"Trátase de ir adaptando o corpo ás diversas reaccións químicas que se producen no corpo humano e iso conseguese adestrando.
Definición dada por Elias Domínguez este pasado sábado na charla que organizada pola Vig-Bay se celebrou no parque de Castrelos. A esta charla acudimos David e un servidor por que sempre é bo deixarse aconsellar por alguén que saiba disto das carreiras. Foi unha charla moi amena onde Elías foi respondendo a todas as preguntas que os asistentes lle fixemos sobre adestramentos, as series, prevención de lesións, ritmos de carreira,etc.
Trala charla a organización agasallounos cunha bolsa que contiña camisetas de edicións anteriores, así como aquarius, caramelos, un peluche,etc, en fin un detallazo!.
Despois e aproveitando que estabamos en Castrelos fomos a correr polo paseo do Lagares que saíndo do parque vai cara a Avd. de Madrid, ida e volta, maís dúas voltas polo parque resultan uns once quilómetros, que para min están, a estas alturas, moi ben e o mellor de todo, sen molestias significativas. Comprobado o estado da miña lesión, decidín inscribirme na III edición dos 10 quilómetros Cidade Universitaria de Vigo que por suposto non estou en condición de desputar pero si de realizar o seu recorrido sen problemas ( ou iso penso).
Outro tema foi o adestramento do domingo. Animeime a facer unha sesión de bicicleta na mañán de domingo (grazas Álvaro por me prestar a túa bicicleta). Quería traballar o fondo sen machacar o xeonllo. A experiencia non foi todo o positiva que esperaba. Ao pouco empecei a notar como se me cargaba o vasto externo da perna esquerda, xusto onde teño molestias dende sempre, desas que en palabras de Edu “non impiden correr”, o que me provocou unha forte dor na zona. Se a isto lle engadimos o “problema” do sillín da bici e as rozaduras nas mans, pois a verdade non me quedaron moitas ganas de repetir experiencia, agora lémbrome por que había anos que decidira non subirme a unha bici!.
Esquecida a miña participación na Vig-Bay e soportando a pena que me produce non poder participar na mellor carreira de Galicia, sigo coa miña recuperación sen marcarme retos a curto prazo, máis que nada para evitar decepcións. Este ano terei que seguir a carreira dende o outro lado animando aos Taninos en particular e aos demais corredores en xeral e desfrutar da carreira e do ambiente o mellor que poida. Sei que me vai fastidiar moito, pero non queda outra.
Saúde e quilómetros!!!
1 comentario:
Ánimo, que poquito a poco verás como vas superando las dolencias. Yo iré a León a correr una media este domingo, preparativo para la maratón de Rotterdam.
Saludos
Publicar un comentario