15/04/14

XV Media Maratón Vig-Bay

Hoxe si que teño cousa que contar. pasaron moitas cousas dende a anterior entrada, moitos adestramentos, cambios de hora de adestrar e sobre todo  unha carreira a : XV edición da Media Maratón Vig-Bay  .

Tras a carreira no Porriño na que a chuvia foi a principal protagonista , o tempo climatolóxico deu un cambio radical, deixou de chover tanto e veu  a calor .

No tema dos adestramentos, estes intensificaronse buscando a posta a punto  e nas dúas últimas semansa cambiei de horario de adestramento, pasei de adestar pola noite a adestrar a primeira hora da mañá, as 7 da mañá. A razón deste cambio foi o que agora se chama "conciliación familiar" para ter tarde noite libre. Isto implicaba deitarse antes e erguerse da cama as 6:30 para estar listo as 7 e xa na rúa par ir adestrar. O primeiro día costou moito, de feito o adestramento previsto non o puiden rematar pois tiña que facer un dez mil en progresión  mais non era quen de manter un ritmo e máis ben era en regresión polo que decidín deixalo. Malia esta mala primeira experiencia os días seguintes a cousa mellorou e puiden realizar os adestramentos previstos sen problemas.


Todo estaba no seu sitio para disputar a Vig-Bay e tratar de facer marca persoal. Nos días previos á carreira empecei a notar unha molestia no pé dereito que achaquei a un mal asuste da zapatilla, o tempo diría que estaba errado .

Na véspera da proba fun ata Samil a recoller os dorsais do equipo e dos membros da miña familia, entre eles os do meu irmán Tino e os do meu sobriño Rafa ( a este último preparáralle o plan de adestramento ) que debutaban nesta carreira.

O meu dorsal e o contido da bolsa corredor

Chegou o día e na liña de saída había case cinco mil persoas, un ambiente espectacular, cruzábaste con coñecidos pola alí onde ías,resultaba imposible saúdar a todos e menos falar con eles.

Foto de equipo
Tras posar para as fotos coloqueime na liña de saída no sitio que me correspondía por cor de dorsal, adiante a uns dez metros da liña de saída.

Cando se deu a saída procurei coller rápido o meu ritmo de carreira e par iso tiven que adiantar a algún corredor lento que decidira colocarse onde non lle correspondía, menos mal que o o ancho da estrada permitía moverse con certa soltura.



Nos primeiros quilómetros de carreira procurei atopar algún corredor ou grupo que levaran o ritmo que buscaba. No km 2 atopei con Isma mais decidín deixalo pois levaba un ritmo forte para min, buscaba facer os primeiros sete quilómetros cómodos. Tras deixar a Isma din co grupo axeitado co que faría case toda a carreira. 
Paso o dez en 39:31 dentro do previsto síntome ben, mantendo as referencias cos corredores que me preceden.

Chegando a Praia América deume alcance Marcos ( do Carma) charlamos un pouco e ponse a tirar do grupo , eu ao meu ritmo.



Xa na praia o vento na contra faise sentir máis. Aquí o meu pé dereito empeza a doer un chisco máis e pola miña cabeza xa ronda que esta podía ser a derradeira carreira da temporada.  



 Pasamos pola alfombra do km 15 en 57:53, sigo en tempo de marca, e entramos na zona de Monte Lourido que hai que rodear, parte  do circuíto que é nova para min, na que se ben imos máis protexidos do vento é un constante subir e baixar, alí dou alcance a Fernando Rama e teño a tiro a Edu, penso que podo collelo.

Xa na recta da Ramallosa o vento volve a dar de cara e aínda quedan cinco quilómetros e vexo como Edu se me escapa da vista e non é por que eu baixe de ritmo.


Xa na Ramallosa adianto a Saúl, a lesión de cadeira que arrastraba durante a semana obrigouno a retirarse ou máis ben a rematar a carreira andando, unha mágoa.



Nos derradeiros catro quilómetros hai que correr xa co corazón, as forzas van ao límite, levo na vista a outro Tanino, Isma, a quen a falta dun quilómetro, dou alcance. Cando faltan aproximadamente cincocentos metros fago un cambio de ritmo mais Isma aguántao e supérame en meta, a que chego nun tempo de 1 h 24' 09'' . Non consigo mellorar  a miña marca persoal, aínda así estou satisfeito co meu tempo, pois este percorrido semella máis duro ca o anterior e as condicións de vento tampouco axudaban. Si a isto lle engadimos as molestias no pé é para estar satisfeito.

Posto 176 de 4622 chegados a meta. Resultados da XV Vig-Bay. 

Quero destacar o resultado dos "meus debutantes" : Rafa 1:40:22 ( posto 1671 ) e Tino 1:42.09 ( posto  1960 ).

Ao rematar a proba o pé dereito molestábame  bastante. Nos días seguintes as molestias seguían polo que a idea de que o que tiña era unha fascite plantar reafirmábase.

Tras a visita ao traumatólogo as sospeitas  confirmáronse. Descanso, antiinflamatorios e plantillas é o que me recetou o médico. Nun mes teño que facer unha ecografía do tendón de Aquiles esquerdo e despois pasar consulta de novo co tramatólogo. Espero que para eses días a lesión vaia remitindo. 

De momento non queda outra que quedarse de espectador é unha mágoa non poder disputar o que sería o meu sétimo maratón, só quedaban tres semanas e o traballo xa estaba case feito pero xa se sabe que as lesións veñen cando menos se espera.

Por un tempo deixarei de escribir neste blog, agora a prioridade é aproveitar o tempo libre para aproveitalo coa familia, descansar e reuperarse pensando no vindeiro reto deportivo a Behovia-San Sebastian.


Saúde e quilómetros!