04/01/14

II San Silvestre Solidaria, Ponteareas

Parón polo Nadal só alterado pola participación da San Silvestre Solidaria que organiza o meu equipo Taninos Runners de Ponteareas. Polas festas case non  puiden adestrar, xa o sabía, entraba no previsto, tan só realicei un par de saídas cando a familia e as "cicloxéneses explosivas" ( antes chamábanse temporais ou galernas! ) o permitiron. 

A organización da San Silvestre mantívonos aos Taninos moi liados, cada un co seu cometido. A min tocoume, como vén sendo costume, o "departamento de comunicación e redes sociais" na compaña de Anxo,  un experto no contacto coa prensa. Tal cometido levoume a intervir en tres entrevistas radiofónicas, enviar correos á prensa e a corredores e incluso redactar unha nota de prensa, e algunha que outra cousa máis. O mesmo día da proba atendín chamadas de corredores con incidencias de carácter variado sobre todo relacionadas coa ausencia na lista definitiva de inscritos.

Cos meus sobriños e irmán.
Mais antes de participar na carreira houbo que colaborar na infraestrutura: preparar a entrega de dorsais, o avituallamento, vallas, cartelería, etc. 

 Os momentos previos á carreira foron de tirar fotos  cos amigos e coñecidos
 Os momentos previos á carreira foron de tirar fotos cos amigos e coñecidos
Cando estaba xa todo en marcha prepareime para a carreira, que a pesar de non ser competitiva, tiña en mente facela a tope. Tamén participaban, ademais de moitos amigos e coñecidos, os meus sobriños e irmán quen dende hai uns meses está tamén  metido nisto das carreiras.
O do meu sobriño pequeno,Martín, é de escándalo pois a pesar de dedicarse de cheo á natación e con só dezasete anos, ten un nível competitivo nas carreiras espectacular, xa que é quen de correr a ritmos próximos a 3':30''/km .
Cos Taninos antes da proba
  A carreira empezou puntualmente ás 17:30 . Saín en cabeza destrás dos galgos, xa dixen que pretendía ir a tope, e tanto que o primeiro dos cinco quilómetros dos que constaba a carreira, fíxeno en 3':30'', demasiado para min , e como consecuencia os catro seguintes foron en ritmos decrecentes para rematar en 4':00'' o derradeiro. Levaba por diante ao meu sobriño Andrés e a meu amigo Edu  aos que quería alcanzar, mais foi imposible e iso que Andrés  víase que ía a menos e que en cada volta lle recurtaba tempo, pero non había forzas para máis, queimeime tanto no primeiro quilómetro que non fun quen de recuperar.



Ao paso pola primeira volta

Non foi a mellor carreira que fixen pero non me podo queixar pois rematei en 18':35'' .
 Despois veu axudar na desmontaxe e tomar un chocolate e rosquillas cos compañeiros e amigos Taninos comentando o acontecido durante a xornada.

Sen descanso temos que pormos a preparar o calendario de probas, buscar obxectivos e por suposto adestrar. Polo pronto xa estou inscrito en dúas carreiras : Correndo por Vigo ( no Calvario) e a Media Maratona Manuela Machado de Viana do Castelo ( Portugal) , Xa teño en mente tamén empezar a preparar a Vig-Bay e cando os Taninos decidan que maratón facer  xuntos preparalo tamén. Parece descartado facer un maratón internacional polo que as posibilidades agora se reducen a A Coruña, Madrid ( ámbolos dous o 27 de abril ) e Vitoria ( 11 de maio), calquera dos tres sería válido para min pois obxectivo primeiro segue a ser a Vig-bay polo que calquera maratón posterior a celebración desta proba me valería.

Remato aquí a primeira entrada do ano deste blog, desexando a todos saúde, quilómetros e un ventureiro ano 2014!


Ningún comentario: