02/12/13

XL Trofeo de Pedestrismo Vila de Cangas

Sigo competindo.  Aproveitando o pico de forma acadado coa preparación da maratona agora estou gozando destas carreiras curtas  e ao mesmo tempo vou gañando velocidade. Nunha semana conseguín baixar dos 4'/km.

O único salientábel dos adestramentos desta semana foi o progresivo que fixen o mércores. Ao ir adestrar só en Castrelos teño que motivarme con algún adestramento que non sexa só dar voltas sen máis, cousa que me aburre e incluso chego a perder a conta das voltas que dou. Por iso desta vez fixen un quecemento de tres voltas grandes máis un cinco mil en progresión facendo o primeiro quilómetro a 4:12 e rematar o quinto en 3:39.

O domingo fomos cara as terras do Morrazo para participar por primeira vez na no trofeo Vila de Cangas. A proba para veteranos tiña unha distancia de dez quilómetros e unía a parroquía de Aldán co centro da vila, onde había que dar dúas voltas a un circuíto, para completar a distancia.
A organización puxo a disposición dos corredores dous autobuses que saían de Cangas as 10 e as 10:15 h, moi cedo tendo en conta que a carreira non comezaba ata as 11:45. Foi por isto que o meu plan era, na compaña dos Taninos Edu e Marcos, deixar o coche en Cangas tras coller o dorsal en Aldán, e regresar trotando  cara a Aldán a modo de quecemento. Ese era o plan mais o andar co tempo xusto non é nada bo.
Ao chegar a Cangas atopámos co tráfico cortado e isto atrasoume máis aínda. Como os meus compañeiros de aventura non daban sinais de vida, decidín partir cara a Aldán eu só e co tempo xusto . Ía maldecíndome pola torpeza cometida cando á altura da praia de Liméns atópome co coche de Protección Civil que ía para  Aldán, unha luz  iluminoume  e pedinlles que me levaran, e así foi como cheguei con tempo de sobra para tranquilizarme e quecer comodamente, ademais de falar con outros corredores e co meu  irmán e o meu sobriño que tamén participaban na carreira.

A saída deuse puntual dende o porto de Aldán. Os primeiros  setecentos metros eran planos e saín rápido tratando de colocarme ben . Tras o xiro á dereita para coller a estrada a Cangas a estrada empeza a subir, non é unha subida dura pero si tendida  ata o  3 km, onde empeza a baixar  con algún pequeno  repeito.Na subida perdín ritmo, marcando un 4:26'/km que recuperei na baixada, ía a ritmos por debaixo de 4'/km. Case chegando ao sexto quilómetro entramos na vila, onde o circuíto é totalmente chan, conseguín manter o ritmo que traía. Dende a subida, onde fun rebasado por varios corredores, non volvín a ser superado excepto por un corredor do Club Pinarium de Bueu. As voltas por Cangas  eran un tanto liosas, pois confundíanse os dobrados cos primeiros e non sabías moi ben a quen tiñas por diante. Xa na derradeira volta e na contrameta calculei que quedaban uns cincocentos metros e decidín dar  un cambio que me valeu para superar e ese corredor do Pinarium e manter a posición ata ao final. Entrei en meta cun tempo de 38':28'' cun ritmo medio de 3':51''/km. 

Xa na contrameta e no avituallamento falo co meu sobriño Martín e infórmame que foi o gañador da carreira xuvenil de 6 km. Noraboa! 

Moi satisfeito do resultado desta carreira, foi a primeira vez que participaba e gustoume, a pesar de certas eivas, como a ausencia de avituallamento en carreira ou a confusión nos derradeiros catro quilómetros ou o despramento ata Aldán, mais non hai que  ser demasiado puntilloso, o importante é que se sigan organizando carrerias como estas e que a seguridade na proba esté garantida e diso non hai queixa grazas ao traballo dos meus "colegas" de Protección Civil ( jeje).


Entramos no mes de decembro, neste mes non creo que compita moito máis, polo menos ata o día 22 non teño prevista ningunha carreira, e nese día, hai varias posibilidades : A Sin-Son 10km.  a XII Carreira Pedestre do Nadal, Concello San Cibrao das Viñas e o LII Gran Premio Pedestre de Navidad de  Vigo ( antiga carreira do Pavo) . A día de hoxe estou por correr na casa. Son datas complicadas cos preparativos do Nadal e por iso me inclino pola de Vigo aínda que me atrae polo percorrido, organización  e  distancia a carreira do Sin ao Son.

Outro tema que me terá ocupado, a min e aos Taninos, é a organización da II San Silvestre Solidaria, da cal xa se abriu o prazo de inscripción. Esta terá que facerse no correo: taninosponteareas@gmail.com ; indicando nome e apelidos, DNI e enderezo electrónico

Agora seguir adestrando para manter a forma e pensando en xaneiro e a preparación da Vig-Bay.

Saúde e quilómetros!!

Ningún comentario: