25/11/13

I Carreira Solidaria da Esclerose Múltiple

Pasou unha semana tranquila, apenas adestrei dous días aos que hai que sumarlles a carreira do domingo. O martes fun ata Castrelos  acompañado do meu amigo Tino,  fundador coma min dos Taninos e que por diversos motivos tiña abandonado isto de correr dende hai polo menos catro anos. Foi todo un pracer rodar suave e charlando, poñéndonos ao día. El non está aínda para grandes ritmos ( nin medianos :) ) pero se consegue ter  a metade de constancia que tiña antes de deixalo, serei eu o que teña que pedirlle que baixe o ritmo para poder acompañalo.
 
O mércores coincidín con Xan e Carlos, compañerios na aventura maratoniana. Aproveitamos para comentar impresións da maratona e para pormos ao día. Mentres falabamos,  fixemos unha rodaxe de doce quilómetros  a ritmo suave.

Ata o domingo non puiden sair a correr  e fíxeno nunha carreria nova, de caracter solidario que transcurría dende    Bouzas a  Beiramar , rúa Coruña, Tomás A. Alonso e de novo Bouzas, percorrido que había que facer tres veces para facer un total de  dez quilómetros e catrocentos metros . 

Fotos de Correr en Galicia


Mañán fresca pero ao sol estábase moi a gusto, non había demasiada xente participando, pois no mesmo día coincidían o Cross Memorial Belarmino Alonso e a Media Maratón de Vilagarcía, aínda así os chegados a meta fomos 632 corredores.
 Na saída coloqueime diante e saín moi rápido , nalgún tramo o garmin marcaba 3:30, ao pouco baixei o ritmo, quería ir  rápido pero eses non son ritmos para min. Aínda así conseguín ir sempre por debaixo de 4:00 . Na primeira volta ía acompañado de Carlos  mais ao pouco de iniciar a segunda foise quedando atrás un pouco. Seguín só, buscando referencias para manter o ritmo. Xa na terceria volta e cando levaba pouco máis de oito quilómetros quedeime sen batería no meu garmin, xa non importaba, seguía forte e o nivel de sufrimento era asumible. Na rúa de Tomás A. Alonso, ben coñecida por min, pois era  parte do percorrído dos meus adestramentios cando viviamos nesa mesma rúa, hai dous pequenos repeitos  que afrontei con forza e seguín adiantando corredores. A menos dun quilómetro para meta adiántame un destes corredores pero aínda tiña  algo gardado pois poiden rebasalo de novo e afrontar os derradeiros metros en solitario. Entrei en meta sen saber que tempo fixera pero moi satisfeito pola miña carreria.


Cando se publicaron os resultados poiden ver que fixera 41:27, ritmo medio de 3:59, e posto 42, máis que satisfeito e coa sensación de estar plenamente recuperado da maratona.  Resultados da carreira aquí

Agora  a por máis, aproveitando este pico de forma. O domingo participarei no XL Trofeo de Pedestrismo Concello de Cangas  organizado polo club Vila de Cangas. Carreira de dez quilómetros que, na carreira para seniors e veteranos, ten un percorrido entre o porto da parroquia de Aldán  e o centro da Vila de Cangas. Será a primeira vez que participe nesta proba.

Por outra banda os Taninos Runners xa puxemos en marcha a segunda edición da San Silvestre Solidaria de Ponteareas da que podedes obter toda a información na seguinte ligazón :II San Silvestre Solidaria   . A organización deste evento vai ternos ocupados no vindeiro mes e pico, todo por unha boa causa. Aproveitarei este blog para ir informando de todo o que vai xurdindo ao redor desta proba.

Saúde e quilómetros! 

18/11/13

Recuperar.

Non tiña sensación de estar excesivamente canso despois da maratona, de feito pasou pola miña cabeza acudir á media maratón de Vilagarcía mais despois de adestrar esta semana tomei a decisión de que é mellor no ir. 

O obxectivo é retomar a rutina  e seguri facendo quilómetros. Esta semana saín a adestrar o martes  e xoves, rodaxes suaves sobre dez quilómetros cada un, recuperado sensacións e notando as pernas un chisco pesadas. Non volvín a correr ata o domingo. Pretendía facer un test e valorar o meu estado de cara a afrontar a media de Vilagarcía. Fixen catorce quilómetros de menos a máis e en xeral podo decir que respondín ben. Pola tarde empecei a notar dor muscular e pesadez, e o luns incluso o xeonllo esquerdo producíame dor ao erguerme. Todo isto indica que non estou tan recuperado como pensaba e que a idea inicial de facer unha media é agora mesmo unha tolemia.

En troques dunha media vou participar na I Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple    que se vai celebrar o domingo 24 de novembro no barrio de Bouzas. Non sei como estarei para esa data pero creo que é mellor neste momento, as medias quedarán para outra ocasión.


Por outra banda o venres celebramos unha cea de confraternización os Taninos na que ademais de comer, beber  e pasalo ben, falamos da organización da II edición da San Silvestre Solidaria de Ponteareas, que xa está en marcha, e tamén da maratón na que participar na vindeira primavera e aquí non houbo moito acordo; A Coruña, Roterdam, Viena. Por razóns económicas gana A Coruña, por razóns de prestixio e turísticas obviamente a ganadora é Viena. Xa veremos como acaba o tema.







Os Taninos de celebración

Saúde e quilómetros!!



13/11/13

Semana posmaratón.

É como se rematado o reto xa non tivese de que escribir. O certo é que custa pórse a escribrir sen ter algo especial do que falar, pero comprometinme comigo  que non deixaría morrer este blog e por iso aínda que os retos non sexan tan altos, aínda que non teña a curto prazo unha carreira que facer ou unha marca que bater, seguirei escribindo, semana a semana sobre o meu mundo nisto de correr.

Pois a semana tras o maratón foi de descanso, non tiña as pernas moi doloridas, de feito é o maratón que menos secuelas me deixarou, as maniotas pouco me molestaron, mais era preciso tomarse un descanso. Descanso que aproveitei para visitar ao podólogo para consultarlle por unha inflamación nunha deda e arranxar un par de unllas. O da inflamación, según o podólogo, é por unha tendinose, que require un tratamento con antiinflamatorios locais, a pomada de toda a vida.  
Tamén visitei ao fisio pero non polas pernas se non polas costas para remediar, no que fose posible o problema que me produciu a lumbalxia que me afectara a semana anterior á maratona. No fisio decubrimos que esa dor a provoca unha contractura na parte superiror do glúteo esquerdo .

Ata o sábado non voltei a calzarme as zapatillas para saír a trotar un pouco e comprobar como estaba muscularmente. Corrín sete quilómetros suaves cos cuadriceps un chisco pesados.
O domingo animeime a participar na I carreira contra o Cáncer que se celebraba no barrio de Coia e cuxo circuíto pasaba por diante da miña casa. Anunciouse como unha carreira de dez quilómetros pero non chegaron aos oito e medio. Como non estaba para grandes alardes, fixen os dóus primeiros acompañando ao meu irmán que debutaba nisto das carreiras, para despois subir o ritmo progresivamente, é o que teñen as carreiras, éme imposible tomalas con calma.
Co meu irmán e os meus sobriños

Esta semana segue tomala con calma de feito non vou particpar na clásica San Martiño de Ourense , pero xa empezo a darlle voltas a vindeiros retos e a día de hoxe non desboto participar  na media de Vilagarcía . Por outra banda na cea-xuntanza dos Taninos a celebrar na fin de semana, marcaremos o calendario a seguir nos vindeiros meses.

Saúde e quilómetros!

06/11/13

Décimoterceira semana . 10ª Maratona do Porto

Fin dos adestramentos , chegou a hora, última semana de preparación que se presentaba tranquila. O luns visitei ao fisio pois notaba os isquios bastante cargados, non son partidario de facer sesións de fisioterapia tan cerca dunha proba pero desta vez era estrictamente necesario pois o isquio esquerdo estaba a piques de darme un problema serio.
O martes e mércores fixen rodaxes de dez quilómetros, o primeiro moi suave e o segundo incrementando o ritmo do cuarto ao noveno quilómetro para facer o último moi suave a modo de arrefriamento.

O xoves descanso e o venres de mañá, aproveitando o festivo, oito quilometros na compaña de Fon moi suaves.

O sábado pola mañán tocaba viaxe na compaña da   miña muller Graciela, viaxe un tanto incómoda pois a choiva non nos deixou en case todo o camiño.
Como chegamos ao hotel antes da hora de entrada, aproveitamos para ir ata a Alfándega de Porto onde se situaba a feira do corredor para recoller o dorsal, aproveitamos para recoller os dorsais dos meus compañerios de aventura Carlos, Fon, Xan , Bruno, e  Arturo Fontán. Como había unha gran cola  para a pasta party decidimos ir comer fóra da Expo do corredor.

Na Expo tras recoller o dorsal

Despois de comer e dun breve paseo baixo unha chuvia torrencial, chegamos ao hotel onde xa nos esperaban Xan, Carlos, Fon e Bruno, démoslles os seus dorsais e collimos o cuarto onde descansamos un par de horiñas antes de saír a dar unha volta e cear cos compañeiros. Na cea coñecín a Rubén e José Luis, do equipo  Afiadores de Ourense .

                                    
Cea de hidratos, antes da batalla

O día chegaba ao seu fin, había que durmir ( non sen antes ver gañar ao Celtiña na tele) e descansar ben. Ás sete da mañá tocou o despertador, as 7:30 baixei a almorzar, alí xa estaban os meus compañeiros.

O almorzo
De novo ao cuarto para prepararse: equipaxe tanina, cremas, isotónica e listo para correr. 


Chegamos á zona de saída con moito tempo de sobra, o hotel estaba a escasos 700 metros , o día estaba perfecto, nin rastro da chuvia do día anterior e a temperatura era agradábel, eran as 8:00 hora local , e aínda quedaba unha hora para a saída, tempo que aproveitamos para comentar sobre ritmos e tácticas de carreira, baleirar vexigas e quecer un pouquiño.
                                                                                                     Con Antonio Franco, Xan, Fon, Carlos, Bruno e Rubén   
     
                                                                                           Dándonos ánimos na saída

Dez minutos antes da partida colocámonos na liña de saída, xa había moitos corredores na parte dianteira polo que tivemos que saltar a valla para situarnos ben  e alí atopo a Antonio Martínez , empeza a ser un clásico atoparme con el nas saídas das maratonas, falamos de obxectivos  e desexámonos sorte.

As 9:00 deuse a saída, o meu  obxectivo tíñao claro, rondar os 4:20 '/km , saín na compaña de Bruno ( do Carma ) e de Carlos. Bruno tiña en mente baixar das tres horas, Carlos  rodar a 4:25-30 polo que aos case cinco quilomeotros , Carlos decidiu deixarnos ir e eu quedei con Bruno. No quilómetro dez tomo o primeiro xel. Imos  cómodos, incluso charlando entre nós e con algún que outro corredor, ata chegar  ao quilómetro vinte, O ritmo a esa altura de carreira era para baixar de tres horas, levabamos o globo-guía diante a cen metros , pero vin que o meu ritmo non era ese, ademais unha señora do público meteume o medo no corpo ao comentar en alto que eu ía moi branco, non tiña síntomas de debilidade, non facía demasiada calor pero o comentario non me gustou nadiña e fíxome deixar irse a Bruno. Pasei a media en 1:30:11 .

Entre o km 22 e 23 esperábame a miña muller Graciela, animoume e deume unha gorra, o sol empezaba a estar alto e facíame falta protección. 
Quedeime só sen máis referencia que o meu cronómetro. Tras cruzar a ponte, e xa en Vilanova de Gaia, a carreira é un pouco desconcertante, o adoquín nesta zona fai moito dano por iso os corredores tiramos todos a ir pola beirarrúa , neste tramo non parece unha carreira seria , os corredores mesturándose cos turistas  e cruzándonos cos atletas de elite que veñen de volta . É nesta altura cando decido que teño que baleirar de novo a vexiga, levo varios quilómetros con ganas pero non quero parar polo que intento facelo en marcha, baixo un pouco o ritmo e...  veña!

Chegamos ao quilómetro vinte e cinco, tomo o segundo xel, non sei se foi por liberar a vexiga ou polo xel pero empezo a atoparme mellor e vou superando corredores, adianto a dous corredores de Ferrol, cos que falaramos no 5 km, un vai mal o outro tenta seguir comigo. De volta a Porto , camiño do km 30 crúzome con Carlos, despois con Fon e por último con Xan aos que saúdo, véxoos ben, pero aínda queda o máis duro da maratona. Ao paso pola zona turística de Gaia repítese o de subirse ás beirarrúas para fuxir do adoquín, a verdade é que correr sobre as pedras fáiseme duro. Volto a pasar pola ponte de Luis I e xa de novo en Porto crúzome con Bruno e Antonio , non os vexo ben, o esforzo empeza a sentirse no seu rostro. Vou  ben, forte, adiantando corredores , animo a un corredor que leva unha camiseta de Bombeiros de A Coruña e dime que vai "petado".

O meu ritmo  non é o esperado, non son quen de ir a 4:20 pero aínda así sigo adiantando corredores. Entre o 32 e o 33 volvo a ver a Graciela, doulle un bico  e sigo. Xa no  35 alcanzo a Antonio e a Bruno que nese intre ían xuntos. A estrada empeza a picar para riba , non teño molestias musculares e empezo a facer cálculos de que o meu obxectivo pódese cumprir. Tomo o terceiro xel  xa só restan sete quilómetros , que pouco e que moito! . Entre o 39 e 41, chegando a zona de praias , o vento pega de cara, hai pouca xente nas beiras pero moi animosa , o meu ritmo resíntese un pouco ( 4:43'), é neste momento cando me adianta un corredor portugués que leva na camiseta o nome de Pedro, vai coma un tiro, creo que é o único corredor que me adianta nos dez últimos quilómetros, vaia maneira de rematar  un maratón!.

Posición aerodinámica, o vento pega forte

 Chego á rotonda que dá acceso á Avenida Boavista, onde está a meta, ao fondo vense os arcos publicitarios da meta, o traballo está feito. Entro nos derraderos metros onde o público a penas deixa un corredor para pasar, é moi emocionante.

No derredeiro quilómetro


Paso o 42 xiro á esquerda e aí está a meta, tiro a gorra  e saúdo ao público, estou moi feliz. Entro en meta e paro o reloxo en 3 horas 05': 09'' ( tempo neto) .

Entrado en meta

Trala liña de meta vexo a Antonio Barrera do Carma, acompañado de Pili ,os cales están tirando fotos, son os primeiros cos que festexo ter rematado a proba.

                                                   
Trala liña de meta ( Grazas Antonio )

Na contrameta atópeme con Rubén, non puido coas tres horas pero está contento pois baixou a súa marca persoal. Ao tempo van chegando coñecidos: Carlos, Antonio, con que me fago unha foto, Bruno...

Con Antonio Martínez

Son momentos de celebrar, de abrazos , de recoller a medalla , a camiseta conmemorativa , unha botella de viño do Porto...
Ao pouco van chegando tamén  Fon primeiro e despois Xan, quen a pesar dos problemas físicos que arrastrou en toda a preparación foi quen de rematar o seu primeiro maratón , bravo!!

Fon, Xan, Carlos, eu, Bruno , Jose Luis e Rubén

De regreso ao hotel reencóntrome con Graciela quen  non puido ir ata a meta pois quedaba moi lonxe do centro, comentamos a "nosa" carreira.  É tempo de celebración.

  

Non quero rematar esta crónica sen os agradecementos. Primeiro a Graciela, por ser comprensiva cos meus adestramentos, ao grupo de Castrelos : Xan, Fon e Carlos, por deixarme adestrar con eles e compartir esta marabillosa experiencia; aos Taninos  polo seu alento e compañia e en xeral a  todos os que dalgún xeito estiveron apoiándome.

Agora hai que descansar aínda que desta vez  estou  ben de pernas, sen excesivas dores e xa pensando en volver a calzar as zapatillas, que espero sexa pronto, tal vez este domingo na carreira contra o Cáncer.
Tamén hai que ir  buscando novos retos, novas metas. Seguiremos informando .

Saúde e quilómetros!!