24/12/13

52º Gran Premio Pedestre de Nadal ( Vigo)

Nova carreira para as miñas pernas, e nova en todos os sentidos pois é a primeira vez que participo nesta proba que en edicións anteriores chamábase a "carreira do pavo". Non participara antes por que se celebra en datas un pouco complicadas e sempre me coincidía con ceas ou outro tipo de celebracións, pero esta vez non foi así.

Durante estas dúas semanas seguín adestrando e reservando  un día para facer  series. Nestas semanas as series foron de mil metros , mellorando os meus rexistros polo que me deu esperanzas de facer unha boa carreria este domigo.

Neste tempo non teño unha carreria obxectivo, só competir e tratar de manter unha chispa de velocidade.
Desta vez pretendía mellorar os tempos da carreira de Cangas e por iso saín co coitelo entre os dentes, a posteriori foi unha estratexia errada, pois se ben a primeira volta foi moi ben, a segunda xa non tanto.
Foto recollida en Correrengalicia

Na saída situeime da metade cara adiante, non debia haber máis de cinco metros dende onde estaba ata a liña de saída, así e todo cando se deu o pistoletazo de saída, a de corredores que tiña por diante era enorme. Puxen a directa por Montero  Ríos e por Carral, adiantando corredores. Xa no Areal mantiven o conseguido así ata de novo a rúa Carral cuxa pendente fíxome sufrir de máis.  Na segunda volta tiven que baixar o ritmo  tratando de manter na distancia a corredores que levaba de referencia. Tras a volta na rotonda de Rosalía de Castro con García Barbón decidín dar todo o que me quedaba. Pola rúa Areal cara Montero Ríos fixen a mellor media, mais de novo a rúa Carral e a súa costa venceron as poucas forzas que me quedaban e xa non puiden máis que tratar de manter o ritmo de cara a meta na Praza de Compostela.
Tempo oficial 32':15'' , posto 103.

Foto recollida en Correrengalicia


Pódese consultar os resultados na seguinte ligazón  LII Gran Premio de Nadal .

Contento a medias, sigo baixando de 4'/km pero esperaba algo máis despois das series feitas nestas semanas.

Entramos no Nadal e esta semana teño complicado saír a adestrar polo que creo que vou facer un descanso. Ceas, comidas, tempo para a familia, traballo... difícil compaxinar co deporte, verei se sonq uen de sacar unhas horiñas para adestrar.
Por outra banda os Taninos seguimos coa organización da II San Silvestre Solidaria. As inscricións estarán abertas ata o domingo 29.  Espero que ademais de colaborar na organización poida participar, dende logo xa estou inscrito!



Para o vindeiro ano xa teño en mente participar na carreira Correndo por Vigo , no Calvario, e na media maratona de Viana do Castelo para xusto depois empezar coa preparación da XV Vig-bay que se celebrará o 6 de abril.

Non quero rematar sen antes desexar a todos unhas felices festas e un ano 2014 cheo de éxitos, que os vosos desexos se cumpran .


Saúde e quilómetros!!
.


13/12/13

II San Silvestre Solidaria de Ponteareas

Semella que os Taninos estamoslle collendo gusto a isto de organizar carreiras  xa que agora estamos inmersos nso preparativos da II San Silvestre Solidaria da que tedes cumprida información no foro de correrengalicia e a través do facebook e tamén do twitter.

Aproveito para  subir na rede o plano do circuíto por xentileza de Oskar Sombra

Circuíto da carreira ( por Oskar Sombra )

Haberá que dar tres voltas a este circuíto con saída e meta na praza Maior de Ponteareas.

Saúde e quilómetros solidarios!!

02/12/13

XL Trofeo de Pedestrismo Vila de Cangas

Sigo competindo.  Aproveitando o pico de forma acadado coa preparación da maratona agora estou gozando destas carreiras curtas  e ao mesmo tempo vou gañando velocidade. Nunha semana conseguín baixar dos 4'/km.

O único salientábel dos adestramentos desta semana foi o progresivo que fixen o mércores. Ao ir adestrar só en Castrelos teño que motivarme con algún adestramento que non sexa só dar voltas sen máis, cousa que me aburre e incluso chego a perder a conta das voltas que dou. Por iso desta vez fixen un quecemento de tres voltas grandes máis un cinco mil en progresión facendo o primeiro quilómetro a 4:12 e rematar o quinto en 3:39.

O domingo fomos cara as terras do Morrazo para participar por primeira vez na no trofeo Vila de Cangas. A proba para veteranos tiña unha distancia de dez quilómetros e unía a parroquía de Aldán co centro da vila, onde había que dar dúas voltas a un circuíto, para completar a distancia.
A organización puxo a disposición dos corredores dous autobuses que saían de Cangas as 10 e as 10:15 h, moi cedo tendo en conta que a carreira non comezaba ata as 11:45. Foi por isto que o meu plan era, na compaña dos Taninos Edu e Marcos, deixar o coche en Cangas tras coller o dorsal en Aldán, e regresar trotando  cara a Aldán a modo de quecemento. Ese era o plan mais o andar co tempo xusto non é nada bo.
Ao chegar a Cangas atopámos co tráfico cortado e isto atrasoume máis aínda. Como os meus compañeiros de aventura non daban sinais de vida, decidín partir cara a Aldán eu só e co tempo xusto . Ía maldecíndome pola torpeza cometida cando á altura da praia de Liméns atópome co coche de Protección Civil que ía para  Aldán, unha luz  iluminoume  e pedinlles que me levaran, e así foi como cheguei con tempo de sobra para tranquilizarme e quecer comodamente, ademais de falar con outros corredores e co meu  irmán e o meu sobriño que tamén participaban na carreira.

A saída deuse puntual dende o porto de Aldán. Os primeiros  setecentos metros eran planos e saín rápido tratando de colocarme ben . Tras o xiro á dereita para coller a estrada a Cangas a estrada empeza a subir, non é unha subida dura pero si tendida  ata o  3 km, onde empeza a baixar  con algún pequeno  repeito.Na subida perdín ritmo, marcando un 4:26'/km que recuperei na baixada, ía a ritmos por debaixo de 4'/km. Case chegando ao sexto quilómetro entramos na vila, onde o circuíto é totalmente chan, conseguín manter o ritmo que traía. Dende a subida, onde fun rebasado por varios corredores, non volvín a ser superado excepto por un corredor do Club Pinarium de Bueu. As voltas por Cangas  eran un tanto liosas, pois confundíanse os dobrados cos primeiros e non sabías moi ben a quen tiñas por diante. Xa na derradeira volta e na contrameta calculei que quedaban uns cincocentos metros e decidín dar  un cambio que me valeu para superar e ese corredor do Pinarium e manter a posición ata ao final. Entrei en meta cun tempo de 38':28'' cun ritmo medio de 3':51''/km. 

Xa na contrameta e no avituallamento falo co meu sobriño Martín e infórmame que foi o gañador da carreira xuvenil de 6 km. Noraboa! 

Moi satisfeito do resultado desta carreira, foi a primeira vez que participaba e gustoume, a pesar de certas eivas, como a ausencia de avituallamento en carreira ou a confusión nos derradeiros catro quilómetros ou o despramento ata Aldán, mais non hai que  ser demasiado puntilloso, o importante é que se sigan organizando carrerias como estas e que a seguridade na proba esté garantida e diso non hai queixa grazas ao traballo dos meus "colegas" de Protección Civil ( jeje).


Entramos no mes de decembro, neste mes non creo que compita moito máis, polo menos ata o día 22 non teño prevista ningunha carreira, e nese día, hai varias posibilidades : A Sin-Son 10km.  a XII Carreira Pedestre do Nadal, Concello San Cibrao das Viñas e o LII Gran Premio Pedestre de Navidad de  Vigo ( antiga carreira do Pavo) . A día de hoxe estou por correr na casa. Son datas complicadas cos preparativos do Nadal e por iso me inclino pola de Vigo aínda que me atrae polo percorrido, organización  e  distancia a carreira do Sin ao Son.

Outro tema que me terá ocupado, a min e aos Taninos, é a organización da II San Silvestre Solidaria, da cal xa se abriu o prazo de inscripción. Esta terá que facerse no correo: taninosponteareas@gmail.com ; indicando nome e apelidos, DNI e enderezo electrónico

Agora seguir adestrando para manter a forma e pensando en xaneiro e a preparación da Vig-Bay.

Saúde e quilómetros!!

25/11/13

I Carreira Solidaria da Esclerose Múltiple

Pasou unha semana tranquila, apenas adestrei dous días aos que hai que sumarlles a carreira do domingo. O martes fun ata Castrelos  acompañado do meu amigo Tino,  fundador coma min dos Taninos e que por diversos motivos tiña abandonado isto de correr dende hai polo menos catro anos. Foi todo un pracer rodar suave e charlando, poñéndonos ao día. El non está aínda para grandes ritmos ( nin medianos :) ) pero se consegue ter  a metade de constancia que tiña antes de deixalo, serei eu o que teña que pedirlle que baixe o ritmo para poder acompañalo.
 
O mércores coincidín con Xan e Carlos, compañerios na aventura maratoniana. Aproveitamos para comentar impresións da maratona e para pormos ao día. Mentres falabamos,  fixemos unha rodaxe de doce quilómetros  a ritmo suave.

Ata o domingo non puiden sair a correr  e fíxeno nunha carreria nova, de caracter solidario que transcurría dende    Bouzas a  Beiramar , rúa Coruña, Tomás A. Alonso e de novo Bouzas, percorrido que había que facer tres veces para facer un total de  dez quilómetros e catrocentos metros . 

Fotos de Correr en Galicia


Mañán fresca pero ao sol estábase moi a gusto, non había demasiada xente participando, pois no mesmo día coincidían o Cross Memorial Belarmino Alonso e a Media Maratón de Vilagarcía, aínda así os chegados a meta fomos 632 corredores.
 Na saída coloqueime diante e saín moi rápido , nalgún tramo o garmin marcaba 3:30, ao pouco baixei o ritmo, quería ir  rápido pero eses non son ritmos para min. Aínda así conseguín ir sempre por debaixo de 4:00 . Na primeira volta ía acompañado de Carlos  mais ao pouco de iniciar a segunda foise quedando atrás un pouco. Seguín só, buscando referencias para manter o ritmo. Xa na terceria volta e cando levaba pouco máis de oito quilómetros quedeime sen batería no meu garmin, xa non importaba, seguía forte e o nivel de sufrimento era asumible. Na rúa de Tomás A. Alonso, ben coñecida por min, pois era  parte do percorrído dos meus adestramentios cando viviamos nesa mesma rúa, hai dous pequenos repeitos  que afrontei con forza e seguín adiantando corredores. A menos dun quilómetro para meta adiántame un destes corredores pero aínda tiña  algo gardado pois poiden rebasalo de novo e afrontar os derradeiros metros en solitario. Entrei en meta sen saber que tempo fixera pero moi satisfeito pola miña carreria.


Cando se publicaron os resultados poiden ver que fixera 41:27, ritmo medio de 3:59, e posto 42, máis que satisfeito e coa sensación de estar plenamente recuperado da maratona.  Resultados da carreira aquí

Agora  a por máis, aproveitando este pico de forma. O domingo participarei no XL Trofeo de Pedestrismo Concello de Cangas  organizado polo club Vila de Cangas. Carreira de dez quilómetros que, na carreira para seniors e veteranos, ten un percorrido entre o porto da parroquia de Aldán  e o centro da Vila de Cangas. Será a primeira vez que participe nesta proba.

Por outra banda os Taninos Runners xa puxemos en marcha a segunda edición da San Silvestre Solidaria de Ponteareas da que podedes obter toda a información na seguinte ligazón :II San Silvestre Solidaria   . A organización deste evento vai ternos ocupados no vindeiro mes e pico, todo por unha boa causa. Aproveitarei este blog para ir informando de todo o que vai xurdindo ao redor desta proba.

Saúde e quilómetros! 

18/11/13

Recuperar.

Non tiña sensación de estar excesivamente canso despois da maratona, de feito pasou pola miña cabeza acudir á media maratón de Vilagarcía mais despois de adestrar esta semana tomei a decisión de que é mellor no ir. 

O obxectivo é retomar a rutina  e seguri facendo quilómetros. Esta semana saín a adestrar o martes  e xoves, rodaxes suaves sobre dez quilómetros cada un, recuperado sensacións e notando as pernas un chisco pesadas. Non volvín a correr ata o domingo. Pretendía facer un test e valorar o meu estado de cara a afrontar a media de Vilagarcía. Fixen catorce quilómetros de menos a máis e en xeral podo decir que respondín ben. Pola tarde empecei a notar dor muscular e pesadez, e o luns incluso o xeonllo esquerdo producíame dor ao erguerme. Todo isto indica que non estou tan recuperado como pensaba e que a idea inicial de facer unha media é agora mesmo unha tolemia.

En troques dunha media vou participar na I Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple    que se vai celebrar o domingo 24 de novembro no barrio de Bouzas. Non sei como estarei para esa data pero creo que é mellor neste momento, as medias quedarán para outra ocasión.


Por outra banda o venres celebramos unha cea de confraternización os Taninos na que ademais de comer, beber  e pasalo ben, falamos da organización da II edición da San Silvestre Solidaria de Ponteareas, que xa está en marcha, e tamén da maratón na que participar na vindeira primavera e aquí non houbo moito acordo; A Coruña, Roterdam, Viena. Por razóns económicas gana A Coruña, por razóns de prestixio e turísticas obviamente a ganadora é Viena. Xa veremos como acaba o tema.







Os Taninos de celebración

Saúde e quilómetros!!



13/11/13

Semana posmaratón.

É como se rematado o reto xa non tivese de que escribir. O certo é que custa pórse a escribrir sen ter algo especial do que falar, pero comprometinme comigo  que non deixaría morrer este blog e por iso aínda que os retos non sexan tan altos, aínda que non teña a curto prazo unha carreira que facer ou unha marca que bater, seguirei escribindo, semana a semana sobre o meu mundo nisto de correr.

Pois a semana tras o maratón foi de descanso, non tiña as pernas moi doloridas, de feito é o maratón que menos secuelas me deixarou, as maniotas pouco me molestaron, mais era preciso tomarse un descanso. Descanso que aproveitei para visitar ao podólogo para consultarlle por unha inflamación nunha deda e arranxar un par de unllas. O da inflamación, según o podólogo, é por unha tendinose, que require un tratamento con antiinflamatorios locais, a pomada de toda a vida.  
Tamén visitei ao fisio pero non polas pernas se non polas costas para remediar, no que fose posible o problema que me produciu a lumbalxia que me afectara a semana anterior á maratona. No fisio decubrimos que esa dor a provoca unha contractura na parte superiror do glúteo esquerdo .

Ata o sábado non voltei a calzarme as zapatillas para saír a trotar un pouco e comprobar como estaba muscularmente. Corrín sete quilómetros suaves cos cuadriceps un chisco pesados.
O domingo animeime a participar na I carreira contra o Cáncer que se celebraba no barrio de Coia e cuxo circuíto pasaba por diante da miña casa. Anunciouse como unha carreira de dez quilómetros pero non chegaron aos oito e medio. Como non estaba para grandes alardes, fixen os dóus primeiros acompañando ao meu irmán que debutaba nisto das carreiras, para despois subir o ritmo progresivamente, é o que teñen as carreiras, éme imposible tomalas con calma.
Co meu irmán e os meus sobriños

Esta semana segue tomala con calma de feito non vou particpar na clásica San Martiño de Ourense , pero xa empezo a darlle voltas a vindeiros retos e a día de hoxe non desboto participar  na media de Vilagarcía . Por outra banda na cea-xuntanza dos Taninos a celebrar na fin de semana, marcaremos o calendario a seguir nos vindeiros meses.

Saúde e quilómetros!

06/11/13

Décimoterceira semana . 10ª Maratona do Porto

Fin dos adestramentos , chegou a hora, última semana de preparación que se presentaba tranquila. O luns visitei ao fisio pois notaba os isquios bastante cargados, non son partidario de facer sesións de fisioterapia tan cerca dunha proba pero desta vez era estrictamente necesario pois o isquio esquerdo estaba a piques de darme un problema serio.
O martes e mércores fixen rodaxes de dez quilómetros, o primeiro moi suave e o segundo incrementando o ritmo do cuarto ao noveno quilómetro para facer o último moi suave a modo de arrefriamento.

O xoves descanso e o venres de mañá, aproveitando o festivo, oito quilometros na compaña de Fon moi suaves.

O sábado pola mañán tocaba viaxe na compaña da   miña muller Graciela, viaxe un tanto incómoda pois a choiva non nos deixou en case todo o camiño.
Como chegamos ao hotel antes da hora de entrada, aproveitamos para ir ata a Alfándega de Porto onde se situaba a feira do corredor para recoller o dorsal, aproveitamos para recoller os dorsais dos meus compañerios de aventura Carlos, Fon, Xan , Bruno, e  Arturo Fontán. Como había unha gran cola  para a pasta party decidimos ir comer fóra da Expo do corredor.

Na Expo tras recoller o dorsal

Despois de comer e dun breve paseo baixo unha chuvia torrencial, chegamos ao hotel onde xa nos esperaban Xan, Carlos, Fon e Bruno, démoslles os seus dorsais e collimos o cuarto onde descansamos un par de horiñas antes de saír a dar unha volta e cear cos compañeiros. Na cea coñecín a Rubén e José Luis, do equipo  Afiadores de Ourense .

                                    
Cea de hidratos, antes da batalla

O día chegaba ao seu fin, había que durmir ( non sen antes ver gañar ao Celtiña na tele) e descansar ben. Ás sete da mañá tocou o despertador, as 7:30 baixei a almorzar, alí xa estaban os meus compañeiros.

O almorzo
De novo ao cuarto para prepararse: equipaxe tanina, cremas, isotónica e listo para correr. 


Chegamos á zona de saída con moito tempo de sobra, o hotel estaba a escasos 700 metros , o día estaba perfecto, nin rastro da chuvia do día anterior e a temperatura era agradábel, eran as 8:00 hora local , e aínda quedaba unha hora para a saída, tempo que aproveitamos para comentar sobre ritmos e tácticas de carreira, baleirar vexigas e quecer un pouquiño.
                                                                                                     Con Antonio Franco, Xan, Fon, Carlos, Bruno e Rubén   
     
                                                                                           Dándonos ánimos na saída

Dez minutos antes da partida colocámonos na liña de saída, xa había moitos corredores na parte dianteira polo que tivemos que saltar a valla para situarnos ben  e alí atopo a Antonio Martínez , empeza a ser un clásico atoparme con el nas saídas das maratonas, falamos de obxectivos  e desexámonos sorte.

As 9:00 deuse a saída, o meu  obxectivo tíñao claro, rondar os 4:20 '/km , saín na compaña de Bruno ( do Carma ) e de Carlos. Bruno tiña en mente baixar das tres horas, Carlos  rodar a 4:25-30 polo que aos case cinco quilomeotros , Carlos decidiu deixarnos ir e eu quedei con Bruno. No quilómetro dez tomo o primeiro xel. Imos  cómodos, incluso charlando entre nós e con algún que outro corredor, ata chegar  ao quilómetro vinte, O ritmo a esa altura de carreira era para baixar de tres horas, levabamos o globo-guía diante a cen metros , pero vin que o meu ritmo non era ese, ademais unha señora do público meteume o medo no corpo ao comentar en alto que eu ía moi branco, non tiña síntomas de debilidade, non facía demasiada calor pero o comentario non me gustou nadiña e fíxome deixar irse a Bruno. Pasei a media en 1:30:11 .

Entre o km 22 e 23 esperábame a miña muller Graciela, animoume e deume unha gorra, o sol empezaba a estar alto e facíame falta protección. 
Quedeime só sen máis referencia que o meu cronómetro. Tras cruzar a ponte, e xa en Vilanova de Gaia, a carreira é un pouco desconcertante, o adoquín nesta zona fai moito dano por iso os corredores tiramos todos a ir pola beirarrúa , neste tramo non parece unha carreira seria , os corredores mesturándose cos turistas  e cruzándonos cos atletas de elite que veñen de volta . É nesta altura cando decido que teño que baleirar de novo a vexiga, levo varios quilómetros con ganas pero non quero parar polo que intento facelo en marcha, baixo un pouco o ritmo e...  veña!

Chegamos ao quilómetro vinte e cinco, tomo o segundo xel, non sei se foi por liberar a vexiga ou polo xel pero empezo a atoparme mellor e vou superando corredores, adianto a dous corredores de Ferrol, cos que falaramos no 5 km, un vai mal o outro tenta seguir comigo. De volta a Porto , camiño do km 30 crúzome con Carlos, despois con Fon e por último con Xan aos que saúdo, véxoos ben, pero aínda queda o máis duro da maratona. Ao paso pola zona turística de Gaia repítese o de subirse ás beirarrúas para fuxir do adoquín, a verdade é que correr sobre as pedras fáiseme duro. Volto a pasar pola ponte de Luis I e xa de novo en Porto crúzome con Bruno e Antonio , non os vexo ben, o esforzo empeza a sentirse no seu rostro. Vou  ben, forte, adiantando corredores , animo a un corredor que leva unha camiseta de Bombeiros de A Coruña e dime que vai "petado".

O meu ritmo  non é o esperado, non son quen de ir a 4:20 pero aínda así sigo adiantando corredores. Entre o 32 e o 33 volvo a ver a Graciela, doulle un bico  e sigo. Xa no  35 alcanzo a Antonio e a Bruno que nese intre ían xuntos. A estrada empeza a picar para riba , non teño molestias musculares e empezo a facer cálculos de que o meu obxectivo pódese cumprir. Tomo o terceiro xel  xa só restan sete quilómetros , que pouco e que moito! . Entre o 39 e 41, chegando a zona de praias , o vento pega de cara, hai pouca xente nas beiras pero moi animosa , o meu ritmo resíntese un pouco ( 4:43'), é neste momento cando me adianta un corredor portugués que leva na camiseta o nome de Pedro, vai coma un tiro, creo que é o único corredor que me adianta nos dez últimos quilómetros, vaia maneira de rematar  un maratón!.

Posición aerodinámica, o vento pega forte

 Chego á rotonda que dá acceso á Avenida Boavista, onde está a meta, ao fondo vense os arcos publicitarios da meta, o traballo está feito. Entro nos derraderos metros onde o público a penas deixa un corredor para pasar, é moi emocionante.

No derredeiro quilómetro


Paso o 42 xiro á esquerda e aí está a meta, tiro a gorra  e saúdo ao público, estou moi feliz. Entro en meta e paro o reloxo en 3 horas 05': 09'' ( tempo neto) .

Entrado en meta

Trala liña de meta vexo a Antonio Barrera do Carma, acompañado de Pili ,os cales están tirando fotos, son os primeiros cos que festexo ter rematado a proba.

                                                   
Trala liña de meta ( Grazas Antonio )

Na contrameta atópeme con Rubén, non puido coas tres horas pero está contento pois baixou a súa marca persoal. Ao tempo van chegando coñecidos: Carlos, Antonio, con que me fago unha foto, Bruno...

Con Antonio Martínez

Son momentos de celebrar, de abrazos , de recoller a medalla , a camiseta conmemorativa , unha botella de viño do Porto...
Ao pouco van chegando tamén  Fon primeiro e despois Xan, quen a pesar dos problemas físicos que arrastrou en toda a preparación foi quen de rematar o seu primeiro maratón , bravo!!

Fon, Xan, Carlos, eu, Bruno , Jose Luis e Rubén

De regreso ao hotel reencóntrome con Graciela quen  non puido ir ata a meta pois quedaba moi lonxe do centro, comentamos a "nosa" carreira.  É tempo de celebración.

  

Non quero rematar esta crónica sen os agradecementos. Primeiro a Graciela, por ser comprensiva cos meus adestramentos, ao grupo de Castrelos : Xan, Fon e Carlos, por deixarme adestrar con eles e compartir esta marabillosa experiencia; aos Taninos  polo seu alento e compañia e en xeral a  todos os que dalgún xeito estiveron apoiándome.

Agora hai que descansar aínda que desta vez  estou  ben de pernas, sen excesivas dores e xa pensando en volver a calzar as zapatillas, que espero sexa pronto, tal vez este domingo na carreira contra o Cáncer.
Tamén hai que ir  buscando novos retos, novas metas. Seguiremos informando .

Saúde e quilómetros!!

28/10/13

Duodécima semana. XXXVI Pedestre de Santiago.

Penúltima semana de adestramentos específicos para a maratona de Porto. Xa queda pouco, xa empezan as molestias típicas previas a un gran evento deportivo, ás que xa empezo a estar acostumado, que se che doe o xemelo ou o nocello ou un isquiotibial...  Creo que o corpo xa se puxo en modo "aforro de enerxía"  e en modo "alerta".

A semana empezou coa resaca da Media de Pontevedra que me deixou as pernas moi pesadas, de feito pasei o día de descanso para o luns e aínda así o martes, na rodaxe de dez quilómetros seguía a notar as pernas pesadas e doloridas, sensacións que continuaron na rodaxe do  mércores de tamén dez quilómetros.

O xoves fixemos as series que restaban por facer. Dúas series de seis mil a 4:20 cun quilómetro de recuparación entre ambas a 4:45. Por sorte as pernas xa se atopaban mellor o que axudou a levar as series moito mellor. Fíxenas na compaña de Carlos e Xan, aínda que este último só fixo a primeira, pois anda con molestias e non é cousa de arriscar a estas alturas. O resultado foi bo, fixémolas cumprindo obxectivos e incluso a última por debaixo do marcado.

O venres descansei e o sábado fixen outra rodaxe  de dez quilómetros que aproveitei para estrear e probar as novas zapatillas que vou levar na maratona, unhas Asics GT-2000, un pouco máis lixeiras que as Brooks Trance que veño empregando.

O domingo participei na Pedestre de Santiago, unhas das probas emblemáticas do calendario galego  e na que levaba dúas edicións sen participar. Desta vez non fun a disputala, pretendía facer quilómetros sen gastar enerxías de máis e ao mesmo tempo gozar de tan  magnífico percorrido ( sigo sendo da opinión de que non hai unha carreira cun último quilómetro tan espectacular).
O meu compañeiro na experiencia maratoniana Carlos, foi tamén compañeiro nesta carreira. Fixémola todo o percorrido xuntos charlando e marcándonos os ritmos.
Saímos, como é típico desta proba, moi lentos e esquivando corredores por Xoan XXIII  e ata a Virxe da Cerca non fomos con fluidez. A partir de aquí puidemos ir máis cómodos. Conservadores ao máximo incluso ao chegar á tan temida costa de Vite que subimos cun ritmo cómodo para despois, na baixada deixarse ir e gozar do percorrido monumental, iso si, tendo conta de non esvarar, pois o chan estaba mollado.
Entramos en meta na praza do Obradoiro cun tempo de 52:11.

Entramos na derraderia semana, o tema loxístico hai tempo que está arranxado, hotel con almorzo incluído e saída ás tres da tarde. Esta semana é de tomarse as cousas con calma, dentro do posible. O luns toca visita ao fisio para descargar un chisco as pernas, martes e mércores rodaxes suaves de dez quilómetros e o venres outro máis suave aínda. O sábado desprazamento ata Porto na compaña da miña muller e o domigo a gozar da carreira!


Saúde e quilómetros!!



20/10/13

Undécima semana. Media maratón de Pontevedra.

E xa van quedando menos, en menos de quince días a maratona de Porto será historia. Pero antes aínda hai que facer uns cantos quilómetros máis. Esta semana estaba marcada pola celebración de media maratón  de Pontevedra pola que non fixemos series, só rodaxes de dez e doce quilómetros se ben teño que decir que , agás na do venres, fíxenos de menos a máis rematando a ritmos vivos.

O domingo fun a Pontevedra coa idea de facer un bo test para a maratona, quería probar o meu estado de forma e ver cales serían as miñas posibilidades. A diferencia de anteriores carreiras coloqueime na parte dianteira da saída, había moita participación e sabía que nos primeiros quilómetros o circuíto é estreito e se quedas "atrapado" custa logo coller ritmo. Deuse a saída e conseguín transitar sen problemas, libre e seguindo a un par de referencias que cría boas para min. Moi rápido por debaixo de 4 min\km e coa sorpresa de levar de compañeiro ao meu sobriño Andrés. Así ata o km 5 onde decidín baixar o ritmo quedándome só pero coas referencias aínda á vista.  Ao primeiro paso pola Peregrina dou alcance a Horacio, que era unha das miñas referencias, pero non por que eu aumentase o ritmo.Paso o km 10 en 40 escasos, vou dentro do desexado. Continúo na compaña de Horacio pero xa nin rastro de Andrés  nin das outras referencias. A partir do km 13 empezo a notar o esforzo ademais de acusar a humidade reinante durante toda a proba. Ata o quince fun quen de manter un ritmo en torno aos 4:10 min\km pero de aquí ao final fun perdendo forzas pasando a ritmos de 4:25 a 4:30 min\km. xa só pensaba en chegar e rematar o calvario, non había forzas  para máis e non podía facer nada máis que ver como era superado unha e outra vez por corredores . Chego a meta en 1h:28:14 ( tempo neto oficial) moi lonxe das miñas espectativas de estar ao redor da hora vinte e catro- vinte e cinco. 


Algo decepcionado pero coas ideas máis claras con respecto á maratona de Porto. Baixar de tres horas non está ao meu alcance, máis realista será estar entre 3 h:05 e 3h :10 que tampouco estaría mal. Cando me metín nesta aventura maratoniana era consciente de que repetir por cuarta vez consecutiva baixar de tres horas ía ser moi  difícil, o que dá máis valor ao feito noutras citas maratonianas. Non intento pór desculpas, adestrei o que tiña que adestrar, non podo nin quero adestrar máis e este adestramento, polas razóns que sexan non me dá para máis. Irei a Porto coa mesma ilusión ou máis que na primeira no ano 2008, daquela marqueime o obxectivo de facer un maratón ao ano e mentras poida tentarei facelo.

Agora outra semana de rodaxes cun test o xoves de 2x6000m cun quilómetro de recuperación entre series. E o domingo a Compostela a participar na súa Popular , unha proba que me gusta moito polo seu ambiente e polo seu espectacular percorrido, e na que por motivos de saúde hai tres anos que non podo participar, espero que desta vez si. Dos adestramentos e da carreira darei conta na vindeira semana.

Saúde e quilómetros!!


13/10/13

Décima semana.As series tocan ao seu fin.

Empezamos  a semana coas pernas moi cargadas tralos trinta quilómetros do domingo entre Oia e A Guarda. O luns fun adestrar con Fon  a Castrelos, había que facer doce quilómetros e costou empezar pero a medida que foron pasado as voltas e os quilómetros as pernas foron quecendo para rematar a ritmo vivo.

O martes tiñamos que facer un farlek, un quilómetro a 3:55 e a seguir outro a 4:35, así cinco repeticións ata completar os dez quilómetros. Tras o perceptivo quecemento e uns progresivos púxenme a facelo. O resultado foi mellor do esperado pois conseguín facer os quilómetros rápidos uns segundos mellor do previsto sen detrimento de facer peor os quilómetros lentos, todo o contario, tamén mellor do previsto.

Tralo descanso do mércores, o xoves rodaxe de doce quilómetros que fixen por Bouxas e Samil.
O vénres outra sesión de series, dúas de cinco mil con tres minutos de descanso.O marcado era a 4:10 a primeira e a 4:00 a segunda, o resultado foi unha primeira serie a 20:30 ( a 4:06 ) e a segunda 19:30 ( a 3:54). Como é de supoñer este resultado déixame máis que satisfeito.

Sábado descanso para o domingo facer a última rodaxe longa de vinte e catro quilómetros. Fun ata Ponteareas para facelas cos meus compañeiros Taninos. Acompañáronme na primeira hora Berto, Dani e Edu, para quedarme na seguinte hora só na compaña de Edu. Xuntos fixemos os vinte e catro quilómetros por un circuíto que combinaba asfalto e terra nun tempo total de 1h:58:08 .

A vindeira semana o plan de adestramento "reláxase" bastante pois o domingo temos unha proba esixente como é a media maratón de Pontevedra, que tomarei como un test que me sirva para definir as miñas posibilidades na maratona. Este ano quédome sen correr a Vigo +11 pero é que a coincidencia no calendario coa media de Pontevedra, fixo que me decantase por esta segunda, unha mágoa que os organizadores da Vigo +11 non se fixen no  calendario antes de fixar a súa carreira.
As series case remataron, nesta semana non temos ningunha , só rodaxes de dez e doce quilómetros. O traballo xa está feito agora a manterse e coidarse.

Saúde e quilómetros!!



07/10/13

Novena semana. I 15 km do Atlántico.

Vaia semana de facer quilómetros! A cinco semanas da maratona, agora toca facer carga de quilómetros, ademais por cambio de horarios no traballo tocoume adestrar só durante a semana, se esceptuamos o luns no que puiden adestrar na compaña de Xan e facer así os doce quilómetros que tocaban ese día.

O martes, en solitario, quecemento máis catro series de dous mil. Fíxenas en Castrelos e había que facelas a ritmo medio de 3:55 , e sairon ben cumprindo o plan previsto .

Xoves rodaxe de doce quilómetros, Saín tarde e a noite botábase enriba , non me apetecía dar voltas en Castrelos e fun camiño de Samil seguindo por Alcabre e Bouzas , recordando o circuíto que facía na preparación do maratón de París, incluída a costa da rúa Coruña que segue a ser igual de empinada !.

O adestramento que acostumo a facer o sábado  adianteino para o venres , coa pretensión de chegar en mellores condicións á tirada longa do domingo. Era un adestramento esixente, un progresivo de doce quilómetros empezando a 4:20 e rematando a 3:50. Os seis primeiros quilómetros foron moi ben, dentro do marcado pero nos seis restantes non fun quen de coller o ritmo desexado, tiña que rematar a 3:50 e non puiden chegar a ese ritmo por pouco.

O domingo é día de tirada longa e no plan tiñamos unha de trinta quilómetros. Nunca, e xa levo anos nisto de preparar carreiras, fixera tanta quilometraxe adestrando, e tíñalle máis que respeto a  este adestramento. Por sorte neste domingo celebrábase a primeira edición dos 15km do Atlántico, carreira que une as poboacións de Oia e A Guarda. E digo sorte por que nos serviu para facer o noso adestramento. A carreira saía ás 10:30 e o grupo de Porto ( Carlos , Fon e Xan ) acompañados tamén polo meu amigo e compañeiro de equipo Edu, saímos cara Oia dende A Guarda, coa intención de facer  quince quilómetros de ida e quince de volta, sobre as 9 :10. 
Este primeiro tramo fixémolo a ritmo medio de 4:50, tranquilos, gozando da paisaxe. Ata en tres ocasións adiantounos o autobús que a organización puxera a disposición dos atletas para desprazarse cara á saída ( coa conseguinte cara de asombro dalgúns deses atletas). Chegamos a Oia e como non nos daban os quince quilómetros , continuamos correndo dando voltas no campo de fútbol.
As 10:30 e coa metade dos deberes feitos deuse a saída da carreira. Como non iamos competir saímos moi reservóns pero cun ritmo medio máis alto que na ida. A carreira é moi bonita, a paisaxe, a carón do mar e a temperatura moi agradábel fixeron menos duro o percorrido. No meu caso aproveitei esta tirada para facer un ensaio xeral do material que vou empregar na maratona , así levei a camiseta e pantalón do equipo e as medias longas, das que tan ben me teñen falado e a verdade é que os xemelgos non se me cargaron. Tamén probei os xeles que comerei na maratona, só  me falta concretar en que momento debo comelos, xa que a día de hoxe e igual que fixen nesta carreira, penso tomalos no quilómetro dez, vinte e un  e no trinta, se ben estou barallando outra distribución  que me permita tomar o último máis perto da meta.
Volvendo á carreira, foi un acerto facer os segundos quince coa carreira,  tiñamos auga e compaña. Fomos Carlos mais eu xuntos toda a carreira, por detrás a pouca distancia Fon e Xan ( Edu é un mundo aparte e saiu coma un foguete ). 




Fotos tomadas de Atlántico Diario  e de galiciasuroeste.info

Nós pasamos o km10 en 45:27 ( ritmo de 4:32) e do 10 ao 15 en 20:12 ( ritmo 4:02 ) Tamén hai que dicir  que o derradeiro quilómetro era unha costa abaixo moi tendida que fixo rebaixar o ritmo moito. Chegamos nun tempo de 1:05:39 no posto 169 ( que era o de menos) . Total do adestramento 30km en 2:19:14 .

Moi satisfeitos nos deixou este adestramento o que nos fai ver a maratona con mellores perspectivas.
Agora toca outra semana dura de carga para despois centrarse na Media de Pontevedra que será o verdaderio test que me dirá que ritmo podo levar na maratona de Porto

Saúde e quilómetros!

29/09/13

Oitava semana. Porto á vista.

Esta semana empezou adestrando por terras lisboetas e rematou coa II edición dos 10 Km de Samil. 

Despois dos dez quilómetros pola zona de Lisboa do luns, o martes foron doce entre Castrelos e Samil na compaña de Fon, con boas sensacións e en progresivo.
O xoves e pensando tamén na carreira do domingo tocaban cinco series de mil metros tras o respectivo quecemento. O resultado destas series deixoume moi satisfeito, todas por debaixo de 4 min/km, concretamente entre 3:56 e 3:41. Estas series fixéronme albergar esperanzas dunha boa carreira o domingo, veíame con ánimos e forzas para conseguir un bo resultado.

Sábado, dez quilómetros de menos a máis, cómodos, sen gastar e deixar para o día seguinte.

O domingo chegou e con el a carreira. Achegámonos  ( Xan, Carlos , Fon e un servidor ) ata Samil trotando dende Balaídos , a modo de quecemento e unha vez alí e de deixar as mochilas no coche do compañeiro Pancho, seguimos quecendo, mais eu preocupado e ocupado en atopar ao meu compañerio Tanino Edu para pasarlle un cronómetro e que non atopei ata cinco minutos antes de iniciar a carreira.

A carreira empezou cun chisco de retraso, e a pesar de que  saída ocupaba todo o ancho da estrada ( 16 metros ) por non situarme diante, tiven que ir adiantando corredores ata  que non atopei vía libre xa chegando ao km 1. Comigo viña Carlos, que decidiu seguir a un grupiño que ía coa mesma intención de ritmo ca nós.
No km 5 atópome en solitario, con Carlos uns metros por detrás e sinto que a carreira empeza para min, ata ese momento ía relativamente cómodo. Empezo a notar o peso dos quilómetros pero tamén a aumentar un chisco o ritmo. No km 8 boto todo o que teño, o garmin empeza a marcar ritmo de 3:50 mais son consciente do desfase entre a distancia real e a que me dá o meu aparello ( sempre me indicaba o km uns metros antes do cartel que se foron sumando quilómetro a quilómetro) . Noto o isquio esquerdo un tanto cargado e teño certo medo a rachar, pero continúo a ritmo e incluso penso en esprintar pero cando vexo no cronómetro de meta que non baixo de 40 min. deixoume ir nos últimos metros. Tempo final  bruto 40:25, neto polo meu garmin 40:14 e unha distancia de 10,1 km. Posto 127 da xeral.

Foto tomada do foro de correrengalicia

Satisfeito a medias, pois pensaba que podía baixar de 40 min. pero creo que tiña algo máis que non din ou si! tampouco hai que darlle máis voltas, foi un bo adestramento e o obxectivo é Porto.

Agora empeza o duro do plan de adestramento, temos dúas semanas de carga de quilómetros, para empezar o domingo vindeiro trinta quilómetros que faremos entre Oia e A Garda aproveitando a carreira que se celebra pro primeira vez este ano e que une as dúas localidades, veremos como organizamos a cousa.

Por outra banda e para ir collendo ambiente deixo plano do recorrido  da maratona de Porto.

25/09/13

Sétima semana. Vacacións e quilómetros

Con retraso e recén chegado das vacacións escribo esta miña crónica do que foi a xa sétima semana de preparación para a maratona de Porto. 

Os primeiros adestramentos da semana fixenos en compaña dos meus colegas de aventura maratoniana, o luns dez quilómetros e o martes doce , a moi bo ritmo medio, promediando entre 4:45  e 4:30 e sempre rematando a tope con ritmos un pouco  por debaixo de 4:00.

A segunda parte da semana foi a que tivo máis cambios, xa que me desplacei ata terras lisboetas para pasar unhas merecidísimas vacacións na compaña da miña muller.

Levaba a intención de saír a correr un par de veces polo menos, ainda que non sabía como podería conciliar os adestramentos e as vacacións xa que non tiña un coñecemento da zona á que nos deprazabamos que me permitise planificar recorridos. Por sorte e tras preguntar na recepción do hotel, a menos dun quilómetro atopábase o centro deportivo Jamor  con pistas de terra e asfalto que permitía facer os  quilómetros que quixese.
 O  primeiro día ( xoves)  ás 7 da mañá hora local dirixinme ata o parque seguindo as indicacións do recepcionista. A miña sopresa foi ver, que a pesar da hora tan intempestiva , o lugar estaba cheo de corredores e andaríns.  Polo meu descoñecemento do lugar, dediqueime a dar voltas a un circuíto de 2,2 km seguindo a un corredor local que me facía de guía para facer un total de trece quilómetros, en vez de facer as series que me tocaban ese día e que sabía de antemán que non ía ser capaz de facer eu só.

 O segundo día foi o sábado, e un pouco máis tarde ás 8:30 local, volvín ao mesmo parque coa intención de facer catorce quilómetros e como xa coñecía un pouco mellor o parque, prolonguei o circuíto do día anterior pasando este a ser de pouco máis de tres quilómetros para que non fose tan monótono. Se o día anterior xa me sorprendera a cantidade de xente facendo deporte, sendo sábado e un pouco máis tarde aquilo fervía de xente practicando deporte.  A anécdota foi que ao ir correr sen almorzar ( só metera no estómago media chocolatina) decidira levar unha botelliña de auga para ir hidratándome ( facía calor a pesar da hora) e  non sentir tan baleiro o estómago. Ao chegar ao parque deixei a botella sobre unha papeleira polo que pasaría catro veces, o caso é que trala segunda volta a botella desapaeceu, nin estaba no chan, nin na papeleira, alguén con máis sede ca min decidiu facela súa, menos mal que no mesmo lugar había unhas fontes nas que puiden calmar a sede. O resultado final foron os catorce quilómetros previstos a ritmo medio de 4:34.

E aínda houbo un tereceiro día, xa o luns, e tamén cedo e tocou outra vez ampliar o circuíto para facer dúas voltas de cinco quilómtros e un total de dez, a ritmo medio de 4:35 e desta vez a botella non desapareceu    ( xa me encarguei de deixala nun lugar menos visible ).

En resumo estou satisfeito coa experiencia, gocei das vacacións e puiden seguir adestrando a pesar de ter alterados os plans de adesramento. O que me inqueda  é non ter feito a tirada longa sobre todo por que este domingo vou participar nos 10km de Samil perdendo outro domingo para meter quilometraxe no corpo. Non descarto cambiar o plan e facer unha tiradiña o  sábado, aínda que sexa contraproducente para a carreira do domingo, xa se verá!

Saúde e quilómetros.

16/09/13

Sexta semana. Sumando quilómetros

Primeira semana co novo horario  de adestramentos completada. Sumando quilómetros e metendo ritmos altos. 

Luns e martes rodaxes de dez e doce quilómetros respectivamente, mércores descanso merecido, para o xoves facer o adestramento de series, dúas de cinco mil metros. No papel tratábase de facelas a ritmo de 4 min/km , iso no papel por que na práctica saíume ben a primeira pero na segunda a partir do tercerio quilómetro empecei a sufrir de máis e nos derraderios cincocentos metros, os meus compañeiros de serie deixáronme  atrás pois xa non podía responder ao cambio de ritmo que fixeron. Isto deixoume un "mal corpo" pois pensaba que me atopaba mellor e non medín os esforzos na primeira serie e pagueinos na segunda, cousas de  novato! .

Sábado, rodaxe de dez quilómetros de menos a máis rematando a ritmos inferiores a 4 min/km que me serviu para quitarme o mal sabor de boca das series.

Domingo, día de tirada longa. Tocaban vinte e un quilómetros  que pretendía facelos en progresivo. Despraceime ata Ponteareas para adestar cos compañeiros de equipo e alí escollimos un circuito que combinaba monte e asfalto. Na parte de monte fíxose imposible coller un ritmo constante  e na parte de asfalto paseime de ritmo e paguieno, pois os derradeiros quilómetros se non chega ser polo apoio de Edu e José Antonio, teríame retirado ( creo que estou perdendo capacidade de sufrimento ). Ao final  fixen os vinte e un quilómetros en 1:41:00



Seguimos sumando quilómetros que é o importante para o obxectivo que xa non é outro que rematar o que será o meu sexto maratón, o de baixar das tres horas quedará para outra, agora mesmo hai que ser realista e aceptar que non chega con desexar, hai que valer, e agora mesmo non vallo para baixar das tres horas.

A vindeira semana voume de merecidas vacacións, levo as zapatillas e intención de adestrar, veremos que resulta ao final.


Saúde e quilómetros.

09/09/13

Quinta semana. Fixando obxectivos.

Esta semana foi decisiva para fixar o meu obxectivo. Despois de darlle moitas voltas  á cabeza decidín que o máis apropiado dadas as circuntancias sería inscribirse na Maratona de Porto e deixar Valencia para outra oportunidade. Unha vez concretado o obxectivo queda centrarse no adestramento , uníndome á preparación que están a facer os meus compañeiros Fon, Xan e Carlos. Como consecuencia tamén terei que variar os meus días de adestramento, pois cambiarei o día de descanso do luns ao mércores para axustarse mellor aos adestramentos que están facendo..

Tamén foi a semana na que empecei a atoparme mellor fisicamente, non sei que parte ten o adestramento e que parte ten a baixada das temperaturas, xa que coa  calor non vou nada ben. 
Empecei a semana cunha rodaxe de 12 km a unha media de 4:35 para facer o mércores un test esixente  de 16 km a ritmos de 4:15 a 4:20 no que só puiden facer trece dos quilómetros previstos pois tiven que parar a beber e xa non fun quen de retomar o ritmo que levaba  e só tiven forzas para  axudar a Carlos  a facer o seu último quilómetro da proba.
 O xoves  tocaron series de mil, concretamente oito, entre 3:50 e 4:00, e así sairon todas agás as dúas últimas nas que apretamos un pouco e sairon en 3:47 e 3:43.
Sábado rodaxe  de 10 km a 4:45 para o domingo participar  na carreira das Xornadas Marisqueiras do Berbés .

ESta carreira presentábase como un bo test para comprobar o noso estado de forma a estas alturas de preparación. A miña intención era correr en ritmos próximos a 4 min/Km .

Tras facer un bo quecemento coloqueime  na liña de saída na que volvín a cometer o erro de situarme bastante retrasado co que saín moi  lento e tiven que facer un esforzo extra para coller a Carlos, cousa que non fixen ata case o km 6. De aí cara o final fixemos a carreria xuntos continuando a bo ritmo e rematando con forzas para esprintar. Tempo final neto 40':26 '' a ritmo medio de 4':04'' , posto 122 . O resulatdo déixame satisfeito  pois o adestramento empeza a dar os seus froitos.
Fotos tomadas de Serafín Costas ( correr en Galicia )

Coa  inscripción feita e pagada na Maratona do Porto agora toca facer a reserva do hotel e preocuparse xa só de adestrar.

Saúde e quilómetros!!



01/09/13

Cuarta semana

Despois das malas sensacións coas que rematei a semana pasada empecei esta con bastantes medos, non me sentía ben,  tal vez polos efectos do catarro, por iso o martes non saín a adestrar, preferín quedarme na casa e descansar e saír o mércores. 
Ese día saín máis que a adestrar a trotar, a recuperar sensacións, sen ritmos, sen presió
ns, a facer quilómetros sen máis. E o resultado foi máis que bo. Fixen unha rodaxe de case dezaseis quilómetros pola costa de menos a máis  que me fixo recuperar esas boas sensacións que buscaba.

O xoves quedei co grupo de Porto para facer series, concretamente 4x2000. Sen case quecemento por que cheguei tarde, empezamos as series. O parque está estos días moi seco e levántase moito po,  co que as nosas gorxas semellaban estropallo. A pesar disto o resultado foi bo xa que empezamos en 8:06 e rematamos en 7:55. 

O sábado saín un poco tarde, cando xa empezaba a picar a calor, e decidín volver a saír de menos a máis, sen ritmos prefixados. O resultado foi uns "placenteiros" dez quilómetros rematando con ritmo vivo.

O domingo toca tirada longa cos Taninos de novo na Ecopista, e desta vez conseguín quitarme o mal corpo que me quedara o domingo anterior. Fixemos 100'  que puiden rematar ben, con ritmos cómodos, chegando a facer algo máis de vinteún quilómetros.

Remato a semana satisfeito, aínda non chego poder manter ritmos fortes sostidos pero todo chegará. Por outra banda o vindeiro domingo toca competir nas  " IV 10km Xornadas Marisqueiras do Berbés " unha carreira de 10 km, cun recorrido case plano, que será un bo test.
Con respecto ao obxectivo a día de hoxe creo que está máis perto ir a Porto que a Valencia. Xa veremos.

Saúde e quilómetros!!
Circuíto da maratona do Porto

25/08/13

Terceira semana

A semana empezou ben, moi ben, empezaban as series e estas sairon satisfactoriamente. O martes fixen 3 series de 8 min. con dous minutos de recuperación, sendo cada unha máis rápida ca anterior . O xoves tiña pensado facer unha rodaxe dunha hora pero ao chegar a Castrelos cambiei de opinión despois de falar co grupo de Porto ( Xan, Fon e Carlos) e decidín unirme ás súas series, 3x3000 con 3:30 de recuperación, e a verdade non me arrepentín do cambio pois saíronme moi ben ( 12.29, 12:26 , 12:20 ) e quedei satisfeito.
 
Pero o fin de semana xa non foi tan bo, apañei un catarro que creo me afectou no rendemento deportivo, pois o sábado tiña que facer 14km a 4:45 e tras facer 11 quilómetros moi bos a partir de aí entrei en barrena e decidín parar no 13 xa que non me vía con forzas para seguir.

O domingo, máis do mesmo, quedei cos Taninos para facer a tirada longa pola ecopista de Monçao-Valença. O tempo previsto 1 hora 45 minutos. Empecei moi ben ata que cheguei ao km 10, outra vez unha "paxara" que non me permitia rodar con certa  soltura. Ía moi mal, a calor, vento en contra , sensación de agotamento físico, fixéronme cambiar o plan e parar aos 14, 3 Km cun tempo de 1 hora 10 minutos.

Espero que estas páxaras sexan consecuencia do catarro, de non ser así a miña forma física deixaría moito que desexar. Veremos como evoluciono na vindeira semana.

Pola tarde os Taninos Runners colabaramos como voluntarios no control do tráfico no paso de Vuelta a España por Ponteareas, non foi moito traballo e ademais pasámolo ben como reflicte a foto do noso compañeiro Anxo Saborido



Saúde e quilómetros

18/08/13

Segunda semana

Outra semana e empezamos a sumar quilómetros. Empezamos coas series e seguimos coas rodaxes longas. Desta vez foi o sábado cando a fixen ,en compaña de Edu, Fernando Rama e Víctor pola ecopista de Monçao a Valença , 20 quilómetros. Quilómetros que me deixaron as pernas ben quentes para o domingo, dia no que asistín á carreira Andar e Correr de Baiona.

Unha carreira durísima pois ten un quilómetro ( entre o 3 e o 4) que é una auténtico muro no que moitos corredores optan por andar ( enténdese agora o do nome da carreira, non? ). Como sabía da súa dureza optei por saír reservón sen queimar forzas que me farían falta despois, pero nin así, a costa puido comigo  e o resto da carreira foi un querer o non poder, as pernas non asimilaran o "peso" dos quilómetros do día anterior. Tentei manterme nos derradeiros quilómetros , que son planos, mais todo o contrario, do 8 ao 9 sentínme baleiro e só nos derradeiros oitocentos metros conseguín subir o ritmo para facer en meta un discreto tempo de 43:19 , rematando no posto 221 da clasificación. Non é un bo tempo pero non me importa nin me vou a flaxelar por iso, sabía das miñas condicíóns fisicas actuais e polo tanto sabía que non o ía facer moito mellor. Do que se trata é de adestrar, seguir sumando quilómetros de adestramento pois o obxectivo segue sendo o maratón de novembro.

Para a  semana máis ( quilómetro ) e mellor.

Saúde e quilómetros

11/08/13

Primeira semana

Que duro vai ser isto! non me gusta adestrar coa calor e xusto esta semana volve a vaga de calor! buf!. Os catro días que adestrei ( martes, xoves, sábado e domingo) foron días de moita calor e o meu rendemento non foi o desexado. Se se trata de rodar, non hai maior problema en baixar o ritmo, o problema chega cando hai que esforzase por cumprir os ritmos desexados, aí non vou, non hai maneira .

O da tirada longa seguiu a tónica da semana, calor, ritmos difíciles de manter e se lle sumamos dezanove quilómetros a cousa se complica. O mellor volver a adestrar cos vellos amigos e volver a entrar da dinámica de falar de adestramentos e de carreiras. Consecuencia destas "charlas" foi a miña inscrición na carreira "andar e correr de Baiona" do vindeiro domingo día 18, non pensaba meterme nestas liadas tan cedo pero son débil e me deixo convencer. Isto trae outra consecuencia que é cambiar a tirada longa do domingo para o sábado.
Tirada longa dominical

Por outra banda sigo sen saber cal vai ser o obxectivo real , prefiro Valencia pero Porto tamén está aí.

Saúde e quilómetros