fixera unha carreira en boas condicións xa que na de Gondomar nin eu estaba a tope nin os 30º C me permitiron facer bos tempos, pola contra nesta saíume todo como esperaba e desexaba.

Boa temperatura e mellor ambiente en toda a carreira. Esta pasa por ser a carreira peor organizada das que teño corrido: Caos nas inscricións que se realizan "pola vella" ( as novas tecnoloxías non chagaron aínda!), tramos nos que os cruces non están controlados e algún coche se mete no medio, semicaos que se produce na meta ( sin sinalizar por certo)..., pero a pesar disto esta carreira ten un algo que a fai atractiva, será polo ambiente, por poder correr polas rúas de Vigo, ou quizá por que todo isto me recorda a como eran as carreiras de hai vinte ou vinte e cinco anos cando facía das miñas nas carreiras populares, aínda lembro como se establecían as clasificacións na pedestre de Santiago onde ao chegar a meta arrincábanche o dorsal e o cravaban nun pincho e dous días despois podias ver a clasificación no xornal, nin que decir que os tempos non aparecían e cada un o medía co seu propio crono.

A miña carreira foi do seguinte xeito: Na saída coloqueime moi atrás polo que tiven que esforzarme demais para saír do atranco pero xa entrando e Camelias puiden poñerme a ritmo na compaña de Fonvigo ( correlega que tiven o pracer de coñecer en Castrelos). Baixando por Romil ía como un "tiro" facendo o primeiro Km en 4'. A partir de aí a "darlle zapatilla"por Pi y Margall. Lopez Mora e rúa Coruña marcándome ritmo de caza. Xa en Tomás A. Alonso, onde a carreira picaba un pouco para arriba me empezo a esixir un pouco máis. Xiro en Bouzas e encaramos Beiramar que se fai interminable. Alcanzo a Billa que non me pode seguir e sigo "cazando" corredores. Nos derradeiros cincocentros metros teño de compañeiro do club Vigués, xuntos adiantamos a falta de trescentos metros á gran Julia Vaquero que o estaba pasando mal e entrando na praza do Berbés o meu acompañante deixame atrás sen poder de reacción da miña parte. Tempo final 29':59'' sobre 8 km. Non está nada mal para levar escasamente dous meses adestrando.

Clasificación final: XXVI Nocturna de San Xoan-Vigo

Agora a por Leiro!!!

18/06/09

Machacando o corpo!

Empezo a preocuparme pola miña adicción ao deporte, o de preocuparse é coña! para nada estou preocupado, pola contra estou sorprendido do co meu estado físico! é como se a cabeza se tivese que recuperar do tempo perdido neses catro meses que estiven lesionado . O que si é certo e que nas últimas semanas fixen moitísimo deporte, por que ademais de seguir co atletismo (principal e irrenunciable actividade) e o ximnasio ao que vou dúas veces por semana, agora incorporei outra actividade: o padel.

Estou dedicando catro días a semana a correr, dous días rodaxe suave, un día cun adestramento máis esixente con cambios de ritmo e costas e outro con adestramento de fondo. A isto sumo dous días de ximnasio onde realizo exercios de forza sobre todo de cuadriceps, isquios, biceps, aductores, abductores e tamén algún exercicio de brazos, para rematar con abdominais e lumbares. Por consello do meu curmán ( que disto "parece" que sabe) reducín o tempo de eliptica/bicicleta e os exercicios de brazos e incido máis nos cuadriceps.

Unha vez a semana vou xogar ao padel cos meu compañeiros taninos. É un deporte novidoso para min. A primeira impresión que tiven foi que é un unha variante do tenis pero con menos esixencias técnicas e físicas, de feito despois de xogar por riba da hora non me sentín cansado. Terei que mellorar certas cuestións técnicas se quero gañar algún partido por que nas dús veces que fun a xogar non fun quen de gañar un set.

O caso é que de momento o corpo aguanta, aínda que algunha noite cústame conciliar ben o sono debido ao esforzo. Non sei ata cando poderei aguantar este ritmo pero de momento non teño pensado renunciar a ningunha destas actividades. O que si terei que facer é reducir carga física e todo apunta a que o que ten máis a perder é o ximnasio. Xa verei o que fago.

Por certo, volvo ás carreiras! estou inscrito na XXVI Carreira Nocturna de San Xoan e na XXVI Carreira de Leiro.


Saúde, quilómetros e diversión!!!

01/06/09

IX Memorial Manuel Barros. A Carreira

Entrada en meta

O meu reencontro coas carreiras e o asfalto non foi como pensaba. As condicións térmicas non eran as máis propicias para correr.

Cando os reloxos marcaban as 19:30 horas e os termómetros 30º C. deuse a saída desta carreira non centro de Gondomar.
Para evitar ser arrastrado polos galgos decidín sair atrás para saír controlando e pouco a pouco ir collendo ritmo. Tras dar dúas voltas polo centro da vila dirixímonos pola estrada da Ramallosa buscando o terceiro quilómetro. Ía ben, non me preocupaban as marcas de tempo, pero si as sensacións que tiña e estas eran boas. No quilómetro 3 pola calor xa levaba a boca seca e empeza a picar para riba o perfil, non moi forte pero si tendido e co sol de fronte. A estas alturas xa fixera unha selección de en que corredores me podía fixar, tratei de seguilos pero enseguida me din conta de que aínda non estou en condicións físicas. Á maioría enseguida deixei de velos e marqueime como rival a un corredor co que tiña concidido en ritmos en carreiras pretéritas.

Chegámos ao Km. 5, como poseso busco a auga do avituallamento, unha muller e un neno non daban feito para repartir auga e tiven que parar e dar a volta para perdirlles auga e o peor é que xa non lles quedaba!! a señora indicoume que uns metros mási adiante había máis xente repartindo auga e así era (menos mal!!).

Km.6 baixamos cara a estrada de volta á Gondomar, a calor xa era insoportable e pola miña cabeza so pasaban pensamentos negativos ( que facía eu alí en vez de estar na praia!).
Km 7 enlazo co meu corredor obxectivo. A estrada A Ramallosa-Gondomar faíse moi longa non vexo o final.
No Km. 8 a organización puxo un novo punto de auga, agradécese moitísimo, bebo bastante e o resto da botella botoo por riba da cabeza.

Entramos en Gondomar km. 9 e no primeiro repeito o meu acompañante déixame atrás, imposible seguilo, xa non dou máis e o peor: quedábame case un quilómetro para meta e coa escepción dos derradeiros douscentos metros, todo a subir, toca sufir.

Entro en meta e marco no meu crono 44':05'' (44':17'' oficiais). Contento por rematar a carreira sen molestias da lesión, pero demasiado sofocado polo esforzo e a calor, así non merece a pena correr. Creo que nestas condicións climáticas non volvo a competir, unha cousa é adestrar e outra esforzarte ao máximo a 30º.

Sito entrando en meta con 39':55''
IX Memorial Manuel Barros