30/03/09

X Media Maratón Vig-Bay

mix 010

Para os impacientes decirlles que a crónica non estará lista ata que faga acopio de fotos ( premede aquí para ir vendo as fotos que vou subindo) e imaxes de video. Isto de vivir a carreira dende o outro lado é novo para min e como podedes supoñer non é doado facer unha crónca de algo que non vives en primeira persoa.

Os meus parabéns a todos, por ter corrido, por desfrutar da carreira e polos tempos conseguidos. Como “director técnico” debo estar contento pero non vos vaiades acostumando a verme neste rol por que eu estou desexando estar con todos no asfalto dando guerra.

De momento deixo a ligazón aos resultados

Resultados da X media Maratón Vig-Bay

Video Caixanovatv.

Meduda tropa!!!!

Clasificación Individual do equipo Taninos Runners Academia Universitaria

Nome Tempo de carreira Posto

Sito 1:21:20 175
Tino 1:22:49 220
Edu 1:23:02 228
Dani 1:24:37 311
David 1:28:08 483
Rubén 1:28:42 564
Anxo 1:39:45 1436


Clasificación por equipos: Taninos Runners Academia Universitaria posto 18º de 59 inscritos

23/03/09

III Edición dos 10 KM Cidade Universitaria de Vigo. Adidas Runnig Day

Xa estou aquí! Despois de case catro meses sen competir ( dende a Maratón de Donostia ) por fin puiden participar nunha carreira. Xa de por si foi moi boa noticia para min o simple feito de participar, pero mellor foi como corrín. Despois dunha semana na que por fin puiden rematar o circuíto habitual de adestramentos, na que provei a sair a correr dous días seguidos nos que as molestias só apareceron ao final e que tiveron o seu colofón nesta carreira, non podo estar máis que contento.

Tiña pensado facer unha carreria moi conservadora, saíndo a ritmos lentos pensado en rematar en torno aos 45’, pero nas carrerias ou tes a cabeza moi ben posta ou a “masa” te arrastra, e isto foi o que me pasou. Despois do café pre-carreira e co ambiente que se respiraba na Cidade Universitaria funme animando, e a pesar de situarme moi atrás na saída pouco a pouco fun adiantando corredores en compañia de Tino que se ofrecera a facer a metade da carreira comigo. Saímos a ritmo que eu pensaba suave, pero no primeiro quilómetro marcamos 4’:10’’ , máis rápido do que esperaba, atopábame ben a ese ritmo e así seguimos mantendo esa media ata o 5, a partir de aquí Tino deixoume e unínme a Beavais ( o seu Nick en Correrengalicia ) co que fixen ato o 8, aquí empecei a sufrir, faltábame fondo, tiña molestias gástricas e ademais tiña molestias no xeonllo polo que decidín non sufrir, baixei ritmo ( 4’28’’) e a esperar que a carreria rematase. Cando vin o letreiro do 9, e xa cheirando a meta, fixen un esforzo final, por diante levaba a un coñecido e fun a por el, sácame un corenta metros e na meta conseguín entrar canda el. Tempo oficial 42’:30’’ , tempo real polo meu crono 42’:15’’. Para estar case sen adestrar mellor imposible.

Os demais Taninos estiveron ben. Sito, Edu e David fixernon toda carreira moi por diante miña, nas voltas que daba o circuíto podiamos vernos : Sito por diante, seguido por Edu e un pouco máis atrás David, na derradeira volta e cando xa faltaba pouco máis dun quilómetro, Edu xa fora superado por Tino ( segundo 5000 en 18’ !!!) e David pisáballe os talóns. Xa en meta primeiro Sito seguido de Tino, David con 40’:00’’ ( que precisión!) e Edu con 40’:30’’ . Os resultados podense consultar aquí.

Outro tema que quería comentar foi a nosa asistencia á “Adidas Runnig Day” no parque de Castrelos. Consistiu nunha charla sobre adestramentos, material deportivo de adidas, estiramentos, prevención de lesións e un trote moi suave de 40’ polo parque. Non estivo mal aínda que comparando coa charla da semana pasada con Elías Dominguez quédome con esta última. Elías era moito máis concreto nas súas respostas e o conferenciante de adidas divagaba demais, só salvo a Alejandro Gómez e Dani Bargiela que eran moito máis concretos nas súas respostas. Unha boa experiencia sen embargo, hai que aprender de quen sabe!.

O vindeiro domingo temos a Vig-Bay e como non vou a poder facela terei que conformarme co papel de “director técnico” do equipo e animar aos compañeiros. Vendo o nivel que hai agora mesmo no equipo pagaría por poder seguir a carreira enteira, pena non ter un amigo na organización que me dese unha autorizacióin para seguila!!!

Fotos da Carreira

III 10qm Cidade Universitaria

Saúde e quilómetros!!

16/03/09

“A carreira a pé non é máis que química”

"Trátase de ir adaptando o corpo ás diversas reaccións químicas que se producen no corpo humano e iso conseguese adestrando.

Definición dada por Elias Domínguez este pasado sábado na charla que organizada pola Vig-Bay se celebrou no parque de Castrelos. A esta charla acudimos David e un servidor por que sempre é bo deixarse aconsellar por alguén que saiba disto das carreiras. Foi unha charla moi amena onde Elías foi respondendo a todas as preguntas que os asistentes lle fixemos sobre adestramentos, as series, prevención de lesións, ritmos de carreira,etc.

Trala charla a organización agasallounos cunha bolsa que contiña camisetas de edicións anteriores, así como aquarius, caramelos, un peluche,etc, en fin un detallazo!.

Despois e aproveitando que estabamos en Castrelos fomos a correr polo paseo do Lagares que saíndo do parque vai cara a Avd. de Madrid, ida e volta, maís dúas voltas polo parque resultan uns once quilómetros, que para min están, a estas alturas, moi ben e o mellor de todo, sen molestias significativas. Comprobado o estado da miña lesión, decidín inscribirme na III edición dos 10 quilómetros Cidade Universitaria de Vigo que por suposto non estou en condición de desputar pero si de realizar o seu recorrido sen problemas ( ou iso penso).

Outro tema foi o adestramento do domingo. Animeime a facer unha sesión de bicicleta na mañán de domingo (grazas Álvaro por me prestar a túa bicicleta). Quería traballar o fondo sen machacar o xeonllo. A experiencia non foi todo o positiva que esperaba. Ao pouco empecei a notar como se me cargaba o vasto externo da perna esquerda, xusto onde teño molestias dende sempre, desas que en palabras de Edu “non impiden correr”, o que me provocou unha forte dor na zona. Se a isto lle engadimos o “problema” do sillín da bici e as rozaduras nas mans, pois a verdade non me quedaron moitas ganas de repetir experiencia, agora lémbrome por que había anos que decidira non subirme a unha bici!.

Esquecida a miña participación na Vig-Bay e soportando a pena que me produce non poder participar na mellor carreira de Galicia, sigo coa miña recuperación sen marcarme retos a curto prazo, máis que nada para evitar decepcións. Este ano terei que seguir a carreira dende o outro lado animando aos Taninos en particular e aos demais corredores en xeral e desfrutar da carreira e do ambiente o mellor que poida. Sei que me vai fastidiar moito, pero non queda outra.

Saúde e quilómetros!!!

09/03/09

“Taninos’ Day”

Domingo 8 de marzo: correr e comer. Como vén sendo tradición, e as tradicións non se poden perder, cun bo cocido celebramos o aniversario do noso equipo. A amistade é como unha pranta que hai que regar e se é cun bo viño mellor a pesar de que isto non sexa un comentario moi relacionado co deporte.   

Imaxe016

Despois de facer a tirada longa que establecen os plans de adestramento, onde cada quen deu o que puido, eu por causa da miña lesión din ben pouco (apenas corenta e seis minutos) trasladámos ata a veciña vila de Pazos de Borbén para desfrutar dun bo cocido en grata compañia. Despois, xa pola tarde un paseo para baixar o comido e o bebido polo paseo fluvial de Mondariz Balneario.Imaxe007

Nas conversas que tivemos deixeime convencer para probar o mundo da bicicleta como unha alternativa mentras non poida correr sen ter que estar preocupado do meu xeonllo. O sábado puiden facer cincuenta minutos pero notei que perdín moito fondo e é que esta lesión estáme pasando máis facturas do que eu imaxinara. Non é que esté só desanimado, xa me fixen a idea de que a Vig-bay deste ano non vai ser para min e moito menos a Mapoma é que me está afectar na miña vida cotiá.

Imaxe014

Na espera de tempos mellores seguiremos loitando!

Por certo! o Taninos Runners xa está inscrito na X edición da VIG-BAY.

Esixo resultados!!!!!

02/03/09

Con sentidiño!

Isto é o que me veu a dicir o osteópata cando lle contei a "animalada" que fixen a semana pasada.


Dende que me volveron as dores ata que visitei ao osteópata non me atrevín a sair a correr, non fose que a escarallese aínda máis!. Na consulta informeille dos meus progresos a semana anterior e tamén da parvada de tentar aumentar o ritmo de carreira e que me supuxo un parón na recuperación.

De todos os xeitos díxome que a lesión ía a mellor, a zona está menos cargada pero que non debo aumentar a zancada ata que o músculo colla máis forza xa que por causa da lesión este acortouse e se lle esixo pode volver a reproducirse a lesión.

Por iso saín a correr o xoves e o sábado con ritmos baixos, o primeiro día fixen 30’ de carreira continua estiramentos e outros 10’ de carreira tendo que parar por que tiña dor; o segundo día probei a correr cunha xeonlleira de neopreno que me aconsellaron usar e corín de seguido uns 50’ se molestias de ningún tipo o que me fai ter esperanzas .

Nesta semana formalizaremos a inscrición dos Taninos como equipo na X edición da Vig-Bay e terei que decidir se incribirme co equipo ou deixalo para máis adiante, cando esté seguro de poder participar ( que non desputar), e anotarme de xeito individual, aínda que o máis seguro é que aínda que estivese en plenas facultades non sería dos que puntuasen para a clasisficación por equipos.

8.1