11/04/11

XII Media maratón Vig-bay. A crónica


E saiu ben, tanto medo que tiña e que ben o pasei!. Mañá perfecta para correr, fresquiña, perfecta para correr. Así estaba a climatoloxía ás nove da mañá cando os Taninos e acompañantes chegamos a Samil. A avenida xa arrecendía a carreira importante.

Como non tiña claro cal ía ser o meu rendemento na carreira, tomeino con moita calma, non estaba nervioso, decidira desfrutar de todo o ambiente que rodea a esta proba.

A carreira comenzou putual, ás 10:30, os Taninos saímos moi adiante, tanto que tardei apenas sete segundos en pasar por debaixo do arco de saída. Nese intre ía acompañado de Tista, Edu, Isma, Sito, Dani, David e Robert. Saímos moi libres, sen apenas ser estorbados o que fixo que marcásemos un primeiro quilómetro moi rápido. Atopábame ben pero optei por facer unha carreira conservadora, o medo a mancarme de novo estivo presente en toda a carreira. Primeiro quixen acompañar a David e marquei o ritmo que el desexaba seguir, mais antes de sair de Samil vin que non era quen de me seguir. Púxenme a carón de Dani momento no que me enterei de que ía tocado dun isquio por culpa dun mal paso ao esquivar un cono do trazado. Acompañeino ata a praia de Canido e xusto antes de inciar a subida díxome que non podía seguir, xa en meta me diría que fixo o resto da carreira "andando"! ( impresionante! ). Quedei só, Isma ía xa bastantes metros por diante e por suposto Edu, Sito e Tista a moitos máis.

Km. 10 en 41:00 minutos, ben, controlando, o duro aínda estaba por chegar e quería gardar forzas. Sobre o km 14 alcánzame Pancho ( Beauvais) e decido seguilo, chegamos a Praia América o día empeza a abrir e o sol a pegar, nin gorra, nin crema solar para protexerme ( ámbalas dúas cousas quedarían no coche), aproveito todos os avituallamentos para refrescarme por dentro e por fóra.
Km 17 , A Ramallosa, o percorrido cambia de sentido e o vento fai presencia de cara, pega forte, moléstame e fai que teña que esforzarme máis. A dúbida sobre a miña lesión segue na cabeza, non me atrevo a cambiar o ritmo ( tampouco sei se sería quen de facelo). Pasamos Sabarís, teño a impresión de que este ano hai máis xente animando nesta zona. Vou ben, facendo cálculos , creo que podo baixar da hora vinte e seis. Chegamos a Baiona, como sempre o derradeiro km. faise interminable, como chego bastante fresco podo gozar do espectáculo, busco coa mirada aos amigos e saúdo, teño forzas para esprintar e facer unha marca por debaixo do previsto :1 hora 25 min. 45 seg. non está nada mal para levar quince días sen adestrar.

Na liña de meta saúdame Pilar Ruiz, alma mater desta carreira e aproveito para agradecerlle os detalles que tivo cara a nós no proceso de inscripción e para darlle a noraboa pola organización.

Xa no magnífico avituallamento que nos tiñan preparado ( rosca, iogures, auga, froita, isotónicas ) saúdo aos meus compañeiros,cada quen conta a súa carreira mentres repón forzas, e non me deixo de asombrar cos corredores que parecen saídos dunha pelicula de posguerra cargando en caixas produtos do avituallamento, increíble!.

Mágnifica carreira para min, unha fixa no meu calendario e iso que, fose pola calor, por lesións ou por falta de preparación, aínda non conseguín facer a carreira perfecta nesta proba . Quen sabe igual na vindeira edición.

Clasificación da XII Vig-Bay

Fotos dos Taninos

Saúde e quilómetros!!

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Noraboa a tódolos Taninos. Grandes tempos, tempazos. Eu diría temporais.
Para cándo unha xuntanza no mosteiro con moitos monxes???. En total penso que poderíamos ser uns 200.

Saú2 dende o principado

Anxo F. Saborido dixo...

Boa crónica Xose! E si, eu sempre sentín vergonza por eses, iso, eses, que nin persoas son, que parecen querer encher os seus frigoríficos despois da carreira...en fin, apoio a xuntanza no mosteiro agora que chega o bo tempo!!!