24/02/14

VI Media Maratón de A Coruña

Primeiro test da preparación que sigo cara a Vig-Bay. Desta vez cambiei o plan de adestramento e quería constatar como ían os meus progresos. 
Ata Coruña nos desprazamos a miña muller mais eu o día anterior, conciliando familia e deporte. Chegamos cedo para ir na procura dos dorsais e con tempo para visitar á familia.
Despois de instalarnos no hotel e de comer dimos un paseo polo centro da cidade, o día era espléndido  e o ambiente nas rúas animoso. De vez en cando cruzábaste con algún que outro atleta.
Tras  unha máis que agradable cea na compaña duns amigos que estaban tamén de visita pola cidade fomos cedo para o hotel, tocaba madrugar.

A carreria empezaba as 10:00, mais baixamos a almorzar as 8:00 e despois na carreira notaría que a dixestión aínda non estaba feita, un erro de principiante.

Despois de atoparme cos Taninos , a quen lles fixen entrega dos seus dorsais, e de charar con outros colegas un anaco, prepareime para a carreira.
Quentei pouco, uns trotes arriba e abaixo dos Cantóns e listo para meternos nos caixóns de saída. Aquí produciuse o primeiro erro da carreira  xa que , para sorpresa miña, a cor do dorsal que me asignaron non se correspondía coa miña marca. Alí mesmo adevertín que non era o único caso e que o erro fora común. Falamos co voluntario e deixounos pasar ao caixón que verdadeiramente me correspondía.

As 10:00 deuse a saída mais non levabamos nen cen metros percorridos cando a carreira se parou, o desconcerto era xeral, unha carreira que ademais era campionato de España da distancia e párase nada máis empezar , na miña vida pasara algo semellante. O coche que portaba o cronómetro non arrincara. Quince minutos despois tras colocar de novo aos corredores no seu sitio deuse a saída e desta vez sen incidencias. 
Saín na compaña dos Taninos Edu,  Marcos e Rama . Esperaba poder facer a carreira na compaña deste último mais saíu moi forte e enseguida me sacou dez metros. No quilómetro dous pasoume pola cabeza  facer un esforzo e collelo, penseino mellor e decidín seguir co ritmo que levaba, que xa era alto ( 3':55'') .


Ata o quilómetro oito as cousa ían ben pero a partir de aquí a cousa cambiou. Xa no paseo do Orzán non me atopaba cómodo, o ritmo empezou a baixar  o vento empezaba a facerme dano. Aquí xa pensaba que a marca que bsucaba non estaba ao meu alcance. Só restaba acabar da maneira máis digna posible. No quilómetro quince empecei a facer cálculos e a pensar en apretar un poquiño. Do dezasete ao dezaoito o vento sopraba con moita forza en contra. Neste punto decidín botar o que me quedaba calculando o esforzo. O derradeiro quilómetro foi o máis rápido de toda a miña carreira e conseguín entrar en meta nun tempo oficial de 1:26:48 , posto 355 de 1742 , apenas uns segundos mellor que na media de Viana do Castelo.

A sensacións non foron nada boas, pensei realmente que cun mes de adestramento tería que ter máis melloría . Isto faime pensar se estou adestrando ben, se o plan que levo é o adecuado, se foi só un mal día ou se foi  un erro de estratexía de carreira. As dúbidas asáltanme, supoño que será normal cando as cousas non saen como se espera. 

O domigo teño outra oportunidade de valorar o meu estado, será na Interrruning Piñeiro - Concello do Porriño. É un dez mil e cun perfil rápido. Veremos como me sae e sacaremos conclusións.

Saúde e quilómetros.

16/02/14

Póndome ao día

Xa levaba varias semanas sen escribir e actualizar o blog, preguiza, falta de ideas, asuntos familiares e demais cousas, son os motivos polos cales ata hoxe non me puxen a actualizar este blog.

Sigo adestrando coa vista posta na XV edición da Vig-Bay, este é o primeiro obxectivo do ano, e de esguello empézase a ver o obxectivo do maratón de A Coruña tres semanas despois. O plan que estou a seguir está encamiñado á Vig-Bay completado cunhas tiradas dominicais máis longas pensando no maratón. Desta vez  decidín probar un plan novo, buscando novos xeitos de adestrar. A característica a destacar é o xeito de facer as series, pois hai que facela a tope todas e con recuperacións case totais. Por exemplo, as series de 800 m desta última semana fíxenas ao redor de 2':50'' e con recuperacións de 3', e as series de 2000 m saíronme ao redor de 7':20'' recuperando 4'. Os outros días ou son de carreira sostida a ritmos próximos ao obxectivo de carreira ou rodaxes de recuperación, amais da tirada longa dos domingos onde estou facendo sobre vinte quilómetros  en progresión.

O domingo día 9 de febreiro tiña pensado estrearme no mundo do Trail, por aquilo de ter novas experiencias, máis non puido ser, a familia é o primeiro. Deixo pendente o meu estreo na montaña  para outra oportunidade.

Onde espero estar é na Media maratón de A Coruña que se celebra o vindeiro día 23, será unha boa proba para medir o meu progreso. E tamén estou inscrito xa na Interruning Piñeiro - Concello do Porriño , un dez mil rápido  que tamén tomarei como proba do meu estado de preparación.

Seguimos adestrando  e competindo .

Saúde e quilómetros!!