17/05/10

Media Maratón de A Coruña.


Non quería sufrir e sufrín moito. Con esta frase podería resumir a miña carreira do domingo 16 de maio na cidade de A Coruña. Non estou en forma para sair a competir nunha media o que pretendía era ir a correr e desfrutar de correr pola Coruña pero non foi así por que me deixei levar pola competición, teño que aprender a controlarme.

Ata a Coruña fomos tres Taninos ( Victor , Edu mais eu) e Dani Bargiela ( que faría un estupendo terceiro posto). Chegamos moi cedo con tempo de sobra para tomar un café con calma, cambiarnos e quecer ben. As 10:30 deuse a saída. A carreira constaba de tres voltas a un circuíto de sete quilometros, a metade do circuíto discurría pola zona nobre da cidade pero a outra metade atravesaba a zona portuaria con pouco atractivo "visual". Na liña de saída situámonos cara atrás pero nada máis dar a saída Edu e un servidor saímos como balas, adiantando corredores a dereita e esquerda. Pasamos o primeiro Km en 4:01 e o segundo case igual, moi rápido pensei, e baixei un chisco o ritmo deixando que Edu se fose só. Os seguintes pasos quilométricos sairíanme entorno aos 4':05''. Durante as dúas primerias voltas mantiña o contacto visual con Edu, levábame unha vantaxe duns cen metros e nos xiros de 180º podiamos saudarnos e animarnos por diante ía Edu e por detrás Victor. No meu foro interno planeaba poder facer a xogada da media de Pontevedra onde a falta de seis quilómetros me lanzara a por Edu dándolle alcance e superándoo.

Mantiven esa distancia arropado nun grupiño que ía adiantando corredores, pensei que o ritmo era bo para min. No segundo paso por meta no grupo houbo unha pequena revolución, de repente alguén decidiu apretar, algúns seguimos o ritmo, outros foron caendo de maduros, o que non sabía é que eu tamén estaba a punto de madurar. No penultimo xiro, sobre o km 15 foi cando máis cerca estiven de Edu. A partir do dezaseis a cousa cambiou. Non podo falar de páxara nin de desfalecemento simplemente empecei a notar que ía pasado de revolucións. De súpeto o ritmo pasou a ser de 4':18'' , e empezou o sufrimento. No derradeiro xiro de 180º do porto pesqueiro a distancia con Edu dobrárase. Se antes pensaba que era el o que ía a "petar" a realidade agora era que o que "petara" era eu, o meu motor rebentara. De aquí a meta, restaban dous e medio quilómetros, foi sufrir e sufrir. Tratei de engancharme a un correrdor veterano que viña por detrás por pundonor, non podía permitir que me deixara atrás, era un corredor-refencia nos tempos de cando empecei a correr e non podia deixar que agora me vencese se dar batalla. Esta tozuda decisión fíxome seguir sufrindo. Na miña mente soaban as palabras de Dani Bargiela : "non corren as pernas senón a cabeza" e a cabezón poucos me ganan. Así ata meta . A douscentos metros tiro un pouco máis e a falta de dez metros o meu "rival" adiantame pola esquerda, outra pequena batalla perdida!, tempo neto final 1h:26':54''.

Na meta esperaba un máis que contento Edu, que me quitou pouco máis dun minuto. Teño que devolverlle o trono ao rei. Puxen en xogo o título e perdín, consecuencia de non medir as miñas forzas e de competir sen estar preparado.

Clasificacións : resultados oficiais

Edu- Rama : posto 127
Xosé : posto 143
Victor: posto 283

Pero a pesar disto non me arrenpinto de ter corrido nesta proba, corro por que me gusta e das derrotas tamén se aprende.

Próxima meta: recuperar a forma.

Saúde e quilómetros!!



MM A Coruña

2 comentarios:

Anxo F. Saborido dixo...

Xenial crónica!
Case puiden reproducir na cabeza a túa carreira!!
Ánimos taninos!!!!

Anónimo dixo...

Boa sociedade esa que forman o Edu e o Rama contra o sabio "Chose". Non se pode un despistar neste equipo olímpico dos Taninos.

Saú2 desde Ponteareas