Semana marcada polos adestramentos pasados por auga, xusto cando empecei a preparar a Vig-Bay, cun plan específico que me serve para levar mellor os adestramentos en solitario, a chuvia fixo presenza e de que xeito!.
O martes fixen unha rodaxe progresiva empezando a 5 e rematando a 4 min/km, costoume empezar, tiña as pernas doloridas e pesadas consecuencia da carreira do Calvario mais pouco a pouco fun collendo ritmo e acabando forte. O mércores chovía tanto que decidín saltarme o adestramento, cousa que non acostumo a facer. O xoves fixen as miñas primeiras series, máis ben foron cambios de ritmo (seis de dous minutos a ritmo de serie con tres minutos de recuperación a ritmo suave) . A chuvia de novo marcou a xornada. Escollín o paseo de Bouzas, fuxindo da lama de Castrelos, e atopei un circuíto cheo de charcos e con chaparradas que dificultaron o adestramento. O sábado outra rodaxe progresiva de doce quilómetros e desta vez a chuvia case non fixo acto de presenza. O domingo alterei o plan de adestramento para acudir a Viana do Castelo para participar na Meia Maratona Manuela Machado na compaña dos Taninos.
Km 10. Con boas sensacións |
Un clásico das carreiras. Sempre que podo acudo a esta proba do norte de Portugal ( ou sul da Galiza). Unha carreira que vai medrando ano tras ano en participación e como siga así vai ter que mellorar algunhas cousas. Entre elas o tema da saída, demasiado estreita para o número de inscritos e que fixo que tardase medio minuto en cruzar a liña de saída e que durante os dous primeiros quilómetros tivess que ir esquivando corredores ata poder ter camiño libre e facer a miña carreira. Esta foi un tanto irregular, saín coa idea de dar o que tiña, sen obsesionarse coa marca, de feito non a preparei e o día anterior fixen un adestramento de doce quilómetros. Fun, como decía, a dar o que tiña, nas subidas sufría, no plano e nas baixadas ía ben. Ata o 13 fun na compaña de Novoa ( Afiadores ). A partir de aí co piloto automático tratando de manter o ritmo. Aínda non estou para manter un ritmo constante alto e fun variando o ritmo según sensacións de carreira. En liñas xerais, máis que satisfeito coa miña carreira, pois fixen un tempo neto de 1:26:55 e o posto 310, maís que satisfeito para a altura da temporada na que estou.
km.14 baixando cómodo |
Km 20 xa non tan cómodo, botando os restos. |
O futuro próximo pasa por seguir adestrando cara a Vig-Bay, non teño ningunha carreira en mente agás a media maratón de A Coruña pero isto aínda queda lonxe.
Saúde e quilómetros!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario