25/06/08

Teatro, Teatro, Teatro


Xa temos aquí a vixesimo cuarta edición da MIT ( Mosta internacional de Teatro ) de Ribadavia. Se premedes sobre a foto podedes acceder á páxina web do certame e ver o programa.
Este ano vai do 19 ao 26 de xullo. Como xa vai sendo costume haberá que ir organizando as viaxes a Ribadavia para desfrutar dunha noite de teatro no auditorio ao aire libre e dos espectáculos da rúa.

22/06/08

Volven as carreiras 2

XXV carreira de San Xoán ( Vigo )
Domingo, 22 de xuño de 2008.

Primeira das probas realizada. O día amaneceu nuboso, boa temperatura para correr. Xa non me lembraba o que era preparar as cousas para unha carreira: equipaxe, cremas, toalla, camiseta de muda, gorra, fornecemento líquido... a rutina dunha carreira. Cheguei ao circuito con tempo suficeinte para aparcar perto, recoller o dorsal ver as carrieras dos pequenos e saúdar a algín coñecido que tamén se deu cita nesta carreira, entre eles o meu primo Toti e María. Con eles fixen o quecento mentres falabamos.
A carreira empezou con retraso, é a primeira vez que asisto ao que no mundo do atletismo se chama cámara de chamadas, que non é máis que o control dos asistentes e dorsais por parte dun xuiz. O día fora abrindo, e apenas había xa nubes no ceo, o sol daba con forza e a temperatura subía ( menos mal que trouxen a gorra). Empeza a carreira, sain moi rápido, márcome un obxectivo ( seguir a Dani Alonso) póñome ao seu par, na primeira volta vou por díante del, pero enseguida vexo que vou fora de ritmo, demasiado alto, sei que o vou a pagar, pero como son apenas 5610 metros sigo, na segunda volta a calor empeza a facer mella en min, o meu obxectivo vaiseme. O circuito é de cross con continuos cambios e ritmo, nunha das voltas crúzome con Toti, vai detrás miña pero non a moita distancia, saudámonos. Sinto moita sede e o estómago encólleseme, que duro se está facendo isto!. Sufrindo ata o final, consigo alcanzar a algún corredor e nos últimos metros consigo manter a posición. Tempo final 22':42'' ,posto 41 de 100,( ritmo de 4:03 ), , non conseguín o meu primeiro obxectivo pero mañán intentareino de novo na carreira de San Xoan.

Luns, 23 de xuño de 2008

Segunda proba en dous días, despois de rematar a xornada laboral, poño o traxe de faena e me dirixo á Praza do Rei ( Vigo). Ao contrario de onte, hoxe o día foi empeorando. Cando chego para coller o dorsal empeza a poallar, e así estaría o tempo durante a proba. A praza do Concello está cheíña de atletas, hai un pouco de caos á hora de recoller o dorsal debido aos que se inscriben no momento. Tras recoller o meu atópeme con algúns coñecidos : Banderas, Miguel Abreu, José Luis, falo un pouco con eles e empezo a quentar, únenense a min Miguel e José Luis. Realicei un bo quecemento, tiña algunhas secuelas da carreira de onte en forma de maniotas e era necesario quentar ben.
Empeza a carreira sen apenas retraso, saio no medio do grupo. Por Camelias vexo a José Luis acompañado de Elena Naveiro, decido seguilos pero baixando Romil o meu ritmo é mellor e os supero, síntome ben, non saín tan afogado como onte. Paseo de Alfonso, Pi i Margall, López Mora ( o local da vella academia segue sen alugar, jejeje), José Luis ponse ao meu carón, baixamos a rúa Coruña ata a Praza da Industria e alí xiramos a esquerda cara Bouzas por Tomás Alonso, xa non vexo ao meu compañeiro e céntrome en alcanzar aos que teño por diante. Ao chegar ao mercado de Bouzas dou alcance a un foreiro ( Aguita), sigo o seu ritmo ata que empezamos a ser superados por algúns grupos reducidos. Ao chegar á rotonda de Beiramar coa rúa Coruña aumento o ritmo alcanzo a un dos que antes me sobrepasaran e pégome a el e intenta deixarme pero na rotonda do Berbés apreto, o rebaso e enfilo a meta situada na Praza do Berbés. Tempo : 30 min. e 24 seg. nunha distancia de 7.900 metros (3:51 Km/min.) obxectivo cumprido!!!. Despois do "semifracaso" de onte, hoxe conseguín o obxectivo. Tivén que esforzame e dalo todo pero conseguino, estou satisfeito.
Ao rematar atópome con Miguel e José Luis ( grazas por subirme en coche ata o Concello) que chegaron por detrás de min a poucos segundos. Había un sorteo de premios pero como a noite se botaba enriba e seguía poallando tomamos a sabia decisión de irnos para casa.
Valoración desta carreira: positiva, non só pola marca realizada senón por que era a primeira vez que corría polas rúas e Vigo e gustoume pasar por rúas que normalmente atraveso en coche, ademais había moito ambiente para ser día laboral. Espero repetir experiencia.

Saúde e quilómetros !!!

20/06/08

Volven as carreiras!

Xa sei que dixen que despois da maratón de Madrid ía a tomar un descanso de carreiras, pero tamén dixen que me apuntaría, se o corpo mo pedía, a algunha carreira que me pillase perto da casa. E así será!.
Case dous meses despois da Mapoma xa teño mono de competir. Mergullando no calendario de Correr en Galicia atopei unha carreira no Porriño o domingo 22,e a través do foro, souben da XXIV edición da Carreira Pedestre de San Xoan en Vigo, organizada pola delegación viguesa da federación galega de atletismo, na noitiña do luns 23. Dúas carreiras en dous días, nunca o fixen e sei que é unha tolemia, pero na miña defensa penso que estou preparado para afrontalas. A primera son 5610 m. a segunda de 8600 m. ( según o Faro de Vigo), son carreiras rápidas sobre todo para min que acostumo a facer probas de máis quilómetros, pero agora o corpo pídeme carreiras curtas. Vounas a encarar como se fosen series das que acostumo a facer e póñome como obxectivo baixar de 4 min./quilómetro se conseguirei será outro conto.

Saúde e quilómetros!!

18/06/08

Real Club Celta de Vigo S.A.D.


Quen me coñece sabe ben do meu celtismo. Ata o de agora non mencionei neste blog, nen no anterior, nada referente ao Celta.
Dende o punto de vista dun celtista con máis de 14 temporadas de socio consecutivas e rematada a temporada vou a facer unha reflexión da temporada máis funesta para o celtismo dende que teño coñecemento, esta temporada superou o acontecido a principios dos oitenta cando o celta caeu na 2º B. Digo funesta por que foi unha temporada horrible non só no eido deportivo senón no económico e no social.
No deportivo está claro que despois de descender tíñase como obxectivo o ascenso e despois dunha política errática de contratacións, despidos e xestión do persoal, malamente se conseguiu manter a categoría. O causante de esta desfeita ten nome : Mouriño, responsable supremo da entidade, a el débeselle a contratación dun director deportivo nefasto, que se limitou a borrar do mapa a técnicos e empregados da etapa anterior e mal fichar malos xogadores doutras canteiras, etc.
No económico creo desculpo a Mouriño, cando colleu a entidade a situación económica xa estaba mal, o que non ten desculpa é dicir que non coñecía o estado real do club, se isto fose así mal negociante sería este señor!. Acollerse a Lei Concursal, a pesar de non ser economista e polo pouco que sei do asunto, creo que é a única saída que lle quedaba e será a solución aos males económicos( se non estou mal informado o Sporting de Xixón recán ascendido, temén se acolleu a esta lei).
No social o equipo foi perdendo apoio, cada vez ía menos xente ao campo, supoño que disgustados pola situación deportiva ou por outros motivos. Alguén dira : ti o primeiro!,na miña defensa dicir que as miñas razóns non foron para nada deportivas e quen me coñeza sábeo ben( so fun a un partido a Balaídos pero vin todos os televisados e escoitei os radiados, manténdome a o día da actualidade celtista, e sufrindo!). O asunto é que a imaxe dada polo equipo foi negativa e a pinga a tanta desfeita foi a derradeira xornada de liga porque a desgana dos xogadores, lonxe de quedar nunha derrota máis en casa, tivo efectos co-laterais permitindo o descenso do Racing de Ferrol ( con que cara podemos ir agora os celtistas presumindo de equipo señor, de equipo galego...). Claro está que esta situación só lle doe a unha pata do banco: a afección, precisamente a única que non pode facer nada( ou case nada) por revirar a situación. Por que o que é aos xogadores xa sabemos que non, a eles o amor a unha camiseta é directamente proporcional ao crecemento da súa conta de corrente. Houbo un tempo no que cría no "amor " a un club, a unha camiseta por parte dos xogadores, erros de mocidade!!! que inconsciente é a xuventude! os únicos que sufren pola derrota do equipo son os siareiros. A pena é cando os afeccionados se deixan utilizar para que os xogadores presionen á directiva cando piden aumento de soldo, estoume a lembrar de Gustavito López, Karpin por pór exemplos.

Para rematar este ladrillo de reflexión unha cousa: Coma sempre o de sempre! Hala Celta!

15/06/08

Roger Guerreiro, as voltas que dá a vida.

Roger Guerreiro

Sempre me sorprendeu e me sorprenderá as voltas que pode dar a vida. Estes días estamos disfrutando da Eurocopa de fútbol e como futbolero que son, gústame ver todos os partidos que poida, dá igual quen xogue. Pois ben, o xoves, despois de chegar de facer quilómetros e mentras facía a miña sesión de estiramentos diante do televisor estaban a botar o Austria-Polonia,e vin xogar a un polaco-brasileiro co nome futbolístico de Guerreiro, e do que os comentaristas da tele falaban marabillas. Cando as cámaras se centraron nel o primeiro que me veu á cabeza foi: como se parece a Roger, aquel lateral esquerdo que xogou no Celta na temporada 2004-05 en 2ª división!!. O domingo lendo o Faro de Vigo comprobo que efectivamente se trata da mesma persoa!!. Un xogador que pasou con máis pena que gloria polo Celta, un lateral esquerdo ramplón, é agora a estrela futbolística de Polonia. Agora xoga de dianteiro zurdo e marca goles! Como diría un creínte : os camiños de Deus son inescrutables !!

10/06/08

Gómez Noya, que grande!!


Que grande, si señor!, Campión do Mundo 2008 no campionanto celebrado en Vancouver (Canadá). Agora mesmo pasa por ser o mellor triatleta do mundo. É admirable o seu espiritu de superación, sobre todo despois de ter que loitar coas altas instancias deportivas para que o deixasen competir profesionalmente, e unha vez que conseguiu o permiso non para de ganar.
Esta primavera competiu nunha proba do campionato de Europa en Pontevedra, onde tiña previsto ir a velo competir pero o día era de inverno duro e non me atrevín, que mágoa! por que este rapaciño fixo unha exhibición a pesar do mal tempo, se hai próxima penso non faltar aínda que caian chuzos de punta!
Agora a polos Xogos Olimpicos. Só lle desexo que o día da proba non teña ningún percance.
A polo ouro!!!!

08/06/08

Praia, Fútbol, Tenis e .. .atlestismo

Fin de semana completiño. Chegou o verán( ou iso parece) e con el a praia.Non foi un día moi caluroso pero o suficiente para pasar unha tarde de praia.
Empezou a Eurocopa 2008 o que significa fútbol a diario e fútbol en teoría do bo e como bo afeccionado a este deporte-espectáculo tratarei de conxugar traballo, atletismo e fútbol televisado. Non teño un favorito, a min gústame o espectáculo en si, o fútbol, o colorido nas bancadas dos estadios, a festa dos afeccionados, as cañas cos amigos vendo os partidos, a emoción das eliminatorias... que viva o fútbol!
Mención aparte para Rafael Nadal, por cuarto ano consecutivo gañou en Roland Garros, e os que facemos algún tipo de deporte sabemos o difícil que é estar no cumio tanto tempo, o que é chegar en forma o día clave, por todo isto ríndome ante este rapaciño de 22 anos.
Por suposto tamén houbo tempo para sair a adestrar. Esta semana adestrei os tres días previstos, un de series e dous de tiradas de 13 quilómetros. Atópome ben, recuperado da maratón e con ganas de darlle duro á zapatilla, outro tema será poder compaxinalas coa relaxación que conleva a chegada do verán, as festas, a praia, etc pero iso xa se verá de momento a desfrutar!

01/06/08

Polas terras da Ulloa

O que ti digas Alcalde!!

Fin de semana festeiro polas terras da Comarca da Ulloa, visitando a vila de Antas de Ulla a onde fomos invitados polo noso amigo Martiño que celebraba o seu cumpreanos.
Chegamos o sábado pola mañán e xa nos estaba a esperar co almorzo preparado( con torradas de pan de Antas!! ). Despois fomos de camiñata polos montes da Ulloa, máis concretamente polo monte Farelo, por pistas forestais ( as menos) por cortalumes e monte a través( os máis ) fomos vendo a riqueza patrimonial de Antas. Martín resultou ser un experto en petroglifos, mostrounos todo tipo deles : Prehistóricos, históricos, os 4º máis grande de Galiza, os de maior "surco profundo", etc. Despois de comer sobre os petroglifos fomos, xa en coche ata o cumio do Monte Farelo rodeados de muiños eléctricos puidemos admirar, a pesar de que o día non estaba todo o despexado que debería, as marabillosas vistas.Petroglifo do Monte Farelo

De regreso a casa, e non sen antes parar no concello de Agolada e pasear polo seu mercado medieval e os Pendellos , empezaronse os preparativos da churrascada.
Despois da cea ben regada co bo viño e mellor licor café a anfritiona fixo uso da súa imaxinación para amenizar a festa ( grazas Cris!).
Domingo de resaca, comida e paseo por Antas, antes de regresar a Ponteareas.
O deporte quedou a un lado esta vez, o martes haberá que queimar moitas calorias!!

Grazas Martín e Cris por unha fin de semana divertida.