30/09/08

Semana 8. Dous equipos enteiros e un tolo solto. 37 de febre.





Primeiro desculpas pola tardanza en actualizar o blog, na miña desculpa decir que o luns estiven con febre e tiven que abandonar o meu posto de traballo, de feito hoxe escribo dende a casa antes de reincorporarme ao traballo.
A crónica semanal está marcada pola participación dos taninos na II maratón do Miño en Ourense. Despois de adestrar martes,mércores e xoves o domingo desprazámonos ata a cidade das Burgas dous equipos de relevos e un tolo disposto a facer a maratón enteira el soíño.
Saímos de Ponteareas ás 7:15 para chegar a Ourense sobre as 8. Despois dos preparativos pertinentes nos diriximos ata a praza maior onde daría a saída á Maratón.
Ás nove en punto deuse a saída, alí estaban David do primeiro equipo, Anxo compoñente do segundo e Edu que saía para facer a maratón enteira. Mentres estes facían os primeiros quilómetros os demais nos desprazamos ata o lugar do primeiro relevo no quilometro 14. David foi o primeiro en aparecer dándome o relevo a min, a seguir pasaría Edu e despois Anxo que lle daría o relevo a Borja.
A min tocume facer todo o circuíto do Miño. Nada máis darme o relevo David os primeiros metros eran de subida polo que tratei de saír tranquilo sen cebarme e regulando. Cando rematou a subida xa empecei a coller ritmo e a adiantar a corredores que facían a Maratón enteira e tamén a un par de relevistas. Despois de pasar a Presa de Velle por detrás cóllenme dous relevistas ( creo que pertencían a equipos de Lugo), xuntos fixemos toda a beira esquerda do Miño ata as termas e Outariz, o ritmo era bo , ou iso pensaba, ao chegar ás Termas do Muíño da Veiga quedeime só descolgando aos meus compañeiros. Nas Termas da Chavasqueira adiantoume un relevista doutro equipo que ía facendo unha progresión bestial, pasoume de tal xeito que aínda que puidera engancharme a el, sería imposible seguilo. De aí a entregar o relevo a Tino foi cando me din conta de que o ritmo que levaba non era o previsto, a case inexistencia de carteis que indicasen os pasos quilométricos impedíame controlar os tempos de paso, contaba facer menos de 58' e rematei facendo 59':24''. Entreguei o chip a Tino, repuxen líquidos e esperamos o paso de Edu e ao relevo de Dani a Borja. Unha vez que pasaron fomos xa para a liña de meta pasando antes por debaixo da ponte romana para animar a Edu e Dani. Edu levaba xa 32 quilómetros!!!.
Na zona de meta tomamos posicións para ver a chegada dos corredores. O primeiro foi Tino que chegou cunha sensacións semellantes ás miñas. Despois entrou Edu en menos de 3 h. 10', nuns minutos fixo a súa aparición Dani.
Os resultados finais pódense ver nesta ligazón : II Maratón por relevos ; II Maratón Individual .

Equipo A : David , Xosé e Tino posto 17
Equipo B: Anxo, Borja e Dani posto 39
Edu : Posto 11 na Maratón individual 3h. 09' 09''

Unha vez nas duchas do pavillón dos Remdios entre os corredores fálase da posibilidade de que o circuíto tivese máis quilómetros debido ás obras no circuíto do Miño e que fixeron desviar a carreira. No xornal de "La Región" na edición do luns 29 recoñecíase este dato polo que aínda é máis relevante o tempo que fixo Edu. Esta claro que se lle respetan as lesións o obxectivo de baixar de 3 horas en Donosti é posible.

A xornada deportivo-festiva continuou cunha comida en Ourense, unha sesión de "terrazing" , uns baños nas Termas de Muiño da Veiga e uns bocatas de xamón na Cañiza.
Non sei a consecuencia de que pero pasei unha moi mala noite e o luns con febre, isto vaime a obrigar a baixar o número de adestramentos desta semana.

Para finalizar gustaríame que cada un dos corredores e acompañantes, na medida do posible , deixase a súa impresión desta xornada nos comentarios.

Saúde e quilómetros!!

Nota: as fotos atopeinas no foro de correrengalicia.org e na web da carreira.

26/09/08

Entradas de Balde


Teño invitacións para ver o partido de balonmán do Octavio Pilotes Posada. Deixáronme un taco de invitacións e dáme algo non poder facer uso delas, polo que as ofrezo a quen as queira. O partido é o sábado ás 18:00 H.
Animádevos.

22/09/08

Semana 7

Sétima semana de adestramentos e carreira na vila natal. Continuando co relato desta preparación o máis destacable foi o acontecido nesta fin de semana moi deportiva e festeira. O venres fixen en compañia de David 50' de carreira continua a un ritmo moi suave xa que as pernas as notabamos moi cargadas despois de facer as series de costas do mércores, as sensacións que tiñamos non auguraban nada bo para o que quedaba de fin de semana.
O sábado, esta vez en compañia de Edu fixemos 21 quilómetros (Pontereas-Vilasobroso-Mondariz-Ponteareas) a un ritmo bastante vivo sobre todo os derradeiros 8 quilometros no que incrementamos a intensidade.
Xa pola tarde, e como estamos coas festas patronais, celebrábase un campionato de baloncesto 3x3 ao que nos apuntamos Álvaro, David e un servidor e a media tarde sumouse Edu, o que foi de agradecer xa que aportou cousas valiosas ao equipo ( sobre o resultado? quedamos eliminados en cuartos e por tres "míseros" puntos!!!). Pola noite tocou festa-churrascada que rematou a horas pouco recomendables para "deportistas".
Pero a cousa non quedaba aquí. O domingo tocaba carreira en Ponteareas: II Carreira Festas de Setembro e alí tiñan que estar os Taninos, como se di nestes casos corriamos en casa e había que estar ( toque de atención aos Taninos que se apuntan a correr a calquer sitio e por unha vez que se fai algo na casa deciden non participar, medo escénico?, vergoña? chulería?...).
A carreira era un 5000 moi rápido, cinco voltas a un circuíto case plano. A mágoa foi a chuvia que fixo acto de presencia xusto minutos antes de darse a saída da carreira principal e que deslucíu un tanto a proba e non nos permitiu quedarnos despois da carreira a charlar cos compañeiros de fatigas.
Con respecto aos resultados decir que gañou o favorito ( Dani Bargiela) cunha superioridade abafante, basta decir que a min dobroume un pouco antes de completar a cuarta volta ( sacoume máis dun quilómetro!!) e meteulle ao segundo 2' de vantaxe.

Con respecto aos Taninos os resultados foron bos. Edu 18' 20'', Xosé M. 18':57'', David 19':10'' e Anxo 20'29''. Ver resultados aqui.

Mención especial ás fillas de Edu que participaron nas carrieras previas, hai que empezar a pensar en facer unha sección femenina dos Taninos ou en crear unha escola deportiva de atletismo!!! Vantaxes de correr por diante da casa. A afección sempre animosa



O domingo temos unha nova cita en Ourense.

Saúde e quilómetros!!!

14/09/08

semana 6

Despois de facer as series o mércores e do perceptivo descanso do xoves o venres volvimos á ruta, 60' de rodaxe nos que tivemos a ocasión de compartir quilómetros cun fenómeno do deporte local, o Ironman Dani Bargiela. Coíncidimos con el despois de facer as súas series e uníuse a nós acompañándonos no noso adestramento. Como non todos os días se pode falar cun experto nisto de correr aproveitamos para sacarlle consellos. Foi un adestramento agradable.
O sábado "colguei clase", deitárame tarde o día anterior ( xa sabemos que non todo vai ser correr!) e decidín tomarme un descanso. O domingo tirada longa 1h 44' 45''. Paseino mal, sobre todo na segunda volta polo circuíto de Vilasobroso-Mouriscados. Cansado non estaba, hidratación levaba comigo, comida tamén pero non andaba, outra vez as costas acabaron comigo, demasiado dura para min, deixanme sen forzas e tardo en recuperar, cheguei a sentirme sen forzas algunhas. Terei que plantexarme outro circuíto se isto segue así.
Ben, unha semana máis paar as pernas, a vindeira fin de semana hai carreira no noso pobo e hai que deixar o pavillón ben alto, haberá que dalo todo, iso si, sen descoidar os adestramentos de cara a maratón.

Saúde e quilómetros!!

11/09/08

Un ano máis!

Efectivamente, xa teño un ano máis e xa van 41. Onte cumprín anos e non tiven mellor xeito de celebralos que, como non, ir a adestrar ( eu xa non corro, adestro!! jajaja) e facer unhas series do que máis me gusta no mundo : subir costas!! ( ironía). Oito repeticións dun minuto pola costa chamada por nós: a "matahomes" ( o nome o di todo! ). Costou? claro que costou e moito!, unha proba do que costou foi que ao rematar, e cando viñamos de regreso, tiven que parar por que me daban calambres nos xemelgos, resultado do esforzo ao que someto ás miñas pernas. Pero a parte positiva é que fun capaz de facelas demostrandome a min mesmo que estou feito un rapaz, atravesando unha segunda xuventude, ( as veces penso que non abandonei aínda a primeira , jejeje). A verdade é que cada vez me sinto mellor fisicamente, a pesar do fatigado que chego a casa despois dos adestramentos.

A final de mes vanse cumprir dous anos dende que decidín empezar a prácticar este deporte e os logros acadados eran impensables daquela ( unha maratón, cinco medias-maratón, un quincemil, uns cantos dezmiles, e varias de distancias menores ), espero poder seguir así é que o cumprir anos só se reflexe en ter que cambiar de categoría de veterano.

Por último dar as grazas polas felicitacións recibidas, celebrarémolo !!!


Saúde e quilómetros!!!

08/09/08

semana 5

Esta semana levouse mellor, tal vez por que vou asimilando os adestramentos ou tal vez por que descansei mellor ou tal vez por que non me queimei demasiado o que si sei seguro é que sigo sufrindo para subir. As costas non son o meu!!!! e iso que lle estou pondo ganas e non fago outra cousa que subir e subir sen apenas queixarme ( só me limito a bufar de vez en cando jeje). Mércores series de costas, sábado series de costas, martes, venres e domingo recorridos con costas e máis costas e a dor que se me pon nos cuadriceps só o sei eu!!!, debe ser un problema psicolóxico, dime algún por aí! será ou non será pero non me dou dar por vencido!!

Esta semana espero rematar co tema da inscripcións na Maratón por relevos de Ourense, so falta facer o ingreso e enviar a Ourense a documentación para o que contamos coa inestimable colaboración de Anxo a quen a febre de correr lle está dando duro.

Coa vista posta na Maratón de Donosti, pero mirando de esguello á Maratón por relevos de Ourense, a Media de Pontevedra, a Pedestre de Santiago e a San Martiño seguirei adestrando para intentar mellorar.

Saúde e quilómetros!!