18/02/11

XXVII Maratón de Sevilla. A crónica .






Mércores 9 de febreiro, hoxe son ás derradeiras series de mil en Pardellas antes da carreira, antes un breve trote de catro quilómetros e informar aos meus compañeiros de que no Atlántico diario van a sacar unha noticia sobre a nosa experiencia, esta mesma tarde chamáronme para facer unha entrevista, fainos ilusión isto de saír na prensa. As series saen ben, estou moi contento creo que a carreira vai saír como quero. Despois do adestramento reunímonos para perfilar a viaxe a Sevilla.

Xoves 10 de febreiro , efectivamente saímos no Atlántico, xa somos famosos!. Estamos desexando que chegue o día da carreira, a espera faise longa. Empezo a ter molestias no arco pé dereito, o pé que tiven lesionado no verán. Non quero darlle importancia seguro que son os nervios.

Venres 11 de febreiro, día da viaxe. Saímos cara Santiago as 15:00 para dende alí ir en avión a Sevilla, pero antes teño que ir a traballar pola mañá e por sorpresa recibo a chamada de dúas emisoras de radio ( Radiovoz e Onda cero) queren entrevistarme para contarlles a aventura, póñome un pouco nervioso pois as dúas entrevistas van en rigoroso directo, Onda cero as 13:10 saio airoso do asunto, a segunda Radio Voz as 14:45 mellor aínda empezo a collerlle gusto a isto das entrevistas.

O avión sae cun pouco de retraso e vai cheo, nel coincidimos con Dani Bargiela e con outros corredores do equipo Atletismo Monte Segade de Lugo, polas pintas algún corredor máis se pode ver na cabina do avión.

Xa en Sevilla e unha vez instalados no piso saímos a trotar un pouco para estirar pernas, temos o piso en pleno centro histórico plagado de bares cheos de xente que nos miran estranados, xa estamos acostumados a que nos vexan con cara rara. Durante a carreira as dores no pé volven, son molestias pequenas pero fan que a cabeza empece a darlle voltas en sentido negativo, empezo a pórme nervioso. Despois da cea en grupo e das risas trato de esquecerme do tema.

Sábado 12 de febreiro a representación tanina levántase cedo e tras o almorzo nos diriximos ata a feira do corredor instalada no Estadio Olímpico ( Illa da Cartuja) na procura dos dorsais. O camiño facémolo con calma, son tres quilómetros de paseo por calle Sierpes, Alameda de Hércules e a Cartuja,ao día seguinte teremos que facelo de novo pero máis a présa.

Xa no estadio recollemos os dorsais e os agasallos, hai moita xente a recollelos e poucos a entregalos, as colas son bastante longas, a pesar de que David non levaba o DNI ( á súa carteira pasoulle como ao carro de Manolo Escobar) déronlle o seu dorsal sen problemas en cambio Víctor e Tista teñen problemas cos seus dorsais pois non aparecen, tras ir e vir dun lado ao outro conseguen o ansiado dorsal.

Na bolsa de corredor hai unha camiseta e pantalón de atletismo ademais dunha bolsa para levar roupa, chaveiro, insignia conmemorativa, bastante completa para o que pagamos de inscripción.

Despois de dar unha volta pola feira (nada que ver en tamaño coa de Barcelona) e de sacarnos unha foto con Luís Miguel Martín Berlanas fomos cara a comida de hidratos que proporcionaba a organización nas instalacións de "Isla Mágica". Prato de pasta (escaso), actimel, mazá, froitos secos, flan e bebida que desfrutamos nun ambiente agradable rodeados de corredores de todas as partes de España.

Pola tarde decidín durmir a sesta e descansar mentres preparaba as cousas para o día seguinte e contestei as mensaxes de ánimo recibidas.

Mentres nos preparamos para a cea tiven un ataque de pánico, estaba realmente preocupado, non as tiña todas comigo de poder rematar a proba e moito menos de baixar a marca persoal, nin o chocolate conseguira calmarme, deiteime un pouco, descansei e coa charla de equipo conseguín tranquilizarme.

Trala marabillosa cea en compaña dos Taninos contando anécdotas, bromas, etc apaguei o móbil e a durmir non sen antes botarlle radio salil ao pé.


Domingo 13 de febreiro . 6:30 soa o despertador. Os Taninos imos espertando e preparando o almorzo. Non estou nervioso, nin preocupado, o que teña que ser, será. Cada quen fai o seu ritual pre-carreira. No meu caso despois de rematar o almorzo, que foi igual ao de todos os días, empezo a me vestir. Crema nos pés ( outra vez radio salil), íngoas, sobacos e peitos, hai que evitar as rozaduras. A continuación o uniforme de tanino cos petos do pantalón con dous xeles e unha pastilla de glicosa. Preparo a bolsa que vou deixar no gardarroupa e cando xa estamos todos listos saímos cara o estadio olímpico, son as 8:15.

Imos metade trotando metade camiñando, así as 8:45 xa estamos nas portas do recinto deportivo. Fotos de rigor, deixo a roupa no lugar reservado imos ata pista.

O ambiente é espectacular, milleiros de corredores de aquí para alá, nervios, visitas aos urinarios uns, mexada en botellas de plástico outros, saúdos, charlas...

Faltan 20 minutos e xa estamos todos en liña de saída. A espera faise longa, entretémonos mirando o vídeo marcador do estadio que emite imaxes do interior, non penso no pé, se teño que retirarme xa sei onde vai estar Anxo vendo a proba ( km. 5, 10 e 15 ) se supero eses quilómetros a cousa vai ben.

Son ás 9: 30 horas, soa o disparo de saída : Empeza o Maratón !

A pesar de estar ben colocados saímos andando, incluso arrastrando os pés, perdo aos meus compañeiros e non consigo empezar correr ata saír do túnel do estadio, saída mal organizada pois ao non haber caixóns de saída hai corredores que non se sitúan onde por marcas lles correspondería. O primeiro km. fágoo a 4:49, moi lento, ata pasado o primeiro km onde a avenida é ancha non consigo coller o meu ritmo. Busco un grupo no que arrouparme e me pego a uns corredores do Monte Segade. Os quilómetros van pasando, atópome ben, trato de manter un ritmo de 4:10 e o mellor é que non me doe nada, así ata o km.12 onde vexo que vou mellor que os meus compañeiros e busco outro grupo por diante.

Paso o 15 saúdo a Anxo e a Luís , non os volvería a ver ata a meta, sen rastro de dores no pé, concéntrome na carreira. A única molestia que teño é unha dor debaixo do ombreiro esquerdo, unha vella contractura que co frío que vai nesta mañá estáme a fastidiar.

Chego á media maratón marcando un tempo de 1:28:40 vou máis lento que en Barcelona, pero penso que o podo recuperar.

Busco outro grupo por diante, alí hai un corredor ourensán, charlo un pouco, animámonos e póñome a tirar do grupo, aquí prodúcese a anécdota da carreira pois ao ver o nome de Ponteareas na camisola varios compañeiros de grupo lémbrase de Álvaro Pino, botamos unhas risas e sigo ao meu.

Km 29, pasamos polo Benito Villamarín (estadio do Betis), e consigo contactar con outro grupo, comprobo que vou ben, este grupo parece o bo e trato de seguir o seu ritmo.

Atravesamos outra vez o río para adentrarnos en Triana, máis ben rodeamos Triana, empezo a sufrir, creo que empeza o maratón de verdade. No km. 35 o grupo empeza a desfacerse, algúns fan a goma, outros van mantendo o ritmo, eu entre eles, outros o incrementan , teño a sensación de que aquí se está xogando a marca, como comprobo que sigo por debaixo das tres horas non me preocupo.

Km. 38 entro de novo na illa da Cartuja, chéirase a meta, nin rastro do grupo, cada quen sobrevive como pode, empezo a ser superado, aumento o ritmo pero teño medo de romper e volvo a baixalo, prefiro manterme como estou o que conleva que os seguintes quilómetros van ser máis lentos.

Km.41 o estadio esta aí, que ganas teño de chegar! Esquézome do reloxo, é hora de gozar do conseguido, penso nos adestramentos, nas series, nos días nos que estando de vacacións me levantaba cedo para correr, nos amigos que me apoian. Entro no estadio faltan trescentos metros nada máis, nese intre desexaría que o tempo se parase para poder gozar mellor do momento mais pola contra apuro o ritmo, adianto corredores, saúdo a Anxo na bancada, ergo os brazos, entro en meta ( 2 h: 58': 01'' ) , párome, ando, dánme unha toalla para cubrirme, bebo , saúdo, emociónome cando recollo a medalla , que bonita é! . Atópome con Edu, abrazámonos, que tempazo fixo! ( 2:53: 47) . Pouco a pouco ímonos xuntando os taninos, vexo a Tista ( 2: 52: 58) coxeando, dende o km 15 co xemelo tocado, tamén vexo a Carlos ( 2:51: 51) , quéixase do esforzo, e quen non!, grandes tempos para ser debutantes. Ao pouco chegan Dani ( 3: 06: 50 ) , Víctor e David ( 3: 11: 39 ). Xuntámonos e imos ata a bancada e dende alí vemos chegar a Robert ( 3: 38: 46) , vai fastidiado, o xeonllo non lle respondeu e pola súa cabeza pasou a retirada pero aínda non se retirou un tanino dun maratón! bravo Robert!

David no km. 5

Xa todos xuntos regresamos a casa andando, onde nos esperan unhas marabillosas pizzas e unhas refrescantes cervexas que temos ben ganadas. Contamos a nosa carreira e celebramos o éxito. Na tardiña toca ir de pinchos, finos e cañas. A experiencia toca ao seu fin.

Luns 14 de febreiro regresamos a Ponteareas non sen antes dar un último paseo por Sevilla antes de coller o autobús que nos deixa no aeroporto.

Foi un fin de semana fantástico, alguén o bautizou como o “Gran Hermano Tanino”, cada quen no seu papel : cociñeiros, animadores, organizadores e sobre todo amigos e deportistas.

Xa estou pensando na seguinte, esta experiencia hai que repetila, tal vez Barcelona 2012 ? pode ser.

Agora hai que pensar en recuperarse, a Vig-Bay está á volta da esquina e aí hai que dálo todo de novo.

Saúde e quilómetros!!!

3 comentarios:

zapatilla resistente dixo...

Jose, enhorabuena por tu crónica que hace pensar que eres mejor "contador de historias" que atleta, lo cual es mucho decir.

También quiero dar las gracias a todos los Taninos por el buen fin de semana que pasamos en Sevilla gracias a la amistad y buen rollo entre todos.

Y a ver que club puede presentar mejor carta de presentación que la nuestra. Y es que, una maratón más, ningún Tanino ha abandonado. Ahí es ná¡¡

Saúde e quilómetros.

David.

Antonio Martínez dixo...

Impresionante, Xosé. Que gran crónica: transmite emoción, desexo, superación... ata sufrín polo teu pé... O tempos dos Taninos son tremendos, especialmente o de Edu e o teu, parabéns a todos. Tal vez nos vexamos na Vig Bay.
Grazas por compartir a túa suor, as túas series, adestramento e, como non, esta nova maratón.
BRAVO CAMPIÓN.

Arturo Fontán dixo...

Noraboa. Estou a flipar cos vosos tempos... que comedes en Ponteareas?
De verdade, noraboa porque sei o dificil que é.