24/12/13

52º Gran Premio Pedestre de Nadal ( Vigo)

Nova carreira para as miñas pernas, e nova en todos os sentidos pois é a primeira vez que participo nesta proba que en edicións anteriores chamábase a "carreira do pavo". Non participara antes por que se celebra en datas un pouco complicadas e sempre me coincidía con ceas ou outro tipo de celebracións, pero esta vez non foi así.

Durante estas dúas semanas seguín adestrando e reservando  un día para facer  series. Nestas semanas as series foron de mil metros , mellorando os meus rexistros polo que me deu esperanzas de facer unha boa carreria este domigo.

Neste tempo non teño unha carreria obxectivo, só competir e tratar de manter unha chispa de velocidade.
Desta vez pretendía mellorar os tempos da carreira de Cangas e por iso saín co coitelo entre os dentes, a posteriori foi unha estratexia errada, pois se ben a primeira volta foi moi ben, a segunda xa non tanto.
Foto recollida en Correrengalicia

Na saída situeime da metade cara adiante, non debia haber máis de cinco metros dende onde estaba ata a liña de saída, así e todo cando se deu o pistoletazo de saída, a de corredores que tiña por diante era enorme. Puxen a directa por Montero  Ríos e por Carral, adiantando corredores. Xa no Areal mantiven o conseguido así ata de novo a rúa Carral cuxa pendente fíxome sufrir de máis.  Na segunda volta tiven que baixar o ritmo  tratando de manter na distancia a corredores que levaba de referencia. Tras a volta na rotonda de Rosalía de Castro con García Barbón decidín dar todo o que me quedaba. Pola rúa Areal cara Montero Ríos fixen a mellor media, mais de novo a rúa Carral e a súa costa venceron as poucas forzas que me quedaban e xa non puiden máis que tratar de manter o ritmo de cara a meta na Praza de Compostela.
Tempo oficial 32':15'' , posto 103.

Foto recollida en Correrengalicia


Pódese consultar os resultados na seguinte ligazón  LII Gran Premio de Nadal .

Contento a medias, sigo baixando de 4'/km pero esperaba algo máis despois das series feitas nestas semanas.

Entramos no Nadal e esta semana teño complicado saír a adestrar polo que creo que vou facer un descanso. Ceas, comidas, tempo para a familia, traballo... difícil compaxinar co deporte, verei se sonq uen de sacar unhas horiñas para adestrar.
Por outra banda os Taninos seguimos coa organización da II San Silvestre Solidaria. As inscricións estarán abertas ata o domingo 29.  Espero que ademais de colaborar na organización poida participar, dende logo xa estou inscrito!



Para o vindeiro ano xa teño en mente participar na carreira Correndo por Vigo , no Calvario, e na media maratona de Viana do Castelo para xusto depois empezar coa preparación da XV Vig-bay que se celebrará o 6 de abril.

Non quero rematar sen antes desexar a todos unhas felices festas e un ano 2014 cheo de éxitos, que os vosos desexos se cumpran .


Saúde e quilómetros!!
.


13/12/13

II San Silvestre Solidaria de Ponteareas

Semella que os Taninos estamoslle collendo gusto a isto de organizar carreiras  xa que agora estamos inmersos nso preparativos da II San Silvestre Solidaria da que tedes cumprida información no foro de correrengalicia e a través do facebook e tamén do twitter.

Aproveito para  subir na rede o plano do circuíto por xentileza de Oskar Sombra

Circuíto da carreira ( por Oskar Sombra )

Haberá que dar tres voltas a este circuíto con saída e meta na praza Maior de Ponteareas.

Saúde e quilómetros solidarios!!

02/12/13

XL Trofeo de Pedestrismo Vila de Cangas

Sigo competindo.  Aproveitando o pico de forma acadado coa preparación da maratona agora estou gozando destas carreiras curtas  e ao mesmo tempo vou gañando velocidade. Nunha semana conseguín baixar dos 4'/km.

O único salientábel dos adestramentos desta semana foi o progresivo que fixen o mércores. Ao ir adestrar só en Castrelos teño que motivarme con algún adestramento que non sexa só dar voltas sen máis, cousa que me aburre e incluso chego a perder a conta das voltas que dou. Por iso desta vez fixen un quecemento de tres voltas grandes máis un cinco mil en progresión facendo o primeiro quilómetro a 4:12 e rematar o quinto en 3:39.

O domingo fomos cara as terras do Morrazo para participar por primeira vez na no trofeo Vila de Cangas. A proba para veteranos tiña unha distancia de dez quilómetros e unía a parroquía de Aldán co centro da vila, onde había que dar dúas voltas a un circuíto, para completar a distancia.
A organización puxo a disposición dos corredores dous autobuses que saían de Cangas as 10 e as 10:15 h, moi cedo tendo en conta que a carreira non comezaba ata as 11:45. Foi por isto que o meu plan era, na compaña dos Taninos Edu e Marcos, deixar o coche en Cangas tras coller o dorsal en Aldán, e regresar trotando  cara a Aldán a modo de quecemento. Ese era o plan mais o andar co tempo xusto non é nada bo.
Ao chegar a Cangas atopámos co tráfico cortado e isto atrasoume máis aínda. Como os meus compañeiros de aventura non daban sinais de vida, decidín partir cara a Aldán eu só e co tempo xusto . Ía maldecíndome pola torpeza cometida cando á altura da praia de Liméns atópome co coche de Protección Civil que ía para  Aldán, unha luz  iluminoume  e pedinlles que me levaran, e así foi como cheguei con tempo de sobra para tranquilizarme e quecer comodamente, ademais de falar con outros corredores e co meu  irmán e o meu sobriño que tamén participaban na carreira.

A saída deuse puntual dende o porto de Aldán. Os primeiros  setecentos metros eran planos e saín rápido tratando de colocarme ben . Tras o xiro á dereita para coller a estrada a Cangas a estrada empeza a subir, non é unha subida dura pero si tendida  ata o  3 km, onde empeza a baixar  con algún pequeno  repeito.Na subida perdín ritmo, marcando un 4:26'/km que recuperei na baixada, ía a ritmos por debaixo de 4'/km. Case chegando ao sexto quilómetro entramos na vila, onde o circuíto é totalmente chan, conseguín manter o ritmo que traía. Dende a subida, onde fun rebasado por varios corredores, non volvín a ser superado excepto por un corredor do Club Pinarium de Bueu. As voltas por Cangas  eran un tanto liosas, pois confundíanse os dobrados cos primeiros e non sabías moi ben a quen tiñas por diante. Xa na derradeira volta e na contrameta calculei que quedaban uns cincocentos metros e decidín dar  un cambio que me valeu para superar e ese corredor do Pinarium e manter a posición ata ao final. Entrei en meta cun tempo de 38':28'' cun ritmo medio de 3':51''/km. 

Xa na contrameta e no avituallamento falo co meu sobriño Martín e infórmame que foi o gañador da carreira xuvenil de 6 km. Noraboa! 

Moi satisfeito do resultado desta carreira, foi a primeira vez que participaba e gustoume, a pesar de certas eivas, como a ausencia de avituallamento en carreira ou a confusión nos derradeiros catro quilómetros ou o despramento ata Aldán, mais non hai que  ser demasiado puntilloso, o importante é que se sigan organizando carrerias como estas e que a seguridade na proba esté garantida e diso non hai queixa grazas ao traballo dos meus "colegas" de Protección Civil ( jeje).


Entramos no mes de decembro, neste mes non creo que compita moito máis, polo menos ata o día 22 non teño prevista ningunha carreira, e nese día, hai varias posibilidades : A Sin-Son 10km.  a XII Carreira Pedestre do Nadal, Concello San Cibrao das Viñas e o LII Gran Premio Pedestre de Navidad de  Vigo ( antiga carreira do Pavo) . A día de hoxe estou por correr na casa. Son datas complicadas cos preparativos do Nadal e por iso me inclino pola de Vigo aínda que me atrae polo percorrido, organización  e  distancia a carreira do Sin ao Son.

Outro tema que me terá ocupado, a min e aos Taninos, é a organización da II San Silvestre Solidaria, da cal xa se abriu o prazo de inscripción. Esta terá que facerse no correo: taninosponteareas@gmail.com ; indicando nome e apelidos, DNI e enderezo electrónico

Agora seguir adestrando para manter a forma e pensando en xaneiro e a preparación da Vig-Bay.

Saúde e quilómetros!!